Respectan a normativa, pero pensan pouco no usuario
Cando decidimos reducir no posible os gastos do noso fogar, atopámonos con que algúns deles, como os relacionados coa electricidade, a auga, o gas e a telefonía, parecen irreductibles. Cada dous ou tres meses recibimos nos nosos fogares diversas facturas, e o máis habitual é que as aboemos sen reflexionar ata cánto ascendeu o noso consumo, agás cando a cantidade nos semella excesiva en comparación con anteriores recibos. Este comportamento débese, en parte, ó indescifrables que resultan estas facturas, nas que non sempre aparece a información máis relevante para o consumidor dunha maneira clara e comprensible. Sen dúbida, é difícil determinar qué parte destes gastos é imprescindible e cál poderiamos controlar.
CONSUMER analizou, desde a perspectiva de legalidade xurídica e desde un enfoque de utilidade para o usuario, unha ducia de facturas (tres de compañías eléctricas, dúas de subministradoras de gas, catro de operadoras de telefonía e tres de empresas de xestión da auga). Detectáronse importantes diferencias nos criterios de presentación dos datos, mesmo en facturas de compañías do mesmo sector. E comprobouse que, malia a que tódalas facturas cumpren os requisitos legais, resultan pouco claras, escasamente áxiles e atractivas na súa presentación, se ben hai excepcións.
Por sectores, as facturas que mellor superaron o exame de CONSUMER foron as das empresas enerxéticas: electricidade e gas. As peores foron as de auga, e as de telefonía quedan nun termo medio. Por empresas, destacaron positivamente Iberdrola (electricidade) e Jazztel (telefonía), e demostraron unhas facturas menos aceptables Telefónica e Aljarafesa (Sevilla) e Aigües de Barcelona (as dúas subministradoras de auga). A lectura destes documentos de cobro resulta confusa pola ausencia de contrastes e recadros e por uns tamaños de letras excesivamente pequenos. Aínda que detallan os conceptos da factura, a miúdo non explican os conceptos que se cobran. E non todas presentan gráficos co historial de consumo das últimas facturas, aínda que a maioría ofrece o consumo medio en pesetas dalgún período de facturación, moi útil para compara-la evolución do consumo.
Por outra banda, tódalas facturas inclúen un teléfono de atención ó cliente, pero a chamada case nunca é gratuíta para o usuario e no 75% dos casos o horario deste servicio está limitado a unha franxa horaria, cando o ideal sería un servicio 24 horas.
Outro importante defecto das facturas estudiadas é que a miúdo hai que busca-lo importe total que hai que aboar entre outras moitas cifras e informacións, cando este é o dato que máis lles interesa ós consumidores, polo que se debería resaltar.
Electricidade
Malia a que é un servicio que prestan varias compañías en España, o usuario aínda non pode elixi-la empresa que lle subministra electricidade, que se lle impón en función dun único criterio: a zona xeográfica na que está emprazado o seu domicilio. Ademais, tódalas empresas ofrecen prezos fixos, establecidos polo Goberno. Por estes dous motivos, o aforro que poidamos conseguir no gasto por electricidade irá ligado a unha elección atinada do tipo de tarifa e a un consumo razoable.
Hai varias tarifas (1.0, para pequenos locais; 2.0, para unha vivenda normal; 2.0 N, para quen está subscrito á tarifa nocturna; 3.0, para empresas…). A máis habitual nos fogares é a tarifa 2.0. Dentro dela, podemos contratar desde 0,77 ata 15 quilovatios.
Calcula-lo custo O titular da factura que se amosa como exemplo ten contratados 4,4 quilovatios.
