Gardería ou canguro
Un bico de despedida e un bico de benvida, iso si, mentres os nenos dormen. Este é o ritual de moitos pais que, de luns a venres, se ven obrigados a conciliar vida laboral e familiar. En España, o 33% das mulleres chega ao seu posto de traballo antes de que abran as portas da escola e o 59% remata a súa xornada laboral cando os pequenos xa finalizaron as súas actividades no centro educativo. Esta situación require a contratación de “terceiros” no coidado dos pequenos, sobre todo a partir do cuarto mes do seu nacemento, cando a nai remata a baixa laboral por maternidade. As familias máis afortunadas contan cunha axuda “de primeira”, a de avós ou familiares que cobren as horas nas que os pais non se poden facer cargo en persoa dos fillos. Pero a maioría debe decantarse por utilizar os servizos de gardería ou por contratar unha coidadora de nenos ou canguro. O primeiro criterio de elección é económico. Por regra xeral, a gardería (os seus prezos van dende a gratuidade ata os 490 euros) é menos onerosa ca unha coidadora de nenos (dende 360 euros ao mes por media xornada ata os 900 euros). Agora ben, aínda que relevante, o prezo non é o único elemento, nin o máis importante, que cómpre ter en conta.
Indicios de que “algo” non vai ben
Delegar a seguridade e o benestar dun fillo en mans dunha persoa descoñecida é unha gran responsabilidade que require a dedicación de moito tempo e esforzo en seleccionar a persoa axeitada e en comprobar a súa traxectoria e referencias, tanto se a elección é a do que en linguaxe coloquial se coñece como canguro ou ben dunha gardería.
Entre as principais preocupacións dos pais, unha vez elixida a persoa ou o centro onde os fillos pasarán boa parte do día, está a de comprobar as garantías que estes servizos ofrecen sobre os seus coidados. Como se pode detectar que o trato que reciben os nenos é correcto? Os expertos din que o primeiro paso para descubrir se o neno se atopa a gusto ou non cunha persoa é observalo e estudar as súas reaccións. Aínda que o neno non saiba disimular ben os seus sentimentos, no momento en que ten un problema non sempre sabe comunicalo. Por iso, hai que saber identificar que algo vai mal se o neno amosa un comportamento distinto ao habitual. Estes indicios pódense manifestar a través dunha perda de apetito, de choro inxustificado, de agresividade cara aos demais, de actitude asustadiza, de ollos tristeiros ou de debuxos inquietantes, entre outras actitudes en aparencia inxustificadas. Ademais, a falta de hixiene ou as análises que indican unha mala alimentación son claras mostras de que o neno está desatendido.
Ante calquera sospeita de que o menor non está a recibir o trato axeitado é necesario entrevistarse cos encargados de coidar o pequeno. E mesmo aparecer por sorpresa na casa -se está ao coidado dunha coidadora de nenos- para comprobar como é o día a día, sobre todo se hai algún signo de violencia -un simple croque, por exemplo- ou de descoido, como un eccema na zona dos cueiros.
Máis prazas de gardería
En España hai preto dun millón e medio de nenos menores de 3 anos, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. Deles, arredor do 17% (é dicir, uns 234.500) contan cunha praza nun centro infantil, fronte a unha demanda do 43%, e un 9% que están ao coidado de canguros, segundo o Ministerio de Asuntos Sociais. Para reducir esta desproporción entre unha oferta exigua e unha gran demanda, España comprometeuse cun mandato da Unión Europea (Cumio de Barcelona, 2002): ofrecer no ano 2010 unha praza escolar a 33 de cada 100 nenos menores de tres anos.
En datas recentes fíxose pública a intención de crear 300.000 novas prazas para nenos de 0 a 3 anos, o que suporía un incremento sobre a oferta actual do 128%. Poderíase así ampliar o acceso á escola de case todos os nenos de dous anos, que roldan o medio millón, cando na actualidade só uns 130.000 xa teñen praza nunha gardería. Malia este esforzo, aínda quedarían 40.000 menores sen praza, e iso só no tramo de dous a tres anos. Como dato que amosa o longo camiño que queda por percorrer, a demanda no seguinte tramo de idade, de 3 a 6 anos -ensino obrigatorio-, está cuberta no 99%.
Pautas para elixir o canguro ideal
- Entreviste persoalmente a todas as candidatas a coidadoras antes de tomar unha decisión.
- Non se fíe das aparencias. O benestar do seu fillo está en xogo, así que non dubide en ser esixente. Verifique con coidado todas as referencias achegadas.
