Deportes de inverno

Esquí sen barreiras

As persoas con deficiencias físicas ou sensoriais tamén poden gozar da práctica dos deportes de neve
1 Decembro de 2005
Img miscelanea

Esquí sen barreiras

/imgs/20051201/miscelanea01.jpg
Cando se observa nunha pista a un esquiador sentado, realizando xiros sobre un único esquí cunha técnica que para si quererían os máis dos esquiadores, ou cando é unha parella a que deixa na neve dúas marcas perfectamente paralelas, anunciadas polo can que vai guiando o seu compañeiro cego, hai que admitir que o deporte iguala as persoas, ou, mellor dito, só as distingue pola súa capacidade de se esforzaren, algo que nada ten que ver coas limitacións motrices, sensoriais ou intelectuais.

A práctica do esquí alpino, adaptado e normalizado, ó igual do que acontece coa maioría dos deportes deste tipo, ten a súa orixe ó remate da Segunda Guerra Mundial. Naqueles anos modernizáronse as técnicas de rehabilitación e creáronse ou adaptáronse modalidades deportivas para os veteranos da contenda. Outros conflitos, como a guerra de Vietnam, non fixeron máis ca corroborar a necesidade de procurar prácticas deportivas que proporcionasen sensación de liberdade cando as lesións obrigaban a realizar a vida sobre unha cadeira de rodas ou a precisar un guía para desprazarse. Sen dúbida, deslizarse pola neve gozando do contacto coa natureza, a velocidade e o contorno conségueo. Ademais, o esquí deulles ás persoas con minusvalías a oportunidade de participaren nunha actividade común e plural, e a se valeren dos notables beneficios de integración e superación que ofrece. Non importa ser cego total ou parcial, ter unha lesión medular alta ou severa, ou diminuídas as capacidades intelectuais. O esquí non está limitado. Adáptase a moitas opcións.

Algunhas modalidades

O monoski

Desenvolvido para persoas que esquían nunha posición sentada, require de forza na parte superior do corpo, amais de equilibrio e mobilidade do tronco. O esquiador colócase nun asento moldeado suxeito a un soporte que vai unido a un esquí. Un pecho, a xeito de fixación, axusta o soporte á táboa. Para o equilibro e os xiros, o esquiador axúdase de dous estabilizadores, é dicir, bastóns adaptados cuns esquís pequenos montados nos extremos. O monoski está deseñado para poder subir só á telecadeira, o que proporciona a oportunidade dun esquí independente. Un esquiador en monoski pode acadar un nivel moi alto de esquí e esquiar en pistas de alta dificultade, mesmo nas negras.

O biski

/imgs/20051201/miscelanea.jpg
O biski foi desenvolvido para persoas que esquían sentadas e que teñen escasa mobilidade e forza na parte superior do corpo. O esquiador senta nun asento de fibra de vidro con dous esquís debaixo, que funcionan de base, máis ancha e con mellor equilibrio ca un monoski. Co biski pódese esquiar de xeito independente axudado de dous estabilizadores para o equilibrio e os xiros. Os esquiadores principiantes e aqueles que precisan máis axuda poden utilizar unha barra para as mans e unhas cintas coas que o monitor os suxeita.

As 3 pegadas

Este tipo de esquí está indicado para persoas con amputación dun membro inferior, polio ou hemiplexía. As persoas que esquían sobre tres pegadas levan un esquí normal e dous estabilizadores longos, cos que lograr tres puntos de apoio coa neve. Estes esquiadores progresan moi de présa.

As 4 pegadas

Os esquiadores de catro pegadas usan dous esquís e dous estabilizadores. Proporciónanlle ó esquiador estabilidade e permítenlle virar. Dous esquís e dous estabilizadores aseguran catro puntos de apoio na neve. En ocasións axúdanse duns suxeitadores que conectan as puntas dos esquís para evitar que se crucen ou que permiten un mellor equilibrio. Case todas as persoas que anden con bastóns poden esquiar con catro pegadas.

Esquiar sen ver

O esquí alpino para cegos é se cadra a modalidade máis coñecida, pero non por iso menos rechamante. É difícil que alguén se deixe convencer para lanzarse costa abaixo, ganando velocidade, sen ver. Por iso, este é un deporte en equipo no que se precisa un guía vidente para se poder deslizar polas pistas. Para iso requírese acadar un bo nivel de esquí e moitas horas de adestramento. As persoas con resto visual abondo, as que non son completamente cegas, seguen o guía coa vista. O esquiador debe seguilo de xeito preciso, procurando pisar a traza dos seus esquís. O guía pódelle facer xestos moi claros para darlle información ou axudarse coa voz. No caso dos esquiadores totalmente cegos, a velocidade é menor porque se guían unicamente polo son, o da voz do guía amplificada por un altofalante que leva nas costas.

Un exemplo de estación

Aínda que non é preciso que as estacións de esquí estean adaptadas ás persoas con discapacidade máis alá do que marca a lei, o feito de que as pistas, monitores, persoal e sinalizacións teñan en conta a este colectivo demostra unha sensibilidade loable e, por que non, boas prácticas empresariais.

Un exemplo, aínda que cada día existen máis, é a estación catalá de La Molina. Desde hai máis de dous lustros procuran mellorar as instalacións para posibilitarlle o acceso a elas a todo o mundo, sobre todo no tocante á aprendizaxe, porque unha vez que se sabe esquiar non importa en que condicións ou con que capacidades se faga. Por iso, desde o pasado ano, abriuse unha pista deseñada por e para as persoas con discapacidade. Con ela preténdese facilitarlles a iniciación, polo que dispón dunha telecadeira especial (tipo cinta transportadora), dunha caseta de atención para o esquiador e os seus acompañantes a pé de pista, e de prazas de aparcamento exclusivas. Ademais, destináronse recursos para a formación específica de persoal de remontes e mais tamén se creou, na mesma estación de esquí, un centro de formación de técnicos de deportes adaptados ó medio natural. Tamén as estacións que conforman o Aramón de Aragón se uniron á atención deste colectivo. Para iso, contan con cadeiras de rodas nas cafeterías intermedias que posibilitan o acceso desde a neve, tanto ós servizos coma á cafetería, e a maioría dos remontes mecánicos poden ser utilizados polos usuarios con algunha discapacidade. Ademais, é política de empresa capacitar o persoal para ensinarlles ós esquiadores con discapacidade o uso dos remontes mecánicos e o resto de zonas das estacións.

O prezo, este si que pode ser un inconveniente

Queda demostrado que se pode esquiar con diferentes capacidades, pero un serio inconveniente ó que hai lle facer fronte é o económico. Con todo, aínda que o equipo é algo máis caro, sobre todo porque hai pouca oferta, este serve para moitas tempadas. Sen dúbida ningunha, o que resulta máis custoso é a formación, porque unha persoa con discapacidade precisa forzosamente un profesor para ela soa, e nalgúns casos dous. Así e todo, achegarlle este deporte a todo o mundo é un esforzo, particular e institucional, que ben paga a pena, porque está comprobado que nas terapias de rehabilitación postraumáticas, o esquí non só supón unha mellora física, senón que tamén serve de grande axuda no campo emocional.