Mantén que a xubilación pasou de ser un instrumento do Estado do Benestar a unha ferramenta de xestión laboral. En que sentido?
A partir do capitalismo tardío, a xubilación, que foi concibida como un medio para producir o anovamento da forza de traballo ó tempo que permitía que os traballadores se retirasen coa seguridade dunha pensión, converteuse nunha ameaza para quen alcanzaba certa idade. Estas persoas vían achegarse a posibilidade de entrar no grupo de posibles prexubilados, pero coa incerteza de non saberen a que idade lles ía tocar, co que non había xeito de se preparar para ese momento ou de se anticipar a el. A xubilación comezouse a ver como un instrumento útil para reducir o desemprego, para aumentar as taxas de rotación e para acadar unha forza de traballo máis nova, eficiente e menos reivindicativa. E non se tiveron en conta os intereses do traballador.
Dío porque estaba obrigado a aceptala ou polas condicións sociolaborais ás que era conducido?
Por ambas as dúas cousas. Os traballadores víronse atrapados entre a opción de se xubilar, aceptando unha pensión que lles proporcionaba recursos moi limitados para a supervivencia, ou a de se enfrontar a un mercado laboral, de non aceptar a prexubilación, no que as oportunidades de atopar emprego diminuían para eles. Esta dicotomía agudízase coa presión de gobernos e sindicatos para que os traballadores máis vellos se retiren e lles cedan o seu posto ós máis novos. Todo isto xera unha discriminación por idade no mercado laboral, pois aínda que non se recoñeza así, os traballadores de máis idade e con máis dereitos son tamén os que máis custan, e as empresas tenden a reducir custos desfacéndose deles. Antes de inventar a xubilación e de institucionalizala, as persoas retirábanse do mundo laboral cando coidaban que tocaba ou cando as circunstancias, case sempre físicas, os obrigaban, dado que, sobre todo nas sociedades preindustriais e na primeira sociedade industrial, os máis vellos eran percibidos como funcionais. E aínda que non fosen recoñecidos tan útiles coma os mozos, non se pensaba en retiralos forzosamente. Hoxe en día, se a xubilación é chamada dereito, debería ser voluntaria, ou polo menos debería flexibilizarse a idade na que unha persoa deixa de traballar. Igual de inxusto resulta obrigar a alguén a permanecer nun posto de traballo a partir de determinada idade como impedirlle desenvolver unha actividade a alguén capacitado.
Hai voces que anuncian a posibilidade de que non abonden os cartos para que os que hoxe traballan e pagan as pensións poidan recibir o que lles corresponda nos seus anos de retiro. Que hai de fundamento neste temor?
O sistema de pensións segue sendo viable, funciona e o Estado debe seguir a ser o seu principal garante. É un feito que en ningún momento histórico houbo tanta riqueza como a que existe actualmente. Estoume referindo, por suposto, a Europa. Polo tanto, resulta un paradoxo cuestionarnos se os artífices desa riqueza non van poder gozar dunha compensación que eles mesmos están xerando. Houbo anos nos que, a causa do baixo índice de natalidade, se temeu que a pirámide de poboación quedase seriamente afectada e que a poboación activa fose inferior en número á poboación de pensionistas. Pero todo parece indicar que a inmigración está paliando este risco, e que nun futuro inmediato o feito de que a man de obra non sexa excesiva pode ata levar a un aumento de salarios e a un incremento das cotizacións á Seguridade Social. O celme da cuestión é, unha vez máis, dar distribuído esa riqueza de xeito que alcance a todos.
Daquela, esas recomendacións que se suceden sobre a conveniencia de facerse cun plan de pensións que garanta un retiro digno, son atinadas?
Non están de máis, ser prevido non fai mal. Ademais, o sistema de pensións non é xusto nin pretende selo, e tampouco pode. Tenta alcanzar o maior número de persoas, pero, sobre todo, non pode esquecer as menos favorecidas, polo que quen máis achega non recibe despois na mesma proporción. A pensión máxima pode non ser correlativa ó que se tributou, pero é solidaria para poder atender a todos. Por iso nunca sobra procurar outras fontes financeiras particulares.
Que ingresos debería ter unha persoa xubilada para vivir dignamente?
Garantida a vivenda, a alimentación e a saúde, dependerá do nivel de vida que cada persoa estea afeita a levar. O que ten que procurar a xubilación é que, se se produce un cambio, non sexa a peor, e que permita manter as condicións en que a persoa vivía cando traballaba. No aspecto psicolóxico, como ante calquera cambio do ciclo vital, é preciso un proceso de adaptación. Hai que procurar non caer nunha vellez anticipada, aínda que a xubilación o fora. É fundamental manter a actividade mental e física, e percibir que a xubilación implica tomar decisións e realizar eleccións.
