Moi diferentes en prezo e prestacións
Os reprodutores de música en MP3 de memoria ‘flash’ son aparellos pequenos e lixeiros que suplen os predecesores walkman e discman. A música pásase desde un ordenador a estes dispositivos en formato MP3, polo que cómpre contar cun PC para cambiar a música do seu interior. As cancións en MP3 pódense “baixar” de Internet (ben sexa pagando nunha tenda, como Itunes, directamente da páxina web de artistas que as ofrecen gratuitamente, ou ben utilizando un sistema de intercambio de arquivos) ou fabricalas un mesmo, pasando os CD de audio a este sistema.
O feito de que a memoria interna destes reprodutores sexa ‘flash’, e non un disco duro, ten o inconveniente de que a súa capacidade é máis limitada: o de maior capacidade dos estudados, Ipod Nano, conta con só 2 Gb, cando os de disco duro teñen varias decenas de ‘xigas’. A cambio, os ‘flash’ son máis manexables e, ó non teren partes móbiles, as sacudidas que poidan sufrir debido ó movemento do usuario non afectan á reprodución nin estragan o equipo, polo que son idóneos para seren utilizados mentres se fai deporte.
Como os reprodutores de MP3 sofren caídas a miúdo, comprobouse a súa resistencia. Para iso, introducíronse nun barril de virar durante 25 voltas, o que equivale a 50 golpes como os que poden sufrir nun uso cotián. Ó remate da proba, Acer presentou graves danos que causaron que deixase de funcionar, e o Ipod Nano, se ben seguía funcionando, sufriu na pantalla unha chea de rabuñadas, aínda que pequenas e pouco profundas. O resto non amosou estrago ningún.
Comprobouse, doutra banda, a durabilidade dos auriculares, someténdoos a unha tracción de 10 Newtons durante un minuto e mais a 1.000 flexións de 90º cunha tracción de 2,5 Newtons. Ningún deixou de traballar. Os cables de auriculares máis longos son os de Acer, Creative e Sony, e os máis curtos son os de Samsung e Blu-Sens. Ipod Shuffle inclúe un segundo xogo de cascos.
Un reprodutor que se adoita levar no peto agradécese que sexa lixeiro e pequeno. O menor dos estudados é Ipod Shuffle, seguido de Blu-Sens (un 31% máis grande) mentres que os meirandes son Mpio e Oregon (catro veces maiores ca Shuffle). No tocante ó peso, todos son lixeiros, pero hai diferenzas: Ipod Shuffle é tamén o menos pesado (22 gramos) e Mpio o de maior peso (63 gramos). Os dous Ipod son máis planos có resto, polo que resultan máis bos de gardar e de transportar.
Sony, Acer e os dous Ipod carecen de radio, aínda que os auriculares que inclúe Acer si incorporan esta función. Os oito permiten clasificar os datos en carpetas (unha prestación moi importante para poder escoitar os discos de un en un), e é posible utilizalos como medio de almacenamento para pasar arquivos dun PC a outro, como antigamente se facía cos disquetes. Ningún permite ampliar a memoria. Sony, Ipod Shuffle e Oregon non gravan voz e o Ipod Nano ofrece esta opción usando un micrófono opcional non incluído. Ipod Nano é o de maior número de funcións (calendario, alarma, xogos…). O de Samsung dispón de temporizador e o Oregon pódese utilizar baixo a auga.
Para medir a duración das baterías reproduciuse a mesma canción ó máximo volume ata que se apagaron os equipos. Sony, con case 50 horas, aguantou o dobre có segundo máis duradeiro (MPIO, 25 horas) e oito veces máis có que menos (Blu-Sens, só 6 horas). Outros reprodutores cunha duración escasa foron Oregon (9 horas) e Acer (10 horas).
Para cargar a batería dos dous Ipod e de Oregon requírese un ordenador, o que dificulta esta operación cando non se ten acceso a un equipo informático. En Blu-Sens a batería pódese cargar cun enchufe convencional; os máis, os outros cinco reprodutores, funcionan a pilas.
Sony e os dous modelos de Ipod obrigan a empregar un programa específico para pasar as cancións do ordenador ó reprodutor, o que representa unha molestia para o usuario, que pode querer utilizar o mesmo sistema para transferir arquivos ó que está afeito (por, exemplo, o Explorador de Windows). Ningún dos dous Ipod se pode utilizar desde Linux nin desde un Windows anterior ó 2000 (o actual XP, si) e o reprodutor analizado de Sony non funciona sobre Linux nin sobre Mac OS. Nos outros sete, aínda que incorporan programa propio, o seu uso é opcional, polo que son compatibles con calquera sistema operativo que acepte USB: Windows, Mac OS ou Linux. Agora ben, estes programas con funcións engadidas son só para Windows, salvo o caso dos dous Ipod, que funcionan tamén en Mac OS. Ningún equipo ten en conta os usuarios de Linux.
