Depósitos menos gravosos, plans de pensións menos rendibles
O 1 de xaneiro de 2007 entrará en vigor unha nova reforma fiscal que afectará en boa medida ao peto dos aforradores. A principal novidade radica en que, coa nova tributación, se equipara a fiscalidade de todos os produtos de aforro. Con independencia do tempo en que se xeren as ganancias (xa sexa mediante un depósito, un fondo de investimento ou un seguro), estas tributarán ao tipo fixo do 18% no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (o IRPF). Este trato igualitario a todas as ganancias de capital, con independencia ata do tempo en que se xeren redunda na aparición de produtos bancarios gañadores e perdedores con estes cambios. As accións, os depósitos bancarios, o investimento en letras ou bonos saen beneficiados, mentres que os seguros de vida e os plans de pensións viron suprimidas ou recortadas as súas vantaxes.
Que activos de aforro saen beneficiados coa reforma?
A partir de xaneiro de 2007 as plusvalías financeiras, é dicir, as ganancias que se obteñen por ter aberto un produto de aforro (unha conta corrente, un depósito, un fondo de investimento, un seguro…), terán un tipo impositivo único do 18%, é dicir, de cada euro de beneficio, Facenda queda con 18 céntimos. Actualmente, as plusvalías destes activos tributan ao tipo marxinal, é dicir, a carga impositiva será variable en función de todas as rendas que se declaran -traballo, patrimonio, actividades económicas- (que a partir de xaneiro irá do 24% ao 43%) se as ganancias se xeraron en menos dun ano e ao 15% se se produciron nun período superior a 12 meses.
Esta medida supón a desaparición das condicións vantaxosas para os produtos que se contratan a máis de dous anos. Polo tanto, xa non haberá vantaxes temporais para os fondos de investimento, das que carecían a maior parte dos depósitos bancarios.
O cambio hai que enmarcalo na actual situación económica. A suba dos tipos de xuro axuda á explosión de novos depósitos. Tamén ten que ver a volatilidade dos mercados financeiros. É lóxico lanzar produtos máis conservadores en etapas con estas condicións. En momentos así moitas persoas saen, por exemplo, de produtos como os fondos de renda variable -máis volátiles- e refúxianse en produtos como os depósitos de alta rendibilidade (que ofrecen un xuro por riba da media do mercado). Así e todo, a principal variable que explica a euforia actual é o cambio fiscal que se producirá o próximo ano. As vantaxes fiscais que na actualidade teñen os fondos fronte aos depósitos desaparecerán. Co proposto tratamento fiscal unitario que entrará en vigor en xaneiro de 2007, os depósitos saen beneficiados.
Que hai que ter en conta ao contratar un depósito?
Ante a reforma fiscal que vai entrar en vigor o próximo ano, as entidades financeiras lanzáronse a ofrecer numerosos depósitos de aforro. Trátase dun produto de éxito para bancos e caixas, que saben que o aforrador español é conservador por natureza. É dicir, que non lle gusta poñer en risco os seus cartos, característica que queda preservada cos depósitos a prazo. Ao peche do 2005, as familias dispuñan de 595.742 millóns de euros investidos neste tipo de instrumentos, un 38,26% máis ca no ano anterior.
De entrada, todos os novos depósitos que se comercializan coinciden en presentar un atraente gancho de inversión: unha alta rendibilidade mensual, que pode alcanzar ata o 12%. Así e todo, convén revisar o resto de condicións da oferta correspondente para que ninguén se engane. Comprobar o prazo, as comisións e o importe máximo no que se permite investir son conceptos básicos para calcular a rendibilidade real que se vai obter con estes produtos. Para descubrir canto ofrece un depósito a un mes, haberá que dividir a remuneración TAE entre doce. No caso dun depósito a un mes ao 10%, a rendibilidade mensual será do 0,833% sobre o diñeiro investido. Se, pola contra, o depósito ofrece un xuro TAE do 10% durante dous meses, a rendibilidade final sería do 1,67% sobre o capital investido.
Cal é a vantaxe dos fondos de investimento?