- Potencia contratada: cantidade fixa, págase en función da potencia contratada. Abóase sempre, aínda que non consumamos nada. Se empregamos ó mesmo tempo varios aparellos eléctricos e a nosa potencia contratada non é abonda, o “automático” saltará. 4,4 kW (potencia contratada polo titular) x 242 pesetas (prezo do kW ó mes, cantidade fixada polo Goberno) x 2 (meses)= 2.130 pesetas
- Enerxía consumida: cantidade variable, depende da electricidade consumida. 306 kWh (electricidade consumida) x 13,18 (prezo do kW ó mes, fixado polo Goberno) x 2 (meses) = 4.201 pesetas
- Imposto sobre electricidade: cantidade variable, que se paga segundo o consumo. Serve para subvenciona-la minería do carbón. Fórmula fixa: 4,864% (imposto de electricidade) x s/6.331 pesetas (resulta de suma-lo gasto da potencia contratada máis o da enerxía consumida) x 1,05113 (coeficiente fixo) = 324 pesetas
- Alugueiro dos equipos de medida: cantidade fixa. A cambio, a empresa está obrigada a realiza-lo mantemento e as reparacións do contador. 108 pesetas (tarifa do alugueiro do contador e do interruptor) x 2 meses = 216 pesetas
Fecsa (Grupo Endesa). En Cataluña, Teruel e Huesca. Cumpre a normativa. Factura clara, co consumo detallado, aínda que só o importe total figura en euros. Tres teléfonos de atención ó cliente (xestións, avarías e euro). Ofrece a páxina da web da empresa, pero non o enderezo de correo electrónico. O mellor gráfico do historial de consumo. Bótase de menos información explicativa dos conceptos facturados. Non aparece o consumo medio en pesetas nin en kWh/día do período de facturación, aínda que si as últimas facturas en pesetas e en kWh/día. Servicio de atención ó cliente de 24 horas.
Iberdrola. País Vasco, Cantabria, Navarra, A Rioxa, Castela-A Mancha, Castela-León, Madrid, Comunidade Valenciana, Murcia e Estremadura. Cumpre a normativa. Factura clara, con detalle da facturación (tamén en euros). Teléfono de atención ó cliente, 24 horas. Gráfico co historial do consumo. Sinala o enderezo da súa páxina web, pero non hai enderezo de correo electrónico. A información explicativa da factura recóllese na parte posterior, aínda que non en tódalas analizadas. Non aparece o consumo medio en pesetas do período de facturación, aínda que si o importe medio diario das últimas facturas.
Sevillana de Electricidade (Grupo Endesa). Andalucía, agás Cádiz capital, e Badaxoz. Cumpre a normativa. Factura clara, con detalle da facturación, aínda que só figura en euros o importe total. Número gratuíto de teléfono de atención ó cliente. Bótase de menos información explicativa dos conceptos facturados. Non indica enderezo de páxina web nin de correo electrónico. Non aparece o consumo medio anual en pesetas, pero si o gasto medio diario do período de facturación. Os consumos realizados ata un ano antes amósanse numericamente, sen gráficos. Non indica o horario do servicio de atención ó cliente.
Gas
O gas natural canalízase ata o domicilio do usuario e abóase xeralmente cada dous meses en función da tarifa e o consumo. O gas non sempre chega ó noso fogar coa mesma calidade, nalgunhas rexións é máis puro e o seu poder calorífico varía. Por iso, o Goberno fixa as tarifas do gas en termias (unidade de medición de calor). As subministradoras aplícanlle á cantidade de gas consumida polos clientes o factor de conversión do poder calorífico. Esta cifra difire en cada rexión e multiplícase polos metros cúbicos de gas consumidos. Así, sempre nos cobran o mesmo por cada termia, independentemente da calidade do gas.
As tarifas para usos domésticos son a D1 (para vivendas sen caldeira de calefacción individual), a D2 (para casas con calefacción individual por caldeira de gas) e a D3 (para grandes consumos, como a calefacción colectiva dunha comunidade de veciños).
A nosa análise das facturas do gas
GasAndalucía. Cádiz, Córdoba, Granada, Huelva, Xaén, Málaga e Sevilla. Clara, con detalle da facturación, aínda que só figura en euros o importe total. Tres teléfonos de atención ó cliente (información e xestións, lecturas e urxencias), aínda que non informa da franxa horaria deste servicio. Sinala o enderezo da súa páxina web, pero non do correo electrónico. Gráfico co historial de consumo do último ano. Bótase en falta información explicativa dos conceptos facturados. Non aparece o consumo medio en pesetas nin en kWh/día do período de facturación, aínda que si o anual (só en pesetas).
Gasnalsa. Vitoria Clara, con detalle da facturación, pero só se sinala en euros o importe total. Catro teléfonos de atención ó cliente (central, atención ó cliente, lecturas e avarías e emerxencias). Gráfico co historial do consumo do último ano. Emprega a parte traseira da factura para recomendacións. Bótase en falta información explicativa dos conceptos facturados. Non indica web nin e-mail. Non sinala o consumo medio en pesetas nin en kWh/día do período de facturación, nin tampouco o anual. Non informa da franxa horaria do servicio de atención ó cliente.
