Múltiples modelos para cubrir o infortunio
Entre 30 e 40 anos, home ou muller, casado ou con responsabilidades familiares, cuns ingresos medios e preferentemente urbano. Este é o perfil do cliente do seguro de vida “risco” ou falecemento. O interese por garantir uns ingresos en caso de invalidez permanente ou de morte do cabeza de familia supón o principal motivo para adquirir este produto financeiro. A demanda, con todo, non se limita a quen ten fillos baixo a súa responsabilidade, e cada vez máis persoas sen cargas familiares o contratan. Tamén hai que ter en conta que co paso á trintena moitos españois asinan algún tipo de préstamo (hipotecas, créditos persoais, coches, etc.) que comporta, moitas veces, a subscrición obrigatoria de seguros de falecemento.
Os números describen á perfección a magnitude do negocio. En España hai preto de 17 millóns de seguros destinados a cubrir continxencias de morte ou de invalidez, e o aforro xestionado en seguros de vida individuais medrou en 2003 un 6,38% e superou ó peche dese exercicio os 65.000 millóns de euros. Entre os diferentes tipos dos seguros de vida (Unit Link, xubilación, etc.), o de falecemento é o máis popular en España, onde Cataluña, Asturias, Canarias e Navarra son as comunidades nas que se rexistra un maior número de asegurados. O crecente interese por asegurar o futuro ante calquera avatar reflíctese tamén no feito de que España se converteu en sete anos (entre 1996 e o 2002) no quinto país que máis cartos lles dedica ás primas de seguro, segundo datos recollidos na última memoria de Unespa, a patronal do sector asegurador en España, correspondente ó ano 2002. Desde 1996, as primas de seguros de vida no noso país incrementouse un 165,4%.
Deses 17 millóns de seguros destinados a cubrir continxencias de morte ou de invalidez, a maioría nunca se chega a cobrar. O motivo? Que os beneficiarios descoñecen a súa existencia. Esta falta de información provoca que as aseguradoras sexan as grandes beneficiadas do falecemento dos seus clientes: se ninguén reclama o cobro dun seguro, evitan desembolsar importantes cantidades de diñeiro que pasan a engrosar as súas cifras de beneficios. Por fortuna, tan anómala situación parece que ten os días contados. Logo de numerosas peticións por parte dos consumidores e de diferentes asociacións e organismos, a Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións (DXSFP) elaborou un Anteproxecto de Lei polo que se crea un Ficheiro Informativo de Seguros con Cobertura de Falecemento de Persoas Finadas. Este anteproxecto xa foi remitido polo órgano de control a cada unha das partes que integrarán o grupo de traballo: a propia DXSFP, UNESPA, o Ministerio de Xustiza, a Confederación Española de Mutualidades (CEM) e varias organizacións de consumidores.
Este Ficheiro pretende achegar información para que os posibles interesados poidan coñecer se unha persoa finada tiña contratado un seguro ou varios por falecemento (o da tarxeta de crédito, o da empresa, o subscrito por el mesmo, o seguro do crédito hipotecario, etc.) e o nome da entidade coa que o ten subscrito. En principio, o acceso só será posible tralo falecemento do asegurado, previa demostración de tal circunstancia e sempre que transcorrera un tempo mínimo para preservar a intimidade e evitar o mal uso da información. A xestión do ficheiro levarase no Rexistro de Actos de Última Vontade.
Variedade de seguros
Os dous tipos de seguros de vida máis habituais son os ‘temporais’ e os de ‘vida enteira’. Estas dúas modalidades están presentes nos catálogos de todas as aseguradoras, e a partir de aí cada unha ofrece variedades distintas. A cobertura básica dun seguro deste tipo é o falecemento. Cando o seu titular falece, o seu medio familiar cobra unha indemnización para resolver os posibles problemas económicos e de nivel de vida que xeraría a morte do asegurado. Así e todo, os seguros de vida poden adoptar moitas formas, co que á forma ‘pura’ (un só risco) se lle suma tamén a fórmula mixta (combinando a cobertura de diversos riscos). Postos a comparar entre prestacións e tarifas, resulta fundamental lembrar que non hai dúas persoas iguais e, por iso, tampouco dous seguros de vida iguais.
Os seguros temporais por falecemento cobren o asegurado por un período de tempo determinado, que pode variar desde uns días (unha viaxe), varios anos (entre 10 e 20) ou ata determinada idade (65 ou 75 anos, segundo a aseguradora). Se a persoa falece durante a vixencia do seguro, o beneficiario recibirá o capital contratado, pero se non sofre ningún mal, a compañía aseguradora non terá que pagar a indemnización.
Estes seguros destacan polo seu custo relativamente baixo, o que permite asegurar capitais moi elevados. O capital do seguro deberá ser suficiente para cubrir as necesidades do asegurado, que poden variar co paso do tempo. Hai tres tipos de seguros temporais: constante, crecente e decrecente. O primeiro mantén o mesmo capital durante toda a vixencia do seguro, no crecente o capital vai aumentando en función das necesidades da familia (maior número de fillos, créditos para a compra de vivendas, etc.), e no decrecente o capital diminúe co tempo, como nos seguros que garanten o pagamento dun préstamo hipotecario.
