A súa utilización e bo uso, materia pendente
Os nenos, vítimas da neglixencia dos grandes
Un dos problemas máis frecuentes nas cadeiras de seguridade infantil é a súa instalación errónea no vehículo. Cada cadeira dispón dun sistema propio de instalación, e canto máis complicado é, máis posibilidades de erro ou omisión de pasos hai. Esquecer un paso ou non o seguir polo miúdo pode minguar ou inutilizar as capacidades de protección da cadeira, ata tal punto que a mala utilización dos SRI ocasionou nos accidentes acontecidos durante o 2003 un 2,6% de mortalidade e un 9,2% de lesións de carácter grave entre as vítimas infantís, segundo a DXT.
Así e todo, o maior problema é a non utilización dun sistema de retención axeitado. Un estudo realizado no 2003 pola Dirección Xeral de Tráfico, pola Agrupación de Tráfico da Garda Civil e polo Real Automóvil Club de España desvela que a utilización de Sistemas de Retención Infantil en España é dos máis baixos de Europa, arredor do 37%. Segundo este informe, o 56% dos nenos vítimas de accidentes ese ano viaxaban sen SRI, ceibos e libres polo vehículo.
Obviamente, os Sistemas de Retención Infantil non son un salvoconduto para a integridade física dos nenos, pero mentres que o uso axeitado de asentos de retención sitúa no 0,6% os casos de mortalidade e no 6,8% os casos de lesión grave en caso de accidente, a non utilización aumenta a porcentaxe ata o 3,15 e o 16,9%, respectivamente.
A ancoraxe tipo Isofix, homologada en febreiro do 2004, é un sistema de suxeición estandarizado internacionalmente para asentos de retención infantil en vehículos. Consta duns puntos de suxeición ríxidos que van aparafusados ou soldados á carrozaría do vehículo, entre o respaldo e o asento, e dos correspondentes enganches no asento infantil, dúas ancoraxes ríxidas que se pechan sobre as variñas do automóbil, ofrecendo así unha unión firme coa carrozaría, excluíndo case por completo que envorque ou oscile o asento. En caso de colisión, o cativo conta cunha maior seguridade por mor da firme suxeición. Ademais, a súa doada montaxe minimiza a probabilidade de cometer erros durante a instalación do asento no vehículo. Estas vantaxes fronte ó uso do cinto de seguridade, sistema tradicional de suxeición dos SRI, foron avaladas por distintos estudos realizados polos clubs automobilísticos europeos, entre os que se atopa o Real Automóvil Club de España (RACE).
Así e todo, ó contrario do que acontece cos asentos do tipo universal, que se poden instalar en calquera vehículo, os asentos Isofix deben ser homologados para cada modelo de vehículo, e case dez anos despois do seu lanzamento só algunhas marcas os inclúen, debido á falta de acordo entre os fabricantes de coches -non estarán obrigados por lei a incluílos ata febreiro do 2006- e os dos SRI.
Pautas para unha viaxe segura
A mellor compra
- Non permita que un rapaz viaxe no seu vehículo sen empregar un sistema de retención axeitado, nin sequera nos traxectos breves ou para achegalo á escola.
- Antes de adquirir un sistema de retención de bebés comprobe que cumpre coa normativa vixente ECE R 44/03. Se o produto está homologado levará un distintivo que así o certifique e unha etiqueta na que aparecerá a devandita normativa, a categoría do dispositivo (universal, etc.), o peso do bebé ó que se adecúa, a letra do país (E), o número de homologación e mais o número concreto de identificación da unidade.
- Antes de mercar, probe a cadeira no asento do seu coche. Se non llo permiten, infórmese sobre a política da tenda no tocante ó cambio ou devolución da cadeira.
- Deixe que o seu fillo a probe. Unha que lle resulte demasiado estreita ou moi ancha, ou na que o respaldo sexa moi baixo, fará que o cativo non viaxe coa mesma tranquilidade.
- Coidado coas cadeiras herdadas. Revise que están en perfectas condicións de uso.
- Non dubide en substituír a cadeira de seguridade por unha nova no caso de que sufrira violentas tensións despois dun accidente.
Unha correcta instalación
- As estatísticas sinalan o asento traseiro dereito como a localización máis segura para as cadeiras infantís. Nela viaxa o 21,2% dos nenos, cunha taxa de mortalidade do 14,3%. A máis insegura, o asento dianteiro dereito, ocupábaa o 4,1% dos nenos, pero nesta localización o índice de mortalidade foi do 9,5%.
- Se a instalación lle resulta complicada, solicite na tenda que a instalen por vostede. Non dubide en desmontala e volvela instalar para coñecer ben o mecanismo.
- O asento de seguridade infantil debe quedar firmemente suxeito ó asento do vehículo, de xeito que se elimine case totalmente calquera movemento entre os dous, tanto lateral coma lonxitudinalmente.
