Arteriosclerose

Estreitamento das arterias

Actividade física, dieta cardiosaudable, combate-lo exceso de peso e controla-lo estrés, hábitos saudables para previ-la arteriosclerose
1 Maio de 2002
Img listado salud

Estreitamento das arterias

A arteriosclerose, que significa literalmente endurecemento das arterias, é unha enfermidade dexenerativa caracterizada polo estreitamento das arterias. Sobre as paredes arteriais vanse depositando lípidos, células fibrosas, células musculares, cristais de colesterol e depósitos de calcio, que forman placas de ateroma (denomínanse así as placas que orixinan esta enfermidade) e ós poucos obstrúen as arterias. A arteriosclerose desenvólvese de vagar e as súas alteracións morfolóxicas poden xurdir a idades moi novas.

É unha patoloxía de difusión universal aínda que hai notables diferencias xeográficas, raciais e sexuais na incidencia desta enfermidade. Nas últimas décadas pódese falar de endemia nos países industrializados debida á súa alta incidencia entre a poboación dos estados máis desenvolvidos.

Aínda que o termo arteriosclerose existe só desde hai máis dun século, atopáronse signos de arteriosclerose en momias da Décimo Oitava Dinastía dos faraóns de Exipto (1224 a.C.). Pero malia á longa historia desta enfermidade, os nosos coñecementos sobre o seu desenvolvemento e progresión son aínda moi limitados e cheos de incógnitas.

A enfermidade arteriosclerótica comeza en tódolos individuos, sen ter en conta o lugar de orixe, nos primeiros 20 anos de vida e do mesmo xeito. Ó primeiro desenvólvese unha pequena placa moi benigna, a denominada estría graxa, que se pode atopar nos primeiros anos de vida nas grandes e medianas arterias como a aorta e as coronarias. Estas estrías poden desaparecer ou evolucionar moi lentamente e orixina-la formación das placas de ateroma.

Hoxe sabemos que cada un de nós nace cunha distinta xeometría tridimensional das arterias, especialmente das coronarias, e precisamente nas zonas onde as arterias se bifurcan e dividen fórmanse turbulencias da corrente sanguínea que probablemente orixinan lesións do recubrimento interno das arterias, que se lesiona e fai máis permeable ás células e elementos bioquímicos que circulan no sangue: lípidos, células fibrosas, detritos celulares e outros elementos penetran neste endotelio danado orixinando as placas arterioscleróticas.

Actualmente un novo elemento aparece no complexo proceso evolutivo da placa ateromatosa: a inflamación. A placa pode romper, formar un coágulo ou taponar totalmente a arteria e neste proceso a inflamación parece xogar un papel protagonista. De feito detectáronse niveis altos de proteína C reactiva (PCR) no sangue, que aparecen cando hai inflamación, en persoas que despois sufriron un infarto. Mesmo se di que a determinación de PCR pode substituír nun futuro a outras determinacións para predici-lo risco de sufrir un infarto.

Factores de risco da arteriosclerose

Este proceso está favorecido pola presencia de factores de risco. Trátase de hábitos, trazos ou alteracións asociados cun importante aumento da susceptibilidade para enfermar. Poden ser modificables ou inmodificables.

A investigación sobre os factores de risco da arteriosclerose comezou nos anos 60, con estudios epidemiolóxicos que co tempo permitiron identificar eses factores e realiza-lo que se coñece como prevención primaria: elimina-los factores de risco para controla-lo desenvolvemento da enfermidade.

Tabaco, hipertensión arterial e colesterol elevado, especialmente a fracción LDL (o chamado colesterol malo, xa que a súa oxidación xoga un importante papel na orixe da placa), son os factores de risco máis importantes asociados a esta enfermidade. Pola contra, o denominado colesterol bo, a fracción HDL, desenvolve un papel preventivo. De feito, cada día se lle dá máis importancia como factor predictivo ó HDL: valores baixos de HDL son perigosos, mesmo con niveis de colesterol totalmente normais. Tamén a diabete mellitus, a obesidade, o sedentarismo e o estrés son factores que favorecen o desenvolvemento de arteriosclerose. Todos estes son factores de risco modificables, é dicir, podemos actuar sobre eles: pódese deixar de fumar, adelgazar, facer exercicio, cambiar de dieta…, e isto é a base da prevención primaria.

