Educación viaria

Peóns concienciados desde a infancia

1 Decembro de 2004
Img miscelanea listado 314

Peóns concienciados desde a infancia

/imgs/20041201/miscelanea01.jpg
A Organización Mundial da Saúde (OMS) cualifica como endemia -enfermidade crónica nun territorio- os accidentes de tráfico, dos que os viandantes, sobre todo os máis cativos, tamén son vítimas. De feito, as estatísticas sinalan que o 30% dos nenos finados en accidentes de circulación en España son peóns. A erradicación deste tipo de sinistros converteuse nun dos obxectivos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Entre as medidas destinadas a este fin, encargóuselle á Universidade de Salamanca unha investigación que determine o risco de ser vítima. Os datos serviron para establecer un perfil do accidentado que responde ó seguinte patrón: varón, entre 5 e 9 anos, que sofre o incidente ó remate da xornada escolar, en especial pola tarde, un venres dos meses de febreiro e marzo nunha calzada de máis de tres metros de ancho e nun cruce que realiza fóra dunha intersección.
Unha das primeiras conclusións que o estudo puxo en evidencia é que a sociedade debe asumir o correcto comportamento viario como unha compoñente fundamental da socialización xeral do neno. En consecuencia, sumáronse á intervención familiar, clave para educar e por ser exemplo do comportamento como peóns, condutores e viaxeiros, clases específicas na escola e campañas institucionais. Foi así como se conformou a materia que coñecemos como Educación Viaria.

Desde os tres anos

A educación dos nenos neste eido é unha meta primordial, xa que se educa un colectivo que conformará e educará o futuro. Os expertos aseguran tamén que o ensino debe comezar canto antes. Desde que o pequeno comeza a entender ordes convén describirlle as normas de conduta seguras ó circular e, por suposto, servirlle de exemplo.
Como materia educativa, os especialistas coinciden en debe comezar a impartirse desde os 3 anos, xa que ata os 7 os nenos non son moi receptivos. Ademais, nestas idades, aínda que a súa capacidade de xuízo e razoamento é moi limitada, resulta fundamental sentar unha boa base formativa. A partir dos 7 anos ata os 12 será un período de afianzamento, de reforzo de conceptos e de posta en práctica. A educación viaria infantil trata de:

  • Dar a coñecer as normas viarias vixentes para promover hábitos e actitudes de respecto cara a estas.
  • Ofrecer información sobre a circulación e o transporte desde a perspectiva dos beneficios que proporcionan, pero sen deixar de sinalar que o seu mal uso provoca conflitos e perigos para a comunidade.
  • Descubrir, analizar e comprender as normas, o porqué dos códigos e os seus acertos.
  • Obter unha visión global que permita detectar problemas e posibles solucións.
  • Recoñecer as responsabilidades dos axentes sociais que inciden no tráfico.
  • Promover o uso do transporte público.

Non son conscientes

Os adultos temos o costume de sobreestimar as habilidades dos nenos, máis aínda cando se trata dunha actividade cotiá como subir a un autobús ou atravesar unha rúa. Aínda que estas accións son cotiás, o seu grao de dificultade é maior do que poida parecer. Cómpre termos en conta que a axilidade sensorial dos nenos é menor. De feito, está comprobado que os nenos presentan dificultades para xulgar a velocidade dos vehículos que se achegan e que os diferentes tamaños dos automóbiles poden inducilos a cometer erros na apreciación da distancia. Ademais, o seu pensamento nada ten que ver co dun adulto: para eles, cruzar mal unha rúa está mal porque así llelo ensinaron, pero non comprenden o grao de perigo que implica.

O neno como peón e como viaxeiro

Como peón

  • Os nenos non senten o perigo. Saen á rúa coa idea de xogar.
  • Se non estamos camiñando, convirá pararmos en lugares seguros, arredados da circulación e que poidan ser vixiados.
  • Hai que camiñar sempre pola beirarrúa, lonxe do bordo, e prestarlles atención ás entradas e ás saídas de vehículos dos garaxes.
  • Tamén se debe pór especial atención cando se cruza a rúa. É mellor atravesar nun punto en que haxa un semáforo ca por un paso de peóns. Os nenos aprenden xogando, polo que reparar no cambio de cor dos bonecos e responsabilizalos da orde de cruzar son bos métodos de ensino.
  • O adulto que vaia co neno non debe infrinxir ningunha regra de tráfico.
  • Debe ensinalo a identificar zonas reservadas para peóns e inicialo no coñecemento dalgún sinal, en especial a recoñecer os axentes de tráfico e os sinais luminosos.

Como viaxeiro

  • Debe compartir unha viaxe paciente e relaxada por parte do condutor.
  • Debe ir sentado atrás e non tocar manivelas, ventás ou portas. Todas elas deben ter posto o seguro.
  • Os nenos menores dun ano deben ir sentados no sentido oposto á marcha. Ata os 12 anos terán que se sentar, no sentido da marcha, en cadeiras ou adaptadores homologados.
  • O coche nunca se debe abrir ata que estea totalmente parado.
  • Debe saír do coche sempre pola beirarrúa, nunca pola calzada.
  • No transporte público, os menores de 12 anos teñen prioridade de asento, igual cás mulleres embarazadas, as persoas con minusvalía e mais os anciáns.
  • No transporte escolar, cada neno debe ocupar cadanseu asento. As portas non se abren ata que o vehículo estea estacionado na parada e débese dar paso para subir e baixar.
  • Se vai de ‘paquete’ nunha bicicleta, cómpre asegurar que tanto o ciclista adulto coma o pasaxeiro infantil levan os cascos axeitados e axustados de modo correcto.
  • Neste caso, é tamén imprescindible que o asento do neno teña un respaldo alto e que vaia suxeito cun cinto de arnés e que poida apoiar os pés para que non sexan atrapados polos radios da bicicleta en marcha.