Iniciativas saudables

Menús laborais saudables

A dieta inadecuada inflúe en boa parte dos problemas de saúde que padecen os traballadores
1 Marzo de 2008
Img alimentacion listado 471

Menús laborais saudables

/imgs/20080301/alimentacion01.jpgUnha nutrición inadecuada asóciase directamente a maiores problemas de saúde e a un menor rendemento no eido doméstico e mais no laboral. Segundo algúns estudos, a produtividade de quen está mal nutrido pódese reducir ata un 20%, un aspecto que a miúdo pasa desapercibido entre os que programan a xornada laboral ou mesmo entre quen deseña os menús que se serven nos comedores colectivos de empresa. Esa mingua de rendemento, así como o maior risco de contraer enfermidades evitables, poderíase previr en parte mediante o desenvolvemento de campañas educativas e de prevención.

Sorteando obstáculos

/imgs/20080301/alimentacion02.jpg
Máis da metade (54%) da poboación laboral española sofre consecuencias derivadas do exceso de peso e a obesidade; e o 64% padece dislipemia (colesterol e triglicéridos alterados), segundo conclúe un recente estudo no que participaron 216.914 traballadores, cunha idade media de 36,4 anos. Case a metade das persoas atendidas son fumadoras habituais (49,3%) e case unha de cada dúas está afectada por un cadro de hipertensión arterial. Os homes, máis ca as mulleres, acumulan un maior risco cardiovascular.

Dado que unha terceira parte do día, como mínimo, está dedicada a traballar, o lugar de traballo é, ou máis ben debería ser, o máis propicio para levar a bo termo a teoría e práctica dunha alimentación saudable, do mesmo xeito que se vai implementar xa en centros e comedores escolares. A xornada laboral está estruturada arredor dos refrixerios e das comidas: o descanso para o café, a hora de xantar e a merenda. Estes momentos bríndanlle a oportunidade á empresa para lles facilitar aos traballadores o acceso a unha comida sa.

Non obstante, a oferta actual coa que se atopa a maioría de traballadores está moi afastada do significado dunha alimentación saudable, o que explica que os traballadores teñan dificultades para lograr o equilibrio nutricional diario necesario. Ademais, apréciase unha tendencia cara á redución do tempo destinado ás comidas no traballo. Para se axustaren o máximo posible a estes horarios, os traballadores vense obrigados a acudir a restaurantes que lles garanten ‘comer rápido’, pero que, a miúdo, tamén representan as opcións menos convenientes para manter unha dieta sa e equilibrada.

Unha boa parte dos traballadores opta polo menú do día que ofrecen bares e restaurantes, aínda que moitos destes menús suspenden en calidade dietética, tal e como quedou reflectido na investigación que CONSUMER EROSKI publicou no 2006. Os datos obtidos daquela indicaban que un de cada tres menús do día dos máis de 300 restaurantes visitados suspendían en calidade dietética, xa que non ofrecían a posibilidade de elixir verdura ou ensalada, legumes e peixe, convenientes nun menú que se ateña aos principios da dieta equilibrada e saudable. Tamén penalizou aos menús incluír alimentos proteicos e moi caloríficos como primeiro prato e a ausencia de gornicións variadas nos segundos pratos e de froita na sobremesa.

Costumes perniciosos

/imgs/20080301/alimentacion03.jpg
Doutra banda, nalgúns países estase a vivir con absoluta normalidade a desaparición formal dos horarios das comidas, mentres se espalla o chamado fenómeno SAD (acrónimo de ‘Stuck At Desk’, pegado á mesa), que equivale a non saír do ámbito laboral e xantar nas mesas de traballo. A isto súmase que as máquinas expendedoras están repletas de refrescos, patacas fritas, doces ou bolería industrial, e moitas reunións xa non se contemplan sen este tipo de bolos para acompañar o café.

Ademais, en determinados sectores de actividade, como o da construción, está moi arraigado o costume de xantar un bocadillo de embutido ou de tortilla acompañado de viño, cervexa ou refrescos, e café azucrado. A sobrecarga habitual de lípidos, sodio e azucres para o organismo explica a maior prevalencia de dislipemias, obesidade, hipertensión e diabete neste sector de poboación activa.


Dieta preventiva

/imgs/20080301/alimentacion04.jpg
Certos tóxicos industriais, determinados patróns de conduta alimentaria, estrés e condicións de traballo mellorables compórtanse en si mesmos como factores de risco que aceleran a aparición de enfermidades crónicas (cardiovasculares, obesidade, cancro ou diabete, entre outras). O papel que xoga a dieta na saúde é incuestionable.

As últimas investigacións céntranse no consumo suficiente de antioxidantes como vitaminas A, E e C, selenio e polifenois. Nesta liña de estudo avógase pola inclusión na dieta de alimentos ricos en antioxidantes, máis abundantes nos vexetais de cor viva (cítricos, uvas negras, pexegos e albaricoques, ameixas moradas, froitos secos, tomate, pementos vermellos, cabaza, remolacha e cenoria). Afacerse a levar o almorzo, a merenda e mesmo o xantar preparado da casa segue a ser un hábito saudable e conveniente se a oferta alimentaria no traballo non é a axeitada.

Estes consellos dietéticos contribúen a dar o primeiro paso a título individual, aínda que non sempre é posible seguilos e, o máis habitual, non durante todos os días de luns a venres. Enténdese por iso que a alimentación no traballo é unha responsabilidade compartida e que a mesma empresa debería apostar pola implementación de programas de nutrición con obxectivos claves: facilitarlles o acceso á comida sa aos traballadores e promover o cambio de condutas insás como o hábito alcohólico, o tabaquismo e o sedentarismo.

Dende a Organización Internacional do Traballo (ILO, nas súas siglas inglesas) anímase ás empresas a pór en práctica diversas accións saudables. Entre elas atópanse:

  • /imgs/20080301/alimentacion05.jpgMenús diarios nos comedores de empresa que inclúan alimentos de mellor calidade (alimentos frescos como froitas, verduras, peixe ou ensaladas).
  • Opcións máis saudables a prezos subvencionados.
  • Regulación do contido das máquinas expendedoras de alimentos e bebidas no lugar de traballo. Promoción de opcións saudables como zumes de froita, froitos secos con casca, así como bocadillos vexetais, amais da auga. E froita.
  • Vales de comida para os traballadores nos restaurantes que ofrecen menús máis equilibrados.
  • Oferta gratuíta de froitas.

A nivel nacional e internacional algunhas institucións e empresas privadas puxeron en marcha iniciativas saudables para promoveren a saúde pola alimentación e a actividade física no ámbito laboral.