No tocante á conexión, os nove reprodutores estudados conéctanse ó PC mediante o porto USB para transferir cancións. Acer é o único que non soporta o estándar USB 2.0, polo que é moito máis lento na transferencia. Ipod Nano admite a conexión FireWire, estándar non tan estendido coma o USB, pero máis rápido.
Seis usuarios habituais probaron e cualificaron distintos aspectos destes reprodutores do 1 ó 10. Os que máis gustaron foron Samsung (7,6 puntos), seguido de Ipod Nano e Blu-Sens (ambos os dous, 7,3 puntos) e Creative (7,2 puntos). O peor reprodutor MP3 segundo os usuarios é Ipod Shuffle (5,8 puntos), sobre todo pola ausencia de pantalla, que dificulta seleccionar as cancións. Os elementos máis penalizados polos usuarios foron a ausencia de ecualizador e de pantalla (Ipod Shuffle), a carencia de radio (os dous Ipod e o Sony). Segundo o usuario, o deseño máis atraente é o do Ipod Nano e o máis difícil de usar o Acer.
Os usuarios valoraron subxectivamente a calidade do son. Para iso, escoitaron unha mesma canción con dous auriculares: os que incluía cada equipo e outros de gama alta. A conclusión principal é que a diferenza de calidade non se percibiu cando se usaron os mesmos auriculares, polo que a calidade do son non dependía do reprodutor, senón dos auriculares que inclúe, entre os que si houbo diferenzas significativas. Os auriculares peor valorados foron os de Oregon (6,3 puntos), seguidos de Ipod Shuffle e Mpio (6,8 puntos). Os mellores foron os de Ipod Nano (8,2 puntos), pero os máis cómodos son os de Ipod Shuffle.
Ipod Shuffle é o único sen pantalla, xa que, segundo o fabricante, está deseñado para que as cancións se reprodución aleatoriamente. Os outros oito equipos, que si teñen pantalla e, polo tanto, son máis sinxelos de manexar, tamén ofrecen esta función aleatoria. As oito pantallas son do tipo LCD. Un dos equipos máis pequenos, Ipod Nano, é o que conta coa pantalla máis grande (746 mm2, máis do dobre có resto), amais da única a cor e con posibilidade de amosar imaxes, pero comprobouse que se raia con facilidade. As máis pequenas son as de Sony (141 mm2) e Oregon (168 mm2).
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse nove reprodutores portátiles MP3 de memoria ‘flash’, pequenos e lixeiros, que están a substituír os walkmans e discmans. Para introducirmos cancións no reprodutor é imprescindible contar cun ordenador.
- Custan desde 85 euros (Acer Advanced) ata 210 euros (Ipod Nano), se ben este último ten máis capacidade có resto (2 GB -aproximadamente, 32 horas-, fronte aos 512 Mb -8 horas- da maioría e 256 Mb -4 horas- de Mpio).
- Todos os equipos son seguros, pero tras os someter no laboratorio a 50 caídas Acer deixou de funcionar e Ipod Nano sufriu numerosas rabuñadas superficiais na súa pantalla.
- Só as garantías de Blu-Sens e Oregon son correctas: os demais, ou dan só un ano cando hai que dar dous, ou non teñen documento de garantía.
- Sony ofrece a maior autonomía (50 horas), moi por riba do resto. Os Ipod e Sony carecen de radio. Os mellores auriculares: Ipod Nano.
- Os mellor valorados polos usuarios: Samsung, Blu-Sens, Ipod Nano e Creative.
- A mellor relación calidade-prezo é Creative Zen Nanoplus, barato (112 euros, 512 Mb) e ben valorado polos usuarios. Velaquí outras opcións interesantes: Sony, pola súa grande autonomía, e Samsung, o mellor na proba de uso e o único que le cancións no formato libre Ogg.
