Análise transaccional de Berne

O peso do pasado

As experiencias vividas na nenez e co medio familiar inflúen na nosa personalidade e conduta
1 Decembro de 2004
Img interiormente listado 149

O peso do pasado

/imgs/20041201/interiormente01.jpg
A lembranza de episodios da nosa vida pode producir pudor e vergonza -“fixen cousas que agora non faría”-, provocar ira ou tristura -“aquelas experiencias fixéronme dano”- ou promover morriña e saudade -“ah, eses anos que xa non han volver”-. Nese exercicio de memoria séntese agradecemento ou rexeitamento, evócanse vivencias de vello con gran detalle ou, pola contra, case non se teñen recordos. En calquera caso, todas as teorías sobre a psicoloxía humana concordan en admitir que, dun xeito ou doutro, o pasado inflúe na nosa personalidade e na nosa conduta.

Unha das teorías máis prestixiosas sobre este asunto é a chamada Análise transaccional promovida por Eric Berne. Este recoñecido psiquiatra ofrece un marco de referencia sinxelo de entender e doado de utilizar por case todas as persoas ó longo da súa vida. Berne coida que todos os seres humanos manifestan tres estados do eu, definidos como “sistemas coherentes de pensamento e sentimento manifestados polos correspondentes patróns de conduta”. Asegura que non se trata de ideas máis ou menos útiles nin de neoloxismos interesantes e doados de comprender, senón que eses tres estados se refiren a fenómenos baseados en realidades verdadeiras.

Os tres estados do ‘eu’

  • O estado ‘Pai do eu’. Derivado dos pais e nais que tivemos e das persoas maiores que interviñeron de xeito directo na nosa educación. É un compendio das actitudes e o comportamento incorporados de procedencia externa. Sentimos, pensamos, actuamos e falamos de xeito moi semellante a como o facían os nosos pais e nais cando eramos cativos, xa que eles foron modelos básicos na formación da nosa personalidade. Os seus valores e ideas sobre a vida, as súas pautas de comportamento, as súas normas, regras e leis de convivencia, vanse ir gravando no fillo ou filla, e inflúen de maneira poderosa na configuración futura da súa personalidade. E todo iso acontece sen que a persoa sexa consciente diso, polo que remata reproducindo pautas aprendidas na infancia case sen se decatar.
  • O estado ‘Neno do eu’. Nel aparecen os impulsos naturais, as primeiras experiencias que se nos gravaron na infancia e como respondemos ante elas. É a parte da nosa persoa que sente, pensa, actúa, fala e responde igual ca o faciamos de nenos. Ten un tipo de pensamento máximo e irracional, as relacións concíbeas como algo eminentemente emocional.
  • O estado ‘Adulto do eu’. Nel percibimos a realidade presente de xeito obxectivo, de xeito organizado, calculamos as circunstancias e consecuencias dos nosos actos coa base da experiencia e dos coñecementos. É a dimensión interior do individuo que se caracteriza pola análise racional das situacións, pola formulación sensata de xuízos e pola posta en marcha do propio sentido da responsabilidade. Este estado fai posible a supervivencia e, cando está ben desenvolvido, debe analizar se na nosa conduta hai exceso de influencias inconscientes e irracionais do noso pai ou do noso neno.

O diálogo entre os tres estados

Como todos fomos nenos, tivemos maiores que nos influíron e somos capaces de ter sentido do real, pódese dicir que no noso interior dialogan os tres estados: pai, neno e adulto. Son procesos internos da mente que están sempre activos. Con todo, ás veces non somos conscientes diso, e de feito hai moitas persoas que nunca o son.

Normalmente non é moi complicado saber, a través da súa conduta e do tipo de respostas que produce en cada situación, en que estado do eu se atopa cada suxeito. Se ollamos para nós con detemento, decatarémonos de que cando temos persoas que dependen de nós (fillos, educandos) actuamos con elas de xeito moi parecido a como o fixeron os nosos pais connosco. Ou que cando nos divertimos, cando nos amosamos emocionados ou cando nos presentamos débiles e vulnerables con quen nos pode acoller de maneira afectiva o facemos de maneira semellante a cando eramos nenos. Do mesmo xeito, calquera persoa, agás casos de grave deterioración, é quen de discernir a realidade con certa claridade e de dar respostas sensatas e razoables.

Como empregar esta teoría para o propio desenvolvemento persoal

Coñecida esta realidade, un mesmo pode analizar cando se comporta como pai, como adulto ou como neno na súa vida.

É un exercicio de autoanálise enriquecedor, para o que poden valer as seguintes pautas.

  • Lembre exemplos en que vostede puxera en xogo o seu pai interior malia ser algo pouco razoable. Por exemplo: “nesta casa mando eu”. (Pai do eu)
  • Pense en que cousas fai hoxe que lle lembran outras semellantes que facía de neno, aínda que sexan un inconveniente para vostede. Por exemplo: comer desordenadamente. (Neno do eu)
  • Lembre algunha situación en que ou ben tomou algunha decisión ou soubo controlar os seus impulsos. (Adulto do eu)

Póñase agora de exemplo concreto e analíceo:

Lembre algún problema que teña pendente de resolver e que requira unha decisión pola súa parte:

  • Vexa o que lle dita o seu pai interior.
  • Experimente o que sente o seu neno interior (sensacións, emocións, medos, desexos…).
  • Observe o que opina o seu adulto interior (análise de pros e contras, proposta de solucións, etc.).
  • Seguramente os seus estados do eu están en conflito. Descubra en que consiste ese conflito, onde radican as diverxencias.
  • Para rematar, tome unha decisión.

Contacte coa infancia

En todo proceso de maduración cómpre contar coa nenez. A volta atrás non serve só para escaravellar de xeito innecesario no pasado, senón para aceptar e integrar no noso ser actual os impactos e influencias positivas ou negativas da nosa infancia. Só o coñecemento cada vez máis lúcido e a aceptación das nosas zonas “inconscientes” nos porá no camiño adecuado para acadar un desenvolvemento persoal máis equilibrado.

Vexa fotografías da infancia e da adolescencia e deixe que o sensibilicen. Como foron eses momentos? Que hai nesas fotos que aínda ve en vostede? Intente dialogar con ese neno que leva dentro, escóiteo e, sobre todo, acóllao.
Repase lembranzas do seu fogar, das persoas que interviñeron na súa infancia, lembre sen esforzo ditos ou feitos que o impresionaron. Como sente a esas persoas? Próximas ou distantes? Frías ou afectuosas? Non as negue, permita que ocupen o seu lugar, pero mantéñaas no pasado porque ese é o seu lugar, e así impedirá que aínda manden no presente.