Ferros alisadores de cabelo

Un dos baratos, o que máis gustou

Moi diferentes en prestacións, o prezo non sempre é determinante para indicar a súa calidade
1 Marzo de 2008

Un dos baratos, o que máis gustou

Os ferros de cerámica para o cabelo acadan os mesmos ou mellores peiteados ca os tradicionais doutros materiais, pero fano sen maltrataren o pelo. Cos antigos ferros de pasar eléctricos era habitual queimar o cabelo ou que as puntas se abrisen. En cambio, os ferros cerámicos (ou recubertos deste material) dan alisado e peiteado o pelo de xeito máis suave e delicado.

Logo de seren analizados no laboratorio, sometéronse a unha proba de uso oito ferros alisadores de cabelo de cerámica ou recubertos dese material que custan dende os 26 euros de Taurus JDL-JDL-50E aos 65 euros de Babyliss C-C-51B. A mellor relación calidade-prezo corresponde ao de Solac, un dos ferros máis baratos (35 euros), o mellor valorado na proba de uso (8,1 puntos sobre 10) e o que máis consumidores mercarían despois de o probaren (o 86% adquiriríano), se ben non dispón de selector de temperatura e tarda moito en alcanzar a temperatura de uso. Outra opción interesante é Philips HP4667, o de maior calidade (quece decontado e acada a temperatura máis alta) e que lles gustou aos consumidores tanto coma Solac, aínda que, iso si, é máis caro: custa 50 euros.

Características técnicas

Os oito ferros ofrecen manuais claros e con toda a información necesaria para o seu coidado, mantemento e utilización. Tamén os seus documentos de garantía se ateñen ao mínimo legal: dous anos nos que o consumidor está cuberto ante fallos de orixe. Braun é o única que non indica o teléfono nin outros datos de contacto do seu servizo de asistencia técnica, pero este punto non é obrigatorio por lei.

É habitual que estes pequenos electrodomésticos se utilicen no cuarto de baño, un ámbito de por si inseguro para os aparellos eléctricos, polo que a súa axeitada robustez e illamento eléctrico son esenciais. As probas de seguridade que deben superar os ferros comproban a construción xeral destes equipos e miden a rixidez dieléctrica, isto é, a tensión máxima que poden aturar os seus illamentos sen perderen as súas calidades. Tamén se calcula a corrente de fuga (a corrente que en condicións normais “sae” do aparello: canto menor sexa esta corrente de maior calidade será o equipo). Todos obtiveron uns valores moi por baixo dos límites, polo que superaron con folgura estas probas. Remington, Babyliss e Philips inclúen un temporizador de apagado, que ao cabo de aproximadamente unha hora desconecta o aparello. Este mecanismo de seguridade foi moi ben valorado polos consumidores que probaron estes ferros. Babyliss, Taurus e Braun son os únicas sen un peche de seguridade para impedir que os ferros se abran cando non estean en uso.

As placas de Solac, Babyliss, Taurus e Palson están confeccionadas integramente en cerámica e as de Philips, Remington, Braun e Rowenta só están revestidas deste material, o que non indica que sexan peores, como demostraron as probas de laboratorio. Philips afirma estar fabricado integramente en cerámica, cando só está revestido de cerámica, polo que suspende en información ao consumidor. Braun tamén suspende polo mesmo motivo, pero, polo menos, indica no seu manual (non na súa embalaxe) a súa composición real.

O peso: canto menos pesen, máis cómodos serán de utilizar. Os máis lixeiros foron Braun (335 gramos) e Taurus (372 gramos), mentres que os máis pesados dobraron eses valores: Palson (685 g) e Rowenta (663 g). Rowenta ten a maior superficie de alisado (59,6 cm2) e Taurus, a menor (25,3 cm2), pero esa superficie pódese conseguir cuns ferros máis longos e máis estreitos ou con outros máis curtos e anchos. Uns ferros longos reducen o número de pasadas (poden alisar máis pelo en cada pasada) e os máis estreitos permiten peiteados máis precisos. As placas máis longas son Solac (106 mm) e Rowenta (100 mm), mentres que as máis curtas son Braun (81 mm) e Babyliss (85 mm). No tocante á súa anchura, as máis estreitas son as de Taurus (28 mm) e as máis anchas as de Rowenta (60 mm).

