Teléfonos sen fíos dixitais

O máis barato, elixido como mellor opción

Os teléfonos sen fíos dixitais ofrecen un son máis claro e comunicacións máis seguras cós analóxicos
1 Maio de 2003

O máis barato, elixido como mellor opción

Analizáronse oito teléfonos sen fíos que utilizan a tecnoloxía dixital DECT, que mellora a seguridade nas comunicacións e reduce as interferencias. Os prezos foron moi dispares: desde os 62 euros de Philips Xalio 200 ata os 109 euros de Sagem DCP 300. O modelo de Philips é a mellor relación calidade-prezo, por se-lo máis barato e ofrece-la maior calidade global, aínda que os seus manuais e menús foron os peor valorados. Siemens Gigaset A 100 é outra boa opción, por ser un dos máis baratos (70 euros) e proporcionar tamén unha calidade moi boa.

Os teléfonos DECT seleccionan entre máis de 120 canles de radio a idónea para transmitir en cada momento, polo que ofrecen maior cobertura sen interferencias e un son máis cristalino cós analóxicos. Ademais, ó igual cós teléfonos móbiles actuais, emiten e reciben en formato dixital, polo que a privacidade das conversas está máis protexida. Están compostos, ó igual cós teléfonos sen fíos convencionais, dunha base enchufada a unha toma telefónica e dun auricular desde o que se poden recibir ou realizar chamadas desde varias decenas (ou, mesmo, centos) de metros da base.

Un dos criterios fundamentais para medi-la súa calidade é que pesen o menos posible, xa que moitas persoas na casa optan por levaren estes aparellos sempre enriba. Os auriculares máis lixeiros (incluída a batería) foron Telecom (95,3 gramos) e Sagem (95,5 gr.), mentres que Brigmton (142,5 gr.) e Siemens (141,3 gramos) resultaron notablemente máis pesados.

Baterías ben distintas

A metade dos teléfonos (Philips, Brigmton, Siemens e Daewoo) funcionan con baterías de níquel-cadmio, que, amais de seren máis contaminantes, sofren o “efecto memoria”: se non se descargan e cargan completamente en cada ciclo, van reducindo paulatinamente a súa capacidade, polo que un uso incorrecto as torna inservibles. Os outro catro (Telecom, Mx-Onda, Overtech e Sagem) contan con baterías de níquel-metalhidruro e evitan os problemas anteriores.

Overtech dispón das baterías máis duradeiras (120 horas en espera e 585 minutos en conversa), seguido por Telecom (111 horas en espera e 615 minutos en conversa). Os teléfonos sen fíos con menor independencia son os de Daewoo e Mx-Onda (345 minutos en conversa e entre 86 e 90,5 horas en espera).

O radio de cobertura no interior dun edificio cobre sen problemas un piso de amplas dimensións, polo que na proba práctica non se mediu este punto, senón que se incidiu en cómo se desenvolve cada teléfono sen fíos en espacios abertos. Philips, Siemens e Overtech roldaron o medio quilómetro (449 metros) de alcance. Mx-Onda (174 metros) e Daewoo (196 metros) brindaron o alcance máis curto.

Resistencia ás caídas

Estes aparellos son moi susceptibles de caeren ó chan, polo que se comprobou a súa resistencia mediante un test (25 voltas no barril de volteo) que simula cincuenta caídas. Tódolos teléfonos seguiron funcionando ó remata-la análise e non sufriron estragos, polo que se pode deducir que os oito son moi resistentes.

Os teléfonos sen fíos ofrecen cada vez máis prestacións adicionais á de facer e recibir chamadas. Algunhas opcións son comúns nos móbiles (memorización de números de teléfono, asignación de nomes a eses números, bloqueo do teclado…), pero outras, como o aviso acústico de fóra de cobertura ou a función de interfono infantil (presente en Telecom e Overtech), son únicas destes aparellos.

