Estacións de autobuses e de ferrocarril

Mellor as de tren cás de autobuses

As estacións de autobuses suspenden en limpeza e conservación, e en seguridade tanto unhas coma outras quedan nun "aceptable"
1 Decembro de 2004
Img temap 212

Mellor as de tren cás de autobuses

/imgs/20041201/tema01.jpg
Millóns de persoas empregan a cotío as estacións de autobuses e de tren en España. Este Nadal poranse á proba aspectos como a comodidade das estacións, a cantidade e a calidade da información que ofrecen, o estado en que se atopan ou os servizos que lles proporcionan ós viaxeiros, por citarmos só algúns.
Para coñecer en que grao as estacións de autobuses e de tren do noso país satisfán as expectativas dos seus usuarios, técnicos de CONSUMER visitaron a comezos de novembro 21 estacións de ferrocarril e 19 de autobuses en 17 cidades: Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia, Bilbao, Málaga, Zaragoza, Cádiz, San Sebastián, Pamplona, Vitoria, Logroño, A Coruña, Murcia, Oviedo, Alacante e Castellón.
A primeira conclusión é que as estacións de autobuses obteñen peor nota cás de tren: suspende o 42% das de autobuses, mentres que só o 10% das de tren suspenden o exame de CONSUMER.

Os principais aspectos que cómpre mellorar nas estacións de autobuses son a limpeza e conservación (papeleiras en mal estado ou cheas; carencia de recipientes para reciclaxe de refugallos, instalacións lixadas, rotas e mal coidadas, aseos porcos…), apartado no que suspenden; o equipamento e os servizos que ofrecen (escaseza de asentos, ausencia de zonas pechadas e cubertas para agardar, falta de cafetería ou de máquinas expendedoras) e a seguridade (bótanse de menos cámaras de videovixilancia, planos de evacuación e de que facer en caso de incendio, e persoal de seguridade). As estacións de tren teñen menos cousas que mellorar, e cómpre que o fagan sobre todo na seguridade, por idénticos motivos cás de autobuses. O máis positivo en ambos os dous casos foi a información ofrecida ós usuarios. Outra conclusión salientable é que as estacións de tren acadan mellor nota cás de buses en todos os apartados agás no de seguridade, bloque que nos dous tipos de estación mereceu un discreto “aceptable”. En xeral, as estacións de tren ofrécenlles mellores prestacións ós viaxeiros. Nos prezos que rexen (á marxe das viaxes), hai diferenzas significativas: un café con leite custa 0,60 euros na estación de tren de Valencia e case tres veces máis, 1,65 euros, na de Barcelona Norte. As mellores estacións de tren foron as de Málaga e Sans (Barcelona), e as peores as de Vitoria e Logroño, ambas as dúas de Renfe. E nas de bus sobresaen as de Oviedo e Barcelona Norte, mentres que a peor foi a de Amara, en San Sebastián.

Información ó viaxeiro

Mentres que en todas as estacións de ferrocarril o viaxeiro é informado sobre horarios, saídas e chegadas, etc., con gran profusión de carteis, paneis ou monitores, esta situación non é tan modélica nas estacións de bus. De feito, un 21% delas carece dun panel central, independente da información facilitada por cada compañía, no que se informe dos horarios dos autobuses. Atopáronse deficiencias nas estacións de bus de Pamplona, Alacante e San Sebastián (non dispoñen deste cartel), mentres que na de Bilbao o panel de información non funcionaba. E en unha de cada 10 estacións de bus se anotou un evidente déficit de sinalización sobre as dependencias e servizos de que dispón, o que non acontece en ningunha das estacións de tren. Esta ausencia de sinalización rexistrouse na estación de buses de Pamplona e na de San Sebastián, que carece dunha estación propiamente dita.

No tocante á megafonía, só o 10% das estacións de tren non a ten (estacións de Euskotren en Bilbao e San Sebastián), proporción que se eleva ata o 21% nas de autobuses. Agora ben, de nada serve dispor de megafonía se esta non se escoita ben nalgunhas zonas, como cafetería, plataformas, dársenas, aseos…, como acontece en unha de cada catro estacións de tren e de buses. Así e todo, non sendo a estación de autobuses de San Sebastián, contan con outros sistemas (carteis, paneis…) para informar dos horarios na maioría das zonas da estación. Tan só se percibiron deficiencias nas cafeterías das estacións da Coruña e de Sevilla. As melloras son necesarias tamén no relativo ós idiomas utilizados para lle dar a información ó usuario: poucas estacións utilizan os distintos ó castelán e ó específico da comunidade autónoma (cando o ten). Neste apartado destacan as estacións de bus de Málaga e de Madrid Sur, e as de ferrocarril de Málaga, Zaragoza e Sevilla.

