Pementos do Piquillo

Os pementos con D.O. Lodosa gustan máis pero o seu prezo é moito maior

Só dúas das oito mostras tiñan unha etiquetaxe correcta, e unha delas ofrecía só o 75% da cantidade declarada.
1 Febreiro de 2007
Img analisis listado 149

Os pementos con D.O. Lodosa gustan máis pero o seu prezo é moito maior

/imgs/20070201/img.analisis1.01.jpg Os pementos de piquillo constitúen unha variedade singular e única, propia dos regadíos do Val do Ebro. En Navarra gozan da Denominación de Orixe (D.O.) Piquillo de Lodosa, con especificacións de calidade máis esixentes. O pemento piquillo destaca pola cor vermella intensa da súa carne, o seu pequeno tamaño, a súa textura carnosa e fina, e o seu sabor doce e á vez lixeiramente picante. Os pementos, logo de seren debidamente seleccionados, introdúcense nunha moega con auga para limpalos de impurezas. A continuación, transpórtanse ao forno onde se asan con lapa directa a temperaturas que superan os 700º C. Deseguido, estónanse e elimínaselles o corazón e as sementes. Nos de D.O. Lodosa non se permite que nestas operacións os pementos se mollen con auga nin que se utilicen solucións químicas. O envasado atende a tres categorías comerciais -Extra, Primeira ou Segunda-, que veñen dadas pola cor dos pementos -vermello intenso para a categoría Extra- e a proporción de superficie con pel queimada ou deteriorada, que pode ser de ata un centímetro cadrado de pel queimada cada cen gramos de pemento para a categoría Extra.

Os pementos de piquillo con D.O. Lodosa non admiten adicións distintas de sal, azucre e reguladores da acidez. Nos non amparados por esta D.O. permítese a adición de auga.

A análise

/imgs/20070201/img.analisis1.03.jpg Analizáronse e sometéronse á cata oito mostras de conserva de pementos Piquillo Extra, tres delas da D.O. Lodosa. Só dous (Carasusan e Señorío de Sarriá) respectaban a normativa de etiquetaxe: en catro non se indicaba o número de rexistro sanitario, nunha non se situaba no mesmo campo visual toda a información e noutra, peso neto e peso escorrido eran menores nun 25% aos declarados. Neste último caso, a irregularidade debíase seguramente a un erro, xa que a capacidade do envase era moi inferior aos 320 gramos declarados. En calidade, a única irregularidade foi que os pementos Señorío de Sarriá amosaron unha proporción de pel queimada lixeiramente superior á permitida para a súa calidade, Extra.

Doutra banda, os pementos máis grandes foron os de J. Candea, Carreta e Señorío de Sarria (arredor de 25 gramos cada unidade) e os máis pequenos (preto de 18 gramos), os de Carasusan e El Navarrico. Para rematar, Carasusan (1,3% de sal) e Carreta (1%) foron os máis salgados, pero tampouco o son moito, xa que se considera que a cantidade de sal nun alimento é excesiva cando representa máis do 1,8%. Os únicos pementos aos que non se lles engade sal son os de J. Candea (tiñan menos do 0,1% de sal).

Os da D.O. Lodosa, os mellores na cata

Os pementos de piquillo con D.O. Lodosa son máis saborosos, xa que satisfán mellor as expectativas organolépticas dos consumidores: as tres mostras con D.O. Lodosa superaron ás outras seis en todos os atributos estudados polos catadores: cor, olor, sabor, sensación ao mastigar e sabor residual. Así e todo, a mellor relación calidade-prezo correspondeulles aos pementos de piquillo Carasusan, que ofrecen boa calidade a un prezo moi competitivo (eran os máis baratos). Os que teñen D.O. Lodosa son caros: saen entre 14,63 euros e 16 euros o quilo só de pementos, cando os que non o son custan entre 6,38 e 11,34 euros o quilo. Entre os da D.O. Lodosa, a mellor relación calidade-prezo son os pementos Pedro Luis, que saen a 14,63 euros.