No tocante ás primas, poden ser renovables (cada anualidade do seguro varía en función da idade que vai alcanzando o asegurado, de acordo coa evolución da súa taxa de mortalidade) e constantes (o tomador do seguro paga nos primeiros anos unha prima superior á que lle correspondería pola súa idade e pagará menos da que lle correspondería cando polo paso do tempo o seguro encareza).
A finalidade deste tipo de seguros é proporcionarlle á familia ou á persoa designada como beneficiaria un capital que poida compensar a perda dos ingresos debida ó falecemento do asegurado, facilitarlles ós herdeiros un capital que lles permita atender os gastos de transmisión de bens ou garantir o pagamento das débedas ou hipotecas sen ter que recorrer ó resto da herdanza.
O capital asegurado (cantidade que se acorda pagar a xeito de indemnización cando ocorra o suceso sinalado na póliza, neste caso a morte do asegurado) abóaselles ós beneficiarios inmediatamente despois do falecemento do asegurado, con independencia da data en que aconteza.
As primas poden ser vitalicias, é dicir, páganse ata o momento da morte, ou temporais; o pagamento das primas ten un período determinado (20 ou 30 anos), pero a cobertura do seguro esténdese ata que se produza o óbito.
- Pénseo de vagar e valore todos os aspectos: a compañía que lle ofrece o produto, a súa solvencia, a súa capacidade de xestión, o prezo, as garantías, as condicións do contrato, etc.
- Primeiro busque o seguro que máis se axuste ás súas necesidades e despois compare.
- Antes de decidir a suma do capital que pretende asegurar, realice un cálculo dos gastos que desexa cubrir.
- Se precisa obter a maior cobertura ó menor custo posible, contrate un seguro temporal. A maioría das persoas aseguradas teñen unha necesidade a curto prazo do seguro de vida, cunha duración que anda arredor dos 20 anos (tempo abondo, por exemplo, para que os fillos medren e sexan autosuficientes). Case todo o mundo o contrata para protexer a súa familia ante a eventualidade dunha morte, pero a medida que os fillos forxan unha vida de seu esas necesidades desaparecen da póliza.
- Se vostede é novo, non é recomendable contratar un seguro anual renovable, xa que a prima medra cada ano e a compañía aseguradora ten a facultade de renovar ou non o seguro en cada vencemento anual. Ademais, a medida que pasa o tempo e aumenta o risco, a prima medra a maior velocidade. Xa que logo, é moito máis interesante un seguro con prima temporal constante, aínda que os primeiros anos resulte menos económico.
- A miúdo as aseguradoras ofrecen, xunto coas garantías de falecemento e invalidez absoluta, a posibilidade doutras coberturas complementarias (a máis frecuente é a de dobre capital do asegurado en caso de accidente e triple para os sinistros de tráfico). Estúdieas atentamente: en ocasións pagando pouco máis pode cubrir continxencias interesantes.
- Se vostede é o tomador do seguro e está casado en réxime de gananciais, desde o punto de vista fiscal é mellor pagar o seguro con diñeiro privativo que non sexa dos dous cónxuxes. Deste xeito aforrará impostos.
- Na cláusula referente ós beneficiarios é conveniente incluír a cada un deles con nomes e apelidos no canto da fórmula convencional: “o cónxuxe e os fillos”. Deste xeito cobrarán o capital asegurado sen necesidade de agardar á declaración de herdeiros.
- É habitual que, cando van percibir a indemnización, os beneficiarios se atopen coa desagradable sorpresa de que é menor que o capital asegurado inicialmente. Para que tal situación non se produza, é moi importante non ocultar ningún dato ó contratar a póliza, xa que se pode aplicar unha redución proporcional á prima que se debeu pagar se a compañía coñecese a verdade desde o comezo.
Cara á non diferenciación polo sexo
A maioría dos seguros por falecemento que hai no mercado español son temporais renovables, é dicir, cada ano calcúlase o prezo do risco do ano seguinte e reflíctese na prima. Estas primas calcúlanse en función de distintos parámetros como a idade, a ocupación laboral, o peso e a altura, a condición de fumador ou o sexo do asegurado, entre outros. Con todo, o sexo é unha característica que ten os días contados na definición dos posuidores de seguros. O Parlamento Europeo votou o pasado 31 de marzo unha nova directiva que esixe o respecto do principio de igualdade entre homes e mulleres no acceso a bens e servizos e que lles impedirá ás empresas de seguros usar o sexo como criterio para determinar as primas.
