Sabores que enganchan
Por que comemos o que comemos?
Razóns socioculturais, económicas, fisiolóxicas e psíquicas propician que determinados alimentos resulten máis atraentes ca outros. Polo xeral, a selección ten moito que ver coa comida á que se está afeito -costumes familiares e do lugar no que se vive, etc.-, sen esquecermos que os alimentos inflúen no noso organismo, tanto nun aspecto físico como emocional. De feito, a alimentación cumpre cun dobre obxectivo no organismo: saciar a fame en resposta a unha necesidade básica -precisamos comer para podermos vivir-, e a busca do pracer -téndese a comer maior cantidade daquilo que máis gusta-.
Doce ou salgado. Fame específica?
Isto non é completamente certo, xa que as persoas que seguen dietas baixas en sal acusan, cando comen fóra do seu fogar, un sabor salgado demasiado pronunciado que chega a resultarlles desagradable. O gusto edúcase e, xa que logo, quen estea afeito a comer produtos salgados terá maior atracción por eles, do mesmo xeito que quen está afeito aos sabores doces demandará máis ese tipo de alimentos. Pero non só a nosa percepción dos sabores determina unha maior atracción polo doce ou polo salgado, tamén hai que ter en conta que a apetencia por un ou outro sabor é reflexo do que á persoa lle reporta máis pracer. Comemos cos cinco sentidos, en especial co olfacto e co gusto, que manteñen unha estreita relación co cerebro, pero tamén coa memoria e coa emoción.
O pracer de comer. Unha cuestión fisiolóxica e emocional
Comer é un acto pracenteiro e, como tal, inflúe no noso sistema nervioso e endócrino. En concreto, o acto de comer, ou simplemente o de pensar na comida, pon en marcha estímulos que chegan ao noso sistema nervioso e que provocan a liberación de neurotransmisores -mensaxeiros químicos do organismo- relacionados con experiencias agradables. Con iso demostrouse que hai razóns fisiolóxicas que fan que os alimentos ricos en graxas e en azucres susciten maior atracción ca outros. Algúns deses neurotransmisores son a dopamina, a serotonina e a noradrenalina.
- Dopamina: Relaciónase coas emocións e cos sentimentos de pracer.
- Serotonina: Exerce influencia sobre o sistema nervioso e a miúdo denomínase como a “hormona do humor”. Diversos estudos relacionan o desexo de tomar doces coa serotonina e coa liberación de endorfinas -substancias que produce o cerebro e que actúan nos mesmos puntos ca a morfina-, o que se asocia a unha grata sensación de benestar. Isto explica a ansia de doce que algunhas persoas manifestan cando se atopan abatidas, con malestar ou desánimo, xa que o consumo de azucres estimula a liberación de. endorfinas
- Noradrenalina: Pertence á mesma familia ca a dopamina. Se os niveis desta substancia son adecuados, a persoa séntese con enerxía, pero se non se ten noradrenalina abonda a persoa nota esgotamento e pode caer nunha depresión.
“Non podo parar de comer”
A dificultade que para algunhas persoas supón o establecemento de límites ao que comen, e o seu cumprimento, relaciónase con alteracións que afectan ao sistema nervioso e endócrino. Isto ten moito que ver coa “busca do pracer”, fronte á dificultade de obtelo doutro xeito na vida cotiá. A experiencia pracenteira de comer nestes casos adoita dar lugar a consumos esaxerados de alimentos pouco saudables que poden desequilibrar a dieta e afectar negativamente á saúde.
Os alimentos que máis enganchan
O queixo, as carnes, os aperitivos salgados -pipas de xirasol, froitos secos, patacas fritidas e similares-, a comida rápida ou fast food -hamburguesas, pizzas, etc. -, os doces, o chocolate ou o café, son os alimentos que máis enganchan, dado o seu contido en graxas, azucres, sal ou en substancias estimulantes como a cafeína.
- Comida rápida. Este tipo de comidas acompáñase xeralmente de entrantes -aros de cebola, snacks, etc.-, salsas, patacas fritidas e de sobremesas doces -donuts, tortas, pasteis…-, que achegan sabores moi intensos e unha elevada cantidade de graxas -as graxas fan o alimento máis agradable na boca-, azucres, calorías e sal. O seu intenso sabor estimula o apetito e o seu contido de graxas e azucres poden conducir a que algunhas persoas se enganchen a este tipo de comidas, poñendo en risco así a súa saúde.
- Doces e azucres. Os alimentos doces e os refrescos conteñen elevadas cantidades de azucre e de calorías. Demostrouse que o consumo de azucre estimula a liberación de endorfinas, relacionadas cunha grata sensación de benestar, de aí que algunhas persoas se sintan especialmente atraídas polos doces.
- Chocolate. É un alimento enerxético polo seu alto contido de hidratos de carbono e de graxas. Contén tamén unha substancia similar á cafeína, pero de menor acción excitante e cantidades de cafeína moi inferiores ás do café. O equilibrio da súa composición graxa e azucrada fai que sexa un alimento moi tentador e ao que algunhas persoas chegan a engancharse. Con todo, non se pode dicir que sexa un alimento aditivo. O problema radica na sensación de pracer que produce o seu consumo e que a persoa supostamente “adicta” busca, en ocasións, con demasiada frecuencia.
- Bebidas estimulantes. Hai moitas substancias que estimulan o sistema nervioso que se atopan en alimentos de consumo habitual. Entre elas destaca a cafeína.
- Café. Contén cafeína, unha substancia psicoactiva e de acción excitante que afecta ao sistema nervioso e que pode chegar a crear adicción. En doses moderadas -200 mg/día, é dicir, unhas dúas cuncas de café-, a cafeína produce efectos agradables no organismo. É un tónico cardíaco, o que conduce a un pulso máis amplo e forte e a un aumento temporal da tensión arterial. Doutra banda, facilita o traballo intelectual e a actividade muscular. Non obstante, se as cantidades inxeridas son demasiado elevadas -400-600 miligramos de cafeína/día durante máis de unha ou dúas semanas- os seus efectos para o organismo poden chegar a ser nocivos dando lugar a crises de ansiedade, insomnio, tremores, etc.
- Bebidas de cola. Ao igual ca o café, conteñen cafeína que procede do extracto de noz de cola, un froito tropical no que se atopa de modo natural. Unha lata de refresco de cola contén arredor de 40-55 miligramos de cafeína.
- Té. Esta bebida contén unha substancia similar á cafeína coñecida co nome de teína. Unha cunca de té negro achega o equivalente a uns 50 miligramos de cafeína.