Deixando a un lado os condicionantes económicos, que respostas debe atopar na sociedade?
Na madurez, as persoas senten que son as mesmas ca antes, non tenden a autodefinirse coma vellas e non o son, pois falar con propiedade da vellez é facelo de falta de autonomía e non de ter moitos anos. Así que, ó se xubilaren, as persoas continúan realizando boa parte das actividades que realizaban antes, non sendo as laborais. Liberarse destas obrigas permítelles reestruturar o seu tempo e dedicalo ó lecer e ó voluntariado, á familia e ós amigos. Por iso, a sociedade debe estar á súa altura e ten que lles proporcionar posibilidades para desenvolver actividades atractivas, incluíndo recursos materiais e non-materiais. Esta relación retroalimentarase, pois a idea de sentirse útiles e necesarios para os demais fai que moitas persoas xubiladas lle realicen importantes contribucións, tanto materiais coma afectivas, á familia e á sociedade, o que, sen dúbida ningunha, contribúe ó benestar de todos.
Que acontece coa muller que é ama de casa e nunca se xubila?
Aínda que siga desenvolvendo labores domésticos, xa non ten que cumprir co protocolo paralelo ó da súa parella en horarios, nin compartir as preocupacións laborais, así que en certa maneira tamén se xubila. De feito, a esa idade son moitas as mulleres que comezan a desenvolver actividades fóra da casa. Unha situación que si me gustaría salientar é o cambio profundo que produce a viuvez cando un é aínda moi novo, pois é un acontecemento traumático que inflúe notablemente no benestar e na saúde. Superado o tempo de dó, deberían experimentar nesa etapa das súas vidas un sentimento de autorrealización. Pertencen a unha xeración de mulleres que tiveron moi escasas oportunidades para formarse, aprender e exercer a liberdade persoal. As actividades culturais e formativas supóñenlles a apertura a mundos descoñecidos, e auméntanlles a seguridade para participar na conversa das persoas máis novas e mellor formadas.
Por que se centra tanto as actividades en accións altruístas?
A idea de realizar unha actividade na xubilación adoita unirse á noción de lecer, no sentido de actividade privada de obrigas. Pero a falta de obriga non significa carencia de sentido da responsabilidade e do compromiso. Nalgúns casos, as actividades que realizan ata se chegan a considerar como un servizo público, pois axudan a outras persoas e á propia sociedade. Isto lévanos unha vez máis a reflexionar sobre a importancia de dotar de infraestruturas e de atención á poboación máis vella, máis alá de consideracións sanitarias.
É vostede autora do único estudo que se realizou en España sobre o maltrato, abuso ou neglixencia coas persoas anciás. Lelo pon medo: en termos xerais, no 68% das situacións observouse neglixencia no coidado físico; no 46% dos casos, no coidado afectivo, e no 10%, maltrato físico. O maltrato psicolóxico-emocional rexistrouse no 32% das situacións, o material no 17% e o sexual no 1%. Vai acontecer como coa violencia sobre a muller, que cando se comece a denunciar as cifras van ser escandalosas?
Custa aceptalo, pero os datos revelan que o 5% dos vellos son obxecto de maltrato por parte dos seus familiares. Se traducimos esa porcentaxe a termos absolutos, a cifra é moi alta, e, mesmo así, polo de agora, nin os axentes políticos nin os sociais tomaron consciencia destas situacións de violencia, e ata carecemos dunha regulación que protexa os dereitos das persoas anciás vulnerables. Cómpre elaborar instrumentos que lles permitan ós profesionais sanitarios e sociais detectar posibles casos e contribuír a deseñar políticas sociais que lle fagan fronte a esta situación. Unha alta porcentaxe dos maltratadores mantén unha relación de dependencia económica coa vítima, á que espolian pensións, patrimonio e outros bens.
Pode acontecer que o ancián estea mal coidado por descoñecemento, e non por desidia nin desinterese?
Insístese, precisamente por iso, na necesidade de dotar a sociedade de ferramentas. Os vellos, cando chega o momento en que precisan ser asistidos na súa vida cotiá, prefiren polo xeral permanecer nas súas casas, baixo o coidado dun ser querido. E aínda que non quixeramos, esa é xeralmente a única alternativa, pois existen só 2,7 prazas en residencias públicas e privadas por cada cen persoas maiores de 65 anos. Por iso, as institucións están dobremente obrigadas a proporcionarlle recursos a quen se fai cargo dos anciáns dependentes. Ofrecer servizos de cátering, asistencia domiciliaria, centros comunitarios de lecer, axudas para cambiar de residencia ou adaptar a propia, cursos sobre técnicas sanitarias… Son moitas as necesidades e están formuladas! Agora só falta que se queiran levar a cabo!