Marca Modelo |
CREATIVE ZEN NANOPLUS |
SONY NW-E105 |
SAMSUNG YP-ST5X |
BLU-SENS 2306 |
---|---|---|---|---|
Prezo (euros) |
112,61 | 104 | 142,55 | 99 |
Memoria | 512 Mb | 512 Mb | 512 Mb | 512 Mb |
Información ó consumidor |
Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Garantía | Incorrecto (1 año) |
Incorrecto (sin documento) |
Incorrecto (1 año) |
Correcto |
Compatibilidade electromagnética |
Incumpre norma |
Correcto | Correcto | Incumpre norma |
Aspectos técnicos – Dimensións (mm) |
65, 5×33, 5×12,9 |
56, 1×56, 1×19,1 |
54, 3x23x23 |
58, 1x31x13,v4 |
– Peso (g) | 34 | 38,8 | 35 | 30,2 |
– Pantalla LCD (mm2) |
185, azul |
141, verde |
211, 7 cores a elixir |
304, verde e azul |
– Alimentación | Pilas | Pilas | Pilas | Batería |
– Software para música |
Creative (non necessario) |
SONICSTAGE | Yepp studio (non necessario) |
non necessario |
– Arquivos admitidos |
MP3, WMA | MP3, ATRACK3, WAV, WMA |
MP3, WMA, WAV, ASF y Ogg |
MP3, WMA |
– Sistemas compatibles |
Todos con soporte USB |
WINDOWS | Todos con soporte USB |
Todos con soporte USB |
– Conexión ó PC |
USB 2.0 | USB 2.0 | USB 2.0 | USB 2.0 |
– Ecualizador | Si | Si | Si | Si |
– Radio FM |
Si | Non | Si | Si |
– Gravación voz |
Si | Non | Si | Si |
– Uso baixo a auga |
Non | Non | Non | Non |
– Núm. accesorios |
6 | 3 | 8 | 6 |
– Duración da batería |
17 h 37min |
49h 30min |
18 h 07min |
6h |
– Calidade subxectiva do son dos auriculares |
7,2 | 7,3 | 7,8 | 7,2 |
– Resistencia do reprodutor |
Satisfactoria | Satisfactoria | Satisfactoria | Satisfactoria |
Proba de uso (1 a 10) |
7,2 | 6,1 | 7,6 | 7,3 |
Calidade global |
Boa | Boa | Boa | Boa |
Marca Model |
OREGON MP120 |
IPOD SHUFFLE A1122 |
IPOD NANO A1137 |
MPIO FG100 DIGITAL COOL |
ACER ADVANCED PLAYER QSG |
---|---|---|---|---|---|
Prezo (euros) |
133 | 98,83 | 210,50 | 157 | 85 |
Memoria | 512 Mb | 512 Mb | 2 Gb | 256 Mb | 512 Mb |
Información ó consumidor |
Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Garantía | Correcto | Incorrecto (1 año) |
Incorrecto (1 año) |
Incorrecto (1 año) |
Incorrecto (no indica) |
Compatibilidade electromagnética |
Correcto | Correcto | Correcto | Incumpre norma |
Correcto |
Aspectos técnicos – Dimensións (mm) |
68, 5x52x19, 9 |
86, 4x25x8, 5 |
90, 2×40,1×7, 3 |
83, 1×31, 4×30, 5 |
95, 9×30, 1×21, 1 |
– Peso (g) | 46,5 | 21,6 | 45,3 | 63,3 | 44 |
– Pantalla LCD(mm2) |
168, azul |
Non pantalla | 746, a color, admite fotos |
272, laranxa e azul |
231, azul |
– Alimentación | Batería | Batería | Batería | Pilas | Pilas |
– Software para música |
Digital music player (non necesario) |
ITUNES | ITUNES 4.7, IPHOTO |
MPIO (non necesario) |
ACER (non necesario) |
– Arquivos admitidos |
MP3, WMA | AAC, MP3, WAV |
AAC, MP3, WAV, APPLE LOSSLESS |
MP3, WMA, ASF |
MP3, WMA |
– Sistemas compatibles |
Todos con soporte USB |
WINDOWS, MAC OS |
WINDOWS, MAC OS |
Todos con soporte USB |
Todos con soporte USB |
– Conexión ó PC |
USB 2.0 | USB 2.0 | USB 2.0 | USB 2.0 | USB 1.0 |
– Ecualizador | Si | No | Si | Si | Si |
– Radio FM |
Si | Non | Non | Si | Si |
– Gravación voz |
Non | Non | Si | Si | Si |
– Uso baixo a auga |
Si | Non/TD> | Non | Non | Non |
– Núm. accesorios |
5 | 5 | 5 | 8 | 4 |
– Duración da batería |
9 h 07min |
13 h 07min |
15 h 25min |
24 h 38min |
9 h 46min |
– Calidade subxectiva do son dos auriculares |
6,3 | 6,8 | 8,2 | 6,8 | 7,0 |
– Resistencia do reprodutor |
Satisfactoria | Satisfactoria | Rabuñadas na pantalla |
Satisfactoria | Deixou de funcionar |
Proba de uso (1 a 10) |
6,4 | 5,8 | 7,3 | 6,8 | 6,4 |
Calidade global |
Boa | Boa | Regular | Boa | Insuficiente |
Un a un
Un por un, 9 reprodutores MP3
CREATIVE "Zen NanoPlus"
Calidade global: boa.
