Na lista dos debedores non vale todo

Os rexistros de débedas non pagas están regulados por normas estritas que tratan de evitar abusos, cunha información temporal e modificable, só accesible logo de pagamento e con limitacións
1 Decembro de 2006
Img eco domestica listado 195

Na lista dos debedores non vale todo

/imgs/20061201/img.consejo-del-mes-2.02.jpg

Moroso non é un adxectivo agradable, e peores son as consecuencias para as persoas que aparecen nalgún dos ficheiros de debedores do noso país. Estes listados rexistran a información sobre débedas non pagas facéndollela accesible a empresas e asociados. A morosidade da persoa incluída xa non será coñecida unicamente polo seu acredor, senón por todas as empresas que accedan ao ficheiro para avaliaren a súa solvencia. O principal prexuízo para o afectado plásmase na imposibilidade da contratación de créditos ou outros contratos. Por iso, ningún dato sobre non pagamentos do que se alberguen dúbidas debe aparecer neste rexistro.

Que son os ficheiros de morosos?

Son empresas dedicadas á prestación de servizos de información a outras empresas sobre solvencia patrimonial. Obteñen os datos de non pagamentos e de débedas das súas empresas asociadas ou clientes, que, amais de lles facilitaren os datos dos seus debedores, acceden á información de morosidade doutras persoas para avaliaren a súa solvencia.a

Cando nos poden incluír nun ficheiro de morosos?

Cando llo solicite o acredor ao ficheiro por incorrer o debedor no non pagamento dunha letra da hipoteca, de facturas de subministracións ou da tarxeta de crédito. Só deben ser fichadas débedas certas e veraces, sempre que non haxa dúbidas sobre a súa existencia e exactitude. A débeda debe estar vencida e ser esixible. O acredor débelle reclamar o pagamento ao debedor mediante un requirimento de pagamento antes de incluír o nome do debedor nun ficheiro. Como é o acredor quen lle comunica os datos ao ficheiro, tamén é el quen se debe asegurar de que concorren todos os requisitos. De non ser así, non debe instar a inclusión nun rexistro. Se o fai, cometerá unha infracción.

Hai que avisar o cidadán da súa incorporación ao rexistro?

Para rexistrar o debedor non é preciso o seu consentimento previo, pero o responsable do ficheiro debe avisalo no prazo de 30 días a partir da súa inclusión, informándoo do seu dereito a solicitar información sobre todos os datos recollidos, incluída a súa procedencia.

Como saír dun ficheiro de morosos?

Cancelando os datos, ben sexa porque non concorren os requisitos legais, porque se pagou a débeda ou polo transcurso do prazo máximo legal de seis anos.

A comunicación ao ficheiro de morosos co fin de obter a cancelación dos datos debe efectuala o acredor. A Axencia Española de Protección de Datos establece que o responsable do ficheiro de morosos non ten competencia para modificar ou cancelar os datos inexactos.

Se paga a débeda ou transcorre o prazo hai que solicitarlle ao acredor que inste a baixa ante o ficheiro. O acredor está obrigado a facelo no mínimo tempo posible e no prazo dunha semana como máximo. No caso contrario, cometería unha infracción e podería ser multado.

Daquela, os datos só poden estar rexistrados seis anos?

O cómputo dos seis anos iníciase a partir do momento da inclusión no ficheiro e, en todo caso, desde o cuarto mes, contado a partir do vencemento da obriga incumprida. Xa que logo, o período de seis anos non se refire a un período de permanencia dos datos no ficheiro, senón á antigüidade da débeda.

Que acontece cos fichados con “saldo cero””?

Está prohibido manter a mención “saldo cero” para débedas xa pagas. Se se mantén non se proporciona un reflexo veraz da situación actual do afectado, e lémbranse débedas pasadas. Así que a débeda está paga debe desaparecer toda mención a ela para que a situación do afectado sexa igual á daqueles que nunca estiveron fichados.

Cales son os dereitos do afectado?

Ten dereito ó acceso á información rexistrada e á súa rectificación ou cancelación de ser esta inexacta.

Cal é o primeiro paso para exercer os dereitos?

Primeiro hai que informarse, exercendo o dereito de acceso ante o acredor, que foi quen comunicou os datos ao ficheiro de morosos. Se se descoñece este dato, convén ter en conta que o responsable do ficheiro está obrigado a proporcionarlle ó afectado os datos referentes ao acredor. Este debe resolver nun mes desde a recepción da solicitude. Se a resolución é estimatoria, nos dez días seguintes o acceso debe ser efectivo. Se transcorre o mes de prazo sen resposta expresa ou se lle denegan o acceso ó ficheiro, pode solicitar a Tutela da Axencia Española de Protección de Datos.

Que datos deben proporcionar?

A información dos seus datos de carácter persoal sometidos a tratamento, a súa orixe e as comunicacións realizadas ou que se prevexan facer.

E se os datos rexistrados son erróneos, que se pode facer?

Solicitar a rectificación ou a cancelación dirixíndose de xeito que faga fe ao acredor, que debe modificar ou cancelar os datos do seu propio rexistro dentro dos dez días seguintes á recepción da solicitude e, á súa vez, pedir a cancelación ou rectificación ao responsable do ficheiro de morosos no mínimo tempo posible.

Se o acredor considera que non procede acceder ao solicitado debe comunicarllo ao solicitante en dez días, para que este poida pedir a tutela da Axencia Española de protección de datos. Tamén pode demandar esta tutela se non obtén resposta en prazo.

Consellos
  • Todas as solicitudes deben ser fidedignas e acompañadas de copia do DNI.
  • Para a tutela dos seus dereitos, convén que se dirixa por escrito á Axencia Española de Protección de Datos, entregar a solicitude con copia de todos os escritos enviados, xustificantes de recepción e, de ser o caso, escritos recibidos. Dispón de modelos para exercitar os seus dereitos en www.agpd.es
  • Se o ficheiro non lle notificou a súa inclusión (unha notificación por cada débeda concreta), denúncieo ante a Axencia por unha infracción grave sancionable con multa. Recae sobre o responsable do ficheiro a carga de acreditar a comunicación.
  • Para calquera infracción, realice unha denuncia ante a Axencia con probas. Esta poderá sancionar as condutas infractoras con multas, pero non conceder unha indemnización polos danos causados (danos morais, denegación de empréstitos, etc.). Para iso hai que acudir aos tribunais.