A nova reforma tributaria manterá nos fondos de investimento a supresión da “peaxe fiscal” por cambiar de produto. É dicir, un aforrador poderá traspasar o seu fondo de investimento a outra entidade ou mesmo cambiar de produto todas as veces que queira sen ter que darlle contas a Facenda por iso. Esta vantaxe permite facer unha xestión dinámica dos investimentos que se irán adecuando segundo as condicións do mercado. Por exemplo, se un aforrador ten un fondo de investimento de renda variable e a Bolsa comeza a caer, pode considerar a opción de mudar a un fondo menos agresivo, como pode ser un de renda fixa mixta. Pola contra, se a Bolsa vai ben (como así se agarda que sexa o ano vindeiro), un investidor que teña na súa carteira un fondo de renda fixa pode concibir a idea de cambiarse a un de renda variable, para intentar “rabuñar” unha maior rendibilidade para o seu aforro.
Que pasa coas accións?
As accións gozarán dun tratamento fiscal moi positivo que permitirá cambiar os investimentos con facilidade. Coa lexislación actual, as plusvalías xeradas nun prazo menor dun ano tributan ao tipo marxinal do imposto de cada contribuínte e intégranse co resto de rendas. A reforma supón a aplicación do 18% ás ganancias bolsistas con independencia do prazo en que se xeren, e, xa que logo, beneficia sobre todo aos que lles guste operar a curto prazo (mercar e vender accións en espazos de tempo curtos). As accións ofrecen tamén a vantaxe engadida de que non están suxeitas a retención fiscal, polo que o aforrador dispón de todo o diñeiro para seguir investindo. Non obstante, o pagamento de impostos aumenta en tres puntos (do 15% ao 18%) se o investidor mantén as súas accións polo menos un ano.
Como afecta a reforma aos plans de pensións?
Un dos produtos que saen peor parados coa nova fiscalidade son os plans de pensións. A próxima lei do IRPF eliminará a partir do 1 de xaneiro de 2007 a redución do 40% se se cobra o plan a xeito de capital. Desaparece, polo tanto, o atractivo destas prestacións, xa que na actualidade, se se percibe nun único pagamento e en diñeiro, sempre que transcorreran máis de dous anos dende que se realizou a última achega, o particular só ten que pagar impostos polo 60% da cantidade, xa que ten unha redución do 40%. A reforma quere incentivar os cobros a xeito de rendas vitalicias, é dicir, que se vaia rescatando o capital acumulado no plan de pensións periodicamente e non de vez.
Doutra banda, a reforma prevé aumentar as achegas anuais máximas deducibles a plans de pensións dende os 8.000 euros actuais ata os 10.000 euros para os particulares menores de 50 anos. A partir desa idade, o tope máximo será de 12.500 euros anuais. En calquera caso, as achegas máximas fixadas (10.000 e 12.500 euros) non poderán superar o 30% das rendas activas do contribuínte, é dicir, as derivadas do traballo ou actividades empresariais. Esa porcentaxe elévase ata o 50% para os maiores de 50 anos. Estas achegas máximas fixadas establécense como o límite conxunto para os plans de pensións privados e os de emprego (todas estas achegas reducen a base impoñible do contribuínte e, con iso, o importe final dos impostos a pagar).
E a vivenda e as hipotecas?
A reforma fiscal tampouco lles sentará ben a aqueles contribuíntes que estean a piques de formalizar unha hipoteca para mercar a vivenda habitual ou que acaben de facelo. A lei manterá as deducións de ata 9.015 euros anuais na adquisición de vivenda por contribuínte e ano. Non obstante, Facenda fixa unha porcentaxe de dedución única para toda a vida do empréstito hipotecario. Elimínanse, polo tanto, as porcentaxes actuais que incrementan a dedución para a metade do investimento (4.508 euros por contribuínte) ao 25% para os primeiros dous anos e ao 20% para os dous seguintes.
Doutra banda, quedarán exentas as rendas por alugueiro de vivenda para os menores de 25 anos, unha boa nova para os máis novos.
