Oito caixas de bombóns de chocolates variados, analizadas

Por graxos e calóricos convén moderar o seu consumo

Cen gramos de bombóns proporcionan entre 510 e 580 calorías e boa parte da súa graxa é saturada
1 Decembro de 2005

Por graxos e calóricos convén moderar o seu consumo

/imgs/20051201/bombones.jpgOs bombóns, cubertos de chocolate amargo ou con leite, recheos de praliné, de licor ou de café, son para moita xente, polo pracer inmediato que proporciona o seu consumo, unha tentación á que resulta difícil resistirse. De todos os xeitos, en España o consumo de chocolate e doutros derivados do cacao (3,7 quilos por persoa e ano) é menor ca noutros países europeos: Suíza, Noruega, Austria, Bélxica e Reino Unido superan os 8 quilos por persoa e ano. Segundo a norma vixente, un bombón de chocolate é un produto do tamaño dun bocado, constituído por chocolate recheo ou por unha mestura de chocolate, chocolate con leite, chocolate familiar con leite, chocolate branco e outras materias comestibles, sempre que o chocolate represente, polo menos, o 25% do peso total do produto.

CONSUMER EROSKI levou ó laboratorio e posteriormente someteu a unha cata oito mostras de bombóns variados en caixas de cartón, cun peso neto desde 200 ata 370 gramos e cun prezo ben distinto: saían desde 20 euros o quilo (Valor) ata case 34 euros o quilo (Uña).

Na elaboración dunha caixa variada de bombóns empréganse como ingredientes azucre, cacao, manteiga de cacao, outras graxas vexetais, chocolate con leite, chocolate branco, chocolate negro, trufa, praliné, café, froitos secos, licores e aromas, entre outros. Obviamente, a composición nutricional varía, non xa dunhas marcas a outras, senón duns bombóns a outros da mesma caixa. Esta análise estudou en cada mostra a caixa enteira, xuntando todas as unidades de bombóns de cada caixa por moi diferentes que fosen. Xa que logo, os comentarios sobre a composición nutricional de cada mostra refírense á do contido total de cada caixa de bombóns.

Aínda que para a maioría dos consumidores se trate dun produto de consumo ocasional e vinculado a celebracións ou días especiais, os bombóns son un alimento e como tal cómpre analizalos e telos en conta: sexa cal sexa a súa variedade, reúnen unhas características nutricionais que, definitivamente, os arredan dunha dieta equilibrada e saudable. Por mor do seu gran contido en hidratos de carbono (entre o 49% e o 64%, segundo as mostras) e graxas (26%-38%), son moi enerxéticos: cen gramos destes bombóns proporcionan entre 510 e 580 calorías. E unha boa parte da súa graxa é saturada, a menos saudable; ademais, resultan indixestos para os estómagos delicados. O seu consumo esporádico (aínda que conveña que sempre sexa moderado) non lle presenta problemas á maioría das persoas; agora ben, cómpre que se absteña de consumir bombóns quen sufra de obesidade, hipertrigliceridemia, diabete, trastornos dixestivos ou pedras na vesícula biliar.

O estado hixiénico-sanitario foi correcto nas oito caixas e en ningunha se detectaron ingredientes modificados xeneticamente. Tamén a etiquetaxe foi correcta en todos os casos.

/imgs/20051201/analisisa2.jpg
Aínda que un dos parámetros de calidade do chocolate é a súa cantidade de cacao (materia prima de elevado custo), non se cuantificou o seu contido en cada mostra, pois, ó se tratar de produtos variados, non se podería dicir que a maior cantidade de cacao mellor é a calidade do chocolate empregado, porque se unha caixa ten máis bombóns con chocolate branco (carecen de cacao, só teñen manteiga de cacao), ou máis recheo de froitos secos, con licor ou galleta, a masa total tería menor proporción de cacao, o que non equivale a que os seus bombóns sexan de menor calidade, senón que a súa caixa, amais de chocolate, utiliza outros ingredientes (tamén de calidade e mesmo máis caros có chocolate) que fan máis variada e, en ocasións, máis atraente, a caixa.

