Asociamos a aprendizaxe coa infancia, a adolescencia e a mocidade, e, ás veces, coa reciclaxe profesional, pero agora dísenos que nunca debemos aparcar esta actividade. Por que?
As persoas outorgámoslles ás palabras un significado que depende moito das nosas propias experiencias, e así acontece cando reducimos a idea de aprender ós nosos anos escolares, o que nos leva a pensar que só é propio da infancia ou da adolescencia. Pero se reflexionamos un pouco decatarémonos de que aprendemos algo todos os días: como atoparmos unha rúa se nos perdemos na cidade, como dar mercado algo máis barato, como elixirmos produtos de maior calidade. Todo isto son experiencias de aprendizaxe.
Así e todo, nós mesmos, e tamén a sociedade, lle concedemos á educación académica e á superación de exames o valor primordial para certificar as nosas capacidades. É tan fundamental este escenario?
Non cabe dúbida de que relacionamos a aprendizaxe coas situacións escolares, pero non son as únicas, nin para os nenos nin para as persoas adultas. Hai moitos escenarios de aprendizaxe. Eu diría que tantos coma situacións vitais, e mesmo aquelas que non percibimos como tales funcionan como ‘escola’. Por exemplo, non só aprendemos a ler na escola, senón que o feito de vivirmos nunha sociedade na que o escrito está por todas partes fai que nos vaiamos convertendo en persoas alfabetizadas, ás veces sen decatármonos.
A aprendizaxe non pasa por asimilar conceptos?
Eu diría que o feito de sermos conscientes de que estamos aprendendo algo fai máis doado que o aprendamos mellor e, sobre todo, capacítanos para aplicarmos o que aprendemos, pero esta conciencia non é sinónimo de memoria. Imaxinemos que un día imos á casa dun amigo e temos que atopar a súa rúa no plano; se unha vez comezado o camiño tratamos de lle prestar atención ás rúas polas que pasamos ou a algúns elementos que nos dean unha pista de como orientarnos -un comercio, unha casa, etc.-, non cabe dúbida de que estamos aprendendo. Ese interese por aprender e sermos conscientes de que moitas situacións poden representar un problema na vida cotiá facilita a superación.
En que consistiría, en poucas palabras, aprender a aprender?
Resumiríao en tres frases. Primeira: ser capaz de adaptarse ó novo. Segunda: ser consciente de que resultou eficaz para resolver un problema. Terceira: buscar novas vías de acción que non exploraramos.
Como podemos comprobar que estamos aprendendo de xeito eficaz?
Saber aprender, coma outras moitas cousas na vida, non é algo que se logre dunha vez para sempre. Cada día podemos ir progresando. Sabemos aprender se somos quen de adaptarnos ás situacións e superamos as dificultades aplicando estratexias ou realizando actividades que foron útiles noutras ocasións parecidas.
Os sistemas educativos ensinan a aprender?
Reflexionei moito sobre esta cuestión e cheguei a pensar que pasabamos demasiado tempo na escola e que se cadra non aprendemos abondo. Pero mudei de idea despois de estudar algúns informes das Nacións Unidas. Quedoume moi claro que onde non existen escolas, nos países máis pobres do mundo, as persoas que non estudan convértense na parte máis vulnerable da sociedade. E é precisamente o analfabetismo o que os coloca nunha desvantaxe atroz con respecto ós outros. Seguramente debemos avanzar e mellorar os nosos sistemas educativos, pero non cabe dúbida de que son válidos para procurarnos ferramentas de saber, de coñecementos e de habilidades.
Que poden facer un pai ou unha nai e mais o profesorado para ‘ensinar a aprender’?
Oxalá eu o soubera! Eu mesma son profesora e cada día aprendo algo novo neste tema. Paréceme que só consigo ensinar desde ese punto de vista cando eu mesma trato de aprender e de me adaptar ós meus alumnos. Eles tamén teñen moitas cousas que nos ensinar e ás veces esquecémolo.
