Claves para atinar na elección dun ordenador
A demanda de ordenadores dispárase nas festas de Nadal, e con ela as dúbidas dos consumidores ante un produto rodeado de xigaherzios, megabytes, memoria RAM, TFT, USB, VGA e tecnicismos varios que enchen folletos publicitarios que moitos dos potenciais usuarios non poden interpretar. Pero, tanto hai que saber para atinar na compra dun ordenador? En realidade, os conceptos que cómpre manexar para adquirir un ordenador non son tantos nin tan complicados, aínda que convén distinguir entre os importantes e os que non achegan información útil.
O ordenador
Aínda que por ordenador se entende o conxunto formado pola caixa, a pantalla, o teclado e o rato, en realidade só a “caixa” (ou torre) exerce as funcións de cómputo.
O procesador é o cerebro do ordenador. Das súas capacidades dependerá tanto a velocidade á que funcione como os seus límites para poder executar máis ou menos cousas:
- Núcleo simple/Dobre núcleo: indica se o ordenador ten dous procesadores traballando á vez ou só un. Que un ordenador teña un procesador de dobre núcleo non significa que vaia ter o dobre de capacidade ca un simple, aínda que si que amosará unha mellora notable para realizar operacións complexas. Ademais, evita que se quente máis da conta e facilita a súa refrixeración, polo que alongará máis a súa vida útil. A tendencia actual é que todos os procesadores sexan de dobre núcleo, pero os de núcleo simple aínda son máis baratos e cumpren as expectativas da maioría de usuarios.
- Marca e modelo do procesador: as marcas de procesadores para ordenador máis espalladas son Intel e AMD. As dúas ofrecen excelentes produtos en toda a gama de capacidades e ambas as dúas contan con procesadores de dobre núcleo e de núcleo simple. Para ordenadores de sobremesa, a partir do Pentium III (en Intel) e do Athlon 64 (en AMD) o rendemento é óptimo. En casos concretos, como a edición de vídeo, audio ou os videoxogos de última xeración, hai que tender a modelos superiores.
- A frecuencia de reloxo: é moi común que un dos principais datos que se recalcan en catálogos e publicidade de ordenadores sexa que conta cun procesador de, por exemplo, 2 megaherzios. Este dato refírese á frecuencia de reloxo do procesador, é dicir, a cantidade de información que é capaz de xestionar o procesador por segundo. A súa importancia está sobredimensionada. Para un usuario medio, non é relevante.
- A memoria de segundo nivel: xunto á frecuencia de reloxo, define a eficiencia do procesador. A súa capacidade mídese en megabytes (millóns de bytes, a unidade de información básica máis usada) e sitúase entre os 256 quilobytes e os dous megabytes (dez veces máis). Sempre que se atope entre estes dous parámetros, non haberá problema ningún.
xunto co procesador e o disco duro, a memoria RAM é un dos elementos clave nos que se debe fixar o comprador, xa que indica canta información pode manexar o ordenador á vez. A súa capacidade débese situar entre os 512 e os 2048 Megabytes, en especial para o futuro sistema operativo Windows Vista. Un bo procesador non pode traballar de modo correcto sen unha RAM ampla, aínda que unha RAM excesiva pode sobrequecer un procesador pouco potente (en maior medida se é portátil), polo que convén fixarse en que ambos os dous datos estean compensados.
o disco duro é o grande almacén de datos do ordenador. A súa capacidade mídese en xigabytes (un xigabyte equivale a mil millóns de bytes) e pode alcanzar valores de centos de xigabytes. Un ordenador cun disco duro de 80 xigabytes de capacidade é óptimo para un usuario normal, aínda que por poucos euros máis se chega aos 160 xigabytes (recomendado). A partir de aí o prezo dispárase, polo que unha boa solución para os que desexen gardar moitas películas e música no ordenador é recorrer a un segundo disco duro, que pode ser externo (máis caro).
serve para manter a temperatura do procesador en valores baixos. O mecanismo habitual é un ventilador, que é o principal xerador de ruído. Os modelos de refrixeración líquida son máis eficientes, pero elevan bastante o consumo xeral de enerxía. Non obstante, son recomendables para os videoxogadores que forzan moito o procesador, os comunmente chamados “xogóns”. Tamén son interesantes para os que buscan unha máquina silandeira.