Dos resultados da cata xurdiron tres grupos: o mellor cualificado foi o composto por Guylian, Trapa e Lindt; non tanto coma os do primeiro grupo, pero tamén citados como preferidos, foron Nestlé e Lacasa; e o terceiro grupo fórmano as mostras restantes, que obtiveron valoracións inferiores. A mellor relación calidade-prezo é Trapa, cun prezo intermedio e cun perfil de graxas algo máis saudable ca Lindt, a segunda opción máis interesante.

Etiquetaxe e envase

Á hora de estudarmos e cualificarmos a etiquetaxe destas oito caixas variadas de bombóns, tivéronse en conta a normativa aplicable a este produto (“produtos de cacao e chocolate destinados á alimentación humana”) e mais a norma xeral de etiquetaxe. Velaquí a información obrigatoria da etiqueta: marca rexistrada, denominación de venda, identificación da empresa (nome e enderezo), lista de ingredientes, peso neto, lote, data de consumo preferente, modo de conservación (“Nun lugar fresco e seco”) e campo visual, todo escrito en castelán. Todas as etiquetas se axustaban ó establecido por ambas as dúas normativas. Agora ben, agradécese tamén que se indique o número de bombóns que contén cada caixa, información que unicamente ofrecen Uña (38 bombóns), Lindt (34 bombóns) e Lacasa (20 bombóns).

Como se elaboran os bombóns de chocolate

O chocolate dos bombóns obtense a partir de pasta de cacao, azucre, manteiga de cacao, graxas vexetais e, segundo sexa a variedade, outros ingredientes como leite en po e sólidos lácteos. Na súa fabricación, a primeira operación é mesturar os principais ingredientes (pasta de cacao, azucre, manteiga de cacao e outros) en máquinas amasadoras. Deseguido refínase a mestura, é dicir, móese finamente para obter partículas tan diminutas que non se aprecian cando se degusta o bombón. A seguinte fase é o cunchado ou axitación durante varias horas, que fai que a mestura queza por fricción, evaporándose a auga e os ácidos volátiles. Tras o cunchado vén amornar ou arrefriar o chocolate, que alcanzou os 70 ºC-80ºC na fase anterior; para rematar, moldéase o produto dándolle a forma e tamaño desexados e incorporando os últimos ingredientes: froitos secos enteiros, cacao en po, etc.

Graxa e bombóns de chocolate

O elevado contido en graxa provén da manteiga de cacao e, en menor proporción, do leite. O leite representa só entre o 1% e o 5% destes bombóns tomados no seu conxunto. Na manteiga de cacao predominan os ácidos graxos saturados de cadea longa, entre os que se atopa o ácido esteárico que, a diferenza do resto de graxas saturadas, non aumenta os niveis de colesterol no sangue do consumidor. A manteiga de cacao presenta outros ácidos graxos, como o palmítico (saturado, pouco saudable), o oleico (monoinsaturado) e o linoleico (poliinsaturado e esencial).

A media de graxa total representou o 34% do produto e foi desde o 26% dos bombóns Cadbury ata o 38% de Guylian e Valor. Dentro desta graxa predominan os ácidos graxos saturados, cun 52% de media, sobre os insaturados, cun 48% de media. Os ácidos graxos saturados, como é ben sabido, son os menos saudables. Só nos bombóns Trapa son maioritarios, cun 61%, os ácidos graxos insaturados. Agora ben, como o verdadeiramente relevante é o efecto destas graxas saturadas na saúde do consumidor, esta análise separou o esteárico (graxa saturada, pero carente dos efectos pouco saudables do resto das graxas saturadas) dos que resultan nocivos cando se inxiren en exceso.

Trapa e Lacasa son dúas das mostras con mellor perfil lipídico, pois teñen unha pequena proporción de graxas saturadas non saudables: só o 21% e o 26% da súa graxa total, respectivamente, é saturada, mentres que Lindt e Guylian conteñen as maiores proporcións de graxa saturada (32% e 28%, respectivamente). É ó ter en conta os valores de graxa total de cada produto cando os bombóns de Trapa e Lacasa demostran ser os máis saudables no tocante a graxas: de cada cen gramos destes bombóns, non chegan a 8 os gramos destas graxas pouco saudables, mentres que en Lindt e Guylian están arredor dos 11 gramos.

