Electricidade mar adentro
A enerxía eólica mariña é, ó igual cá eólica terrestre, unha aplicación da forza producida polo vento. A diferenza respecto á obtida en terra radica en que os aeroxeradores (muíños) se localizan mar adentro. O seu custo de instalación é moi superior ó das zonas terrestres, pero tamén a súa vida útil é maior. Ademais, os custos dos alicerces e ancoraxes diminuíu de xeito espectacular nos últimos anos, co que o prezo do megavatio (MW) de potencia estase igualando ó doutras enerxías renovables. Dinamarca é o país que iniciou a enerxía eólica mariña e nos seus mares atópanse na actualidade os maiores parques de aeroxeradores. Este modo de obtención de enerxía conta ademais co beneplácito de organizacións ecoloxistas como Greenpeace, que apostan por ela polo seu carácter renovable e pola súa escasa incidencia no ecosistema.
Por que no mar
A enerxía eólica mariña ten, segundo os expertos, un futuro prometedor, sobre todo en países cunha alta densidade de poboación, o que reduce as posibilidades de atopar un emprazamento axeitado en terra. No mar, o vento atópase cunha superficie de rugosidade variable, as ondas, e sen obstáculos como illas, illotes, etc., o que implica que a velocidade do vento non experimenta grandes cambios. Xa que logo, pódense emprazar torres máis baixas ca na superficie terrestre. Ademais, o vento é, polo xeral, menos turbulento ca en terra, co que se amplía o período de traballo útil dun aeroxerador. A baixa turbulencia do mar débese, ante todo, ó feito de que as diferenzas de temperatura a distintas altitudes da atmosfera que se producen sobre o mar son inferiores ás de terra adentro.
Na actualidade os parques offshore (esta é a súa denominación internacional) sitúanse en augas pouco fondas, afastados das rutas mariñas comerciais, dos emprazamentos militares e dos espazos de interese natural ou ornitolóxico. A distancia da costa debe ser, como mínimo, de dous quilómetros para aproveitar mellor o réxime de ventos, de características diferentes ós que chegan a terra.
Como chega a enerxía á terra
Ó primeiro, as ancoraxes dos aeroxeradores efectuábanse con formigón a través da cimentación por gravidade, é dicir, coa construción nun dique seco de grandes estruturas que despois se fixaban no emprazamento elixido e que se enchían con grava e area. Un deseño posterior, o monopilote, consiste nunha perforación do leito mariño, dun diámetro de 3,5 a 4,5 metros e cunha profundidade de 10 a 20 metros, na que se introduce nun gran cilindro metálico que lle serve de base á torre. Os parques eólicos conéctanse á terra por cables submarinos soterrados para reducir o risco de danos ocasionados por equipos de pesca, áncoras, etc. En zonas estratéxicas do parque colócanse, entre outras instalacións de servizo, centros de transformación que converten a baixa ou media tensión en alta para favorecer deste xeito o transporte ata a costa. Unha vez en terra, tan só resta conectar a liña eléctrica coa rede de distribución existente.
Aves e aeroxeradores mariños
Os aeroxeradores mariños non teñen un efecto significativo na vida das aves acuáticas. Esta é a conclusión de dous experimentos realizados en Dinamarca, cos que se puido comprobar que as aves se mantiñan a unha distancia segura das turbinas e, doutra banda, que os rotores que xiran non as escorrentaban das súas áreas de alimentación.
Dinamarca, pioneira
O primeiro parque eólico mariño, composto por 11 aeroxeradores, construíuse en Dinamarca en 1991 no mar Báltico e, no 2002, trala posta en marcha de varios parques con distinta potencia, inaugurouse o parque de Horns Rev, o máis grande do mundo con 80 aeroxeradores e cunha potencia instalada de 160 MW.
Tralos anos de uso de enerxía eólica mariña en Dinamarca pódese concluír que, aínda que se requiriu un importante investimento económico, a produción de electricidade é máis estable e un 20% superior á enerxía eólica terrestre. Ademais, a vida útil do parque, cun bo mantemento, pode chegar a duplicarse. Na actualidade, o 50% do consumo eléctrico familiar danés procede deste tipo de enerxía. No resto de Europa destacan algúns proxectos, entre os que se atopa a instalación no Reino Unido de 3000 aeroxeradores nas súas costas leste e oeste con capacidade para abastecer o 15% da poboación británica. En Alemaña prevese a instalación de 60.000 MW antes do 2025 e Irlanda aprobou a construción do maior parque eólico do mundo no mar de Irlanda, cunha produción de 520 MW, equivalente ó 10% das necesidades enerxéticas do país.