¿Como se chega á convicción de que unha afección se pode converter nunha profesión”
Ó primeiro, andar en bici era un xogo, unha diversión de fin de semana para a que demostrei unhas calidades especiais, de feito lembro que a miña irmá máis vella se queixaba porque adestraba máis ca min pero acababa sempre detrás. E así, de saír a dar voltas rematei nunha escola, apunteime a probas e carreiras, e comecei a pensar no ciclismo como unha meta, máis alá dunha distracción ou dun deporte.
Así e todo, tivo que saír fóra a facer carreira.
En España case non había equipos que apoiasen ás mozas, só nos facilitaban a roupa; de feito aínda non existe a posibilidade de converterse en profesional, e xa que logo ter unha dedicación exclusiva. A sorte chegoume nun Giro de Italia ó que acudín coa Federación estatal; daquela o equipo italiano Alfa Lum fixouse en min e ofreceume unha ficha. Custoume toma-la decisión, pero entendín que non podía deixar pasar esa oportunidade despois de tantos anos de traballo. Sabía que ía ser duro: marchaba a un país estranxeiro, a unha vila preto de Bolonia cunhas condicións moi boas para adestrar, pero onde vivir significaba case exclusivamente adestramento, competicións e carreiras. Ó final, compensoume de sobra, polos resultados e porque estas experiencias fórmante, aprendes moito de ti mesma, e do mundo que te arrodea. Por exemplo, tiven compañeiras, sobre todo rusas, que teñen fillos. Para elas, a bici é o seu traballo, viven en países con economías deprimidas e é o seu xeito de gaña-la vida, pero este deporte esíxeo todo de ti e vinas sufrir moitísimo.
Vostede sortea desniveis de porcentaxes impensables, percorre decenas de quilómetros baixo o capricho do clima, corre ben as contra reloxo, ¿cal é a súa característica principal como ciclista?
No meu caso, o que mellor me define é a regularidade. A clave é sentirte cómoda en tódalas modalidades, porque é así como se gañan as probas. Se miro atrás vexo que case non tiven días malos ou se os tiven púidenos aturar. Por suposto, o adestramento é fundamental; por exemplo, na pretempada percorres ata 150 quilómetros diarios, pero tamén potencias fondo, ou escalada. E ó final, se o teu obxectivo son as grandes voltas por etapas, como o Tour ou o Giro, utilíza-las carreiras, porque a competición é ó final o que te pon en forma, vas afinando, vaste atopando contigo mesma e comezas a pensar nas grandes citas.
¿E nos portos a 2.000 metros de altitude?
As etapas duras, as interminables escaladas, dependen moito de ti, das circunstancias nas que estás correndo. O Tourmalet do meu primeiro Tour pareceume durísimo. Pero no 2000, cando gañei a carreira, non me pareceu tan horroroso, ese día funcionábanme as pernas e gozaba subindo. Pero non hai dúbida de que estes portos obrigan a un desgaste tremendo.
A experiencia é un grao, ¿non lle dá certa tranquilidade?
Cada tempada é diferente. O que fixen o ano pasado xa o esquecín, e se de algo serve agora é que che xera unha presión importante: saio de favorita, agárdase que estea ó meu nivel, pero non podes evitar sentir que o último mes é clave, que non pode pasar nada, que non che colla unha gripe, que non caias e, ademais, sempre che queda a incerteza de que malia a adestrar igual, se cadra non conségue-lo mesmo estado de forma. Dáslle moitas voltas á cabeza. Eu en carreira son moi forte, pero no adestramento son pesimista. Recoñezo que o meu home ten moito traballo comigo. (Está casada con Ramuntxo González Arrieta, ciclista profesional que se retirou a pasada campaña).
¿É consciente de que entrou a formar parte da historia do deporte?
Abrir camiño é moi gratificante, sobre todo cando ves que obtés resultados e estes se traducen en que por primeira vez, aquí, un patrocinador (o xornal Deia) apoia a seis corredoras de nivel profesional. E é que, se na maioría de deportes a diferencia entre muller e home deportista é grande, no ciclismo é aínda máis acusada. O enorme orzamento que move unha escuadra masculina contrasta coa case ausencia de equipos femininos. Equiparalo véxoo aínda moi lonxe, aínda que non hai que perde-la esperanza, xa que noutros deportes como o tenis e en parte o atletismo xa se conseguiu.