- Comprobe que a aspirante a coidadora de nenos ten a idade axeitada para coidar dun neno. Non é recomendable que sexa menor de 18 anos. Ademais, se o seu fillo ten menos de dous anos, o ideal é que estudase puericultura.
- Na entrevista persoal debe valorar a iniciativa, a paciencia, a responsabilidade, a vocación, a madureza e a actitude cariñosa, entre outros aspectos. Outras calidades dunha boa coidadora de nenos é que poña por diante os intereses do neno.
- Formúlelle unha situación imaxinaria de emerxencia para ver como reaccionaría.
- A seguridade do seu fillo debe aparecer constantemente ao longo da entrevista para asegurarse de que entende onde están os perigos e como o coidaría para previlos.
- Os fillos deben formar parte da entrevista. Deste xeito ambos os dous coñeceranse dende o primeiro momento e os pais poderán estudar como se relacionan mutuamente.
- Unha vez elixida a coidadora de nenos, estableza un período de proba de entre unha semana e un mes. Durante ese tempo indíquelle as pautas que debe seguir e axúdea a realizar o traballo tal e como lle gustaría a vostede. O seu fillo aceptará mellor á súa coidadora se está vostede diante ata que se afaga.
- Redacte un contrato por escrito en que estableza as obrigas, horarios, salario, etc.
- Manteña unha comunicación constante coa coidadora de nenos. Estea ao día das súas inquietudes e preocupacións con respecto aos seus fillos. É fundamental coñecer se traballa contenta, cales son os progresos do neno, revise o seu programa de actividades, rutina, etc.
- Estude todos os días a actitude do seu fillo. Non se confíe.
Pautas para elixir gardería
A proximidade ao domicilio, as instalacións e, sobre todo, o persoal son os elementos claves para tomar unha decisión acertada.
- Visite varios centros e infórmese da súa organización e funcionamento.
- Tome o seu tempo en cada centro, e observe a relación do persoal cos nenos. Como falan con eles, se as súas palabras son “tenras” ou “duras”. Recorde que os nenos pequenos precisan abrazos, cariño e dozura. Preste atención tamén a como lles falan os nenos a eles, e se lles dan mostras de cariño e de proximidade.
- Se o seu fillo ten algún tipo de necesidade educativa especial, o centro deberá ter recursos humanos e materiais de apoio determinados pola administración educativa correspondente.
- A proximidade ao domicilio é un elemento a ter moi en conta. O traxecto a percorrer será menor e o neno seguirá en contacto co medio social no que vive, xa que os seus compañeiros de gardería serán tamén os seus amigos do barrio.
- Os coidadores/educadores que atendan aos nenos entre 0 e 3 anos deben ter, como mínimo, un título de Xardín de Infancia, e os que atendan a nenos entre 3 e 6 anos deben ser Mestres de Educación Infantil.
- Asegúrese de que o número de nenos por educador cumpre a normativa vixente. A lei establece que os responsables dos menores dun ano deben ter un máximo de 8 nenos por aula, os de 1 a 2 anos, un máximo de 13 nenos, e os de 2 a 3 anos, 20 nenos por clase.
- Infórmese de se a gardería fai a súa propia comida, visite a cociña e, se é posible, coñeza o cociñeiro. Se pola contra lla serve unha empresa especializada, pregunte quen decide os menús.
- Interésese sobre como organizan a hora do descanso, tan vital nesta etapa, cantos educadores se encargan da vixilancia, e que fan cando un neno non quere durmir ou esperta antes de hora.
- Elixa unha boa gardería que non se limite a “vixiar” os nenos, senón que lles proporcione un ambiente acolledor no que profesionais formados dispoñan dunha base axeitada para o seu desenvolvemento.
Aspectos que cómpre ter en conta na relación...
- Non é doado atopar a coidadora de nenos ideal pero unha vez que se dá con ela hai que coidar a relación -as súas necesidades tamén teñen que ser tidas en conta- e manter unha constante comunicación coa coidadora dende o principio. Ela sentirase valorada, os proxenitores estarán tranquilos e o neno beneficiarase de todo iso.
- É importante traballar en equipo e non crear rivalidades. Aínda que o pequeno cree vínculos afectivos fortes coa súa coidadora, o papel da familia é insubstituíble. Os roles deben de estar moi definidos e non deben superpoñerse. Os pais son os pais, aínda que estean unhas horas ausentes.
- Se a coidadora é inmigrante (estímase que arredor do 50% das que ofrecen o servizo de coidado de persoas son inmigrantes de orixe sudamericana), débese comprobar que entende ben as indicacións dos pais. En numerosas ocasións, as diferenzas culturais e de linguaxe causan graves malentendidos
- Se o neno ten que ir á gardería, recoméndase que empece a acudir antes dos oito meses, porque o pequeno se adapta mellor, ou despois dos dezaoito meses, cando xa adquiriu o suficiente control de si mesmo como para enfrontarse sen problemas co novo medio.
