As entrañas da Terra alteran o medio natural
A última erupción de consecuencias importantes protagonizouna o volcán Nyragongo, que arrasou a cidade congolesa de Goma e afectou a máis de 100.000 persoas. A influencia dos volcáns na historia da humanidade é innegable: condicionan completamente a vida das aldeas e cidades situadas preto deles, poden transformar dramaticamente o contorno, nalgúns casos as súas cinxas benefician as colleitas e as chuvias ácidas que provocan poden prexudica-la nosa saúde.
Non obstante, a súa vinculación directa coas alteracións do medio natural non comezou a confirmarse ata o pasado século XX, cando se relacionaron as erupcións volcánicas coa alteración do clima global do planeta. Non é de estrañar, xa que logo, que mesmo se lles dedicara un parque temático, situado preto do Puy de Dome na Auvernia francesa.
Tan espectaculares coma perigosos
A primeira conclusión ó observármo-la distribución dos volcáns ó longo do mundo é que non foi o azar, precisamente, o que os emprazou no lugar no que se atopan. Os volcáns xorden debido á fricción entre as placas tectónicas, que ó se encaixaren unha baixo outra propician a fusión de rochas dentro da codia terrestre. Este magma tende a ascender á superficie a través de fendas ou fisuras e así se autoconforma o volcán pola acumulación dos seus propios productos (lavas, bombas, cinxas, po volcánico).
Se ben unha erupción constitúe un espectáculo único e marabilloso, tamén supón unha ameaza, e non só derivada dos fluxos de lava, a caída de cinxas e proxectís, as correntes de lama e os gases tóxicos. A actividade volcánica pode accionar tamén outros eventos naturais perigosos, incluíndo deformación da paisaxe, inundacións por rotura de paredes de lagos ou por embobamento de regatos e ríos, e derrubes provocados por tremores. E a estes prexuízos coñecidos sumáronse a comprobación da súa negativa influencia na saúde, sobre todo na dos nenos menores de 3 anos, e a súa discutida incidencia no cambio climático, do que se comezou a falar na década dos 90.
¿Cambio do clima?
Trala potente erupción volcánica do monte Pinatubo (Filipinas) en xuño de 1991, os científicos detectaron durante os dous anos seguintes unha reducción do fluxo de CO2 cara á atmosfera. Investigando as causas, descubriron que as cinxas e outras partículas expulsadas polo volcán crearan, durante 1992 e 1993, unha borraxeira arredor do planeta, reducindo a luz solar que alcanza a superficie, e facéndoa menos directa e máis difusa. Moitos científicos creron daquela que esta reducción causara unha diminución da temperatura da Terra e, en consecuencia, da respiración do solo e as plantas. Pero investigacións recentes da universidade californiana de Berkeley demostran que as plantas simplemente aumentaron a súa eficiencia durante o proceso de fotosíntese, absorbendo máis dióxido de carbono, e se ben a temperatura global descendeu en medio grao, debido a que a radiación solar xeral diminuíu nun 5%, esta alteración do clima non é significativa. Así e todo, as análises serviron para afondar no negativo impacto de fenómenos máis habituais, como os efectos dos aerosois e a contaminación presente na atmosfera.
Tamén reportan beneficios
Dúas cuestións tan dispares como a agricultura e os métodos de supervivencia poden saír favorecidas da actividade volcánica. A cinxa e os materiais piroclásticos poden converte-los solos en extremadamente fértiles e permítenlles ós agricultores obteren abondosas colleitas. En abril de 1992, o Cerro Negro fixo erupción preto de León (Nicaragua). Depositouse nas zonas próximas ó volcán unha espesa capa de cinxa, e non faltou quen se aventurou a realizar prognósticos pesimistas sobre a economía agrícola, que se interrompería durante anos. Sen embargo, ó cabo de 10 meses os labregos xa dispuñan de boas colleitas dos fértiles solos mesturados con cinxas volcánicas. Esas beizóns volcánicas sen dúbida constitúen un xerador económico e social moi poderoso. A miúdo dise que quen vive en zonas volcánicas de alto risco é xogador por natureza e asume grandes riscos para acadar beneficios incertos. Pero a súa experiencia ó pé do cráter serve de catalizador no desenvolvemento de métodos de protección contra desastres naturais, xa que as súas reflexións sobre cómo facerlles fronte ás erupcións e as técnicas que poñen en práctica para sobrevivir proporcionan valiosos coñecementos.
Erupcións con sona da historia
1815: O Tamboura, en Indonesia, entra en erupción violentamente e causa 50.000 mortes. Foi o máis mortal da historia.