Pementos e nutrición

Nun pemento a auga representa o 94% do produto, os hidratos de carbono non chegan ao 4% e as proteínas rozan o 1%, mentres que o contido en graxa é irrelevante. Esta composición explica que apenas achegue 20 calorías cada cen gramos. Os carotenos e a vitamina C, abundantes nos pementos, converten estes en alimentos ricos en antioxidantes, aliados da prevención de enfermidades dexenerativas.

/imgs/20070201/img.analisis1.04.jpg Os pementos de piquillo son lixeiramente picantes; irritan a mucosa dixestiva segregando zume gástrico (ácido), o que se pode asociarse cunha mellora da dixestión, pero tamén se pode converter nun problema para persoas co estómago delicado, con gastrite ou con úlcera. Ademais, a dixestión dos pementos é difícil, sobre todo cando se consumen fritos, debido á grande cantidade de aceite que absorben.

Con estas pequenas excepcións, o consumo regular de pementos é moi recomendable, e particularmente adecuado en situacións de exceso de peso (son saborosos e pouco caloríficos) e de cálculos renais e retención de líquidos, xa que polo seu alto contido en potasio e a escaseza de sodio son diuréticos. Doutra banda, o seu intenso sabor fai que poidan degustarse sen necesidade de engadirlles sal, o que pode ser aproveitado polos que sofren hipertensión ou de patoloxías renais ou cardiovasculares que requiren de dietas baixas en sodio.

Categoría comercial dos piquillos

Os principais atributos de calidade dos piquillos Extra son a cor dos pementos, a súa integridade, a proporción de superficie con pel queimada (as dúas, suxeitas a norma), a presenza de materias estrañas e a cantidade de pementos rotos. As oito mostras lucían nos seus pementos unha cor vermella uniforme propia do froito maduro e sen presenza de partes amarelas, tal e como esixe a norma. Tamén todas contiñan pementos enteiros, se ben a norma permite ata un anaco por bote para completar o peso escorrido. Atopouse superficie queimada en todas as mostras, pero só Señorío de Sarriá, con 1,1 centímetros cadrados cada cen gramos, superou o límite admitido para os Extra, de 1 cm2/100 g. A calidade Primeira acepta ata 1,5 cm2 de pel queimada cada 100 gramos. Cambiando de atributo de calidade, en ningún dos frascos se detectou materia estraña ningunha e en canto ao número de sementes, cabe indicar que nos piquillos da D.O. Lodosa foi inferior ao resto das mostras.