Cuestión de calidade

Un cable que sexa longo facilitará o uso do equipo. Os de maior lonxitude son os de Solac e Remington, os dous miden tres metros, seguidos de Palson, con 2,60 metros, mentres que o resto quedou por baixo dos dous metros. No tocante á calidade dos cables, os de Taurus e Palson son de polímero reticulado, máis resistente á temperatura (e máis caro) ca o PVC, material que usa o resto. A conexión do cable non é pivotante en Palson e Rowenta, o que fai algo máis incómodo o seu uso.

Solac, Taurus e Palson non permiten controlar a temperatura dos ferros. Braun ofrece un selector de temperatura analóxico (unha ruleta, que permite subir ou baixar a temperatura) e Rowenta conta cun selector de só dúas posicións. Os controis de temperatura de Remington, Babyliss e Philips (os tres equipos máis caros) son dixitais.

En canto aos accesorios incluídos, Remington é o máis completo, xa que ofrece unha funda e un estoxo para gardar os ferros e un DVD no que se explica como tirar todo o partido do aparello. Babyliss e Solac só inclúen unha funda e Palson un cepillo. Nas outras catro, só viñan as pranchas.

O ferro que menos electricidade consume ata que alcanza a temperatura de uso é Braun, con 2,9Wh, seguido de Philips (3,6 Wh), Taurus (4,4 Wh) e Remington (4,6 Wh). Palson necesita moita máis electricidade para o mesmo fin: 20,3Wh. Pero, como a temperatura de uso é diferente en cada equipo, quíxose ponderar cal é máis eficiente e menos enerxía malgasta. Os máis eficientes demostraron ser Braun (61 ºC/Wh) e Philips (54 ºC/Wh). E os que máis electricidade necesitan para xerar calor foron Palson (11 ºC/Wh), Rowenta (14 ºC/Wh) e Solac (21 ºC/Wh).

Se ben non hai unha norma que indique cando un ferro de pasar eléctrico arrefriou abondo como para non resultar perigoso, cóidase que por baixo dos 60 ºC xa se poden tocar as partes metálicas dun electrodoméstico durante un curto período de tempo sen sufrir queimaduras. Quentáronse os ferros ata a súa temperatura máxima e apagáronse para comprobar canto tardaban en chegar a 60 ºC: os máis rápidos son Braun, que necesitou 16 minutos e Taurus, con 18 minutos. Palson e Rowenta precisaron máis de media hora ata que foi seguro tocalos.

Exame práctico

Trinta mulleres que eran usuarias habituais de ferros de pasar eléctricos para alisar o pelo probaron estes oito equipos e valoraron unha trintena de elementos do 1 ao 10. Para evitar apriorismos e prexuízos foi unha proba “cega”, é dicir, borráronse as súas marcas.

Cando se lle pediu a cada consumidora que puxese unha nota global a cada equipo, o mellor valorado foi Solac, con 8,1 puntos sobre 10, seguido de Philips (7,9 puntos) e Remington (7,8 puntos). Palson foi o que menos gustou, con 5,6 puntos. Solac e Philips destacaron especialmente nas probas sobre o cabelo. Tamén se lles preguntou ás trinta mulleres se mercarían cada ferro: un 86% dixo que adquirían o de Solac, e un 85% o de Philips. Palson (só o mercarían un 14%), Taurus (23%) e Rowenta (29%) foron os que a menos potenciais compradoras convenceron.

En moitos apartados os oito ferros acadaron resultados positivos e semellantes, pero Remington destacou pola presentación dos ferros (8,9 puntos) e polo axiña que quecía (8,5 puntos). En Philips gustou o seu sistema dixital para controlar a temperatura (8,9 puntos) e a calor que era capaz de dar. Palson suspendeu en ergonomía polo incómodo da situación do seu cadro de mandos. En Taurus, Palson e Solac non gustou que non tivesen control de temperatura. Rowenta, Philips, Taurus e Palson din nas súas embalaxes que amais de alisaren o pelo permiten facer rizos e ondulacións, pero as consumidoras non consideraron que cumprisen de maneira satisfactoria con estes outros labores.