permite conectarse a Internet como para transmitir e recibir datos sen necesidade de cables. Wifi é a tecnoloxía que permite acceder ás redes sen fíos, e é importante contar con ela, sobre todo en portátiles. Bluetooth é a tecnoloxía que pon o ordenador en contacto con dispositivos móbiles como teléfonos ou axendas electrónicas. Non é moi usual atopala integrada no equipo, pero un simple adaptador externo por USB (que non supera os 30 euros) cumpre a súa función.
o lector/gravador adoita selo de CD e DVD. Se é “dual”, tamén chamado “multiformato”, pode ler e gravar os formatos comerciais DVD+/-R. De “dobre capa” significa que pode gravar máis dunha capa de información no disco óptico e polo tanto pode gardar máis datos. É importante que o dispositivo sexa “multiformato” e que cumpra funcións de gravador ademais de lector. Se é de “dobre capa”, pois mellor, pero non é fundamental a non ser que se deba descargar periodicamente o disco duro a causa, por exemplo, dun uso intensivo das redes P2P.
interpreta as imaxes gráficas e é en si mesma un pequeno ordenador con procesador propio. As principais marcas son ATI/AMD, NVIDIA e Intel. Aínda que os ordenadores adoitan dispoñer dunha tarxeta gráfica incorporada de calidade abonda para a maioría das funcións, os usuarios ?xogadores? ou os que utilizan as ferramentas de gráficas a miúdo mercan por separado tarxetas superiores e incorpóranas ás rañuras do ordenador. Hainas nas tendas por 50 euros (abondas para a inmensa maioría) e ata por máis de 1.000 euros.
Os complementos imprescindibles
- A pantalla: hoxe practicamente desapareceron as pantallas “de tubo” (CRT), polo seu excesivo peso e volume. Tomaron o relevo as pantallas planas TFT, moito menos aparatosas e máis descansadas para a vista. Ao principio tiñan problemas de contraste e ángulo de visión, pero a súa visibilidade mellorou nos últimos tempos e os seus prezos baixaron a niveis razoables (por baixo dos 180 euros nas de 17″). O tamaño das pantallas mídese en polgadas de diagonal (“), e, segundo o número destas, o prezo sobe. O normal é moverse nunha marxe de entre 17″ e 20”. Unha pantalla de 17″ polgadas TFT equivale a unha de 19″ CRT.
- O teclado: Aínda que non se repara demasiado nel, é dos máis importantes. Da súa comodidade de uso dependerá que sufran brazos, ombros e, sobre todo, pulsos. É importante a súa forma, o seu tamaño e a separación das teclas, e tamén a súa dureza. Como os colchóns, convén probalo antes de mercalo.
- O rato: Os ratos ópticos substituíron os máis complicados de roda, que sempre hai que andar a limpar, pero precisan superficies opacas e rugosas para funcionaren de modo óptimo. Os ratos sen fíos eliminan o problema do cable, sempre molesto, pero perden a miúdo a conexión, e hai que sintonizalos con demasiada frecuencia. Doutra banda, a forma do rato pode provocar dores en mans e dedos.
Outros complementos interesantes
- A impresora: As tecnoloxías de impresión: o chorro de tinta e a láser. A primeira funciona con cartuchos de tinta e está indicada para a impresión en cor e de imaxes, aínda que os consumibles son caros. Para imprimir textos en branco e negro, a impresión láser é máis barata a longo prazo. Convén lembrar que resulta máis económico levar as fotografías dixitais a revelar a comercios onde conten con máquinas para ese fin.
- As webcam: Cada vez cobran máis importancia, por mor do auxe das videoconferencias de ordenador a ordenador. Hai numerosos modelos a prezos ben baratos (sobre os 15 euros). Non convén gastar excesivo diñeiro nelas, xa que a calidade da imaxe que transmitan depende máis do ancho de banda ca da súa óptica.
E, se compro un portátil?
Se o usuario se decanta por un ordenador portátil porque pensa desprazarse con el dun sitio para outro, terá que ter en conta catro parámetros fundamentais: peso, tamaño, autonomía e conectividade.