FISCALIDADE ACTUAL E FUTURA DO AFORRO
Situación actual
Produtos | Ata 1 ano | Entre 1 e 2 anos | Máis de 2 anos | Máis de 5 anos | Máis de 8 anos |
---|---|---|---|---|---|
Accións | 15%-45% | 15% | 15% | 15% | 15% |
Fondos de investimento | 15%-45% | 15% | 15% | 15% | 15% |
Depósitos | 15%-45% | 15%-45% | 9%-27% | 9%-27% | 9%-27% |
Renda fixa | 15%-45% | 15%-45% | 9%-27% | 9%-27% | 9%-27% |
Seguros | 15%-45% | 15%-45% | 9%-27% | 3,75%-11,25% | 3,75%-11,25% |
Unit-Linked | 15%-45% | 15%-45% | 9%-27% | 3,75%-11,25% | 3,75%-11,25% |
Reforma 2006
Producos | Asta 1 ano | Entre 1 e 2 anos | Máis de 2 anos | Máis de 5 anos | Máis de 8 anos |
---|---|---|---|---|---|
Accións | 18% | 18% | 18% | 18% | 18% |
Fondos de investimento | 18% | 18% | 18% | 18% | 18% |
Depósitos | 18% | 18% | 18% | 18% | 18% |
Renda fixa | 18% | 18% | 18% | 18% | 18% |
Seguros | 18% | 18% | 18% | 18% | 18% |
Unit-Linked | 18% | 18% | 18% | 18% | 18% |
% de tributación aplicado sobre as ganancias xeradas polo produto.
FONTE: ELABORACIÓN PROPIA
Na declaración da renda é importante coñecer cál é o tipo marxinal de cada contribuínte, que é o que grava a totalidade da renda, é dicir, os rendementos procedentes do traballo persoal, do capital mobiliario e inmobiliario e das actividades económicas (que teñen a súa orixe en actividades profesionais ou empresariais), e mais as ganancias e as perdas de patrimonio da persoa. Como o IRPF é un imposto progresivo, canto maior sexan as rendas obtidas, maior será a porcentaxe destas que haberá que destinar ao pagamento de impostos.
Unha das novidades máis destacadas da reforma do IRPF que entrará en vigor en 2007 é que se elevou o tramo mínimo que se lles aplica aos contribuíntes que teñan os ingresos máis baixos, e reduciuse para os que teñen as ganancias patrimoniais máis elevadas. É dicir, a partir de xaneiro de 2007, para calcular a porcentaxe en impostos que cada cidadán lle debe pagar a Facenda en función das súas rendas totais haberá que ter en conta a seguinte escala:
- Os contribuíntes con rendas ata 17.360 euros deberán pagar un 24% en impostos. Os que reciban rendas entre 17.360 e 32.360 euros pagarán un 28% en impostos. Os que gañen entre 32.360 e 52.360, un 37%, e os que obteñan rendas por máis de 52.360 euros aboarán o 43%.
En resumo, o tipo marxinal máximo redúcese dous puntos ata o 43%, mentres que o mínimo pasa do 15% ao 24%.
O novo IRPF
FONTE: Ministerio de Economía e Facenda
Especifidades no País Vasco e Navarra
No País Vasco, a lexislación fiscal desenvólvena as Deputacións Forais de Álava, Guipúscoa e Biscaia, polo que nalgúns aspectos varía das normas aplicadas no territorio común. Para o 2007, a principal novidade acordada polo órgano de coordinación tributaria (OCT), que axunta Goberno vasco e Deputacións, é unha nova táboa de tipos marxinais, cun mínimo do 23% e un máximo do 45% (no territorio común vai do 24% ao 43%). Non obstante, todos os contribuíntes vascos terán unha dedución directa na cota de 1.250 euros, o que reduce na práctica o tipo mínimo a aproximadamente un 15% da tributación.
No tocante á tributación do aforro, na comunidade autónoma do País Vasco tamén se aplicará a dedución do 18% sobre as ganancias patrimoniais (fondos de investimento, dividendos, accións, etc.). En canto á adquisición de vivenda, non hai cambios significativos: o País Vasco segue mantendo o límite dos 180.000 euros como a cantidade que se pode desgravar en vivenda en toda a vida do contribuínte.
No que atinxe a Navarra, comunidade que tamén conta coa potestade de desenvolver a lexislación fiscal, ao peche desta edición aínda non se tomara a decisión definitiva.