A capacidade de memorizar números é moi variable: Sagem, Overtech e Mx-Onda permitiron almacenar 20, 40 e 50 teléfonos respectivamente. O resto só é capaz de gardar dez rexistros, os mesmos cá maioría de teléfonos de sobremesa. Telecom e Overtech foron os terminais con máis prestacións (21 o primeiro e 22 o segundo), mentres que Siemens, con oito, resulta o máis parco en funcións adicionais. A función de bloqueo do teclado, unha das máis interesantes nun aparello pensado para non estar sempre no mesmo sitio, faltou en Philips, Mx-Onda e Sagem.

Bases e teléfonos

Unha das vantaxes máis significativas dalgúns teléfonos sen fíos dixitais é a súa capacidade para realizar chamadas gratuítas entre diferentes auriculares adscritos a unha mesma base. É dicir, un usuario pode adquirir máis dun auricular (tamén se venden por separado), “conectalos” a unha base, e chamar dun teléfono a outro sen que iso teña ningún reflexo na factura telefónica. Para iso, como é lóxico, é imprescindible que os dous terminais estean no radio de cobertura da base.

Deste xeito, resulta sinxelo e cómodo crear unha rede telefónica interna para casas de gran tamaño. Esta tecnoloxía tamén permite conectar dúas bases a dúas liñas de teléfono e controla-las chamadas das dúas desde un único auricular.

Se os auriculares desta rede doméstica contan coa tecnoloxía GAP (presente en Brigmton, Telecom, Daewoo, Mx-Onda e Overtech) é posible enviar e recibir chamadas internas gratuítas aínda que os teléfonos sexan de marcas distintas. Siemens é o único teléfono que non indica se a súa base admite máis dun auricular, no resto, o número máximo é variable: desde os catro de Brigmton ata os sete de Telecom.

Proba práctica

Tres usuarios habituais desta clase de teléfonos puntuaron de 1 a 5 diversos aspectos de cada modelo. Todos aprobaron, pero con notables diferencias. Daewoo (4,3 puntos sobre cinco), seguido por Mx-Onda e Overtech (ambos, 4,2 puntos) foron os mellor valorados, sobre todo pola claridade dos seus manuais, menús de pantalla e doado uso. No extremo oposto, Philips (2,9 puntos) e Brigmton (3 puntos) fallaron no manual, menús, controis e ergonomía (tamaño e peso).

Outra proba subxectiva levada a cabo polos tres usuarios consistiu en valora-la calidade do son tanto no interior (con boa e mala cobertura) coma no exterior (só con mala cobertura). Philips (4,7 puntos de 5) demostrou a mellor calidade de son nas tres condicións, seguido de Overtech, con 4,5 puntos. A peor valoración correspondeulle a Telecom, que foi o único que non chegou ó aprobado neste test (2,3 puntos sobre 5).

Co fin de analiza-la compatibilidade electromagnética dos teléfonos mediuse a súa inmunidade fronte a descargas electrostáticas, é dicir, simulouse o que unha persoa cargada de electricidade estática provoca cando toca o auricular. A electricidade estática pódese xerar por camiñar sobre unha moqueta ou permanecer nun ambiente con pouca humidade. No peor dos casos, unha descarga deste tipo cortaría a chamada e obrigaría a realizala outra vez, co custo que iso supón. Comprobouse que os teléfonos Siemens, Mx-Onda e Sagem obtiveron unha moi boa valoración nesta proba. En Philips e Brigmton producíronse algunhas anomalías, pero seguiron funcionando trala descarga. Pola contra, a comunicación perdeuse en Telecom, Daewoo, e Overtech, polo que incumpriron a normativa.

Os oito teléfonos analizados superaron as probas físicas de seguridade, aínda que nos manuais de Daewoo non se incluíu información relativa a este punto. Brigmton e Sagem incumpriron a normativa ó non incluíren a garantía mínima de seis meses que marca a norma.

