Blog: A Fragua / Videoxogo multixogador online / Vídeo: "Nove meses de xestación" / De compras alternativas online

1 Decembro de 2006
Img internet listado 317

Blog: A Fragua / Videoxogo multixogador online / Vídeo: "Nove meses de xestación" / De compras alternativas online

CADA MES UN BLOG:

A Fragua

“A Fragua” é o blog de Antonio Fraguas Garrido, xornalista dixital e fillo do coñecido humorista Forges. Este blog, máis que de periodismo puro e duro, vai de casualidades cotiás, de reflexións persoais e de observacións que o autor fai a pé de rúa. Como tamén inclúe fotografías, pódese denominar “fotoblog”, é dicir, un blog con ilustracións gráficas. Tal como indica a cabeceira da páxina (“Estratexias para aceptar a morte. Pensamento absurdo. Política en sentido grego. Coidado dun mesmo”), “A Fragua” é unha bitácora na que o autor reflexiona sobre os grandes temas que lle preocupan ao cidadán dunha urbe como Madrid, e faino paseando polo asfalto e observando, ou tamén co mando do televisor na man, facendo “zapping” e destacando o bo ou o malo que poida atopar na “caixa parva”. De paso, o autor da “Fragua” non perde a oportunidade de reflectir a actualidade xornalística, salientando as novas que coida máis relevantes.

O CONCEPTO DO MES

Videoxogo multixogador online

A máis da xente entende o concepto de videoxogo como un programa moi sofisticado que se activa introducindo un CD nun ordenador ou unha consola de videoxogos e que, con posterioridade, se plasma en imaxes nun monitor e que se manexa ou ben cun control do comandos ou ben co teclado do ordenador. Non obstante, este concepto está a evolucionar profundamente en dous sentidos. Ata hai pouco podían participar como moito dous contendentes nun mesmo videoxogo, e este quedaba limitado á capacidade de almacenamento de información do disco óptico (4,7 Gigabytes). Agora ben, a variante de videoxogo multixogador online supón que o xogo non se “carga” desde un disco óptico, senón que se accede a el desde Internet, posto que é alí onde está aloxado. O xogador paga unha cota mensual para poder xogar. Doutra banda, que o xogo estea en rede permite interactuar a numerosos xogadores á vez, xa que todos acceden á vez ao mesmo sitio web. As posibilidades do xogo multiplícanse e a personalidade de cada xogador debe estar perfectamente perfilada para distinguirse dos demais. En resumo, o xogo desenvólvese nunha auténtica realidade virtual, que está xa a xerar millóns de dólares en poxas de créditos para xogar ou na publicidade que algunhas empresas introducen nos videoxogos. Como máximos expoñentes desta modalidade están Second Life (onde o xogador recrea literalmente unha segunda vida virtual) ou Word of Wardcraft (que se desenvolve nun mundo en guerra permanente).

O VÍDEO DO MES

“Nove meses de xestación”

/imgs/20061201/img.nntt.03.jpg Unha nova moda en Youtube.com é facerse unha ou máis fotos diarias durante un ano e posteriormente xuntalas nunha videomontaxe para que se vexa a “evolución física” da persoa durante este período de tempo. Hai xente que se fotografa a cara, outros o xersei ou o pelo. A autora do vídeo fotografou a evolución da súa barriga durante a xestación do seu embarazo ata o final. O vídeo remata felizmente co bebé nos brazos.

NAVEGAR Á CARTA:

De compras alternativas online

Un dos efectos da Rede e da cultura Web 2.0 (ou Internet Social) foi a explosión DIY, sigla que corresponde á expresión Do It Yourself -Faino ti mesmo- e o revival das prendas e dos obxectos exclusivos, creados ça man. Estes son algúns dos sitios onde se poden atopar cousas interesantes.

/imgs/20061201/img.nntt.04.jpg

Etsy

: En Etsy pódese mercar e vender practicamente calquera cousa, sempre que se fixera ou modificara a man, ou ben se se trata dunha peza exclusiva e orixinal e, polo tanto, difícil de atopar noutra tenda. As estrelas son os complementos de punto (bolsos, luvas e gorros), os cadernos e o papel pintado; os bonecos de croché e de felpa e os screen prints, unha modalidade de impresión sobre tea con efectos moi interesantes.

/imgs/20061201/img.nntt.05.jpg

Cafepress:

Cafepress foi a primeira páxina web en pensar que o mellor modelo de camiseta que un usuario pode ter é o que deseña el mesmo. Baixo esa premisa lanzaron o seu negocio á Rede esperando ter éxito. Non se trabucaron e, desde a súa aparición en 1999, a empresa medrou ata chegar aos dous millóns e medio de socios. O usuario pon o logo e eles poñen a tea. Outras empresas seguiron o seu exemplo con éxito dispar.

/imgs/20061201/img.nntt.06.jpg

Shoppify:

Trátase dunha empresa que ofrece un equipo matriz con todas as ferramentas para deseñar tendas online; algo así como o que o sitio web Blogger significa para os blogs. O usuario elixe un dos deseños propostos (hai seis) ou modifícaos cun editor especial moi sinxelo. Unha vez rematada a decoración da tenda, abonda con subir as fotos dos produtos ao servidor e arrastralas aos departamentos correspondentes, cos prezos de compra e envío. Shopify cede o servizo e o ancho de banda e ocúpase de todas as transaccións bancarias, desde o pagamento con tarxeta ata as contas de Paypal.