No prezo interveñen tres factores. Se seguímo-lo exemplo da factura que se adxunta:
- Termo fixo: cantidade fixa, 903 pesetas, que se paga aínda que non consumamos gas.
- Consumo de gas: abóase en función do gas consumido. 12m3 (cantidade consumida) x 86,49 pta/m3 (prezo calculado pola empresa en cada zona) x 1,014 (factor de conversión, diferente en cada zona, segundo a pureza do gas) = 1.052 pesetas
- Alugueiro do contador: depende do caudal máximo (m3/hora) de gas que pode chegar á vivenda. 170 pesetas (alugueiro do contador) x 2 meses = 340 pesetas
Teléfono
As tarifas, a diferencia do que acontece coas eléctricas e coas do gas natural, varían dunha operadora a outra. Podemos elixi-la operadora coa que efectuármo-las chamadas. Dependendo do tipo de chamada e da empresa contratada, aforraremos ata un 50% no prezo dalgunhas conexións. Pero aínda oito de cada dez consumidores españois operan exclusivamente con Telefónica, e só un 10% utiliza, amais de Telefónica, outra compañía.
A nosa análise das facturas telefónicas
Jazztel Unha das mellores en claridade e transparencia da información, por detallada e analizada. Tanto o importe total como a base impoñible analízanse nos conceptos que os compoñen. Inclúe historial de consumo, explicación da factura por esquema e detalle de zonas internacionais. A información de análise das chamadas, moi clara: separa as chamadas interprovinciais das de fixo a móbil e ofrece información do prezo medio de cada tipo de chamada. Na parte traseira, incorpora consellos para interpreta-la factura. Non informa do horario do servicio de atención ó cliente.
Retevisión Detalla os servicios facturados e a base impoñible do IVE. Contén historial de consumo, explicación da factura esquematizada e separación en tipo de chamadas. Na parte traseira, indica instruccións para interpreta-la factura. Ofrece un gráfico que representa o consumo en cada período de facturación. Atención ó cliente, 24 horas. Letra da factura demasiado pequena. Información cronolóxica sobre o consumo; sería mellor seguir criterios máis útiles, como unha división polo tipo de chamada. O detalle de consumo non aparece na primeira folla.
Uni2 Detalla os servicios facturados (por chamadas interprovinciais e chamadas a móbiles). Distingue o total da base impoñible e o IVE, informando da conversión a euros. Teléfono gratuíto de atención ó cliente, pero non indica a franxa horaria de funcionamento. A súa páxina web resulta moi útil para analiza-lo consumo. Moi boa aselección dos 10 números máis chamados e o seu custo. Tamén ofrece un gráfico do historial do consumo (detallado nos seis últimos meses). Letra pequena que dificulta a lectura. Faltan cores que melloren os contrastes, e instruccións para entende-la factura.
Telefónica Detalla a cota por período e o importe dos servicios contratados, incluíndo o de tódolos tipos de chamada e doutros consumos e descontos. Inclúe o importe medio de consumo diario. A segunda páxina refire o detalle de chamadas automáticas. Varios teléfonos de atención ó cliente ós que dirixirse. Inclúe enderezo de páxina web. Factura moi detallada pero monótona, debido á ausencia de cores e contrastes. Vese de xeito moi claro o importe que hai que aboar. A orde das chamadas, cronolóxica. Sen gráfico do historial de consumo. Bótase de menos a información de a qué compañía de teléfono móbil se dirixe cada chamada.
Na maioría dos recibos das diversas operadoras hai unha parte fixa e outra que depende do consumo. Cada empresa ofrece as súas propias fórmulas de desconto.
- Cota de abonamento: cantidade fixa, denominada tamén “tipo de servicio” ou “cota”. Abóase nalgunhas compañías, aínda que non se realizaran chamadas. Se, ademais, contratou algún outro servicio de pagamento, tamén se recolle neste apartado da factura. 1.542 pta (alugueiro da liña) x 2 meses: 3.084 pesetas
- Consumo de chamadas: depende do consumo. Recóllese o gasto total de cada tipo de chamada. Nas facturas dalgunhas compañías detállanse as conexións interprovinciais, internacionais e a teléfonos móbiles, e ofrécese información útil (a súa duración, custo…).
Auga
O abastecemento doméstico da auga ofrece prezos moi distintos dunha cidade a outra. As tarifas dependen da empresa que opera no lugar de residencia do usuario, que non pode elixir provedor. Polo tanto, o aforro nesta factura trimestral está ligado a un uso racional da auga.
