A madeira, a raíña dos mobles
Non obstante e a diferenza do que se cree popularmente, a calidade dun moble non depende en exclusiva do material que se empregue, senón doutros factores como o acabado ou a funcionalidade. De feito, os mobles de madeira maciza (que se presupoñen de mellor calidade) case non se comercializan, xa que iso suporía a corta dun maior número de árbores e, ademais, a madeira é un material vivo que experimenta movementos ante os cambios de humidade e temperatura.
A práctica máis común é que só o contorno ou a caixa do moble sexan macizos. O resto da estrutura adoita estar formada por un taboleiro aglomerado, contrachapado ou de fibra, que se obtén a partir de labras, serraduras, codias e pólas de árbores, pero que asegura un mellor comportamento ante os cambios de temperatura, calor ou humidade. O vimbio, o rattán ou a melamina son outros materiais empregados, pero a madeira é o preferido e o máis desexado. Agora ben, dentro do termo madeira hai grandes diferenzas e clasificacións. Unha das básicas é a que distingue entre:
- Madeira dura: É as máis cara e a máis resistente. Pódese elixir nesta modalidade entre madeira de caoba, carballo, castiñeiro, faia, cerdeira, nogueira, freixo, wengé ou teca, entre outros. Prezo: nun armario, a partir de 1.000 euros.
- Madeira branda: É a máis barata e lixeira. O piñeiro, ciprés, abeto, chopo ou bidueiro forman parte deste tipo de madeira, que toma o seu nome da facilidade para ser traballada, non porque signifique que vaia resistir pouco tempo. Prezo: nun armario, a partir de 700 euros.
Indicadores dun moble de calidade
No tocante á duración dun moble, non depende tanto do material (a madeira en xeral é un dos máis nobres) coma do uso que se lle dea e as condicións nas que se manteña. Se non se coida, a madeira pode experimentar unha contracción natural ou movementos das súas pezas que lle restan harmonía á estrutura. En definitiva, para recoñecer que un moble é de calidade hai que reparar nos seguintes aspectos e observar o seu comportamento durante o período de garantía:
- Arestas: As arestas dun moble sintético adoitan estar pegadas e son irregulares, fronte ao acabado perfecto dun moble de madeira, feito dunha única peza ou láminas pegadas firmemente, no caso dos taboleiros.
- Bordos: Deben ser redondeados, para reducir o dano en caso de golpes, especialmente, se se trata de mobles infantís.
- Cor: Os mobles de madeira natural presentan diferentes matices, unha cor non uniforme e con vetas, fronte á cor homoxénea do resto.
- Acabado: Se o moble se vai colocar no baño, o exterior debe contar cunha pintura ou verniz anticorrosión. Para un moble infantil é importante que a pintura non teña contido en chumbo.
- Brillo: Demasiado brillo produce fatiga visual, máis aínda se se vai pasar moito tempo fronte ao moble, como acontece cun escritorio.
- Resistencia e ergonomía: O armario ten que verse robusto e ser ergonómico, é dicir, que permita gardar e coller cousas as cousas con facilidade. As ancoraxes deben resistir peso e, se o moble é utilizado por nenos, ten que soportar un uso máis intensivo.
- Tapas seguras: Para evitar que as tapas horizontais golpeen a alguén ao se pecharen, deben dispoñer de medios que impidan o peche brusco ou a caída incontrolada.
- Sistemas de ventilación: Os mobles colectores, como un baúl ou un cofre, teñen que dispoñer de buratos ou doutros sistemas que actúen como respiradoiros e eviten a asfixia.
- Caixóns: Poden ser macizos ou non, pero o importante é que estean ben fabricados, cun bo acabado na parte traseira (lixado e vernizado), cun axuste perfecto e cun sistema de deslizamento adaptado á carga máxima prevista. Deben ter topes de apertura para evitar a súa extracción do moble e un cheiro suave.
Diferentes estilos, diferentes madeiras
Cada moble ten a súa propia “denominación”: un estilo ou tendencia específica que define o tipo de madeira empregada na súa fabricación. Velaquí algunhas delas:
- Imperio. Recorre sobre todo á caoba, de cor rosa clara e listado uniforme, para crear mobles de liña clásica, como camas estilo zorra de arrastre. É a evolución dun deseño de liñas rectas e ángulos pronunciados.
- Neoclásico. Utiliza madeira fina, como o carballo -amarelado e moi resistente- ou a nogueira ?cor castaña agrisada e listado rico-. As súas liñas son rectas e de aparencia simple, pero moi elegantes.
- Colonial. Emprega, en maior medida, cerdeira -ton avermellado e veta lustrosa- ou nogueira tratada con verniz para darlle un aire de vellez. Son mobles pesados que nos lembran as casas señoriais de América Central.
- Provenzal. A madeira máis frecuente é a de cerdeira, cun estilo moi semellante ao rústico, pero con pezas máis lixeiras e típicas das casas de campo, como as huchas ou baúis.