No laboratorio

As diferenzas foron substanciais na temperatura máxima que alcanzan estes equipos e o tempo que necesitan para chegaren a ela. O ferro que chega a unha temperatura superior é Philips, con 251 ºC. Ademais, é o que menos tarda en alcanzar esa cota: pouco máis de tres minutos. Remington tamén demostrou unha excelente aptitude e alcanzou os 233 ºC en apenas 4 minutos. Taurus, en cambio, necesitou 46 minutos para chegar a 155 ºC. Pero hainos que precisan aínda máis tempo para alcanzaren a súa temperatura máxima: Rowenta (110 minutos para 198 ºC) e Palson (107 minutos para 239 ºC). Pero, poucas veces o usuario necesitará a temperatura máxima, por iso tamén se mediu a temperatura media se o equipo está unha hora aceso. E considerouse que a temperatura á que se poden empezar a utilizar era ao 95% dese valor. A temperatura de uso máis alta son as de Palson (227 ºC) e Solac (221 ºC). Taurus, con 147 ºC de temperatura de uso, quedou no peor valor. E, confirmárono as consumidoras cando afirmaron que é o ferro co que máis pasadas hai que dar para dar alisado o cabelo.

Unha das queixas máis recorrentes dos usuarios destes equipos é o tempo que deben agardar dende que os conectan ata que quecen abondo para seren utilizados. Por iso, calculouse canto lle levaba a cada ferro chegar á súa temperatura de uso: Philips apenas necesitou un minuto e Remington minuto e medio. Palson (15 minutos), Solac (13,8 minutos) e Rowenta (13,5 minutos) precisaron de bastante máis tempo.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse oito ferros de pasar eléctricos de cerámica para alisar o pelo que custan dende os 26 euros de Taurus JDL-JDL-50E ata os 65 euros de Babyliss C-C-51B. Os ferros de cerámica, máis modernos, permiten alisar o cabelo sen o danaren tanto coma os ferros doutros materiais.
  • Que sexan integramente de cerámica ou que só estean revestidos dese material non afectou á calidade, pero Braun e Philips suspenden por non indicaren de xeito adecuado que só están revestidos.
  • Unha maior anchura e superficie de alisado non significa que sexa mellor. A razón: un ferro estreito permite peiteados máis precisos.
  • Palson é o que máis electricidade consume: 20,3 Wh. E os que menos, Braun (2,9 Wh) e Philips (3,6 Wh).
  • Rowenta ofrece un selector de temperatura de só dúas posicións, Braun unha ruleta analóxica para o mesmo fin e Remington, Babyliss e Philips contan con selectores dixitais.
  • Philips só precisa un minuto para chegar á súa temperatura de uso, mentres que Palson require un cuarto de hora. O que alcanza unha temperatura superior é Philips, con 251 ºC, e o que menos, Taurus, con 155 ºC.
  • Na proba práctica, Solac foi o mellor valorado, con 8,1 puntos sobre 10, seguido de Philips (7,9 puntos) e Remington (7,8 puntos). Palson quedou en 5,6 puntos. En intención de compra, tamén Solac e Philips destacaron: mercaríanos o 86% e o 85% das enquisadas.
  • A mellor relación calidade-prezo é Solac, un dos máis baratos (35 euros) e o mellor valorado na proba de uso (8,1 puntos sobre 10). Outra opción interesante é Philips, de maior calidade pero máis caro (custa 50 euros), que quece decontado e alcanza a temperatura máis alta, aínda que suspende en información ao consumidor.
Marca Solac Philips Remington Braun
Modelo PP7210 HP4667 S-1032 3543
Prezo (euros / unidade) 34,95 49,93 63,97 35,18
Información ao consumidor Correcto Incorrecto Correcto Incorrecto
Seguridade eléctrica Correcto Correcto Correcto Correcto