No tocante ao peso, hai que ser realistas e non crer que se van poder cargar máis de 3 quilos dun lado para outro. De feito, a partir de 2,5 quilos, xa se considera a un ordenador pesado. Doutra banda, canto máis lixeiro é un ordenador, menos solidez teñen os seus compoñentes e menos durarán, polo que hai que saber atopar un equilibrio entre peso e consistencia. Debe ser abarcable entre os brazos e bo de manexar. A igualdade de calidades, un ordenador máis pequeno terá un sistema de ventilación menos eficiente ca outro con máis espazo interior, polo que se quentará máis e durará menos. Os novos sistemas de refrixeración líquida son máis eficientes en función do tamaño e resultan máis silandeiros, pero consomen máis batería.
A autonomía respecto aos enchufes estará en función da batería, e a súa duración irá en consonancia coa potencia do procesador: a maior potencia, máis gasto. É conveniente pensar en procesadores de potencia media.
Como no portátil non caben todos os elementos dun ordenador de sobremesa, é lóxico que moitos se conecten como periféricos. Por iso, é fundamental que un portátil teña unha elevada conectividade, con numerosos portos e, canto máis variados, mellor. Nun portátil, a conectividade sen fíos (sobre todo Wifi) é fundamental.
Se se desexa un portátil por estética, non hai que ser tan estritos nestes factores, pero convén saber que a iguais condicións cun de sobremesa, sempre son máis caros e tenden a durar menos polos seus problemas de refrixeración.
Un ordenador para cada tipo de usuario
Forzarán a capacidade do procesador ao máximo, xa que os máis avanzados videoxogos son dunha complexidade gráfica e multimedia extrema. Precisarán ordenadores cos máis potentes procesadores (Intel Core 2 Duo Extreme Edition e Athlon 64 FX) e coa máxima capacidade de RAM. A refrixeración, a ser posible líquida, e tarxetas gráficas e de son punteiras. A opción de “sobremesa” é a máis acertada.
Os que manexan inxentes cantidades de música e películas precisan un ordenador con ampla capacidade de disco duro, e con conectividade para adaptar discos duros adicionais e conectarse a Internet sen problemas. Ademais, o seu ordenador deberá ter as maiores posibilidades para gravar DVD nos que ir gardando as películas, a música ou as imaxes. Como en moitas ocasións teñen acendido todo o día o ordenador, o sistema de refrixeración deberá ser bo e silandeiro. Para eles tamén están recomendados os de “sobremesa”.
Os que traballan co equipo (editores de texto, follas de cálculo, bases de dato sinxelas, presentacións…) e mais os que non requiran dotacións especiais (a maioría), poderán optar por un ordenador de capacidades medias. Un portátil pode ser unha opción cómoda e práctica, aínda que convén saber que, a igual calidade, págase de media o dobre de prezo, ao que cómpre engadir un teclado, rato e monitor que fagan máis descansado o seu uso na casa. Na actualidade atópanse no mercado ordenadores máis ca aceptables por 450 euros en sobremesa (con pantalla, teclado e rato), mentres que as mesmas capacidades en portátil se sitúan arredor dos 700 euros.
- Os portos USB son o estándar máis espallado e, polo tanto, cantos máis teña o aparato, mellor. O USB é unha caravilla capaz de transmitir datos e que consume enerxía (polo tanto, algúns periféricos, como algunhas webcams non se teñen que enchufar á rede eléctrica). A tecnoloxía actual é USB 2.0, máis rápida ca a anterior.
- O porto LAN é semellante á caravilla do teléfono, pero de tamaño superior. Serve para conectarse ao router ADSL, ao cable-módem e mais para conectar dous ordenadores entre si.
- Os portos PS2, que están sendo substituídos por portos USB, conectan o rato e o teclado.
- Os portos USB tamén están a substituír os portos do estándar PC99, que serven para as saídas e entradas de audio e que se rexen por un código de cores.
- FireWire é moi similar ao USB e disque mellor, na opinión dos expertos, pero caeu en desuso por políticas comerciais.
- Unha saída VGA (analóxica) para conectar o monitor. Para monitores TFT, pódense utilizar os portos DVI (nin todos os ordenadores nin todas as pantallas os inclúen), que procesan o sinal de modo dixital e aumentan a calidade.
- S-Vídeo, para ver a imaxe do ordenador na televisión.
- O do módem interno, que se conecta co teléfono. En desuso.