Doutra banda, só o 43% das estacións de tren e o 32% das de bus contan con planos de orientación. Ademais, o 71% das estacións de tren facilitan información turística sobre as cidades nas que están situadas, xeralmente mediante planos da cidade, os seus museos e monumentos máis relevantes, percorridos recomendados, etc.
Esta información, que tanto se agradece ó chegar a un destino que non se coñece, só se atopa na metade das estacións de autobuses.

Equipamento e servizos

/imgs/20041201/tema02.jpg
Para comprobar o funcionamento do servizo de información ó viaxeiro, os técnicos de CONSUMER preguntaron pola localización dunha zona ou dependencia da estación afastada. Nos dous tipos de estacións a atención e información recibida foi semellante: 8 de cada 10 estacións atenderon correctamente ó usuario.

Un dos equipamentos fundamentais neste tipo de infraestruturas son os asentos e zonas de espera. Dispoñen deles todas as estacións de tren, pero botáronse en falta no 42% das de bus, o que obrigaba a que os viaxeiros permanecesen de pé ou sentados en lugares non axeitados, como as escaleiras. E mentres que todas as estacións de tren manteñen os seus asentos en bo estado, en unha de cada catro estacións de bus había asentos ou bancos vellos, estragados, pintados ou porcos. Así acontecía nas estacións de bus de Logroño, da Coruña, de Pamplona e de Sevilla. Só o 28% das estacións de ferrocarril e o 21% das de bus contan con salas de espera pechadas e separadas do resto de instalacións, moi de agradecer os días de temperaturas extremas.

O 16% das estacións de bus e o 5% das de tren non dispoñen de cafetería aberta ó público. Destacan as de Madrid-Atocha, Bilbao-Abando, Barcelona-Sants e Valencia (entre as de tren) e a de Madrid-Avenida de América (bus). Pola contra, na de tren de Bilbao-Atxuri e nas de buses de San Sebastián, Vitoria e Barcelona-Sants non hai ningunha. Ademais, 7 de cada 10 estacións de tren e 6 de cada 10 de autobuses contan con restaurante.

Outro servizo que tamén se espera atopar nunha estación de transporte é máquinas expendedoras de auga, café, alimentos, refrescos, etc., pero en estacións como a de ferrocarril de Bilbao-Atxuri e as de buses de San Sebastián e Cádiz non as hai. De novo xorde a estación de San Sebastián: non ten cafetería nin tendas propias, nin dispón de máquinas expendedoras. Na de Cádiz tampouco hai máquinas de autovenda, pero polo menos si hai cafetería. E a estación de Bilbao-Atxuri non ten cafetería nin máquinas de autovenda, aínda que hai un local no que se poden adquirir refrescos.

En todas as estacións de tren e de autobuses existen cabinas de teléfono públicas, das que o 85% permite o uso de tarxetas. Só o 43% das de tren e o 37% das de autobuses dispoñen de oficinas de turismo. No tocante ós caixeiros automáticos, atopáronse en 9 de cada 10 estacións de tren e en 8 de cada 10 das de buses. Unicamente as estacións de tren de Logroño e San Sebastián-Euskotren, e as de buses de Logroño, Barcelona-Sants, Pamplona e San Sebastián non tiñan ningún.

Con respecto á existencia obrigatoria, segundo a lei, de servizos sanitarios nas estacións de viaxeiros, non estaban sinalizados en ningunha das de bus e tan só se viron no 29% das de tren. Nalgunhas estacións explicóuselle a CONSUMER que si dispuñan de servizos sanitarios de urxencia (sobre todo, botica de primeiros auxilios), pero non estaban sinalizados na maioría das estacións.

Tal e como sinala a normativa, todas as estacións de ferrocarril deben dispor dun departamento de información ó viaxeiro claramente indicado. Non obstante, nas estacións de autobuses de San Sebastián, Pamplona e Barcelona-Sants non existe este servizo centralizado, de xeito que cada compañía de transporte se encarga de atender os seus clientes.

O 86% das estacións de ferrocarril dispón de carriños portaequipaxes para facilitarlles ós viaxeiros e acompañantes o traslado de maletas e vultos. Pola contra, entre as estacións de autobuses, soamente as de Madrid-Sur e Oviedo dispoñen de carriños portaequipaxes á vista do usuario.

A lexislación tamén obriga as estacións a dispor de plataformas cubertas para que os viaxeiros non se vexan afectados polas inclemencias meteorolóxicas. Todas as estacións de tren cumpren, aínda que as dársenas das de bus de Bilbao, Vitoria e Valencia non están totalmente cubertas.