Aspectos técnicos
Peso (g) 546 493 572 335
Sistema de control de temperatura Non Si (dixital) Si (dixital) Si (control rotativo)
Temporizador de apagado Non Si (60 min.) Si (60 min.) Non
Dimensións das placas calefactoras (mm) 36 x 106 45 x 90 55 x 88 39 x 81
Superficie das placas calefactoras (cm2) 37,8 40,7 48,4 31,5
Lonxitude útil do cable (cm) 301 181 296 194
Tipo de cable 1 PVC PVC PVC PVC
Conexión pivotante Si Si Si Si
Peche de seguridade de pinzas Si Si Si Non
Tipo de placas calefactoras Cerámica e turmalina Revestidas de cerámica 6 Revestidas de cerámica turmalina e teflón Revestidas de cerámica 7
Accesorios Funda Un estoxo, unha funda e un DVD
Medida de prestacións
Temperatura máxima (ºC) 233 251 233 200
Tempo ata temperatura máxima(min.) 85,7 3,2 3,8 41,2
Temperatura media (ºC) 2 233 205 203 188
Temperatura de uso (ºC) 3 221 195 193 179
Tempo de espera ata uso (min.) 13,8 1 1,5 2,2
Consumo enerxético (Wh) 4 10,8 3,6 4,6 2,9
Eficiencia enerxética (ºC/Wh) 5 21 54 42 61
Tempo de arrefriamento (min:s) 24:50 25 22:10 16
Test de uso
Grao de satisfacción (de 1 a 10) 8,1 7,9 7,8 7,4
Preferencia de compra (%) 86 85 69 67
Marca Babyliss Taurus Rowenta Palson
Modelo C-51B JDL-50E CF7500 30717
Prezo (euros / unidade) 65,33 26,23 39,60 33,90
Información ao consumidor Correcto Correcto Correcto Correcto
Seguridade eléctrica Correcto Correcto Correcto Correcto
Aspectos técnicos
Peso (g) 550 372 663 685
Sistema de control de temperatura Si (dixital) Non Si (dúas posicións) Non
Temporizador de apagado Si (74 min.) Non Non Non
Dimensións das placas calefactoras (mm) 36 x 85 28 x 91 60 x 100 45 x 95
Superficie das placas calefactoras (cm2) 30,3 25,3 59,6 43,1
Lonxitude útil do cable (cm) 173 196 181 256
Tipo de cable 1 PVC Pol?mero reticulado PVC Pol?mero reticulado
Conexión pivotante Si Si Non Non
Peche de seguridade de pinzas Non Non Si Si
Tipo de placas calefactoras Cerámicas Cerámicas Revestidas de cerámica Cerámicas
Accesorios Unha funda Un cepillo
Medida de prestacións
Temperatura máxima (ºC) 226 155 198 239
Tempo ata temperatura máxima(min.) 5,2 46,3 110,2 107,3
Temperatura media (ºC) 2 219 155 198 238
Temperatura de uso (ºC) 3 208 147 188 227
Tempo de espera ata uso (min.) 2,7 8,2 13,5 15
Consumo enerxético (Wh) 4 6 4,4 13,7 20,3
Eficiencia enerxética (ºC/Wh) 5 35 34 14 11
Tempo de arrefriamento (min:s) 26:50 18:20 31:10 33:20
Test de uso
Grao de satisfacción (de 1 a 10) 7,6 6,3 6,4 5,6
Preferencia de compra (%) 71 23 29 14

(1) O cable recuberto de polímero reticulado é máis resistente á temperatura e máis caro ca o de PVC.

(2) Conectáronse os ferros e mantivéronse acesos durante unha hora, tempo tras o cal se calculou a súa temperatura media.

(3) Considerouse que se podía comezar a utilizar os ferros ao 95% da temperatura media.

(4) Consumo enerxético ata alcanzar a temperatura de uso.

(5) É a relación entre a temperatura de comezo de uso e a enerxía consumida ata alcanzala.

(6) Indica que é integramente de cerámica, cando non o é.

(7) Na súa embalaxe indica que é integramente de cerámica, pero o manual corríxeo.

Un a un

Un a un, 8 ferros alisadores de cabelo

SOLAC PP7210

  • A mellor relación calidade-prezo.
  • Placas de cerámica con incrustacións de turmalina. Sen selector de temperatura. O cable máis longo (301 cm). Inclúe unha funda.
  • Proba práctica: 8,1 puntos de 10. O 86% dos que participaron na proba mercaríano.
  • Excelente rematado e moi eficaz. Dá alisado o pelo con suavidade, brillo e sedosidade.

