Freo aos accidentes

Obxectivo, deterse a tempo

A revisión dos freos débese realizar de xeito obrigatorio unha vez ao ano como mínimo
1 Marzo de 2008
Img motor listado

Obxectivo, deterse a tempo

/imgs/20080301/motor01.jpgOs freos son o sistema de seguridade activa máis importante dun coche e unha das súas pezas clave. Non obstante, moitos condutores non parecen entendelo así. Segundo as estatísticas, arredor do 40% dos defectos detectados polas ITV corresponden aos freos. Non abonda con levar o coche ao taller cando algo falla. Ante un elemento de seguridade tan importante toda atención e precaución é pouca.

Elementos externos que inflúen na freada

  • Manteña en perfecto estado os amortecedores do seu coche. Un sistema de amortecemento en mal estado é responsable dun incremento do 10% na distancia necesaria para frear.
  • Vixíe o estado e a presión dos seus pneumáticos, xa que condicionan a eficacia da freada, pois unha das súas misións é transmitir a forza motriz e a de freado.
  • Teña en conta o estado da estrada -hai asfaltos que agarran mellor ca outros- e mais o clima, xa que tamén inflúen na eficacia e na capacidade da freada. Extreme a precaución en caso de neve e xeo (a adherencia é practicamente nula) e coas primeiras pingas de chuvia que, mesturadas co po e co lixo da calzada, tornan o firme esvaradío.
  • Nos traxectos longos debe parar e descansar cada dúas horas, xa que a partir dese momento o tempo de reacción en caso de verse obrigado a frear duplícase. A 120 km/h a distancia que se percorre antes de comezar a frear pasa de 33 a 66,5 metros, e a distancia total percorrida antes de deter o vehículo aumenta de 162 a 195,6 metros.

Mantemento do sistema de freado

  • /imgs/20080301/motor02.jpgVerifique sempre que poida cun frenómetro o poder de freada de cada unha das catro rodas. Non esqueza comprobar a eficacia do circuíto.
  • Manteña o nivel indicado do líquido de freos. Revíseo a miúdo e substitúao cada dous anos ou 50.000 quilómetros.
  • Non esqueza revisar cada certo tempo o estado das pastillas. A súa vida media é de 25.000 quilómetros, pero pódense desgastar antes en función da súa dureza e do seu xeito de conducir.
  • Debe cambiar os discos de freo cada catro cambios de pastillas, aproximadamente.
  • Non modifique o sistema orixinal de freos. Respecte os tempos indicados polo fabricante.

Síntomas de que algo vai mal

  • Se o seu coche frea pouco pode ser porque lle queda pouco líquido de freos, porque as pastillas están desgastadas (nese caso oirá un chío) ou porque os discos están desgastados.
  • Se nota o freo duro pode que teña un problema co servofreo.
  • Se o coche frea mal e perde líquido é posible que a bomba de freo estea en mal estado.
  • Se na freada o coche tende a marchar para un lado comprobe a presión, o desgaste e a aliñación dos pneumáticos. Se estes se manteñen en correcto estado, pode que as pastillas de freo estean mal asentadas ou que o axuste dos freos sexa desigual. Tamén pode acontecer que se coara graxa entre a pastilla e o disco, ou unha fuga de líquido ou un amortecemento excesivamente brando.
  • Se nota o pedal de freo brando é posible que se introducira aire no circuíto ou que o líquido de freo sexa escaso.

Como frear
Con freos convencionais

  • Non pise o freo a fondo. Bloqueará as rodas e alongará a freada, co risco de perder o control da dirección do coche.
  • Non realice ‘freadas’. Para frear de modo axeitado exerza sempre a mesma presión sobre o pedal sen chegar ao fondo para evitar que as rodas se bloqueen. Se isto acontece, levante un pouco a presión exercida sobre o pedal do freo ata sentir que as rodas xiran, e volva premer suavemente.

Con ABS

  • O ABS (Anti-lock Braking System) é un sistema de freada que permite que ao frear as rodas non se bloqueen, e que polo tanto sigan xirando, o que permite que obedezan ao xiro que se lle marque dende o volante.
  • Só actúa cando se preme o freo con forza.
  • Para obter unha freada eficaz con este sistema debe pisar o pedal do freo con forza dende un primeiro momento, á vez que preme o pedal do embrague. Ao realizar esta manobra conseguirá que o coche responda á súa manobra e logrará a súa detención nun espazo máis curto.

Co cambio

  • Usar a caixa de cambios para frear é unha manobra pode resultar de grande utilidade en descensos prolongados, como poden ser os portos de montaña.
  • Nunca realice o descenso en punto morto co fin de aforrar combustible.
  • Antes de reducir a unha marcha máis curta o vehículo debe diminuír a súa velocidade, xa que pola contra cando solte o embrague o motor pode pasarse de revolucións.

Sistemas que axudan a frear

  • /imgs/20080301/motor03.jpgNas manobras críticas, como a freada en curvas ou coa calzada mollada ou xeada, deseñáronse sistemas electrónicos de control de tracción (ASR/TMC) que detectan o momento no que unha roda se vai acelerar respecto das demais e reducen a forza transmitida, fréana ou combinan ambas as dúas accións.
  • O sistema de control dinámico (ESP/FDR) evita que o vehículo esvare en sentido transversal, o que permite conservar a traxectoria en curva, e evita derrapaxes.
  • O Control de Freado en Curvas (CBC), relacionado co ABS, compensa calquera movemento desestabilizador do percorrido normal do eixe ao frear nunha curva, cunha regulación sensitiva da presión de freada en cada unha das rodas.

Outros sistemas

  • BAS (Brake Assistance System), DBC (Dynamic Brake Control), NBA (Nissan Brake Assistance). Con estas siglas identifícanse sistemas de asistencia á freada desenvolvidos por diferentes empresas automobilísticas. En esencia, baséanse en reforzar a presión sobre o pedal do freo cando detecta unha pisada violenta. Aumentan a eficacia do sistema ABS, acurtando a distancia de freada.
  • EBD (Electronic Brake Control). Distribución electrónica da forza de freada. É un sistema de seguridade activa que distribúe a forza de freada entre cada eixe en función da carga do vehículo ou do estado da calzada.
  • EBV (Electronic Brake-force Variable). Sistema de repartición de freada variable. O seu funcionamento é equivalente ao EBD.
  • HDL (Hill Descend Control). Control de descenso de pendentes. Actúa conxuntamente co ABS para evitar perdas de tracción en descensos pronunciados en vehículos todoterreo.