Enfrontarse aos problemas e situacións imprevistas

O estrés noso de cada día

Sempre que as respostas de estrés se repiten con moita frecuencia ou intensidade, o organismo atopa dificultades para recuperarse e maniféstanse trastornos médicos e psicolóxicos asociados
1 Marzo de 2008
Img psicologia listado 224

O estrés noso de cada día

/imgs/20080301/interiormente01.jpgRaro é o día en que a palabra estrés non forme parte do noso vocabulario habitual. Algúns expresan así as súas penas laborais, outros fano para pedir axuda e moitos máis dos que pensamos recorren a este vocábulo para espertar admiración: “que persoa máis exitosa e ocupada”, é a súa frase. No que case todos coinciden, non obstante, é en que o nivel de estrés actual está por riba do desexable. Pero, as persoas que din estar estresadas estano de verdade? Vívese unha situación de estrés cando unha persoa percibe que as demandas do seu ámbito e os retos que se impuxo superarán as súas capacidades para afrontalos con éxito e que esta situación porá en perigo a súa estabilidade. É dicir, cando anticipamos o fracaso e non nos conformamos (e cando o facemos adoitamos deprimirnos), tendemos a estresarnos.

O estrés como aliado

O estrés converteuse nun compañeiro de viaxe habitual nas nosas vidas. Non só non se pode evitar, senón que facilita a adaptación a calquera cambio que irrompa no noso ámbito. Este xeito de reaccionar ante problemas, demandas e perigos, vén predeterminada por unha actitude innata de loita/fuxida herdada dos nosos antepasados: sobreviviron aqueles que, ante situacións ameazantes para a súa integridade física (ver un inimigo) ou que informaban da posibilidade de obter un beneficio (cobrar unha presa), mellor activaban o seu organismo. Dilatación de pupilas para aumentar a visión periférica e permitir unha maior entrada de luz na escuridade, músculos tensados para reaccionar con máis velocidade e forza, aumento da frecuencia respiratoria e cardíaca para mellorar a osixenación e achegar maior fluxo de sangue ao cerebro e ao resto de órganos vitais, son algúns dos cambios que lles proporcionaban unha clara vantaxe sobre os seus inimigos e as súas presas.

Este complexo mecanismo de adaptación perpetuouse ata os nosos días grazas á selección natural. Se ben na actualidade os perigos cambiaron de terzo, seguimos recorrendo a este recurso para garantirmos o éxito na nosa adaptación ás constantes alteracións do noso ámbito. Unha maior activación fisiolóxica e cognitiva permítenos percibir mellor e máis axiña a situación, seleccionar a conduta máis axeitada e levala a termo da maneira máis rápida e intensa posible.

Pero o inconveniente deste fabuloso mecanismo de adaptación é que xera un importante desgaste do organismo e un alto consumo de enerxía, polo que é necesario desenvolver uns coidados e un período de recuperación do que non sempre somos conscientes.

O estrés inútil

Sempre que as respostas de estrés se repiten con moita frecuencia ou intensidade, ou durante un prolongado período de tempo (estrés crónico), o organismo atopa dificultades para recuperarse e maniféstanse trastornos médicos e psicolóxicos asociados. Algúns autores chegan a considerar o estrés como causa directa ou indirecta de máis do 75% do total de consultas médicas.

A dificultade para detectar os sinais de estrés e ‘desactivalos’ para previr danos ao organismo é cada día máis habitual. Un dos motivos é que nos fomos afacendo a un ritmo de vida acelerado que consideramos imprescindible para termos éxito, é dicir, unha conduta ocasional convértese nun estilo de vida.

/imgs/20080301/interiormente02.jpg
As respostas de estrés tamén son “desadaptativas” cando unha situación non require un nivel tan elevado de activación e interfire na emisión dunha resposta axeitada, e cando o nivel de activación se mantén (‘non desconectamos’) a pesar de que a situación estresante desapareceu.

A todo iso cómpre engadir que nos atopamos estresados cando aparecen consecuencias negativas dende o punto de vista médica e psicolóxico, como aumento da presión arterial e da frecuencia cardíaca, liberación de triglicéridos e colesterol en plasma, irritación gástrica, supresión do apetito e desenvolvemento de sentimentos asociados a depresión, indefensión, ou de desesperanza e de perda de control.

Causas do noso estrés cotián
  • Pospoñer a toma de decisións. A enganosa tranquilidade que nos invade cando ‘deixamos para mañá o que podemos facer hoxe’, non nos deixa ver que o noso cerebro seguirá activado por ese problema e que as tarefas se acumulan ata que a situación nos supera.
  • Non desconectar dos nosos problemas e trasladalos dun ámbito a outro. Cada cousa no seu sitio e un sitio para cada cousa. Intentar rematar un informe mentres estamos cos nosos fillos non só nos estresa senón que reduce en boa medida a nosa eficacia.
  • ‘Preocúpome’ no canto de ‘ocúpome’. Convén recordar que ‘o perfecto é inimigo do bo’. En demasiadas ocasións non se atopa a solución perfecta, senón a mellor das posibles ou mesmo a menos mala.
  • Os outros e as súas necesidades. Tamén as demandas dos outros, os seus ritmos de vida, as expectativas que nos crean e como nos responsabilizamos en exceso dos seus problemas contribúen a crear estrés. Aínda que resulte duro, o único xeito de deixar medrar e madurar aos demais é que se enfronten ás súas dificultades.
  • Non delegar. ‘Se queres facer algo ben, faino ti mesmo” di o saber popular. O que non di é que aplicado con desmesura, un acaba esgotado e enfermo. Investir en ensinar aos demais e darlles confianza é unha fórmula para chegar ao mesmo sitio por camiños diferentes.
  • Máis tarefas e máis obxectivos. O tempo non é elástico nin as nosas enerxías inesgotables. A maior dificultade en tomar unha decisión é a inevitable renuncia a tomar calquera outra diferente. Se queremos facer algo novo, teremos que deixar de facer algo que xa estamos a facer.
  • Non saber xerarquizar. Cando as tarefas nos superan, tendemos a realizar as máis alcanzables e sinxelas, e por iso exitosas, no canto de atender as que son máis importantes para nós. A sensación ao final do día é que se está esgotado sen facer ‘nada’.
  • Non compartir os problemas e as emocións. Sempre que falamos dos nosos problemas dámoslles forma e comprendémolos mellor. E se o contexto é de apoio, permítenos transformalos en aceptables e integrables.
  • Utilizar estimulantes de xeito masivo. Café, tabaco, té ou colas aumentan o nivel de activación do organismo, pero tamén o estresan.