Cota de investimento: para o mantemento dos sumidoiros ou infraestructuras hidráulicas.
A nosa análise das facturas da auga
Aljarafesa (Sevilla) Cumpre a normativa. Servicio de atención ó cliente, de 9 a 21 horas. Factura pouco atraente e monótona, por ausencia de cores e contrastes. Facturación detallada, pero non está en euros ningún importe. Bótase de menos información explicativa dos conceptos facturados. Pouca claridade e letra de tamaño minúsculo na parte inferior da factura. Sen web nin correo electrónico. Non aparece o consumo medio dalgún período de tempo. Non hai gráfico co historial de consumo do último ano.
Aigües de Barcelona Cumpre a normativa. Factura detallada, pero só figura en euros o importe final. Teléfono de atención ó cliente de 8 a 20 horas, aínda que un teléfono de avarías funciona as 24 horas. Informa na parte traseira sobre atención ó cliente. Deseño pouco atraente, sen cores nin cadros que separen os conceptos. Non recolle información explicativa dos conceptos facturados. Sen web nin e-mail. Non ofrece o consumo medio dalgún período nin gráfico co historial do consumo.
Emalgesa (Alxeciras) Cumpre a normativa. Facturación detallada, pero só figura en euros o importe final. Na parte traseira, información sobre o pagamento e consellos sobre o contador. Deseño pouco atraente. Letra pequena de difícil lectura. Bótanse de menos explicacións dos conceptos facturados. Sen web nin e-mail. Non ofrece o consumo medio dalgún período de tempo nin gráfico co historial de consumo. Factura pouco atraente. Sen información sobre o servicio de atención ó cliente.
Dous tipos de tarifa: doméstica e industrial. Na factura que analizamos, a tarifa é doméstica e divídese en bloques. O prezo da auga aumenta a medida que se supera cada bloque, é dicir, penalízase un uso excesivo da auga.
- Cota de servicio: cantidade fixa, en función do calibre (diámetro) do tubo principal que abastece a vivenda. Divídese, neste caso, en abastecemento (auga que entra no domicilio) e saneamento (auga que se desbota polo desaugadoiro).
- Cota de consumo: depende do consumo. Pode presentarse dividida: abastecemento e saneamento.
- Abastecemento: Bloque I; 20 m3 (cantidade consumida) x 33 pta (prezo do m3, fixado pola empresa) = 660 pta. Bloque II: 13 m3 (cantidade que excede da admitida no Bloque I) x 100,5 pta (prezo do m3 no Bloque II) =1.307 pta.
- Saneamento: Bloque I; 20 m3 (cantidade consumida) x 23,5 pta (prezo do m3, fixado pola empresa subministradora) = 470 pta. Bloque II: 13 m3 (cantidade que excede da admitida no Bloque I) x 73,5 pta (prezo do m3 no Bloque II) = 949 pta.
Os electrodomésticos, grandes responsables do gasto de enerxía
Calefacción, auga quente e cociña representan o 24% do gasto. A temperatura na casa non debe supera-los 22 graos. Tampouco convén prolonga-las duchas nin utiliza-la auga a unha temperatura excesivamente elevada.
- O frigorífico, un 21% do gasto eléctrico. Deixa-la porta aberta ou abrila innecesariamente aumenta o consumo. E o gasto subirá un 5% por cada grao de máis que arrefríe o frigorífico.
- O televisor é o terceiro aparello que máis gasta: o 12%. Convén mantelo apagado cando non se lle presta atención.
- A lavadora, o 5% do gasto enerxético, máis có lavalouza, que representa só o 1%. En ámbolos casos, hai que evitar poñelos en marcha se non é coa carga completa.
- Outros electrodomésticos, como vídeos, aspiradores… supoñen o 13% do gasto de luz.
- Algúns aparellos consumen pouco, pero ó estaren enchufados permanentemente o seu gasto acaba sendo elevado. Por iso, apaguémo-los que dispoñen de modo de espera (“stand by”) cando non os usamos. Illa-la casa axuda a aforrar ata un 40% do gasto enerxético.
Trucos para aforrar
- Empregue potas e tixolas de diámetro maior cá placa ou zona de cocción e tape as potas para non desaproveitar calor. A cocción será máis rápida e aforrará ata un 20% de enerxía. Se un recipiente deixa ó descuberto dous ou tres centímetros da zona de cocción, perde parte da enerxía consumida.
