¿Contas separadas ou conxuntas?
Falar abertamente de cartos incomoda á maioría, pero é innegable que o seu uso racional e xusto tamén axuda a que a vida sentimental se desenvolva satisfactoriamente. Hipotecas, facturas e outros gastos comúns deben aboarse de acordo coa fórmula que cada parella decida adoptar, xa que non hai receitas universais para a economía doméstica. Cada familia e as súas circunstancias determinarán a mellor maneira de facelo, e para iso resultará de grande axuda coñece-las diferencias, vantaxes e desvantaxes das contas bancarias comúns.
Cada parella, unha decisión
Aínda que cada caso mereza unha decisión diferente, cando os dous membros da parella traballan xeralmente recoméndase manter tres contas distintas: unha destinada ós gastos comúns e as outras dúas para uso exclusivo de cada membro da parella. A conta conxunta aliméntase das outras dúas e recibe delas unha porcentaxe mensual dos ingresos de cada cónxuxe ou unha cantidade fixa que acordan as partes. Deste xeito, ámbolos dous asumen os gastos comúns, pero manteñen a súa independencia económica. Defini-la contía que se destinará a esta conta non é doado, e cómpre considerar dúas cuestións: os gastos fixos que se compartirán como núcleo familiar, e xa que os ingresos das dúas partes serán seguramente diferentes, cánto terá que depositar cada un na conta compartida, en función do que gaña.
Tamén se pode optar por asumir ó 50% os gastos comúns: todo é válido mentres se trate dunha decisión tomada polos dous.
Se unha das partes da parella non traballa, convén organizar doutra maneira os gastos, tratando de que quen carece de ingresos non quede en situación de dependencia. Por iso, nun núcleo familiar cunha soa fonte de ingresos a opción máis habitual son as contas conxuntas.
Flexibilidade ante os imprevistos
Pero a vida familiar está chea de gastos imprevistos, e é importante preve-lo xeito de organiza-las contas domésticas se as circunstancias varían. Coa chegada de nenos, por exemplo, a nai pode optar por deixa-lo seu traballo temporalmente ou por reducir durante un tempo a súa xeira laboral, co que a súa nómina descenderá. Tamén pode acontecer que un dos dous perda o seu emprego. Nas dúas situacións e nalgunha outra que a vida dom eacute;stica depara, a conta común verá diminuídos os ingresos, polo que se debe prever que manteña o nivel preciso para facer fronte ós gastos obrigatorios.
Contas indistintas ou contas conxuntas
Cando unha parella decide abrir unha conta común, cómpre que teña presente as diferencias entre unha conta indistinta e unha conxunta, xa que varían substancialmente na liberdade de uso que ofrecen e nas consecuencias que derivan delas.
Nas contas indistintas, só é precisa a autorización dunha das partes para empregalas; nas conxuntas, sempre se solicitará a sinatura de tódolos titulares para realizar operacións financeiras ó seu cargo. En ámbolos casos pódese contratar unha tarxeta de crédito ou de débito con cargo ás contas, bastará con que no apartado de titulares asinen tódalas partes, aínda que o titular da tarxeta sexa unha soa persoa, que asinará como tal no contrato.
Para abrir unha conta indistinta ou conxunta unicamente se require a vontade dos titulares e suxeitarse á política do banco na que se rexistra. Normalmente o contrato realízase directamente na entidade, en presencia dos titulares.
Contas conxuntas non maritais
As contas conxuntas empréganse tamén a miúdo nas empresas, sobre todo nas Pemes (Pequenas e medianas empresas), ou para resolver problemas de herdanzas familiares. Gracias ás sinaturas conxuntas, é dicir, a necesidade das rúbricas dos propietarios para calquera operación, cada socio ou familiar limita a operatividade do resto. Isto obriga a notificarlle ó resto dos titulares da conta tódalas accións financeiras que se desexan realizar. A experiencia sinala que, ó final, os propios socios, ou os irmáns, acaban facilitándolle os documentos de pagamento á persoa coa que comparten a titularidade para que, ante determinados problemas, poida retirar fondos sen consentimento previo. Ademais, esta fórmula permite a posibilidade de cambia-la titularidade das sinaturas sen problema ningún, o único que se precisa é revoga-las ordes: tódalas persoas que abriron no seu día a conta axúntanse de novo e deciden cál será a nova opción para operar.
No caso de separación matrimonial cómpre ter moito coidado con tódalas contas que figuren co nome dos dous cónxuxes, e lembrar se inclúen tarxetas de crédito, hipotecas ou préstamos. O historial de crédito pódese ver afectado adversamente se un dos dous titulares non manexa as súas contas conxuntas axeitadamente.
Se hai que pagar un saldo desde unha conta conxunta, os dous cónxuxes son responsables ante a lei. Isto deberá terse en conta ó asinar un convenio de separación, xa que na sentencia ou no convenio determinarase quen se fai responsable dos pagamentos de hipotecas ou préstamos se os houbese, ou se estes se seguen facendo conxuntamente.
A casuística é variadísima e o banco non coñece a situación persoal dos titulares da conta. Unha alternativa nestes casos consiste en bloquea-la conta, co fin de que o outro titular non poida operar con ela. Para iso, soamente é preciso ir ó banco e solicitalo demostrando ser titular da conta en cuestión.
Se un matrimonio solicita un crédito mediante unha conta indistinta, esta conta pode serlle de axuda se os dous posúen un sólido historial crediticio pero ingresos insuficientes como individuos. Tamén beneficiará ó cónxuxe con peor perfil económico xa que lle permite obte-lo préstamo que non lle concederían se o solicitase por si mesmo. Sen embargo, este tipo de contas indistintas obriga a cada cónxuxe a paga-las débedas. Polo tanto, no caso de separación, un dos ex cónxuxes pode efectuar grandes gastos sobre a conta, non pagar e arruina-lo historial crediticio do outro.
As contas conxuntas, pola contra, requiren a autorización de tódolos titulares para realizar operacións e ofrecen unha operatividade limitada. Esta opción tómase por motivos de control: ninguén pode empregar esta conta sen o consentimento dos demais titulares. Aínda que a medida pode suscitar desconfianza ou receo no resto dos propietarios desta conta, e malia a que hai un fondo de verdade niso, o certo é que ás veces son as máis convenientes. Emprégase moito no caso de matrimonios con problemas, ben porque se trata de parellas que se levan mal ou ben porque un dos cónxuxes sofre algunha enfermidade (alcoholismo, ludopatía…). Deste xeito, a conta conxunta é a mellor solución para non quedar sen un peso do depositado no fondo común.