Exercitar a memoria

Que non se che esqueza...

Hábitos saudables e sinxelos exercicios e trucos melloran o funcionamento do noso almacén das lembranzas
1 Decembro de 2004
Img consejo listado

Que non se che esqueza...

/imgs/20041201/consejos01.jpg
A memoria é un almacén de lembranzas cun funcionamento ás veces desconcertante. Pode amosar unha axilidade inesperada e, pola contra, deixarnos colgados nas situacións máis triviais. A condición dunha boa ou mala memoria depende, entre outros factores, da capacidade de concentración, do nivel de estrés, da dieta, da idade, da tendencia xenética, da calidade do sono, dos hábitos tóxicos e da actividade intelectual. O seu desenvolvemento e a capacidade de reter imaxes modifícase a partir dos 30 anos, cando comeza un declive das capacidades intelectuais que se acelera coa vellez. Uns hábitos saudables e uns sinxelos exercicios e trucos son a clave para conservar unha memoria “de elefante”.

  • Faga ximnasia mental. O cerebro é un órgano que precisa actividade para ofrecer un rendemento adecuado ás súas posibilidades. Se non se exercita, diminúe a súa capacidade para pensar e lembrar.
  • Exercite a memoria practicando con cousas sinxelas. Faga encrucillados, memorice a lista da compra, lembre detalles dunha película ou dun libro, ou o que almorzou hoxe ou que roupa levaba, etc.
  • Segundo os expertos, o 80% da memoria das cousas remotas gárdase de xeito visual, máis ca en palabras. Por exemplo, se perde as chaves do coche, pense na súa propia imaxe pechando o coche e despois vexa que fixo deseguido.
  • Anote a información. Os datos retéñense con máis facilidade se se escriben.
  • Dispoña dun taboleiro ou dunha axenda calendario na que poida ver todas as cousas que debe lembrar.
  • Repase a información que desexa lembrar así que lla dean. Inténteo ó cabo de 24 horas e, para rematar, unha semana despois.
  • As accións son máis eficaces cós pensamentos.

Mnemónica. Un aliado eficaz

  • Utilice a mnemónica (“arte da memoria”). Lembre cousas co uso da fantasía e coa súa asociación a obxectos fixos. Intente lembrar palabras raras ou pouco usuais pola asociación con cousas sinxelas. Exemplo: “crédito igual á rédito por tempo” é a “lei do carrete”.
  • Esaxere o que quere lembrar ou fágao absurdo, divertido ou mesmo groseiro.
  • Empregue as cores para reforzar a súa imaxinación. Todos coñecemos un sinxelo código de cores que nos permite ilustrar conceptos abstractos: o verde da esperanza, o vermello do amor…
  • Poña as súas imaxes en movemento. Saiba que lembramos mellor os obxectos en movemento cós estáticos.
  • Empregue o sentido do humor e introduza notas cómicas. Cústanos menos lembrar as cousas que nos fan rir.

Obxectivo: un cerebro ben alimentado

  • Coide a súa circulación sanguínea. Se o sangue que pasa polos capilares do cerebro non é rico en osíxeno e nutrientes, o seu rendemento non será nin de lonxe o axeitado. As persoas que padecen mala circulación e non se coidan sufrirán a longo prazo problemas para pensar, aínda que realicen actividades estimulantes.
  • Evite os alimentos, como as graxas saturadas, que producen o chamado colesterol malo, obstrúen as arterias e impiden que o osíxeno chegue ó cerebro. Coma verduras e froitas frescas (sobre todo cítricos). Tamén son bos os froitos secos, a pasta, os legumes e os alimentos que conteñan magnesio, iodo e fósforo.
  • Non esqueza as vitaminas. O cerebro fabrica unha substancia chamada fosfatidil serina (FS), que serve para manter en bo estado as membranas celulares. Para podela xerar axeitadamente precisa vitaminas como a B12 (vísceras, sardiñas, xamón curado) e o ácido fólico (xerme de trigo, legumes, escarola).

Inimigos que cómpre evitar

  • Prescinda do alcohol, do tabaco e das drogas: favorecen a proliferación dos radicais libres e, sobre todo, interfiren na síntese de neurotransmisores, o que prexudica a actividade cerebral.
  • Alcohol. O consumo semanal superior a tres cuncas de viño diminúe a nosa memoria e avellenta prematuramente o cerebro.
  • Tabaco. A nicotina afecta á circulación sanguínea e diminúe a nosa capacidade de atención e de retención.
  • Falta de descanso. A asimilación e memorización do que aprendemos ó longo do día consolídanse durante o sono.

Xogos de memoria

  • Poña unha serie de obxectos diferentes sobre unha mesa e tápeos cun pano. Descubra a tea durante tres minutos, vólvaa tapar e tente lembrar todos os artigos, os de determinada cor, etc.
  • Os xogos de mesa son moi eficaces. O das parellas é un deles. Ponse boca abaixo un xogo duplicado de tarxetas mesturadas e nas que existe un determinado número de parellas coincidentes. En cada quenda, o xogador alzará dúas cartas tratando de atopar a parella.
  • O xogo da maleta. Que levarías nunha maleta nunha viaxe a…? Cada xogador cita un obxecto, o seguinte deberá repetir todos os anteriores e engadir un novo.