Paga a pena investir nelas
Tipos de batería
A diversidade de modelos deste dispositivo, que ten como misión proporcionar a potencia necesaria para acender o motor de arrinque e protexer ó mesmo tempo o sistema eléctrico, é enorme.
Clasificación segundo o mantemento:
- Baterías que precisan mantemento: requiren auga destilada para funcionaren. Son máis económicas, ata un 10%, pero menos cómodas pola atención
- Baterías que non precisan mantemento: son as máis usadas pola súa comodidade, aínda que tamén algo máis caras. É importante que unha vez ó ano sexan revisadas por un técnico que verifique o seu bo estado. Dentro deste grupo destacan as de aliaxe de cadmio chumbo e cadmio prata, que se colocan sobre todo en vehículos de gama alta pola súa maior duración e rapidez de recarga, aínda que son máis caras có resto.
Clasificación segundo a amperaxe:
Os fabricantes indican a amperaxe que cada vehículo require e proporcionan este dato mediante a unidade amperio hora (Ah). Segundo os expertos, non se debe adquirir unha batería cunha amperaxe inferior á indicada pola marca do coche, pero si pode ser superior en función do número de elementos eléctricos que haxa que acender. Tamén hai outros casos nos que a amperaxe recomendada polos talleres é algo superior, como no caso de vehículos vellos ou con motores castigados.
Estas indicacións do fabricante aparecen na batería orixinal do coche e no manual do usuario do vehículo:
- Para coches de gasolina e sen aire acondicionado: baterías de 45 amperios.
- Para coches de gasolina e con aire acondicionado: baterías de 55 amperios.
- Para coches de gasolina e diesel de gama media: baterías de 75 amperios.
- Para os coches de luxo: baterías de 70 a 90 amperios.
Coidados da batería
Elementos daniños para as baterías:
Os especialistas en motor aseguran que unha batería ben coidada e utilizada correctamente garante e alonga o seu bo funcionamento. Para iso cómpre ter en conta que é o que pode afectar á boa saúde dunha batería:
- O mal funcionamento do sistema de carga, debido a un fallo no regulador de voltaxe. Por iso se recomenda que se carguen en presenza dun experto.
- Secado das celas porque non teñen o nivel de auga abondo.
- Unha mala colocación da batería, de xeito que esta poida vibrar; a vibración é un dos factores que máis danan a batería, polo que se recomenda que vaia ben suxeita ó vehículo.
- Fallos no sistema de arrinque, polo que lle esixe máis forza á batería.
Como coidar unha batería:
- Nivel de auga. Cómpre verificar a miúdo o nivel de auga e un mantemento periódico, como mínimo unha vez ó ano.
- Corrente eléctrica. Sempre que se vaia instalar un accesorio electrónico no coche convén consultar cun técnico se a potencia da batería será abonda, porque é posible que interese substituíla polo aumento de demanda de corrente eléctrica.
- Sistema de carga. Revisar o sistema de carga do coche, o alternador e regulador de voltaxe, para evitar sobrecargas e descargas.
- Con chuvia. A chuvia obriga a limpar a miúdo o acumulador para evitar que se lixen os conectores e se perda o contacto e impedindo que se recargue a batería. Ademais, coa porcallada córrese o perigo de que penetre algunha impureza no electrólito e que a batería dure menos. Por iso é importante que os tampóns estean ben postos.
- Co frío e coa neve. É bastante común que nas mañás frías, se xeou, o coche non arrinque ou que lle leve un cacho arrincar. Nestes casos, e sempre que se sospeite que é por mor da batería, recoméndase acudir a un taller ou a un centro especializado e non tocar nada da batería.
- Coa calor. A calor desgasta os materiais da batería, de xeito que no verán cómpre comprobar máis polo miúdo ca en calquera outra época do ano o nivel da auga e a limpeza dos postes.