1902: A erupción do Mont Pelé, na illa de Martinica, causa 36.000 mortos e destrúe en poucos minutos o porto de Saint Pierre.
1991: O Monte Pinatubo, nas Filipinas, produce a segunda maior erupción do século pasado e a maior perturbación atmosférica coñecida desde a explosión do Krakatoa en 1883. Houbo mil mortos e un millón de desprazados.
Ano 1.500 antes de Cristo: o volcán da illa de Santorini entra en acción. A lenda di que a súa acción acabou coa Atlántida, a mítica illa da felicidade.
Ano 79 despois de Cristo. O caso do Vesubio: é o volcán máis mítico de Europa. En 1999 provocou a alarma logo de 55 anos en letargo. Pero o incidente máis coñecido é o da erupción no ano 79 despois de Cristo, que deixou totalmente destruída a cidade de Pompeia e arrasou tamén as veciñas Herculano e Campania.
Erupcións volcánicas e nenos
Hai moi pouca literatura do efecto da cinxa volcánica en nenos menores de un ano, pero está demostrado que o incremento de consultas médicas despois dunha erupción é particularmente de nenos menores de 4 anos. Nos nenos en xeral, os sistemas de vixilancia epidemiolóxica salientan o incremento de gastroenterites, bronquites asmáticas e infeccións respiratorias.
O Teide volverá á actividade
Non será mañá, nin pasadomañá. Deberán transcorrer anos, seguramente décadas, pero o certo é que o Teide volverá entrar en erupción tarde ou cedo. E é que a actividade no subsolo non cesou. Nese sentido, é un volcán activo. As autoridades de Tenerife teñen prevista esta continxencia e elaboraron plans de actuación para cando sexa preciso, polo que se prevé que a erupción non collerá a ninguén por sorpresa. Ó igual có Teide, estímase que en todo o mundo hai uns 600 volcáns en marcha, aínda que o seu nivel de actividade é moi variable.
- Tormenta de cinxas: a erupción volcánica expulsa polo aire ou por medio dunha columna de gases anacos de lava que, segundo o seu tamaño, serán cinxas, area, bloques… As cinxas poden producir incendios forestais, amais de cubrir terras dedicadas á agricultura e tellados -ata derrubalos-, destruír colleitas ou impedir temporalmente a sementeira.
- Fluxos de lume: as rochas quentes, de moi diversos tamaños e envoltos en gases que se desprazan coma un fluído polas ladeiras dos volcáns, poden alcanzar temperaturas de varios centos de graos e velocidades entre os 50 e os 150 quilómetros por hora. Trátase dos productos volcánicos máis destructivos e mortais, xa que arrasan o que atopan ó seu paso, incluídas construccións ou calquera xeito de vida debido á súa forza e alta temperatura.
- Avalanchas de lama: compóñense de fragmentos de rochas, cinxas, sedimentos e gran cantidade de auga, o que fai que flúan rapidamente pendente abaixo debido á súa gran capacidade de arrastre. Estas avalanchas levan solos, vexetación, penedos e tódolos obxectos que atopan ó seu paso, formando enormes ríos de lama e pedras. Chegaron a enterrar poboacións enteiras e a modifica-la canle de grandes ríos.
- Ríos de lava: prodúcense polo derrame de rocha fundida que emite o volcán, aínda que case nunca ocasionan víctimas xa que descenden de vagar. Estes ríos destrúen todo o que atopan ó seu paso por incineración, choque e soterramento.
- Gases e chuvia ácida: o magma contén gases disoltos que son liberados polas erupcións cara á atmosfera, normalmente tóxicos e perigosos para a vida vexetal e animal. Os gases poden causar efectos nocivos especialmente na área próxima ó macizo volcánico (5 quilómetros), aínda que nalgúns países chegaron ata a 30 quilómetros de distancia do punto de emisión. A chuvia ácida afecta principalmente ós ollos, á pel e ó sistema respiratorio das persoas. Tamén lles causa danos ás colleitas e animais que comen a vexetación afectada. En ocasións, as pingas de chuvia, ó se mesturaren cos gases adheridos ás cinxas poden causa-la chuvia ácida, nociva tanto para as persoas, animais e vexetación, coma para estructuras metálicas.
- Tormentas eléctricas: os gases e vapores que eructa o volcán favorecen que o aire poida conducir electricidade producida nas nubes, orixinando unha gran cantidade de lóstregos e relampos. Ademais, facilita a formación de fortes chuvieiras.