Listas de distribución

Directamente á caixa do correo electrónico

As listas de distribución son un primitivo servicio de Internet que resiste o paso do tempo
1 Maio de 2002
Img listado internet

Directamente á caixa do correo electrónico

Por moi estraña que sexa unha afección, seguro que hai, cando menos, unhas cantas persoas no mundo que a comparten. Por iso, un medio de comunicación que case non coñece distancias físicas como Internet serviu de caldo de cultivo para que proliferasen sistemas que axudan a manter en contacto a grupos de usuarios con filias comúns. Unha das ferramentas da Rede máis antigas (e aínda hoxe máis útiles) para reforzar estes lazos creadores de verdadeiras “comunidades virtuais” son as listas de distribución. En definitiva, representan unha máis das posibilidades que ofrece o correo electrónico.

Enviar un email é sinxelo, rápido e económico. Enviar un millón deles tamén. A diferencia do correo tradicional, o número de destinatarios dun correo electrónico non encarece nin retarda o envío. Esta facilidade fixo que, desde as orixes da Rede, xurdisen servicios que remitían a mesma información directamente ó correo electrónico dos usuarios que a solicitaban: así naceron as listas de distribución.

Hai listas de distribución moderadas, unidireccionais, periódicas, anárquicas, sobre mecánica cuántica ou sobre o movemento punk dos oitenta…, en definitiva, para tódolos gustos. En rigor, pódense dividir en dous grandes bloques: as abertas e as pechadas. As primeiras son as que lles permiten ós seus integrantes participar activamente, é dicir, calquera pode enviar un correo que recibirá o resto de inscritos.

Control nas pechadas

Nas listas pechadas, sen embargo, só os creadores poden enviar información, co que os integrantes saben que só recibirán mensaxes dunha fonte que consideran interesante (as novas dun grupo de música, os relatos dunha novelista, as informacións desta mesma revista…). As listas de distribución abertas serven para crear e manter unha comunidade virtual de usuarios, as segundas funcionan para que o que teña algo que dicir poida dicirllo a un amplo número de usuarios.

Pero a única disxuntiva non estriba só entre aberta ou pechada, xa que as listas abertas tamén poden estar moderadas ou carecer de control. Nestas calquera mensaxe publícase directamente e envíase ó resto de membros. Nas listas moderadas (tamén coñecidas como pechadas) tódalas mensaxes pasan o filtro dun responsable que escolle qué ten interese para os integrantes do grupo de discusión. Este tipo limita a liberdade dos integrantes, pero non enche a caixa con correos que nada teñen que ver co tema.

Abano de asuntos

E, ¿que temas se tratan? Practicamente todos. Hai milleiros de listas entre as que escoller, desde as máis serias ás máis banais. Ó cabo, non hai ningún medio en Internet que permita unha discusión máis sosegada, documentada e constructiva. Mentres que os chat son para moitos unha casa de tolos na que pouco máis se pode facer que xogar ó Trivial ou buscar parella, as listas de distribución permiten reflexionar antes do envío de cada mensaxe (algo imposible ante a inmediatez do chat) e incluír referencias a publicacións electrónicas ou tradicionais nas que apoia-los argumentos e contrastar ideas.

Para atopa-la discusión que mellor se adapta ós nosos gustos basta con acudir a un buscador de listas como RedIRIS (www.rediris.es/list ), Topica (www.liszt.com ), Listtooll (www.listtool.com ) ou Ezine (www.ezinecentral.com ). En calquera caso, se entre a abundancia de listas non se atopa ningunha axeitada, sempre é posible crear unha propia.

As listas teñen unha vantaxe engadida: son unha excelente vía para practicar idiomas, xa que poñen en contacto a persoas distantes con intereses comúns pero que se cadra non teñen a mesma lingua materna. Na maioría delas (coma no resto de Internet) predomina o inglés, pero as escritas en castelán cóntanse por centos e tamén as hai que empregan linguas con só uns cantos milleiros de falantes. Ó cabo, poucos medios permiten coñecer a tantas persoas afíns dun xeito tan sinxelo e cómodo.

A dispersión de sistemas para xestionar listas de correo fai que en cada un deles o modo para darse de baixa sexa distinto. Antes de anotarnos, cómpre asegurármonos de que a baixa é sinxela e cómoda, se non, é posible que acabemos vendo a caixa de correo electrónico ateigada de listas que no seu momento consideramos atraentes, pero que xa non nos serven.

Os boletíns de Consumer

O universo de webs que orbitan arredor de Consumer.es (revista CONSUMER, consumaseguridad.com, as Guías Prácticas Consumer e Vitelia) contan con tres listas de distribución (boletíns electrónicos) que manteñen ós visitantes informados das últimas actualizacións nas webs.

Deste xeito, os usuarios non teñen por qué entrar á web de xeito periódico, senón que é a propia web a que peta na porta do internauta para mantelo ó día en temas de consumo e vida cotiá. Os boletíns electrónicos son gratuítos e só precisan un dato do internauta: o seu enderezo electrónico.

O da revista é o boletín máis veterano (remítese ininterrompidamente desde 1998) e permite leva-la subscrición de CONSUMER a lugares onde doutro xeito sería imposible. O xornal da seguridade alimentaria consumaseguridad.com, cun ano de vida acabado de cumprir, informa das últimas novidades e consellos para garanti-la seguridade no consumo de alimentos e evita-las temidas toxiinfeccións alimentarias. Consumer.es, pola súa banda, axunta nun único boletín o máis importante publicado en todo o portal de consumo ó longo dos últimos sete días. En definitiva, estas tres listas de distribución son a vía de comunicación máis directa cos internautas máis fieis á información sobre consumo e vida cotiá da Fundación Grupo Eroski.

E, nun futuro, os usuarios poderán personalizar estes e novos boletíns para recibir neles só os temas que máis lles interesan: nutrición, bricolaxe, economía doméstica, reportaxes especiais, noticias de consumo… Será a época dos boletíns á carta.

¿Como inscribirse?

Deixando o correo electrónico en:

Navegar á carta
  • Topica
    www.liszt.com
    Aseguran ter 100.000 inscritos nos seus centos de listas de distribución que abranguen desde os seguidores da cantante Anastacia ata a xestionada pola organización ecoloxista Adena. Escoller entre tanta abundancia resulta o máis complicado.
  • Yahoo Groups
    www.yahoo.es
    Máis ca listas de distribución propiamente ditas, os grupos de Yahoo Groups son verdadeiras comunidades virtuais, nas que os usuarios amais de enviar e recibir emails intercambian toda clase de arquivos e contan cunha páxina web con servicios diversos. Innovador.
  • RedIRIS
    www.rediris.es/list
    Desde os albores de Internet, RedIRIS estivo aí. A entidade que xestiona o acceso telemático das universidades españolas ofrece desde os seus albores un amplo e completo servicio de foros de discusión electrónicos para pracer daqueles ós que lles gusta compartir coñecementos.