Unha menor contaminación, outro criterio de compra
Así e todo, non todos os automóbiles contaminan por igual. De feito, é posible sabermos cales son os modelos que contaminan menos e que consomen menos combustible e, polo tanto, tomarmos unha decisión máis ecolóxica á hora de adquirir un vehículo. Desde finais do 2002, os coches novos vendidos en España inclúen información acerca do consumo e da emisión de CO2, grazas á aplicación dun Real Decreto que incorpora a Directiva europea sobre etiquetaxe enerxética. O seu obxectivo é cumprir o Protocolo de Kyoto, no que a Unión Europea se comprometeu a reducir un 8% as emisións de CO2 entre 1990 e o 2010. Ademais, a Comisión Europea estuda unha nova normativa, que podería entrar en vigor a mediados do 2008, para diminuír e controlar aínda máis as emisións dos novos utilitarios.
Etiquetaxe voluntaria
Desde comezos do 2003, os automóbiles tamén levan unha etiqueta que amosa a clasificación por consumo comparativo con outros do seu mesmo tamaño. Neste caso, a Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (ANFAC), a Asociación de Importadores (ANIACAM) e mais o Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) puxéronse de acordo para implantar esta normativa de etiquetaxe voluntaria. Ó igual ca no caso doutros produtos da UE, como os electrodomésticos, estas “eco-etiquetas” ofrecen unha clasificación seguindo unha gama de letras e cores: a cor verde e a letra A indican que se está mercando o automóbil máis ecolóxico, co menor gasto de combustible e que permite o maior aforro; da outra banda atópase a cor vermella e mais a letra G, que distingue o automóbil que máis consome e que, polo tanto, menos aforra e máis dana o medio natural.
O Real Decreto tamén comporta a elaboración dunha guía anual cunha lista de marcas e modelos -tanto de gasolina coma de gasóleo- que informa do seu consumo e emisións. Esta guía, que reflicte tamén os modelos con maior eficiencia enerxética para cada categoría e tipo de carburante, pode ser consultada gratuitamente nos puntos de venda e na web (http://www.idae.es/coches/index1.asp) do IDAE, organismo encargado de confeccionar este documento, en colaboración cos fabricantes de coches. A clasificación varía en función do modelo e do carburante, pois hai que ter en conta que os motores diésel chegan a producir ata catro veces máis partículas de carbono cós de gasolina, aínda que resultan máis eficientes enerxeticamente. Os motores diésel poden ir acompañados de filtros, que reteñen ata o 90% das partículas, e que xa están sendo utilizados en moitas cidades europeas e estadounidenses para diminuír as emisións do transporte público, aínda que aínda non se xeneralizaron nos vehículos de uso privado.
Son máis caros?
Os vehículos “ecolóxicos” custar unha media de arredor de 3000 euros máis, aínda que se coida que os prezos van baixar así que os seus niveis de venda e fabricación aumenten. Así e todo, como o seu consumo é tamén menor, o condutor benefíciase a longo prazo dun aforro no custo de uso, polo que finalmente resultan máis económicos, e, de paso, máis respectuosos co medio natural. Por exemplo, o Toyota Prius, con motor híbrido (metade de gasolina, metade eléctrico), consume un 40% menos de gasolina ca un coche convencional, e o investimento amortízase, de media, a partir dos 70.000 quilómetros, segundo fontes de Toyota. Ademais, na maioría dos países da UE, igual ca en moitos estados norteamericanos, estes vehículos contan con axudas para a súa compra e/ou coa redución de impostos. En España, a Xunta de Castela e León subvenciona a diferenza no prezo de compra de automóbiles, furgonetas e motocicletas de propulsión híbrida por empresas, particulares, asociacións sen ánimo de lucro e entidades locais cun importe máximo para 2005 por cada automóbil ou furgoneta de 4.800 ¬, e de 1.050 ¬ no caso das motocicletas. Pola súa banda, o IDAE proporciona axudas para a adquisición de vehículos limpos ou alternativos para uso na frota de administracións públicas ou para servizo público.
As emisións contaminantes non só están relacionadas coa tecnoloxía dos vehículos. Os cidadáns tamén poden adoptar medidas que protexan o medio natural cando conducen, á vez que se reduce o consumo e se aforran cartos. A IDAE ofrece unha serie de consellos básicos.
Velaquí un pequeno resumo:
- Evitar a sobrecarga do vehículo.
- Utilizar o aire acondicionado con moderación, arredor dos 23-24º.
- Non levar as fiestras totalmente abertas cando se conduce.
- Consumir gasolina da octanaxe establecida polo fabricante e revisar o consumo de carburante periodicamente por se hai algún fallo no vehículo.
- Non empregar o coche para traxectos moi curtos, xa que se consome máis do dobre ca pola estrada.
- Realizar un mantemento regular do vehículo, preocupándose especialmente de pneumáticos, filtros, aceite, buxías e motor.
- Circular o máis posible nas marchas máis longas e a baixas revolucións, evitar freadas bruscas e aceleracións innecesarias e moderar a velocidade. Un aumento de velocidade do 20% (pasar, por exemplo, de 100 a 120 km/h) significa un aumento do 44% no consumo.
- Apagar o motor en paradas superiores a un minuto.