5 ovos / As augas minerais / Vinagre / Coidar o fígado / Carnitina

1 Febreiro de 2007

5 ovos / As augas minerais / Vinagre / Coidar o fígado / Carnitina

O dato “5”

/imgs/20070201/img.despiece-alimentacion.01.jpg É a cantidade de ovos que os expertos aconsellan consumir á semana, que son unha boa alternativa fronte ao consumo de carne e peixe; alimentos de similares propiedades nutricionais.

Fálase de…

As augas minerais

/imgs/20070201/img.despiece-alimentacion.02.jpg Algunha vez fixouse na variedade de augas minerais que hai? Pero, son todas iguais? O xeito de coñecer a composición mineral das augas é ler a etiqueta do envase na que aparece a cantidade de distintos minerais que ten. Se se comparan marcas, pódese comprobar que é notable a diversa composición de certos minerais nas distintas augas. Unhas teñen ata 3 veces máis calcio ca outras, dez veces menos sodio ou o dobre de magnesio.

Unha auga para cada ocasión

Non todas as augas son iguais; segundo a súa composición en minerais, unhas ou outras desempeñan efectos distintos no organismo. O contido mineral da auga depende da súa procedencia e do percorrido subterráneo que realice antes de brotar ao exterior, xa que arrastra e disolve diversos minerais en cantidades variables.

Segundo a súa composición mineral e o seu grao de mineralización, é dicir, o seu contido total en minerais, as augas posúen propiedades beneficiosas para a saúde, que van máis alá da propia hidratación.

  • Augas de mineralización débil -ata 500 mg/l de residuo seco (de minerais por litro)- ou moi débil -ata 50 mg/l-. Son as máis diuréticas, as que mellor axudan a depurar o organismo: facilitan a eliminación de substancias de refugallo solubles en auga que se eliminan polos ouriños, pero non conseguen que se perda máis graxa -substancia insoluble en auga-. Coa produción de máis ouriños, estes son máis claros, de xeito que se preveñen infeccións de ouriños. Están especialmente recomendadas para os que sigan dietas hiposódicas se padecen hipertensión, trastornos de corazón, cálculos renais e retención de líquidos. Son as máis indicadas para preparar biberóns e papas.
  • Ricas en calcio e magnesio: axudan a mineralizar ósos e dentes e a previr a carie. As ue concentran máis magnesio poden resultar lixeiramente laxantes.
  • Augas bicarbonatadas: Son as augas con gas. Neutralizan a acidez e facilitan a dixestión, polo que son unha boa elección ante unha comida copiosa.

A despensa

Vinagre de Módena

/imgs/20070201/img.despiece-alimentacion.03.jpg Este vinagre balsámico elabórase dende hai case un milenio nalgunhas rexións do norte de Italia, entre as que se atopa Módena, precisamente a que lle dá nome. Hai dúas categorías, o artesanal -na etiqueta debe figurar a palabra tradizionale-, e o comercial, que se obtén da mestura de vinagre de viño, concentrado de mosto de uva, caramelo e estabilizantes. O proceso de obtención da categoría tradizionale é moito máis custoso e laborioso. Baséase no avinagramento do mosto de viño cocido e o seu período de avellentamento é de polo menos 12 anos, fronte aos de 3 a 10 anos do comercial, e pode chegar ata os 100 anos. En función do tempo de permanencia nos bocois de carballo distínguense as seguintes variedades de vinagre de Módena.

Vinagre comercial:

  • Giovanne (3 anos). Axeitado para o aliño de ensaladas.
  • Maturo (5 anos). Sabor suave e toque doce. Combina moi ben con pratos que necesitan un vinagre de aroma intenso.
  • Vecchio (10 anos). Aroma e sabor intensos con toques doces e ácidos ao tempo. Emprégase como condimento de verduras, carnes e peixes.

Vinagre tradizionale:

  • Italo (12 anos). Cor escura e forte, de cheiro penetrante e sabor agridoce característico.
  • Giuseppe (25 anos). Presenta un aspecto máis denso do normal. O seu aroma é incrible e é un dos máis prestixiosos.
  • Cesare (50 anos). É moi denso e posúe un aroma e sabor intensos.

Menú para coidar o fígado

/imgs/20070201/img.despiece-alimentacion.04.jpg Almorzo
Leite con cereais e un kiwi.

Xantar
Iogur e pequeno bocadillo con xamón cocido, aceite e tomate natural.

Comida
Alcachofas con refrito de allo e xamón.
Albóndegas de polo con verduras e tomate.
Pan integral e batido de chirimoia con zume de laranxa.

Merenda
Leite con galletas sinxelas integrais.

Cea
Endivias con brotes de soia e salsa tártara.
Pescada á grella con salsa de pemento.
Pan integral e piña natural.

Truco: Os vexetais que conteñen principios amargos como a chicoria, as alcachofas, as endivias, os cítricos, etc., estimulan a función hepática e biliar e melloran as dixestións.

ABC da Nutrición

Carnitina.

Prodúcese no fígado e nos riles a partir dos aminoácidos lisina e metionina -compoñentes fundamentais das proteínas-. Fundamentalmente atópase nas células do corazón e do músculo, e participa en procesos de obtención de enerxía a partir de graxas. Utilízase como complemento en deportistas, dado que mellora a recuperación tras o esforzo e atrasa a aparición da fatiga.