¿Tanta diferencia hai entre un pelotón masculino e outro feminino?
Se compára-lo público que hai nas subidas dos homes co número de espectadores das mulleres dá moita tristura. Lembro con especial cariño e satisfacción a saída do Tour en Bilbao, a xente afanouse e teño que dicir que me levaron polo aire durante toda a etapa. Pero iso é unha excepción, aínda que cada vez hai máis xente á que lle interesan as nosas carreiras, e iso aumenta a moral e as gañas de seguir loitando.
Sen dúbida, o deporte é un espectáculo e cada día se lles esixe máis ós deportistas, que se ven obrigados a facer esforzos case inhumanos. ¿Como se viven desde dentro os escándalos relacionados coa dopaxe?
No mundo do ciclismo témo-la sensación de sermos algo así como unha cabeza de turco con ese tema, e iso estanos facendo moito dano, porque vai en detrimento non só do deporte e dos deportistas, senón que pon en perigo a súa viabilidade económica. Esquécese que estamos moi controlados, que nos sometemos a moitas análises de sangue, de ouriños… non sei qué outro deporte está tan fiscalizado. E non é xusto. Chegáronse a dar circunstancias arrepiantes. Ó aloxármonos nun hotel para emprendérmo-lo Giro, rexistráronnos como se fosemos delincuentes. Esta presión antideportiva desmoraliza, e é difícil de entender qué necesidade hai de que rexistren a túa equipaxe de madrugada. Espero que isto cambie, no sentido de que esta loita contra a dopaxe se estenda a máis deportes, e que a esixencia de saúde sexa compartida.
Unha saúde que tamén se expón na estrada, porque o adestramento dun ciclista se realiza sobre o asfalto e iso implica un perigo.
Tódolos días estamos expostos a un accidente. Traballamos entre coches, pero en xeral teño que dicir que nas estradas do País Vasco, onde eu me adestro, se nos ten en conta. E eu podo comparalo con Italia, onde a súa afección ó ciclismo (que, despois do fútbol, é o deporte que máis seareiros move) non lles impide amosar unha falta de respecto total nas estradas. Semella incrible, pero dá medo, nunca se che esquece o casco. E aínda que no noso país sexa moi diferente, es consciente do perigo. Non é de estrañar que o ciclismo de base se estea vendo reducido, eu entendo que os pais teñan medo de deixar que os seus fillos saian pola estrada, temos experiencias moi malas.
A nova lei de Tráfico permítelles ós ciclistas circularen en autovías. ¿Non supón aínda máis risco aventurarse en vías de alta velocidade?
As autovías teñen beiravías moi grandes, eu coido que é unha medida positiva, como o é a preferencia que tes nunha rotonda se vas en bici. Son pasos cara a diante, aínda que non debemos conformarnos. Aínda estamos moi lonxe de Europa do Norte, onde teñen unha cultura ecolóxica, de nivel de vida e saúde moito maior: alí a xente aparca os coches e colle as bicis.
A falta de seguridade tamén influíu no aumento do uso das bicis de monte.
A min non me gustan, e penso que son dous deportes que nada teñen que ver. Ó ciclista de ruta gústalle subir portos, baixalos, pisa-lo asfalto, percorrer quilómetros seguindo un traxecto… pero non hai dúbida de que a mountain bike é unha alternativa moi saudable e menos perigosa có ciclismo de estrada.
¿A quen admira como mito deportivo?
Sen dúbida, a Miguel Indurain. Son a súa fan número un. Como corredor e como persoa é moi grande. Tiven a oportunidade de coñecelo, era compañeiro do meu home, e é desa xente que admiras e non te decepciona, era igual de grande sobre a bici ca cando baixaba dela.
¿E que pasa cando un ciclista baixa da bici definitivamente?
Está claro que a túa profesión remata antes cá dos demais, remáta-la túa carreira a unha idade na que outra xente está comezándoa, pero hai que ser optimista e pensar que foi a túa elección, na que déixa-la pel e coa que gozas duns anos magníficos. Despois virán outros. No meu caso, ligados case de certo ó deporte, que é o que máis me gusta.