Accesibilidade

/imgs/20041201/tema03.jpg
As estacións de ferrocarril están mellor adaptadas cás de autobuses, aínda que ambos os dous tipos de estacións teñen un amplo campo de mellora. Así, mentres que ningunha das de autobuses dispón de carteis adaptados para facilitarlles a súa lectura ás persoas con discapacidade visual (con estrías táctiles en braille), polo menos o 14% das de tren (Murcia, Zaragoza e Bilbao-Abando) presentan estes carteis nalgunhas das súas dependencias.

Todas as estacións de tren e de autobuses contan con beirarrúas rebaixadas, ramplas ou accesos chans que facilitan o tránsito de persoas en cadeira de rodas, e mais con carriños de nenos, maletas con rodas, etc. Non obstante, nas portas de acceso principal da estación de Alacante existen escaleiras non salvadas por unha rampla, de xeito que deben entrar polas portas laterais. E cómpre salientar un feito especialmente grave: nas estacións de Vitoria, San Sebastián-RENFE, Pamplona, Logroño e Barcelona-Gracia hai unha dificultade importante para os discapacitados, que para accederen ós andeis deben salvar escaleiras ou atravesar vías por riba das mesmas mediante unha rampla construída para estes efectos, co conseguinte perigo.

Doutra banda, as estacións de ferrocarril dispoñen de aseos adaptados para discapacitados, coa excepción de Barcelona-Gracia, que, ademais, comparte os seus aseos cós da cafetería. Unha de cada 3 estacións de tren que dispón de aseos adaptados tenos pechados con chave, o que acontece no 45% das estacións de autobuses. É doado imaxinar a molestia que isto supón para os usuarios discapacitados, que deben desprazarse e solicitar a chave.

Limpeza e conser- vación

Mentres que todas as estacións de tren dispoñen dun número abondo de papeleiras e contedores repartidos polas súas instalacións, en unha de cada catro estacións de bus o seu número era escaso. Isto observouse nas de San Sebastián, Cádiz, Málaga e Alacante. E tamén en unha de cada catro estacións de buses as papeleiras estaban excesivamente cheas ou con lixos arredor, o que non pasou en ningunha das de ferrocarril.

En reciclaxe de refugallos, a situación é deficiente en ambos os tipos de estación. Entre as de autobuses, só se atoparon contedores preparados para a recollida selectiva de vidro, plástico e papel na estación de autobuses de Sevilla, contedores para pilas usadas nas estacións de Málaga e Barcelona-Norte e para refugallos orgánicos nas de Pamplona.

No tocante ás de tren, víronse contedores para vidro nas estacións de Bilbao-Abando, Alacante e Málaga, para plásticos nas estacións de San Sebastián-RENFE, Vitoria, Zaragoza, Bilbao-Abando, Alacante e Málaga, e contedores para pilas nas estacións de Sevilla e novamente en Bilbao-Abando. Recipientes para refugallos orgánicos hainos nas estacións de Vitoria, San Sebastián-RENFE, Bilbao-Abando e Zaragoza.

O estado de conser- vación das estacións de tren pódese cualificar de “moi bo” ou “bo”, pero non se pode dicir o mesmo das de autobuses: 4 de cada 10 quedan ás portas do aprobado. Trátase das de San Sebastián (con golpes e pingueiras no tellado da dársena), Logroño (conviríalle unha man de pintura), A Coruña (pintadas nas portas dos aseos e nalgúns bancos) e Málaga, Pamplona, Alacante e Cádiz (aspecto vello e deteriorado). Algo semellante acontece co estado de limpeza xeral das estacións, moito mellor nas de ferrocarril ca nas de autobuses. Deben mellorar as estacións de bus de Vitoria, San Sebastián, Málaga, Sevilla e Alacante.

Doutra banda, o 80% das estacións de ferrocarril que dispoñen de cafetería con aseo propio tíñano en bo estado de limpeza e hixiene, proporción que é do 68% no caso das de autobuses, aínda que algúns baños destas últimas se atoparon en mal estado de limpeza, con lixo, papeis, cheiros desagradables, pintadas, etc. Curiosamente, o estado dos aseos das estacións era bastante bo, e só se observaron anomalías nas estacións de autobuses de Vitoria, Logroño e San Sebastián. Cómpre ter en conta, así e todo, que este é un apartado moi aleatorio e que depende moito do momento en que se realizou a inspección ocular.

Seguridade nas estacións

/imgs/20041201/tema04.jpg
Nos dous tipos de estacións a situación soamente se pode cualificar de aceptable. En todas as estacións de autobuses e de ferrocarril visitadas se observaron diversos equipamentos contra incendios, aínda que a dotación era máis completa nunhas ca noutras. Así, víronse extintores en todas, agás nas de autobuses de Barcelona-Sants, Bilbao e San Sebastián (todas elas situadas ó aire libre) e nas de ferrocarril de Barcelona-Gracia e Logroño.

