Indicadores da saúde familiar

A boa marcha familiar esixe esforzo

Nunha familia con problemas non hai un culpable: so conflitos débense a deficiencias na interacción entre os seus membros
1 Decembro de 2005
Img interiormente listado 213

A boa marcha familiar esixe esforzo

As relacións humanas xeran as maiores ledicias, pero tamén son fonte de problemas. En toda agrupación humana, ben no traballo, no contorno social ou na familia, a convivencia xera conflito. Isto é natural, pero o que hai que procurar é que os conflitos non se tornen un problema. Se isto acontece no traballo ou noutros ámbitos nos que os vínculos persoais son secundarios, a experiencia non é agradable, pero resulta especialmente dolorosa cando o fallo se orixina na familia. Dela agárdase afecto e con ela compártese o obxectivo principal de medrar e desenvolverse como persoa na vida. Por iso, cando as relacións familiares non funcionan hai que procurar amañar o problema. Non é un labor doado. Para intentalo é fundamental coñecer as súas pautas e mecanismos para así analizar correctamente como xorden os conflitos e cales son as solucións máis axeitadas.

A saúde da familia é a dos seus membros

Unha familia é unha unidade que non pode ser reducida á suma das características das partes, senón que é un conxunto de interaccións de personalidades e circunstancias. Cando o seu funcionamento é axeitado promove o desenvolvemento integral dos seus membros e procúralles un estado de saúde favorable. Pola contra, cando unha familia arrastra unha marcha inadecuada convértese nun factor de risco e propicia a aparición de síntomas e enfermidades nos seus membros. Ata agora ese proceso concibíase de xeito lineal: había unha causa ou un causante que provocaba un efecto. Pero este enfoque non é correcto. Cómpre rompermos con ese erro e asumir unha idea determinante: nunha familia con problemas non hai un culpable, senón que os conflitos se deben a deficiencias na interacción familiar.

/imgs/20051201/psicologia.jpg
Cando nas familias se xeran situacións problemáticas provocadas por algún dos seus membros (por problemas co alcohol ou co consumo de drogas, fracaso escolar, depresións…), este non se debe concibir como un problema, senón como o portador das problemáticas familiares. Non se debe dicir: “mira que problema ten ese fillo”, senón “esa familia ten un problema”. Nese momento, no canto de buscar receitas e consellos, o máis importante é analizar por que a familia non está funcionando. Un bo instrumento de análise é comprobar o grao de cumprimento dos indicadores de saúde familiar. Así pódese atopar a orixe do conflito e a fórmula para traballar para solucionalo.


Indicadores da saúde familiar

  1. A familia debe cumprir coas súas funcións económicas, biolóxicas, culturais e espirituais. A administración dos cartos familiares, a loxística da casa, a atención da saúde e do desenvolvemento saudable e mais a atención ós principios morais e ós valores espirituais son responsabilidade familiar e a esencia do seu funcionamento. As crises económicas, os problemas sanitarios ou de calquera índole poñen a proba o compromiso dos membros na familia.
  2. O sistema familiar debe permitir o desenvolvemento da identidade persoal e a autonomía dos seus membros. Cando a familia esixe unha dependencia excesiva entre os seus membros, limita a superación e a realización persoal e individual. Pola contra, cando a relación familiar é moi aberta e defende moito a individualidade, tenden a anularse os sentimentos de pertenza familiar. Polo tanto, para que a familia funcione cómpre respectar as fronteiras psicolóxicas que permiten preservar o espazo vital de cada quen, sen limitar a independencia, pero sen promover unha excesiva individualidade que impida o desenvolvemento de todos os membros en solidariedade.
  3. Na familia debe haber flexibilidade nas regras e nos roles para a solución dos conflitos. Unha familia que funciona presenta unhas tarefas e roles asignados a cada membro con claridade e aceptados por todos. É importante que non haxa sobrecarga de rol por sobreesixencias, como acontece nalgúns casos de nais adolescentes ou de fogares monoparentais, e que se eviten estereotipos de xénero que implican rixidez no tocante ás funcións masculinas e femininas no fogar. Outra condición para que funcione é que os membros se complementen reciprocamente no cumprimento das funcións asignadas e que estas non se conciban de xeito ríxido. Débese analizar o cumprimento da xerarquía ou distancia xeracional de xeito horizontal (cando se ten o mesmo poder) e de xeito vertical (cando hai diferentes niveis de xerarquía). Por exemplo, na relación matrimonial debe existir un sistema de xerarquía horizontal e na relación do pai e da nai cos fillos, cando estes están baixo a súa tutela, vertical. A familia non funciona cando non se respectan estes parámetros e se inverte a xerarquía (o pai que lle pide autorización ó fillo para se volver casar) ou cando a xerarquía se confunde co autoritarismo.
  4. O sistema familiar debe ofrecer unha comunicación clara, coherente e afectiva que permita compartir os problemas. Cando o que se proclama non se corresponde co que se pensa, o que se fai non é o que se di e se utilizan mensaxes incongruentes ou distorsionadas, a comunicación víciase e pérdese confianza na verdade do que se fala, conta ou escoita.
  5. A familia débese dar adaptado ós cambios. No devir familiar non cabe a rixidez. O cambio é constante, e constante a volta ó equilibrio nas novas circunstancias, pois se ben a familia en esencia non cambia, si o fan os seus límites, os seus sistemas xerárquicos, os seus roles e regras. Modifícanse constantemente para se adaptaren e atenderen as tarefas de desenvolvemento (as propias das etapas que atravesa a familia no seu ciclo vital) e para poderen realizar as tarefas de afrontamento (as precisas para afrontar as crises, os problemas e os momentos difíciles).