- A ola a presión consume menos enerxía e aforra tempo.
- Aproveite a calor residual apagando o lume 5-10 minutos antes de retira-lo recipiente (tres minutos antes na vitrocerámica).
- Manteña ben pechado o forno mentres cociña e procure non abrilo, pode perder ata o 20% da calor acumulada.
- Empregue o reloxo programador ou avisador.
- Os fornos microondas permiten un grande aforro de tempo e enerxía con respecto ós fornos e placas convencionais.
- Lavadora e secadora
- Use programas de lavado a temperaturas reducidas. Unha bogada a 60ºC no canto de a 90ºC reduce o gasto enerxético a case a metade.
- Non as poña en marcha se non están cheas. Reducirá o consumo de auga, deterxente e enerxía e aumentará a vida do electrodoméstico.
- Se merca unha lavadora nova, elíxaa con centrifugado de alta velocidade xa que un centrifugado a 1.200 rpm (revolucións por minuto), no canto de a 700 rpm reduce o consumo da secadora nun 20%.
- Comprobe que pechan sen dificultade e de maneira axeitada.
- Non introduza alimentos quentes, déixeos arrefriar fóra.
- Se o vai mercar novo, elixa un modelo eficiente e ecolóxico. Consumen menos enerxía.
- Substitúa as bombillas tradicionais por lámpadas de baixo consumo: aforrará ata o 80% de enerxía eléctrica. Por outra banda, as lámpadas halóxenas, aínda que máis caras, dan máis luz cás tradicionais, consumen o mesmo e a súa vida é de dúas a tres veces maior.
- Os tubos fluorescentes duran ata 10 veces máis cás bombillas tradicionais e son moi eficientes enerxeticamente. Recoméndanse para lugares que precisan máis luz e durante máis tempo. Se vai ter unha lámpada fluorescente apagada menos de 20 minutos, é máis económico deixala acesa.
- As lámpadas electrónicas de baixo consumo (LBC) duran ata oito veces máis cás tradicionais e consumen a cuarta parte.
- Ó adquirir unha vivenda, preste atención á súa orientación. Cantas máis horas de luz teña, menos cartos gastará en calefacción.
- Durante o día, suba as persianas: o sol proporcionaralle luz e calor ó seu fogar. Á noitiña, peche as cortinas e baixe as persianas: reducirá a perda de calor.
- Se cambia as ventás, que as novas sexan de dobre cristal.
- Instalando xuntas ou burletes nas portas e ventás, reducirá as fugas de calefacción nun 10%. Unha vivenda ben illada aforra ata un 30% en calefacción.
- Para ventilar unha habitación, abondan 10 minutos.
- Instale o termo dentro da vivenda e preto dos puntos de uso: cociña, cuarto de baño.
- Dúchese no canto de bañarse: consumirá a cuarta parte de auga e enerxía.
- Coloque unha válvula mesturadora na saída do termo, deste xeito obterá a auga quente a unha temperatura constante: máis comodidade e menos consumo.
- Se regula o termo por riba dos 60ºC, malgastará enerxía e reducirá a súa duración.
- Seleccione un programa acorde co grao de sucidade da louza.
- Aproveite ó máximo a capacidade do lavalouza. Enchéndoo reducirá o consumo de auga, deterxente e enerxía. E aumentará a vida do electrodoméstico. Se lava “a media carga”, seleccione o programa económico.
- Se merca un lavalouza, elixa un modelo eficiente. Consumen menos auga e deterxente e aforran o 20% de enerxía.
- Quentar un vaso de leite no microondas: 0,37 pesetas.
- Unha bombilla incandescente durante 1 hora de uso: 1,03 pesetas.
- Unha carga completa do lavalouza: 24 pesetas.
- Asar un polo: 23,95 pesetas.
- Frixir un ovo: Unhas 2,50 pesetas se a cociña é eléctrica e arredor de 1 peseta se se trata dun aparello de gas.
- Ducharse: unha ducha de cinco minutos custa entre 65 e 90 pesetas se o quentador é eléctrico e entre 25 e 50 pesetas se é de gas.
- Pasa-lo ferro: unha hora, dependendo do aparello, pode custar arredor de 25 pesetas.
- Lavadora: un lavado normal ten un custo aproximado de 45 pesetas.
- Calefacción: unha hora de calefacción custa entre 60 e 85 pesetas con electricidade, e entre 40 e 50 pesetas se a caldeira é de gas.