Non obstante, non existen bocas de incendio no 30% das estacións de autobuses e trens. Observáronse detectores de fume no teito no 62% das estacións de ferrocarril e no 19% das de autobuses. Tan só existen esparexedores de auga no teito no 12% das estacións de autobuses e no 29% das de tren. Ademais, a estación de autobuses de Sevilla-Plaza de Armas conta con mangueiras e a de Oviedo con botóns de alarma.

Doutra banda, no 42% das estacións de autobuses e no 62% das de ferrocarril observouse a continuada e tranquilizadora presenza de persoal de seguridade. Nun 17% das estacións de tren e de autobuses non se observou persoal propio de seguridade en ningún momento. Isto é importante, porque as estacións son un lugar moi propicio para ladróns e carteiristas.

Tan só un 26% das estacións de autobuses (as de Pamplona, Oviedo, Logroño, Madrid-Avenida de América e Barcelona-Norte) dispoñen de cámaras de videovixilancia, mentres que se observou persoal propio de seguridade nun 68% delas. No tocante á policía, non se viu no 63% das estacións de autobuses. Destacan as estacións de autobuses de Barcelona-Norte e Oviedo: en ambas as dúas se advirte a presenza tanto de cámaras de videovixilancia coma de persoal de seguridade propio da estación e de policía. Pola contra, en Cádiz e San Sebastián non se puido apreciar ningún destes tres elementos.
No tocante ás estacións de ferrocarril, nun 62% había cámaras de videovixilancia, e un 81% delas dispuña de persoal propio de seguridade. A presenza policial tan só se advertiu nun 24% das estacións de tren, concretamente nas de Sevilla, Pamplona, Barcelona-Sants, Alacante e Málaga. As mellores neste apartado son as de Alacante, Málaga, Barcelona-Sants e Sevilla, xa que nelas se advertiu a presenza de cámaras de videovixilancia e de persoal de seguridade propio da estación e de policía.

Doutra banda, en ningunha estación de autobuses había información sobre que facer en casos de emerxencia, incendio, etc. Tampouco en ningunha delas se viron carteis con planos de evacuación da estación, nin sinais que indiquen a presenza de instalacións sanitarias. Nas estacións de ferrocarril tan só o 19% advirte claramente, mediante un cartel ou sinalización para o efecto, que dispón de servizos sanitarios. Só se observaron nas de Madrid-Atocha, Sevilla, Barcelona-Sants e Málaga.
No tocante ós carteis sobre que facer en caso de emerxencia, a situación nas estacións de ferrocarril é algo mellor: en 1 de cada 3 (as de Madrid-Atocha, Sevilla, Barcelona-Sants, Oviedo, Bilbao-Abando e Málaga) había información sobre que facer en caso de emerxencia ou incendio. En todas estas estacións, agás na de Málaga, observáronse tamén carteis sobre planos de evacuación da estación, carteis que non existen tampouco no resto de estacións.

Prezos nas estacións

Consignas* Prezo medio en estación de autobuses: 2 euros.
Prezo medio nas de tren: 2,4 euros (consigna pequena), 3 euros (mediana) e 4,5 (grande).
A máis barata: 0,5 euros na estación de autobuses da Coruña.
A máis cara: 4,5 euros nas consignas de tren grandes. Entre as de autobuses a máis cara é a de Alacante (3,5 euros).
*Prezos por día.

Café con leite no bar ou cafetería Prezo medio en estacións de autobuses: 1,1 euro.
Prezo medio en estacións de tren: 1,1 euro.
O máis barato: 0,6 euros na estación de tren de Valencia.
O máis caro: 1,65 euros na estación de tren de Barcelona-Gracia.

Menú do día Prezo medio en estacións de autobuses: 7,4 euros.
Prezo medio en estacións de tren: 8 euros.
O máis barato: 5 euros, na estación de autobuses da Coruña.
O máis caro: máis de 9 euros, nas estacións de ferrocarril de Madrid-Chamartín, Bilbao-Abando e Sevilla-Santa Justa e na estación de autobuses de Pamplona.

Botella de auga pequena en máquina expendedora Prezo medio en estacións de autobuses: 1,1 euros.
Prezo medio en estacións de tren: 0,9 euros.
O máis barato: 0,6 euros, na estación de trens de San Sebastián.
O máis caro: 1,4 euros na estación de Madrid-Atocha.

Refresco en máquina expendedora Prezo medio en estacións de autobuses: 1,1 euros.
Prezo medio en estacións de tren: 1 euro.
O máis barato: 0,9 euros, nas estacións de tren de Sevilla-Santa Justa e Oviedo.
O máis caro: 1,5 euros nas estacións de autobuses de Bilbao e Pamplona e de tren de Zaragoza e Pamplona.