A mellor relación calidade-prezo. Incumpre a norma de garantías (só ofrece un dos dous anos prescritos). Ó aplicar descargas electrostáticas apágase, e non informa de que para que volva funcionar cómpre premer o botón ‘reset’ (incumpre norma). Amais de cancións en MP3, reproduce WMA.
Proba de uso: 7,2 puntos. Pequeno, bo de transportar, menú sinxelo e radio ben valorada.
SONY "NW-E105"
Calidade global: boa.
Outra opción interesante, sobre todo polo moito que dura a súa batería (49 horas e media). Incumpre a norma de garantías (non ofrece ningún documento). A pantalla máis pequena (141 mm2) e o reprodutor con menos accesorios. Non ten radio. Precisa un programa especifico (que só funciona en Windows) para pasar as cancións. Amais de MP3, reproduce WMA, WAV e Atrack3 (formato de Sony).
Proba de uso: 6,1 puntos. Gran capacidade de memoria en Atrack3, o formato propio. Non gustaron os seus controis.
Samsung "YP-ST5X Yepp"
Calidade global: boa.
Outra opción interesante por ser o único que le o formato libre Ogg, amais de MP3, WMA, WAV e ASF. Incumpre a norma de garantías (só ofrece un dos dous anos). O único con temporizador e un dos de máis accesorios.
Proba de uso: 7,6 puntos, o mellor. Gustaron o seu deseño e a pantalla, que, aínda que é pequena, amosa toda a información precisa. O máis completo en funcións e facilidade de uso.
Blu-Sens "2306"
Calidade global: boa.
Ó aplicar descargas electrostáticas apágase e non informa de que cómpre premer o botón ‘reset’ (incumpre norma). Dos máis pequenos e lixeiros. Dos catro con batería, o único que se carga en enchufe e non precisa un PC para cargala. Con axenda. A menor autonomía (6 horas). Amais de MP3, reproduce WMA.
Proba de uso: 7,3 puntos. Pequeno e bo de transportar, destaca en deseño e en facilidade de uso.
Oregon Scientific "MP120"
Calidade global: boa.
Funciona baixo a auga. A súa pantalla é das máis pequenas (168 mm2). Das menores autonomías (9 horas). Os seus auriculares son os de peor calidade de son. Amais de MP3, reproduce WMA.
Proba de uso: 6,4 puntos. Pantalla pequena e dificultade de acceso ó USB.
Ipod Shuffle "A1122"
Calidade global: boa.
O máis pequeno e lixeiro. Incumpre a norma de garantías (só ofrece un dos dous anos). O único sen pantalla. Necesita un programa específico (que só funciona en Windows e Mac OS) para pasar as cancións. Sen radio. O conector USB está incorporado no reprodutor; non precisa cable, pero sen el pode resultar difícil de conectar. O único sen ecualizador.
Proba de uso: 5,8 puntos, o peor. A ausencia de pantalla, radio e ecualización foi moi penalizada polos usuarios.
Ipod Nano "A1137"
Calidade global: regular.
O de maior capacidade (2 Gb), con diferenza. Incumpre a norma de garantías (só ofrece un dos dous anos prescritos). A pantalla máis grande (746 mm2) e a única a cor e con posibilidade de amosar imaxes, pero moi fráxil: a proba de resistencia causou numerosas rabuñadas, pouco profundas. Precisa un programa especifico (que só funciona en Windows e Mac OS) para pasar cancións. Sen radio, pero con funcións (axenda, xogos…). Os auriculares con maior calidade de son.
Proba de uso: 7,3 puntos. O mellor deseño, o seu menú é moi intuitivo e bo de usar.
Mpio "FG100 Digital Cool"
Calidade global: boa.
O máis pesado e voluminoso, a menor capacidade e un dos máis caros. Incumpre a norma de garantías (só ofrece un dos dous anos). Ó aplicar descargas electrostáticas apágase e non informa de que cómpre premer o botón ‘reset’ (incumpre norma). Un dos de máis accesorios. O segundo en autonomía (24 horas e media).
Proba de uso: 6,8 puntos. O manual e mais os controis non gustaron.
Acer "Advanced Player QSG"
Calidade global: insuficiente.
Incumpre a norma de garantías (non ofrece ningún documento). Dos de menos autonomía (non chega ás 10 horas). O conector USB está incorporado no reprodutor; non precisa cable, pero sen el pode resultar difícil de conectar. O único con só USB 1.0, máis lento. A súa radio está incluída no auricular. O único que deixou de funcionar logo de ser sometido a unha proba de simulación de 50 caídas.
Proba de uso: 6,4 puntos. Os seus auriculares son os máis incómodos e carece de manual de instrucións en papel.