Desde unha perspectiva nutricional, o que cómpre subliñar non é tanto o perfil da graxa, senón que os bombóns son moi enerxéticos por mor do seu alto contido de azucres e graxas: de media, proporcionan 550 calorías cada cen gramos, as mesmas cás abelás e outros froitos secos, moito máis saudables cós bombóns. As oito mostras superaron as 500 calorías, e os valores foron desde as 508 calorías en Cadbury ata as 581 calorías cada cen gramos en Guylian.

En síntese y táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse oito variados de bombóns en caixas de cartón de desde 200 gramos ata 370 gramos netos que custaban entre 20 euros o quilo (Valor) e case 34 euros o quilo (Uña).
  • Debido ó seu gran contido en hidratos de carbono (49%-64%) e graxas (26%-38%), son moi enerxéticos: con cen gramos destes bombóns inxerimos entre 510 e 580 calorías. E unha boa parte da súa graxa é saturada, a menos saudable.
  • O seu consumo, xa que logo, debe ser moderado, e débense abster as persoas con obesidade, hipertrigliceridemia, diabete, trastornos dixestivos ou pedras na vesícula biliar.
  • Na cata destacaron Guylian, Trapa e Lindt, con máis de 7 puntos. Séguenos Nestlé e Lacasa. As outras tres mostras obtiveron cualificacións inferiores sen que ningunha se achegase sequera ó suspenso.
  • A mellor relación calidade-prezo é Trapa, cun prezo intermedio e cun perfil de graxas algo máis saudable ca Lindt, a segunda opción máis interesante.
bombones de chocolate
Marca Denomi- nación Trapa Sele- cción Lindt “El bombón” Valor Sele- cción de Oro Guylian Nestlé Caja Roja Lacasa Cadbury Milk Tray Uña Gran Sele- cción
Prezo (euros / quilo) 25,60 24,36 19,96 30 21,40 26,80 21,98 33,78
Formato (gramos) 250 350 275 225 200 250 227 370
Nº de variedades 6 13 14 Formas e cores diferentes 11 10 12 6
Etiquetaxe Co- rrecta Co- rrecta Co- rrecta Co- rrecta Co- rrecta Co- rrecta Co- rrecta Co- rrecta
Humidade (%) 0,4 2,1 2,7 0,8 1,1 4,8 3,8 2,9
Proteína (%) 6,8 6,4 8,5 7,5 7,6 6,1 5,1 7,8
Graxa total
(%)
35,4 36,6 38 38,2 34,1 29,8 25,7 33,7
– Saturados 1 21 32 25 28 25 26 36 25
– Ác. esteárico (%) 2 18 24 26 25 27 28 22 25
– Monoinsa-
turados (%)
54 39 41 42 41 41 37 43
– Poliinsa-
turados
7 5 8 5 7 5 5 6
Hidratos de carbono (%) 55,9 53,4 49 51,9 55,8 57,9 64 54,3
– Azucres
(%) 3
50 45,8 41,4 50,8 47,5 45,1 53,6 43
Valor
calórico
(Kcal/100 g)
569 569 572 581 561 524 508 552
OGM 4 Au- sencia Au- sencia Au- sencia Au- sencia Au- sencia Au- sencia Au- sencia Au- sencia
Estado microbio-
lóxico
Co- rrecto Co- rrecto Co- rrecto Co- rrecto Co- rrecto Co- rrecto Co- rrecto Co- rrecto
Cata (1 a 9) 7,3 7,2 5,9 7,3 6,8 6,2 5,9 6,1

(1) Ácidos graxos saturados: ácidos graxos que poden exercer efectos negativos sobre a saúde humana se se consumen habitualmente. Non se inclúe o esteárico.

(2) Ácido esteárico: quimicamente é un ácido graxo saturado, pero os seus efectos sobre a saúde non son equiparables ós do resto de graxas saturadas; demostrouse que non ten a capacidade de aumentar o nivel de colesterol en sangue.

(3) Azucres totais: hidratos de carbono simples.

(4) OXM: organismos modificados xeneticamente.

Un a un

Unha por unha, oito caixas de bombóns variados

Trapa Selección

/imgs/20051201/trapa.jpg “Bombóns de chocolate recheos”. Caixa de 250 gramos.
Saen a 25,60 euros o quilo. A mellor relación calidade-prezo.
O de menos graxa saturada (o 21% da súa graxa; ou, se se prefire, 7,4 g/100 g).

