A pintura require coidados específicos
Limpa-lo coche regularmente forma parte dos coidados básicos para mantelo en óptimas condicións. Trátase dun traballo que debemos realizar regularmente, e non só por motivos de estética. O estado da pintura do coche é a súa tarxeta de presentación, indica cómo se coida por fóra e, no caso de querer vendelo, pode influír no prezo. Algúns costumes moi estendidos para limpa-lo coche, coma o de elixir días cun sol radiante para facelo ou utilizar estacións de lavado que empregan rolos de sedas, resultan desaconsellables.
Cándo e ónde lava-lo coche
- Lava-lo coche regularmente non só mellora o aspecto dun coche, tamén aumenta o seu potencial prezo de revenda.
- Convén lava-lo coche nada máis rematar de usalo, cando a lama e os restos de insectos e demais partículas aínda están brandas, xa que así se desprenderán máis doadamente. Se deixa seca-lo lixo, exponse a que se raie a pintura ou queden manchas nela.
- Non lave o coche baixo o sol, e non pola calor, senón porque o lavado deixará pegadas na carrocería cando seque.
- Procure evita-las estacións de lavado a base de rolos de sedas. Son moi prácticas, pero as máis das veces as sedas de plástico acaban raiando a carrocería. É preferible elixir estacións de lavado dotadas de chorro de auga a presión.
- Sempre que lle sexa posible, lave o seu coche en estacións que dispoñan dun sistema de tratamento de auga por osmose. Este sistema descalcifica, desmineraliza e elimina o cloro da auga, polo que non deixa marcas de cal na carrocería e favorece o secado do vehículo.
De arriba cara a abaixo
- Comece polo teito, para continuar polo capó, a cuberta do maleteiro, un costado, a fronte, o costado restante e as rodas. Seque o coche cunha camuza, asegurándose primeiro de que estea limpa de calquera gran de terra que poida raia-la pintura.
- Se lava o coche á man, esquézase de panos e esponxas, que levantan a pintura ó fretala con diminutas partículas de po e area. Utilice unha mangueira, pero evite que a auga saia con excesiva presión, xa que pode facer que as partículas de lama e area raien o verniz.
- Se é posible, empregue auga morna para o lavado e fría para o aclarado. Nunca auga quente, que pode estraga-la pintura.
- Elimine as manchas de alcatrán cun pouco de alcohol, aclarando despois con auga.
- Para axudar a quita-la lama da parte inferior do chasis e das rodas, pode empregar un cepillo brando. Fregue cando a lama estea xa amolecida pola auga, e sempre cun chorro desta.
- Limpe a fondo as cubertas de goma ou as alfombras (estas por medio do aspirador e aplicándolles de vez en cando un producto adecuado). Amais de mellora-la estética do seu vehículo, poderá comprobar periodicamente o estado da prancha inferior do mesmo.
Gomas, cristais e faros
- As gomas do limpaparabrisas deben estar limpas. Para coidalas, o mellor é pasarlles un pano húmido ou un algodón unha vez por semana. Non esqueza cambialas unha vez ó ano.
- Mellore a limpeza dos cristais engadíndolle un pouco de lavalouzas ó líquido do limpaparabrisas.
- Unha simple capa de po na superficie dos faros pode reduci-la súa eficacia ata nun 10% e a solución é tan sinxela como pasar de vez en cando un pano húmido.