En síntese y táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse e sometéronse á cata oito mostras de conserva de pementos da variedade Piquillo e da categoría Extra, tres delas da D.O. Lodosa e moito máis caras (saen entre 14,63 euros e 16 euros o quilo só de pementos) ca as demais (entre 6,38 e 11,34 euros o quilo).
  • Moi saudables, os pementos son ricos en vitamina C e en carotenos (antioxidantes que preveñen enfermidades dexenerativas), e moi pouco enerxéticos (20 calorías cada cen gramos). Persoas obesas, hipertensas, con cálculos renais ou retención de líquidos pódenos consumir sen problemas.
  • Deben evitar os pementos ou moderar o seu consumo os que sofren de gastrite, úlcera e outros problemas do tubo dixestivo.
  • Só dúas mostras lucían etiquetaxes conforme á norma. En catro non se indica o número de rexistro sanitario da empresa, noutra non se sitúa no mesmo campo visual toda a información e, noutra, o peso era moito menor ao declarado.
  • Os pementos Señorío de Sarriá (D.O. Lodosa) mostraron unha proporción de pel queimada lixeiramente superior á permitida para a súa calidade, Extra. Outras dúas mostras achegáronse moito ao límite.
  • As tres mostras de pementos de piquillo con D.O. Lodosa superaron nitidamente ás outras cinco na cata; noutras palabras, gustaron máis.
  • A mellor relación calidade-prezo é Carasusan, con pementos de piquillo de boa calidade a un competitivo prezo (saen a 6,38 euros o quilo). Entre os da D.O. Lodosa, a mellor relación calidade-prezo é Pedro Luis, pero saen a 14,63 euros.
Análise comparativo: Pimientos do piquillo
Marca Carausan Pedro Luis Bonduelle Carretilla
Denominación Pementos de piquillo enteiros Extra Pementos de piquillo de Lodosa Pementos de piquillo enteiros Extra Pementos de piquillo enteiros Extra
Prezo (euros/quilo peso escorrido) 6,38 14,63 7,61 10,06
Etiquetaxe Correcto Incorrecto Incorrecto Incorrecto
Peso neto declarado (g)1 290 215 290 290
Peso escorrido declarado (g)2 190 205 225 225
Peso neto medido (g)1 302,5 232,1 298,6 301,2
Peso escorrido medido (g)2 257,2 209,8 242,5 234,5
Unidades 14,4 10,6 11,2 9,6
Peso unitario (g) 17,9 19,8 21,7 24,5
Sal (%) 1,3 0,7 0,6 1
pH 4,4 4,5 4,5 4
Pel queimada (cm2/100 g)3 0,9 0,9 0,5 0,3
Cata (de 1 a 9) 6,0 6,9 5,1 5,9
Marca J. Vela La Lodosana Señorío de Sarria El Navarrico
Denominación Pementos de piquillo Extra Pementos de piquillo enteiros Extra Pementos de piquillo de Lodosa enteiros Extra Pementos de piquillo de Lodosa enteiros Extra
Prezo (euros/quilo peso escorrido) 10,98 11,34 16,01 15,81
Etiquetaxe Incorrecto Incorrecto Correcto Incorrecto
Peso neto declarado (g)1 290 450 220 320
Peso escorrido declarado (g)2 250 400 180 300
Peso neto medido (g)1 280,1 446,4 233,2 241,7
Peso escorrido medido (g)2 254,3 396,2 209,8 227
Unidades 10,2 18 8,8 12,8
Peso unitario (g) 24,9 22 23,8 17,7
Sal (%) 0,1 0,6 0,8 0,7
pH 4,3 4,4 4,2 4,3
Pel queimada (cm2/100 g)3 0,4 0,4 1,1 0,9
Cata (de 1 a 9) 4,6 5,9 6,6 6,9

(1) Peso neto: reflicte o peso total dos ingredientes que se atopan no interior do envase; é dicir, dos pementos e mais do líquido que os acompaña.

(2)Peso escorrido: reflicte a cantidade só de pementos que se atopa no interior do envase unha vez eliminado o líquido que o acompaña.

(3) Pel queimada: para as conservas de pementos de calidade Extra a norma permite un máximo de 1 cm2 de pel queimada por 100 gramos de produto. Só os pementos de Señorío de Sarriá superaron minimamente o devandito límite.

Unha por unha

Unha por unha, oito mostras de Pementos de Piquillo

Carasusan

  • /imgs/20070201/img.pimientos.01.jpg
  • “Pementos de piquillo enteiros Extra”
  • Tarro de cristal de 290 gramos.
  • Saen a 6,38 euros o quilo só de pementos (peso escorrido), os máis baratos.
  • A mellor relación calidade-prezo. Os seus pementos son dos máis pequenos e os máis salgados.
  • Na cata, 6 puntos: gusta por “substancioso”, aínda que é criticado por “algo amargo” e polas súas “moitas pebidas”.

Pedro Luis

  • /imgs/20070201/img.pimientos.02.jpg
  • “Pementos de piquillo de Lodosa Enteiros Extra”
  • Tarro de cristal de 215 gramos.
  • Saen a 14,63 euros o quilo só de pementos (peso escorrido). A mellor opción dentro dos pementos da D.O. Lodosa comparados. Incumpre a norma de etiquetaxe: non indica o número de rexistro sanitario da empresa (R.S.I.).
  • Na cata, con 6,9 puntos, un dos máis preferidos: gusta por “tenro”, por “substancioso” e pola súa “cor”; pero é criticado pola súa “aparencia” e por “ter moitas pebidas”.