- Rústico. O piñeiro, de cor castaña clara ou amarelada, abunda neste estilo, que lle proporciona un ambiente tradicional ao fogar con aparadores, librerías ou portas realizadas a man e con aspecto de estar “avellentado”.
- Moderno. Fabricados con taboleiros chapados e melamina, principalmente, os mobles caracterízanse por volumes amplos ou minimalistas, liñas rectas e división por módulos.
Coidados precisos
- Cambios bruscos de temperatura. Os mobles aturan mellor as temperaturas baixas ca as altas. A temperatura óptima está entre 20 e 24 graos centígrados. Un cambio brusco pode ser causa de gretas.
- Luz solar. Os raios do sol aclaran progresivamente a cor do moble, que chega a perder o seu aspecto natural e adquire un ton agrisado. Este proceso débese á degradación da lignina presente na madeira.
- Contido de humidade. É unha das principais causas de deterioración, xa que provoca a aparición de fungos ou mofo, tanto pola exposición á chuvia (exterior) coma ao vapor (interior). Cando a chuvia elimina a lignina, a madeira agrétase e a humidade penetra. A caída da pintura ou o despegue das xuntas son síntomas de alerta.
- Produtos químicos. Os mobles de madeira natural non se deben limpar con estes produtos, recomendados principalmente para mobiliario sintético.
- Ventilación. A entrada de aire, a través dunha ventá ou dun sistema de aire acondicionado, impide a concentración de humidade (por exemplo, no baño) ou o exceso de calor (ao acender unha calefacción).
- Insectos. Os térmites e a couza fan a súa aparición, sobre todo, en primavera, aínda que poden facelo en calquera outra época do ano. Introdúcense na madeira e devórana a través de canles interiores. Cando o moble ten estes perigosos visitantes, aparecen pequenos buratos no exterior.
- Protección. Pódense empregar produtos funxicidas (contra os fungos), insecticidas (contra os insectos), hidrófugos (contra a humidade), pigmentados ou lasures (contra a acción dos raios solares). Unha pintura porosa permite a transpiración da madeira e o verniz crea unha capa impermeable e protectora. Para madeira de exterior, convén utilizar un protector rico en aceites que a nutra e permita respirar.
- Manchas. Para eliminalas hai que tratar toda a superficie do moble e non só aquela na que se atopa a mancha. É necesario empregar produtos específicos para cada mancha: auga, graxa, alcohol, café… Os líquidos son os peores inimigos.
Etiqueta de composición
Cumprir a normativa de seguridade
Aínda que quedou claro que a compra dun moble está condicionada por diferentes factores, principalmente o estético, hai outro elemento ao que se lle debe prestar unha especial atención: a seguridade. Un moble é seguro cando “en condicións de utilización normais ou razoablemente previsibles non presente risco ningún ou unicamente riscos mínimos, compatibles co uso do produto e considerados admisibles” (Real Decreto 1801/2003). En determinadas mans (nenos, persoas maiores?), os mobles que incorporan elementos de vidro ou que dispoñen de dispositivos que se accionan manual ou mecanicamente poden supoñer un risco. O Instituto Tecnolóxico do Moble, Madeira, Embalaxes e Afíns (AIDIMA), advirte, ademais, sobre os criterios que cómpre ter en conta no tocante aos compoñentes que conforman o moble.
Fabricado en madeira ou taboleiros derivados, o mobiliario ten un acabado superficial de pintura, verniz ou outras substancias que posúen, en maior ou menor medida, compostos químicos. No caso dos taboleiros, as distintas capas están encoladas, o que implica a presenza de formaldehido, un gas que se libera lentamente ao ambiente e que está considerado como substancia canceríxena pola Organización Mundial da Saúde. Este gas é o mesmo que emiten os vehículos ou o fume do tabaco. A súa redución no proceso de pegado é o obxectivo dos fabricantes, que comezaron a utilizar novos adhesivos ou sistemas de prensado. Non obstante, tanto o seu contido nun moble como a súa emisión pódense medir con ensaios realizados de acordo ás normas UNE-EN 120 e UNE-EN 717-2, respectivamente. Se o cumprimento destas normas aparece na etiqueta, o consumidor está ante un moble seguro e respectuoso co medio.
O último aspecto no que cómpre reparar é o contido en metais pesados (cromo, bario ou chumbo) que inclúen os recubrimentos de pinturas. Isto é especialmente importante cando se trata de mobiliario infantil, como os berces, pois é común que os nenos chupen os barrotes ou outras partes da cama. Se un moble respecta as concentracións máximas permitidas significa que cumpre coa normativa UNE-EN 71-3, un dato máis que se debe buscar na etiqueta ou no certificado de garantía do moble, e que o comerciante debería poder confirmar e sobre o que debería informar ao comprador dende o primeiro momento.