Para unha persoa adulta en Occidente, cales son os freos e as barreiras máis dificilmente franqueables na aprendizaxe?
Os que ela mesma se pon, que adoitan estar moi ligados á desconfianza en un mesmo. Se ben debemos convencernos de que nunca temos completamente “a verdade”, de que hai outros xeitos de ver as cousas e de facelas, tamén é importante motivarnos para lograr descubrilas. Por exemplo, os nosos fillos teñen moitas cousas que nos ensinar e ás veces esquecémolo. Os seus libros de texto contan cousas diferentes ás que contaban os nosos, en xeografía, en historia, en ciencias…, en tantas cousas. Por que non aproveitamos para reciclarmos o noso saber?
Se cadra atopámonos de novo con que a nosa habilidade para as matemáticas segue sendo escasa. Ata que punto é certo, ou é só un tópico, que cada un de nós ten áreas de coñecemento que lle son case inaccesibles?
Subir unha montaña de 8.000 metros é moi difícil, e seguramente nunca estaremos capacitados para logralo. Tamén será complicado que cheguemos a comprender aquí e agora o que representa a innovación en moitos campos de coñecemento. Pero aprender significa progresar, adestrarse para comprender e para saber. É difícil precisar onde comezamos e ata onde chegaremos. Pode que de neno non comprendésemos unha ecuación e que de adulto as resolvamos diariamente.
A aprendizaxe de idiomas, a obtención do carné de conducir, expresarse mellor en público e resultar máis convincentes, ser máis eficientes e resolutivos… son algunhas das materias dos adultos. Poden contemplarse como tarefas de aprendizaxe?
Polo xeral, estas situacións xorden ante necesidades concretas, problemas que debemos resolver e non sabemos como facelo. Vémonos obrigados ou motivados externamente, e por iso dicía que aprender a aprender consiste en procurar novas vías de acción que non exploraramos. Destas necesidades xurdirán outras, e dese xeito os nosos campos de aprendizaxe son case infinitos durante toda a vida.
E no camiño tamén acumulamos fracasos. A que se deben, a unha mala predisposición ou á falta de técnica?
Ambas as dúas inciden en non lograr os obxectivos, pero eu inclinaríame máis por intentar desterrar de un mesmo a indisposición cara ó novo, que adoita anteceder a eses fracasos. O coñecemento técnico é necesario, e moitas veces para desenvolvérmonos mellor en moitas situacións cotiás precisamos que alguén nos ensine a habilidade, pero a súa aprendizaxe tamén depende da nosa motivación.
Que podemos facer para aumentala en nós e nos nosos fillos?
Seguramente, se os rapaces perciben que os adultos -o seu exemplo, non o esquezamos- están motivados, eles tamén o estarán. Os adultos debémonos convencer de que nunca temos completamente “a verdade”, de que hai outros xeitos de ver as cousas e de facelas, e de que é importante descubrilas.
Será preciso desaprender o aprendido para aprender cousas novas?
Non é doado responder a esta pregunta. Aprendemos en función da situación, e aínda que non se trata de esquecermos algo que xa sabemos, cómpre axustármonos ás esixencias do novo.
Existe un “kit básico” de ferramentas de aprendizaxe ó que recorrer para resolver calquera reto?
Eu diría que son máis importantes os instrumentos específicos cós xerais, pero seguramente non todo o mundo estará de acordo comigo. O que aprendemos depende moito da situación en que o facemos, e un problema que atopamos a miúdo é saber trasladar os coñecementos dunhas situacións a outras. Este é un dos grandes interrogantes para os que buscamos resolver a cuestión de “como aprender”.
Como sociedade, que é o que máis falla na nosa cultura da aprendizaxe?
Ás veces recibimos tanta información que resulta moi difícil peneirala. Corremos o risco de afacernos á cantidade, de perder a curiosidade e de esquecer que aprender é tamén “buscar” e “explorar”. Se cremos que xa non queremos “saber máis” ou que non precisamos facer as cousas doutro xeito, será moi difícil seguir aprendendo.