Carreta

  • /imgs/20070201/img.pimientos.03.jpg
  • “Pementos de piquillo enteiros Extra”
  • Saen a 10,06 euros o quilo só de pementos (peso escorrido).
  • Tarro de cristal de 290 gramos. Incumpre a norma de etiquetaxe: non indica o número de rexistro sanitario da empresa (R.S.I.). Os seus pementos, dos máis grandes (pesan case 25 gramos cada un). Dos máis salgados. A menor proporción de pemento con pel queimada.
  • Na cata recibe 5,9 puntos: gustan por “tenros”, polo seu “sabor” e “aparencia”; pero tamén son criticados por seren “un pouco duros” e polo seu “sabor pouco intenso”.

Bonduelle

  • /imgs/20070201/img.pimientos.04.jpg
  • “Pementos de piquillo enteiros Extra”
  • Saen a 7,61 euros o quilo só de pementos (peso escorrido).
  • Tarro de cristal de 290 gramos. Incumpre a norma de etiquetaxe: non indica o número de rexistro sanitario da empresa (R.S.I.).
  • Na cata recibe 5,1 puntos: destacan a súa “cor” e “carnosidade”; é criticado por “insípido” e “algo duro” e por “ter bastantes pebidas”.

J. Vela

  • /imgs/20070201/img.pimientos.05.jpg
  • “Pementos de piquillo asados con leña Extra”
  • Saen a 10,98 euros o quilo só de pementos (peso escorrido).
  • Tarro de cristal de 290 gramos. Incumpre a norma de etiquetaxe: non indica no mesmo campo visual toda a información requirida. Os seus pementos son dos máis grandes (25 gramos a unidade). Os únicos aos que non se lles engade sal nin ácido cítrico (acidulante).
  • Na cata acada 4,6 puntos: gusta pola súa “aparencia”, “tenrura” e “sabor”; pero é criticado por “insípido”, “picante” e “duro”.

La Lodosana

  • /imgs/20070201/img.pimientos.06.jpg
  • “Pementos de piquillo enteiros Extra”
  • Saen a 11,34 euros o quilo só de pementos (peso escorrido).
  • Tarro de cristal de 450 gramos. Incumpre a norma de etiquetaxe: non indica o número de rexistro sanitario da empresa (R.S.I.).
  • Na cata consegue 5,9 puntos: gusta por “suave”, “substancioso, “cor”, “saboroso” e “picante”, pero é criticado por “insípido” e “duro”.

Señorío de Sarriá

  • /imgs/20070201/img.pimientos.07.jpg
  • “Pementos de piquillo de Lodosa enteiros Extra”
  • Saen a 16,01 euros o quilo só de pementos (peso escorrido), os máis caros.
  • Tarro de cristal de 220 gramos. Incumpre, por moi pouco, a norma de calidade para a categoría Extra, que esixe non superar certa proporción de pel queimada (1 cm2 cada 100 gramos de pemento).
  • Na cata recibe 6,6 puntos e sitúase entre os preferidos: destaca por “picar un pouco”; resulta “substancioso” e gusta a súa “cor”; é criticado por “picante” e polas súas “pintas negras”.

El Navarrico

  • /imgs/20070201/img.pimientos.08.jpg
  • “Pementos de piquillo de Lodosa enteiros Extra”
  • Tarro de cristal de 320 gramos. Saen a 15,81 euros o quilo só de pementos (peso escorrido).
  • Incumpre a norma de etiquetaxe: achega un 25% menos de produto do que declara; todo apunta a un erro: a cantidade de produto declarada non cabe nese envase. Os seus pementos, dos máis pequenos (non chegan aos 18 gramos por unidade).
  • Na cata reciben 6,9 puntos e sitúanse entre os máis preferidos: gustan polo seu “sabor”; son criticados por “picar pouco” e por “pequenos”.