Pero hai factores de risco inmodificables. A idade, o sexo, a carga xenética e a raza non os podemos cambiar. A idade constitúe o factor de risco de maior consistencia: as lesións iniciais aparecen na aorta na primeira década da vida, nas arterias coronarias na segunda e nas arterias cerebrais na terceira.

Nas mulleres, a arteriosclerose é moito menos frecuente ca nos homes ata a menopausa, polo que resulta moi tentador facer responsable disto ás hormonas femininas, pero aínda non se confirmou o seu presunto papel protector.

A raza branca parece máis predisposta a este tipo de lesións ca outras razas. E, para rematar, a carga xenética adquire cada día máis importancia, polo que hai que valorar moi coidadosamente a historia familiar do paciente.

¿Que síntomas produce?

A arteriosclerose é asintomática mentres non aparece na arteria un estreitamento tan intenso que non permita subministrar sangue ós tecidos. Prodúcese daquela a chamada isquemia (falta de rega e achega de osíxeno a un tecido) e aparecen os síntomas.

Tres son os territorios máis afectados polos estreitamentos: corazón, extremidades inferiores e cerebro.

  • No corazón a arteriosclerose das arterias coronarias orixina anxinas de peito, infartos de miocardio, miocardiopatías arterioscleróticas, mortes súbitas e insuficiencias cardíacas.
  • Nas extremidades inferiores aparece a claudicación intermitente: ó camiñar as pernas mancan e a persoa ten que parar; co descanso a dor desaparece e pódese restablece-la marcha.
  • No cerebro, cando as arterias se obstrúen, orixinan o accidente cerebrovascular, que pode manifestarse de moitos xeitos: desde pequenos síntomas, á parálise das extremidades por isquemia de áreas do cerebro.

Estudios epidemiolóxicos permitiron asociar estas afeccións ós factores de risco. Así, o colesterol elevado está máis relacionado coa enfermidade coronaria, o tabaco coa claudicación intermitente e a hipertensión co accidente cerebrovascular.

Para previ-la arteriosclerose...

Non podemos facer nada para evita-lo paso do tempo, cambia-la carga xenética nin o sexo, pero podemos influír no desenvolvemento da arteriosclerose actuando sobre os factores de risco. Hábitos saudables para previ-la arteriosclerose:

  • Actividade física. Exercicio físico practicado con regularidade, tres sesións semanais de 50-60 minutos, preferiblemente de tipo aeróbico como marcha, andar a paso rápido, bicicleta, correr, nadar… Non é preciso que sexa extenuante nin que nos fatigue, o exercicio moderado ofrece magníficos resultados.
  • Dieta cardiosaudable. Achega calórica correcta. Son moi recomendables os alimentos vexetais como legumes, froitas, hortalizas, ricos en substancias antioxidantes (vitaminas A, E, C). O ácido fólico, presente en verduras de folla verde, froitos secos ou aceites vexetais, ten un papel importante na prevención, o mesmo cós ácidos graxos omega-3, que se atopan nos peixes azuis. Tamén o té e o viño (consumido moderadamente) conteñen antioxidantes tan potentes coma as verduras ou froitas. O aceite de oliva é preferible a outros tipos de aceite. Convén diminuí-lo consumo de alimentos ricos en colesterol e graxas saturadas: ovos, leite enteiro, carnes graxas, embutidos, vísceras.
  • Controla-lo estrés. O estrés ten un efecto nocivo na arteriosclerose. Non é doado na sociedade actual evita-las situacións de estrés, por iso cómpre combate-la tensión emocional mediante técnicas de relaxación. Hainas de sinxela realización e moi efectivas.
  • Combate-lo exceso de peso. A obesidade vai decote acompañada de hipertensión, aumento do colesterol e do ácido úrico, diabete… En moitos casos reducindo o peso corríxense total ou parcialmente estas anomalías. Por iso resulta tan importante manter un peso corporal correcto.
  • Controla-la hipertensión arterial. As mais das veces a hipertensión é lixeira e pódese controlar con hábitos hixiénicos sans: exercicio, dieta, relaxación… Só cando as cifras son moi elevadas de maneira permanente pode precisarse tratamento farmacolóxico.
  • Deixar de fumar. O tabaco ten un efecto moi pernicioso non só sobre a arteriosclerose, senón tamén sobre outras enfermidades.