Na cata, con 7,3 puntos, é unha das tres mellores: os seus bombóns gustan pola “aparencia do variado”, polo “sabor do recheo” e por “como se funde”, pero non agradou que “todos están envoltos” e que resultan “brandos”. Os que máis gustaron foron “Nocciolato” e “Mandarola”.

Lindt

/imgs/20051201/lindt.jpg “Variado de bombóns”. Caixa de 350 gramos.
Saen a 24,36 euros o quilo. Opción interesante.
Un dos de máis graxa saturada (o 32% da súa graxa; case 12 g/100 g).

Na cata, con 7,2 puntos, é unha das tres mellores: os seus bombóns gustan pola súa “variedade”, “sabor a chocolate”, “conter bombóns con améndoa”, por “cremosos” e polo “sabor que deixan”; só son criticados por “duros”. Os que máis gustaron foron “Macadamia” e “Rocher Noir”.

Valor Selección de Oro

/imgs/20051201/valor.jpg “Bombóns” Saen a 19,96 euros o quilo, os máis baratos. Caixa de 275 gramos.
Os máis proteicos (8,5%) e un dos máis graxos (38%), pero dos de menos azucre (41%).

Na cata, con 5,9 puntos, un dos peores: gustan pola súa “gran variedade”, “recheo”, “sabor do chocolate”, “funde ben”, e foron criticados pola “cor do chocolate”, polo seu “sabor forte” e por “non cremosos”. Os que máis gustaron foron “Choco Abelá” e “Negro con laranxa”.

Guylian

/imgs/20051201/guylian.jpg “Variado de finos chocolates belgas”
Saen a 30 euros o quilo. Caixa de 225 gramos.
Dos máis graxos (38%) e calóricos (581 calorías cada cen gramos).

Na cata, con 7,3 puntos, un dos tres mellores: gustan por “variados” e polo “sabor a chocolate”, porque “se desfán ben” e “polo sabor que deixan”. Critícanse pola “aparencia do variado” e “sabor moi doce”. Os que máis gustaron: “Tambor”, “Cabaliño de mar” e “Bóla”.

Nestlé Caja Roja

/imgs/20051201/nestle.jpg “Bombóns de chocolate”
Saen a 21,40 euros o quilo. Caixa de 200 gramos.

Na cata obtiveron 6,8 puntos: gustan pola “aparencia do variado”, polo “sabor do chocolate”, por “como se desfán” e polo “sabor que deixan”, e critícanse por seren “moi doces” e porque se funden peor có resto de bombóns”. Os que máis gustaron: “Trufa branca”, “Crocantini” e “Supreme”.

Lacasa

/imgs/20051201/lacasa.jpg “Bombóns” Saen a 26,8 euros o quilo. Caixa de 250 gramos.
Dos menos graxos (30%) e dos que teñen menos graxa saturada (o 26% da súa graxa; 8 g/100 g).

Na cata acadan 6,2 puntos: gustan por “variados”, polo “sabor do chocolate” e polo “sabor que deixan”, pero critícanse por “graxentos” e porque “non funden facilmente”. Os que máis gustaron: “Folla”, “Rocha” e “Veloute”.

Cadbury Milk Tray

/imgs/20051201/cadbury.jpg “Variado de bombóns” Saen a 21,95 euros o quilo. Caixa de 227 gramos.
Os menos graxos (26%), os menos proteicos (5%) e os menos enerxéticos (508 calorías cada cen gramos), pero á súa vez, os que máis azucre teñen (54%).

Na cata, con 5,9 puntos, un dos peores: gustan pola “aparencia do variado”, polo “sabor do chocolate” e polo “recheo”, pero critícanse por tratarse dun “variado pouco colorido” e por seren “moi doces” e “duros”. Os que máis gustaron: “Vainilla Fudge” e “Coffee Truffle”.

Uña Gran Selección

/imgs/20051201/una.jpg “Bombóns” Saen a 33,78 euros o quilo, os máis caros. Caixa de 370 gramos.
Dos que menos azucre teñen (43%).

Na cata acadan 6,1 puntos: gustan pola “aparencia do variado”, polo “chocolate amargo” e porque “funden ben”, pero critícanse pola “intensidade do sabor” e polo “chocolate basto” e “duro”. Os que máis gustaron: “Roca de ouro” e “Rizo”.