- Saiba que as zonas máis vulnerables do bebé son a cabeza, o pescozo (debido ó lategazo producido polo peso da cabeza) e a cara. Por este motivo é importantísimo colocar os bebés menores de 10 quilos en sentido contrario á marcha, xa que a cabeza, o pescozo e as costas quedan protexidos polo respaldo da cadeira de seguridade, que, ó mesmo tempo, absorbe equilibradamente boa parte da enerxía producida no choque.
- Non coloque o portabebé no asento dianteiro se está equipado con airbag, a non ser que no seu vehículo se poida desactivar o sistema. Se o seu automóbil non lle permite esta posibilidade, instale o asento infantil na parte traseira do coche.
- Se o seu bebé viaxa nun seirón, coloque este de maneira que o extremo da cabeza estea enfrontado á parte media do vehículo. Deste xeito, pódese evitar un golpe directo na cabeza do neno nun choque lateral.
- Se o neno é moi pequeno e o pai ou a nai está só e conduce o vehículo, sitúe o asento infantil na praza dianteira. Poderá estar pendente do bebé sen ter que desviar a atención da estrada.
- O paso ó coxín elevador só se debe facer cando, en primeiro lugar, o cinto de seguridade do vehículo queda correctamente situado sobre o neno e cando xa se excederan o peso ou a altura máxima indicada polo fabricante do asento de seguridade.
- Se o seu fillo emprega o coxín elevador, préstelle atención ó percorrido do cinto de seguridade do vehículo por riba do seu corpo. A banda torácica ou superior debe pasar por riba da clavícula. Se pasa por riba do pescozo do neno, isto quere dicir que este non é aínda alto abondo como para usar este sistema. O perigo de resultar afogado coa traquea esmagada é demasiado elevado.
- O neno só poderá usar o cinto de seguridade para adultos, sen elevador, cando poida apoiarse no respaldo do asento do coche e os seus xeonllos alcancen o bordo deste. Repare en que a correa que vai sobre a cintura se cingue ben ás súas cadeiras e que a que cruza o ombreiro faga contacto co peito e a clavícula.
Os Sistemas de Retención Infantil, un a un (para info)
A normativa internacional clasifica os nenos en cinco categorías ou grupos, en función do seu peso. Dentro de cada un, existen varias posibilidades para elixir e a maioría pódese empregar en calquera vehículo.
Grupo 0 (de 0 a 10 kilogramos) 0-9 meses* |
Grupo 0+ (de 0 a 13 quilogramos) 0-18 meses* |
Grupo 1 (de 9 a 18 quilogramos) 9 meses-3 anos* |
---|---|---|
Seirón para bebé acabado de nacer: É ríxido e leva rede ou arneses para evitar que o bebé saia despedido. Colócase no asento traseiro, en posición transversal, e engánchase ós cintos de seguridade. O bebé viaxa deitado, suxeito por un cinto ventral. | Cadeira-cesta de seguridade: Algo máis grande, esta categoría, engadida recentemente, é unha alternativa que pode substituír o grupo anterior. | Cadeira de seguridade: O principal cambio para o neno é que se pode colocar no sentido da marcha, o que lle permite unha maior visibilidade. Colócase preferentemente nos asentos traseiros do coche. |
Cómpre ter en conta: Aínda que ocupa moito espazo, o neno viaxa cómodo, nun habitáculo que lle é familiar. | Cómpre ter en conta: Colocada no sentido contrario á marcha pode evitar lesións no pescozo e na cabeza, en caso de colisión, pero pode ser incómodo para o cativo. | |
Cadeira-cesta de seguridade: É unha cadeira pequena, lixeiramente inclinada, envolvente e adaptada ó corpo do bebé. O pequeno viaxa en posición semideitada suxeito á cesta mediante arneses. Debe ir sempre en sentido contrario á marcha, diante ou detrás. | ||
Cómpre ter en conta: Algúns modelos pódense usar tamén como portabebés ou hamacas, accesorios útiles fóra do automóbil. |
Grupo 2 (de 18 a 25 quilogramos) 3-6 anos* |
Grupo 3 (de 22 a 36 quilogramos) 6-12 anos* |
---|---|
Asento con axuste do cinto: Tanto o neno como a cadeira van suxeitos polo cinto do vehículo. Inclúe unha guía para pasar o cinto entre as pernas ou reter o neno pola cadeira e non polo abdome, evitando lesións, e outra para impedir que o cinto pase polo pescozo. | Coxín elevador: É un suplemento que se coloca sobre o asento e que eleva o neno para que poida utilizar o cinto de seguridade do adulto. |
Cómpre ter en conta: Ó se fixar co cinto do vehículo, non se pode usar se os asentos traseiros do coche non o incorporan. | Cómpre ter en conta: Ocupa moi pouco espazo, polo que, se non se precisa, pódese gardar sen dificultade no maleteiro de calquera vehículo. |
Coxín elevador con respaldo: Semellante ó anterior, pero o coxín e o respaldo son dúas pezas que se poden separar. | |
Cómpre ter en conta: Ó poder separar as dúas pezas, permite usar só o coxín cando o neno medra. |
* Orientativo.