- Acudir ao centro elixido co neno antes de que este quede alí é un xeito de que se vaia familiarizando co lugar, cos compañeiros e cos profesionais.
- Nos primeiros días de gardería, abonda con que os pequenos acudan só durante unha ou dúas horas. En todo caso, non é desexable que pase máis de catro ou cinco horas diarias no centro, e nunca debe permanecer alí máis de oito.
- Dende que o neno chega por primeira vez á gardería, os coidadores seguen moi de preto o seu desenvolvemento afectivo, intelectual e motor, polo que os pais deben establecer con eles un contacto continuo, e unhas relacións cordiais e de cooperación.
- Se o pequeno non se dá adaptado á gardería, non é necesario agardar a que presente un cadro de ansiedade ou pánico para tomar medidas. Ante esta situación hai que falar coa profesora, pasar máis tempo co neno, e mesmo, buscar outro centro no que se sinta mellor, ou a unha persoa que o coide na casa.
Vantaxes e inconvenientes da elección de coidadora de nenos ou gardería
Coidadora de nenos
- O neno está nun ambiente familiar e coñecido.
- O trato que recibe é individualizado, o que facilita que o neno cree un vínculo forte e estable que facilitará o seu desenvolvemento emocional.
- Os bebés necesitan toda a atención, polo menos no seu primeiro ano de vida, e cunha coidadora de nenos a atención cara a el é constante e personalizada.
- A canguro, en principio, segue as pautas que lle dita a nai respecto aos coidados que debe recibir, o que ten que comer, as horas de sono, a súa rutina, etc.
- Se o neno é pequeno, e o seu sistema inmunolóxico non é aínda forte abondo, evitará algunhas das enfermidades que se transmiten polo contacto con outros nenos.
- É difícil atopar e, sobre todo, conservar unha boa coidadora de nenos. Cambiar a miúdo pode crear inestabilidade no neno.
- O custo económico de contratar unha coidadora de nenos é moi alto -unha canguro a media xornada cobra, como mínimo, uns 360 euros mensuais, a xornada completa rolda os 600 euros ao mes, que poden chegar a 900 se a coidadora está cualificada- sobre todo se se precisa unha persoa con formación profesional.
- A socialización con nenos da súa idade é escasa. Para intentar paliar esta carencia, o neno debe acudir todos os días a xogar a un parque infantil, con outros pequenos da súa idade.
- Os pais deben estar persoalmente pendentes de que a coidadora de nenos axude o neno a medrar, que cubra, en cada etapa, as súas necesidades de desenvolvemento.
Gardería
- A gardería ofrece máis posibilidades para o desenvolvemento do neno, porque cobre todas as súas necesidades educativas básicas. Ademais, vixíase a súa saúde, tanto mental como psicolóxica e física.
- A escolarización a partir do segundo ano de vida reforza nos nenos a adquisición de destrezas sociais, emocionais, cognitivas e psicomotrices de grande utilidade para a súa traxectoria posterior.
- Cando o neno alcanza o ano e medio ou os dous anos é esencial para o desenvolvemento da súa sociabilidade o contacto con outros nenos -sobre todo se é fillo único-. Na gardería fai amigos e aprende as normas sociais, como, por exemplo saberse comportar, compartir os xoguetes cos demais, comer de todo etc.
- O neno está máis controlado e atendido por profesionais cunha formación sólida en educación infantil e/ou puericultura.
- Aínda que contrae máis enfermidades, o seu sistema inmune fortalécese.
- Cada vez son máis os centros infantís que aceptan nenos dende os primeiros meses de vida.
- As garderías públicas ofrecen unhas instalacións ben coidadas, e persoal especializado a uns prezos que oscilan entre 0 e 289 euros mensuais, e que varían segundo o tempo de permanencia, as comidas e os ingresos dos pais. Nas garderías privadas e escolas infantís os prezos oscilan entre 120 e 479 euros ao mes.
- As listas de espera para os centros públicos son moi longas, e moitas garderías privadas tamén teñen a súa cota completa durante meses.
- Os horarios non se adoitan adaptar aos dalgunhas profesións. Os que traballan en quendas de tarde-noite e fins de semana non teñen cubertas as súas necesidades.
- Polo xeral, ningunha gardería se responsabiliza dun pequeno cando está enfermo.
- Se o neno é moi pequeno é moi posible que se contaxie con frecuencia de enfermidades infecciosas e que teña que pasar longas tempadas na casa.