A ruptura do "cordón umbilical"
É importante aclarar que a nova independencia dos pais, orixinada pola marcha dos fillos, non se centra en acadar espazos nin momentos de liberdade, senón en conquistar a liberdade interior para poder recoñecer o que Kahlil Gibran cita no seu poema: “Os teus fillos non son os teus fillos”, no sentido de que eles deben ter a súa vida, ao igual que os pais deben ter a súa. Dicirlles “adeus” aos fillos que comezan a súa propia vida posibilita que xurdan medos e interrogantes. Un dos principais é: remataría a nosa responsabilidade como pais e nais?
A resposta: “Non, rotundamente non”. Do mesmo xeito que os fillos nunca deixarán de ser “os nosos fillos”, aínda que durman e coman noutra casa, convivan con outras persoas ou se muden a outra cidade creando a súa propia familia. Non se trata de deixar de ser pais, nin de asistir a ningunha perda, senón de que ambas as dúas partes sigan implicadas na evolución e etapas propias da emancipación familiar. Esta independencia non ten por que significar ausencia, desvinculación ou abandono.
Novo espazo e tempo para a parella
Ademais, ábrense as posibilidades para vivir máis o “nós” da parella, retomar conversacións aparcadas ou pospostas, así como unha maior expresión de demostracións de amor e cariño, tamén necesarias para que a relación entre os proxenitores sexa óptima.
Agora é o momento de retomar ese tempo e de “resituarse” como parella. Para iso hai que determinar:
- Onde e como está a parella.
- Redefinir o seu propósito e aclarar como conseguilo coa nova situación familiar.
- Volver confirmar o amor que a parella se tivo sempre e que soubo preservar dos múltiples obstáculos aos que fixeron fronte.
- Buscarse dende os corpos actuais. Máis avellentados, pero máis sabios, máis serenos e con máis necesidade ca nunca de caricias e fusións que delaten a unión que hai entre eles.
A ameaza da soidade en compaña
A emancipación dos fillos e, a carón dela, a dos pais non se logra coa súa marcha do fogar familiar, senón que debe iniciarse cando chegan ao mundo. A súa partida é un fito importante, pero non deixa de ser unha etapa máis. Se non se cimentou a autoestima como parella, se non se desenvolveu a unión e comunicación, e non se soubo falar, perdoar ou rir, esa partida suporá a entrada dun novo inquilino: o medo.
Medo a atoparnos dentro da parella con alguén estraño, alguén de quen deixamos de saber hai tempo, medo a retomar enfados ou abandonos que non se souberon abordar no seu momento, medo a non saber se somos os mesmos ou persoas moi diferentes daquelas que un día se comprometeron; e medo e vergoña a mirarse nus, con espazo de intimidade e sen ninguén que poida romper o momento. Isto motivaría a chegada do medo á soidade, unha “soidade en compaña”, que é a peor das soidades.
/imgs/20070201/img.interiormente.03.jpg Comezar a dialogar sobre o que queremos e o que nos preocupa.- Escoitar sen xuízos, etiquetaxes e “resaibos” o que nos comenta a outra persoa. Facelo como se fose a primeira vez, como se iniciásemos o coñecemento mutuo.
- Buscar todo aquilo que poidamos facer en común para o noso divertimento, gratificación e calidade de vida.
- Propiciar situacións e momentos que nos conecten coa ilusión e a ledicia de estar xuntos. Pór en xogo a creatividade e a fantasía para que se fagan realidade.
- Escapar da apatía e da rutina. Ensombrecen e apagan as vidas. É a cotidianidade a que compartiremos, algo que non está disputado co benestar.
- Reestablecer a broma, o sorriso e a complicidade.
- Retomar o bico, a caricia, os corpos espidos e o pracer como linguaxe por excelencia da parella.
- Falar dos enfados, resentimentos e desencontros que retraen ou impiden o achegamento. Non se trata de revivir para reprochar os malestares, senón de que exista o recoñecemento da nosa dor, para que a través del se cicatricen as feridas fronte ao silencio que se mantivo durante anos.
- Volver atoparse coas amizades comúns e planear actividades conxuntas.
- Ter presente que o reencontro é un proceso e que como tal require dun tempo que nós mesmos marcaremos. Hai que escapar das angustias e das présas. Iso si, convén estar atento ás pausas, que non son boas compañeiras de viaxe.