Separacións nutricionais pouco recomendables
Cales son as dietas disociadas máis coñecidas?
O presidente da Fundación Española da Nutrición, Gregorio Varela, xunto a outros prestixiosos expertos, publicou en 1999 un traballo de investigación e revisión que indaga e explica as particularidades das dietas máxicas, entre elas as dietas disociadas máis coñecidas; a do doutor Hay, a do doutor Shelton, o réxime de Antoine, e mais o do popular Michel Montignac.
Nin xuntos nin remexidos
Os científicos, pouco convencidos
Se se analiza a fondo a teoría da dieta disociada baseada en non combinar proteínas e graxas con hidratos de carbono, o seu seguimento só se pode cualificar como utópico. A razón: non hai alimentos puros nun nutriente que só conteñan hidratos de carbono ou só teñan proteínas ou graxas. Os alimentos son o resultado dunha combinación de diversos nutrientes en distintas proporcións, o que pon en evidencia o fundamento científico do que parten estas dietas disociadas. Velaquí dous exemplos:
- o leite, que nas dietas disociadas se clasifica como alimento proteico (e éo), tamén contén certa cantidade de azucres (lactosa) e de graxa se é leite enteiro ou semidesnatado.
- os legumes son tamén outro exemplo de alimento cunha concentración alta de hidratos de carbono e unha nada desprezable achega de proteínas.
O noso sistema dixestivo -en condicións de boa saúde- está perfectamente deseñado para dixerir e absorber en cada un dos seus niveis os diferentes nutrientes que compoñen os alimentos, tomados de maneira illada ou conxunta. É certo, como sinalan os defensores das dietas disociadas, que as encimas dixestivas, as substancias que transforman os macronutrientes dos alimentos -hidratos de carbono, proteínas e graxas- en moléculas máis pequenas -glicosa, aminoácidos e ácidos graxos libres- para que poidan ser absorbidas, son específicas para cada nutriente. Non obstante, son quen de actuar de forma conxunta.
A Fundación Española da Nutrición deixa clara a súa postura respecto ao réxime de Montignac, un dos modelos de dieta disociada máis espallado, que “se” basea en premisas falsas, como que a causa dun exceso de peso se debe en todos os casos a un funcionamento defectuoso do páncreas [o órgano que se encarga de producir insulina]”.
A evidencia científica non deixa lugar a dúbidas; a obesidade é unha enfermidade crónica multicausal e o seu tratamento cómpre enfocalo segundo a súa etioloxía (as súas causas), que en moitos casos si está asociada a desordes endócrinos como o hiperinsulinismo -tal e como explica Montignac-, pero tamén se debe a factores xenéticos, a malos hábitos alimentarios e de vida (sedentarismo), a trastornos nerviosos -ansiedade, depresión-, etc.
Ten unha dieta disociada efectos saudables?
A realidade que nos atopamos na rúa é que millóns de persoas seguiron dietas disociadas e estas funcionáronlles, acadaron o obxectivo que perseguían, que as máis das veces se resume en perder peso. Daquela, ten unha dieta disociada efectos saudables? Así e todo, a pregunta que cumpriría formular é outra: é necesario facer unha dieta disociada para manterse san, para perder peso?
Se temos claro que as dietas disociadas se fundamentan en conceptos de Nutrición mal definidos e inconclusos, a resposta sería ?non?. Non é necesario nin estaría xustificado facer unha dieta disociada do xeito estrito en que a formulan os seus creadores. Pero si se poden obter beneficios cunha acertada combinación de alimentos.
Pode ser unha dieta disociada equilibrada?
Se a dieta disociada cumpre con estes requirimentos -e para coñecer estes datos requírese o asesoramento dunha persoa experta en Nutrición-, tamén pode ser equilibrada, aínda que a distribución de nutrientes ao longo do día sexa diferente ó convencional.
En principio, disociar a dieta non ten por que ocasionar maiores problemas de saúde se se atende á letra grande, é dicir, a non mesturar hidratos de carbono con proteínas e a realizar 5-6 comidas ó día, incluíndo todo tipo de alimentos, aínda que non sexa conxuntamente. Deste xeito cómese de todo ao longo do día e non se corre o risco de padecer deficiencias nutricionais.
Así e todo, se sabemos que unha dieta equilibrada convencional, caracterizada por unha distribución tradicional dos alimentos, é efectiva para garantir a perda de peso e mais para acadar un bo estado de saúde e benestar, convén facérmonos a seguinte pregunta: por que recorrermos a unha dieta disociada?
Do mesmo xeito que confiamos nos médicos todas as cuestións relacionadas coa nosa saúde, en cuestión de cambio de dieta o consello saudable é o de deixarse guiar por expertos no tema, que, logo dunha exhaustiva análise dos nosos hábitos alimentarios, de saúde e de estilo de vida, nos formularán o modelo dietético máis axeitado para a nosa situación particular.
Perder peso
En moitos casos de obesidade -pero non en todos-, os mecanismos hormonais do individuo para regular a glicemia non son eficientes, e parte da glicosa que circula polo sangue transfórmase en triglicéridos (graxas) que se acumulan no tecido adiposo.
Polo tanto, unha postura razoable e saudable para perder peso consiste en “disociar” a cea -non necesariamente toda a dieta- e facela a base de vexetais e alimentos proteicos -carnes magras, peixes, ovos, xamón…-, obviando os que achegan hidratos de carbono -pan, arroz, pasta, patacas e legumes-, ou consumindo estes últimos -mellor as súas versións integrais- en pequena cantidade, sempre e cando se tomaran na súa xusta medida ao longo do día.