A síndrome do glute prohibido
Absorción falida
Todo alimento transfórmase en partículas máis pequenas no proceso de dixestión, e estas partículas (macronutrientes) á súa vez degrádanse en partículas moito máis pequenas (micronutrientes). A súa absorción prodúcese nas paredes intestinais, que teñen unha mucosa recuberta de peluxes semellantes a raíces microscópicas que colgan das paredes. Na persoa con enfermidade celíaca, estas peluxes sofren un proceso inflamatorio, vanse aplanando e desaparecendo nos casos máis graves, co que se altera todo o proceso de absorción dos nutrientes e aparecen unha serie de síntomas intestinais, carenciais e metabólicos.
Herdanza indesexada
A enfermidade celíaca rexistra unha compoñente xenética relevante, que se plasma na especial predisposición dos familiares de primeiro grao. A enfermidade pódese presentar na infancia, cara aos dous anos de idade, tras a introdución de trigo na dieta, pero tamén se pode manifestar con posterioridade e brotar entre os 30 e 40 anos. En moitos casos os síntomas son inapreciables e non se detecta ata que se manifestan as súas complicacións. Pode ser, polo tanto, asintomática durante moitos anos e xurdir como consecuencia dunha infección viral, dunha intervención cirúrxica, dun período de estrés e/ou esgotamento, dun accidente con lesións físicas, etc.
Diarrea e deficiencias nutricionais
A sintomatoloxía máis común adoita ser un cadro de diarrea crónica con perda de peso e adelgazamento, deficiencias nutricionais (anemia, osteoporose, carencia de vitamina K e doutras vitaminas e mais carencia de minerais…). Constatáronse variacións en función da idade en que xorde e da gravidade do cadro. Nos nenos adoitan aparecer diarreas, náuseas, vómitos, atraso no crecemento, pouco peso, mal desenvolvemento da musculatura, irritabilidade, apatía, tristura, introversión, etc. Nos adultos, a máxima incidencia dáse en mulleres de 30 a 40 anos, que padecen fatiga, cansazo, dores abdominais, meteorismo (gases) e flatulencia, anemia ferropénica (por carencia de ferro) e en ocasións estrinximento. Por todo iso, en numerosas ocasións confúndese co colon irritable.
O diagnóstico, o máis axiña posible
Se o diagnóstico da enfermidade é tardío ou se non se traduce nun tratamento axeitado, poden aparecer complicacións a longo prazo: atrofia do bazo, linfomas intestinais, carcinomas do tracto dixestivo, insuficiencia pancreática, e outras. Por iso, é fundamental que se diagnostique o máis axiña posible, aínda que en ocasións é difícil, xa que a sintomatoloxía inicial é pouco específica e común con outros procesos. Pero ante calquera mínima sospeita, hai que realizar o diagnóstico, baseado en probas analíticas e biopsia intestinal.
Eliminación radical, aínda que difícil
Unha vez confirmada a enfermidade, iníciase o único tratamento eficaz: eliminar absolutamente o glute durante toda a vida, xa que unha pequena inxestión abonda para reactivar a enfermidade.
Nos países occidentais non resulta doado contar cunha dieta sen glute, xa que o 75% dos produtos alimenticios manufacturados o conteñen -forma parte dos alimentos como vehiculador de aromas, colorantes, conservantes, espesantes, antihumectantes, etc.-. Na actualidade, consígnase na etiquetaxe a utilización de trigo ou de calquera outro cereal con glute.
Listado de alimentos
A lista de alimentos prohibidos e permitidos é extensa, pero a xeito orientativo pódese resumir en:
/imgs/20061201/img.salud.02.jpg Pans ou produtos enfornados preparados a base de trigo, cebada ou centeo.- Pastas elaboradas a partir de trigo, cebada, centeo ou sémola.
- Aliños para ensalada, o zume das carne, salsas e sopas preparadas con ingredientes que conteñen glute.
- Verduras preparadas con crema, bechamel, ou en empanada.
/imgs/20061201/img.salud.03.jpg Pans e pastas enfornados preparados a partir de fariñas de millo, arroz, soia, patacas.- Cereais preparados con soia, millo descascado, arroz.
- Fideos e outras pastas preparadas mediante arroz.
- Leite e queixo non fundido.
- Millo, arroz, soia.
- Froitas e verduras non industriais, non elaboradas.
- Todas as carnes, polo e peixe.
Elevado prezo, e sen axudas
Na actualidade hai unha ampla oferta de alimentos sen glute, pero co inconveniente do seu elevado prezo e da ausencia de axudas por parte da Administración.
Consellos útiles
- Convén coñecer todos os aspectos relacionados con esta afección, información que achegará o médico, pero que tamén se pode atopar nas asociacións de enfermos celíacos.
- Cómpre manter un contacto periódico co dietista e realizar controis periódicos co especialista, normalmente un gastroenterólogo, para estudar a evolución.
- Hai ocasións en que a restrición do glute non comporta unha mellora sensible. Son poucos casos pero danse: trátase dunha variante de enfermidade celíaca refractaria que require un tratamento con hidrocortisona.
O trastorno inmunolóxico de base que se dá nesta enfermidade condiciona tamén a aparición doutras patoloxías que poden presentarse con anterioridade ou posterioridade á síndrome celíaca:
- Dermatite herpetiforme: dáse no 20% dos celíacos, máis nos adolescentes e adultos novos, que consiste en lesións que producen pápulas (grans) e numerosos proídos.
- Diabete mellitus tipo I, diabete insulindependente: aparece aproximadamente no 8% dos celíacos.
- Síndrome de Down: o 16% dos celíacos padece esta síndrome (unha proporción cen veces maior ca a media).
- Enfermidade tiroidea: detéctase no 14% dos celíacos, e é máis frecuente o hipotiroidismo que o hipertiroidismo.
- Enfermidade hepática: aparece se o celíaco non é tratado. Os casos máis benignos reverten cando se elimina o glute da dieta.