A principal novidade é que as empresas de seguros xa non poderán usar o sexo como base para estimar os “factores de risco” nas primas dos seguros e servizos financeiros relacionados. Cada Estado membro disporá dun período de transición, sobre o que deberá informar previamente á Comisión Europea, para adaptar a súa lexislación a esta directiva. Non obstante, quérese reducir ese período transitorio a un máximo de catro anos, de tal maneira que os seguros non poidan usar o factor sexo a partir de mediados do 2010 como máximo. Na actualidade, o uso do sexo como factor varía segundo os países, aínda que está bastante xeneralizado.
Lagun Aro | Santa Lucia | |
---|---|---|
Seguro de Vida | Maxi Plan Vida | |
MULLER 25 ANOS (1) | 43,27 | 90,99 |
HOME 30 ANOS (2) | 48,98 | 117,09 |
MULLER 50 ANOS (3) | 116,9 | 138,99 |
HOME 45 ANOS (4) | 143,64 | 170,49 |
GARANTÍA PRINCIPAL | Falece- mento |
– Falece- mento e Invalidez – Dobre indemni- zación por Falece- mento ou invalidez absoluta e permanente por accidente. – Triple indemni- zación por Falece- mento en accidente circulación. – Anticipo do capital en caso de Invalidez absoluta e Permanente. – Anticipo do 50% da suma asegurada en caso de padecer unha enfermidade terminal. – Dobre indemni- zación por Falece- mento simultáneo. (6) |
Garantías Complemen- tarias Opcionais (5) |
– Invalidez absoluta e permanente. – Dobre indemni- zación por Falece- mento en accidente. – Triple indemni- zación por Falece- mento en accidente circulación. |
– |
OUTROS SEGUROS VIDA | – | Maxi Plan Vida Oro |
Ocaso | Caser | |
---|---|---|
Multivida | Previcaser Temporal | |
MULLER 25 ANOS (1) | 44,92 | 49,95 |
HOME 30 ANOS (2) | 53,91 | 54,93 |
MULLER 50 ANOS (3) | 82,24 | 123,91 |
HOME 45 ANOS (4) | 121,63 | 157,66 |
GARANTÍA PRINCIPAL | Falece- mento |
Falece- mento e Invalidez |
Garantías Complemen- tarias Opcionais (5) |
– Invalidez absoluta e permanente. – Dobre indemni- zación por Falece- mento ou invalidez absoluta e permanente por accidente. – Triple indemni- zación por Falece- mento en accidente circulación. – Capital adicional en caso de Falece- mento por infarto de miocardio. – Capital adicional en caso de Falece- mento simultáneo. – Enfermi- dades graves ó 50 ou ó 100%. |
– Dobre indemni- zación por Falece- mento ou invalidez absoluta en accidente. |
OUTROS SEGUROS VIDA | Multivida Constante | – |
BBVA Seguros | EBankinter | ING Nationale Nederlanden | |
---|---|---|---|
BBVA Vida | Temporal Anual | Plan de Previsión familiar | |
MULLER 25 ANOS (1) | 84,33 | 39 | 41,52 |
HOME 30 ANOS (2) | 89,64 | 43,89 | 83,32 |
MULLER 50 ANOS (3) | 196,46 | 96,58 | 107,19 |
HOME 45 ANOS (4) | 213,79 | 143,47 | 158,95 |
GARANTÍA PRINCIPAL | – Falece- mento e Invalidez – Falece- mento ou invalidez absoluta e permanente por accidente. – Cobertura de decesos de ata 3.606,07 ¬. – Cobertura por descubertos en C/C, Visa, Eurocard do grupo BBVA de ata 3.606,07 ¬. |
Falece- mento |
Falece- mento e Invalidez |
Garantías Complemen- tarias Opcionais (5) |
– | – Invalidez absoluta e permanente. – Dobre indemni- zación por Falece- mento en accidente. – Anticipo do 50 ou do 100% por graves enfermidades. |
– Dobre indemni- zación por Falece- mento en accidente. – Triple indemni- zación por Falece- mento en accidente circulación. |
OUTROS SEGUROS VIDA | BBVA Vida Oro BBVA Vida Señor BBVA Vida 15 |
Temporal a prazo | – |
Prezos aproximados das coberturas básicas dun seguro de vida “risco” de tipo temporal anual renovable.
(1) Responsable de administración nunha peme, sa, non fumadora, vai ó ximnasio dúas veces por semana. Altura: 1,65 cm / Peso: 55 quilos.
(2) Informático nunha multinacional, san, non fuma, xoga ó fútbol afeccionado. Altura: 1,80 cm / Peso: 70 quilos.
(3) Ama de casa. Está entrando na menopausa, non fuma e acode a cursos de natación para adultos. Altura: 1,60 cm / Peso: 62 quilos.
(4) Responsable de calidade. Fumador, ten sobrepeso. Altura: 1,70 cm / Peso: 90 quilos.
(5) Non incluídas nos prezos. Pódense contratar por separado, coa condición de que se contratara a Garantía Principal.
(6) Falece-
mento simultáneo no mesmo accidente doutra persoa designada nas condicións particulares.