PHILIPS HP4667

  • Prezo: 49,93 euros.
  • Outra opción interesante.
  • Placas revestidas de cerámica, cando di que son integramente deste material, polo que suspende en información ao consumidor. Selector de temperatura dixital e temporizador de apagado. O que maior temperatura alcanza (251 ºC) e máis axiña chega a ela (3,2 minutos).
  • Proba práctica: 7,9 puntos de 10. O 85% mercaríano. Moi efectivo. Alisa de xeito suave, deixando o pelo sedoso, con brillo e luminosidade. Axeitado para pelos “rebeldes”, pero pode provocar certo encrespamento.

REMINGTON S-1032

  • Prezo: 63,97 euros.
  • Placas revestidas de cerámica con incrustacións de turmalina e teflón. Selector de temperatura dixital e temporizador de apagado. Inclúe un estoxo, unha funda e un DVD.
  • Proba práctica: 7,8 puntos de 10. O 69% mercaríano. O pelo queda suave, sedoso, liso e con brillo. Difícil para facer rizos.

BRAUN 3543

  • Prezo: 35,18 euros.
  • Placas revestidas de cerámica, cando na súa embalaxe (non no seu manual) di que son integramente deste material, polo que suspende en información ao consumidor. Selector de temperatura de ruleta. O máis livián (335 gramos). Sen peche de seguridade. O de menor consumo (2,9 Wh) e mellor eficiencia enerxética (61 ºC/Wh). O que arrefría máis decontado (16 minutos).
  • Proba práctica: 7,4 puntos de 10. O 67% mercaríano. O pelo queda suave, sedoso e brillante, pero deixa demasiado volume e hai que dar moitas pasadas para conseguilo.

BABYLISS C-C-51B

  • Prezo: 65,33 euros, o máis caro.
  • Placas de cerámica. Selector de temperatura dixital e temporizador de apagado. O cable máis curto (173 cm). Sen peche de seguridade nas pinzas. Inclúe unha funda.
  • Proba práctica: 7,6 puntos de 10. O 71% mercaríano. Bo alisado, brillo, suavidade e sedosidade no cabelo. As placas engánchanse a miúdo e hai risco de que o pelo quede marcado.

TAURUS JDL-JDL-50E

  • Prezo: 26,23 euros, o máis barato.
  • Placas de cerámica. Sen selector de temperatura. Cable de polímero reticulado (mellor). Sen peche de seguridade nas pinzas. A menor temperatura máxima e de uso (155 ºC e 147 ºC, respectivamente).
  • Proba práctica: 6,3 puntos de 10. Só o 23% o mercarían. Efectivo: deixa o pelo suave e con brillo. Non dana o cabelo e é moi útil para dar volume, pero precisa demasiadas pasadas.

ROWENTA CF7500

  • Prezo: 39,60 euros.
  • Placas revestidas de cerámica. Selector de temperatura de só dúas posicións. Sen conexión pivotante no cable. O que máis tempo precisa para chegar á súa temperatura máxima: 110,2 minutos.
  • Proba práctica: 6,4 puntos de 10. Só o 29% o mercarían. O ferro é efectivo e o seu alisado duradeiro. Deixa o pelo suave, sedoso con brillo e non adoita encresparse, pero nun caso queimou e encrespou o pelo.

PALSON 30717

  • Prezo: 33,90 euros.
  • Placas de cerámica. Sen selector de temperatura. O máis pesado (685 gramos). Cable de polímero reticulado (mellor), pero sen conexión pivotante neste. A maior temperatura de uso (227 ºC). O maior tempo ata o seu uso (15 minutos), maior consumo eléctrico (20,3 Wh) e menor eficiencia enerxética (11 ºC/Wh). O que máis tempo precisa para arrefriar (33 minutos). Inclúe un cepillo.
  • Proba práctica: 5,6 puntos de 10. Só o 14% o mercarían. Coinciden en que é moi manexable, pero no resto de apartados as opinións estiveron moi divididas.