No resto, a duración da garantía foi dun ano, excepto Daewoo, que ofreceu o dobre adaptándose á Directiva europea que en breve adoptará o noso país.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse 8 teléfonos sen fíos dixitais, que custaban desde 62,19 ata 108,51 euros.
  • Cinco deles incumpren a norma. Brigmton e Sagem non teñen garantía; Telecom, Daewoo e Overtech non superan as probas de compatibilidade electromagnética.
  • Todos desenvolveron ben a súa función básica: recibir e realizar chamadas con boa calidade de son atopándose razoablemente lonxe da base.
  • Unha vez recargadas as baterías, a maior autonomía de funcionamento atopouse en Overtech (120 horas en espera e 585 minutos en conversa).
  • O maior radio de cobertura: Siemens, con 50 metros en recinto pechado e 449 metros en campo aberto.
  • Os de maior número de prestacións adicionais: Overtech e Telecom.
  • En valoración funcional-ergonómica, o mellor foi Daewoo ADP-1000.
  • En calidade do son, a maior nitidez ofreceuna Philips.
  • En calidade global, os mellores son Philips Xalio 200 e Siemens Gigaset A 100.
  • A mellor relación calidade-prezo é Philips Xalio 200, o máis barato e de moi boa calidade global, malia a que na valoración ergonómico-funcional foi o peor polo seu manual e menú difíciles de entender.
Marca / Modelo PHILIPS XALIO 200 SIEMENS Gigaset A 100 OVERTECH DECT B-060 MX-ONDA MX -TF1925
Prezo (euros) 62,19 69,56 69,00 75,46
Información e protección ó consumidor
Marcaxe CE Si Si Si Si
Declaración de conformidade Si Si Si Si
Instruccións de uso e mantemento Si Si Si Si
Información de seguridade Si Si Si Si
Información de protección do ambiente Si Si Si Non
Garantía 1 ano 1 ano 1 ano 1 ano
Seguridade Correcto Correcto Correcto Correcto
Compati- bilidade electro- magnética (EMC) Correcto Correcto Incorrecto Correcto
Características técnicas
Tamaño indicado
Alto x ancho
x grosor
auricular (mm)
Non indica Non indica Non indica Non indica
Alto x ancho
x grosor
base (mm)
Non indica Non indica Non indica Non indica
Peso auricular máis base (g) 267,7 274,2 299,1 227,2
Peso auricular (g) 131,7 141,3 125,7 101,7
Autonomía
Tipo de batería Ni-CD Ni-CD Ni-MH Ni-MH
En espera (h) + 120 + 120 + 120 90,5
En conversa (min.) 510 510 585 345
Cobertura
En interior indicada (m) Ni 50 Ni 50
En campo aberto (m) 449 449 449 174
Axenda, datos indicados
N º de teléfoNons 10 10 40 50
N º de caracteres 23 22 25 20
Métodos
de búsqueda
1 1 2 2
Durabilidade Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben
Nº de auriculares por base indicado 5 Ni 5 5
Prestacións indicadas 10 8 22 18
Accesorios Cable de rede Cable de rede Cable de rede Cable de red
Enganche para o cinto
Proba de uso 1
Valoración global funcional / ergonomía (1 a 5) 2,9 3,2 4,2 4,2
Valoración de calidade do son (1 a 5) 4,7 3,9 4,5 3,0
Calidade global Moi ben Moi ben Ben Normal
Marca / Modelo TELECOM DCT 400 DAEWOO ADP -1000 BRIGMTON BDECT -2000 SAGEM DCP 300
Prezo (euros) 76,20 93,20 95,56 108,51
Información e protección ó consumidor
Marcaxe CE Si Si Si Si
Declaración de conformidade Si Si Si Si
Instruccións de uso e mantemento Si Si Si Si
Información de seguridade Si Non Si Si
Información de protección do ambiente Non Non Non Non
Garantía 1 ano 2 anos Ni Ni
Seguridade Correcto Correcto Correcto Correcto
Compati- bilidade electro- magnética (EMC) Incorrecto Incorrecto Correcto Correcto
Características técnicas
Tamaño indicado
Alto x ancho
x grosor
auricular (mm)
117×52
x23
140×46
x26
157×60
x28
Non indica
Alto x ancho
x grosor
base (mm)
108×149
x57
127,5×109
x65
75×143
x180
Non indica
Peso auricular máis base (g) 226,8 302,8 248,7 282,3
Peso auricular (g) 95,3 121,1 142,5 95,5
Autonomía
Tipo de batería Ni-MH Ni-CD Ni-CD Ni-MH
En espera (h) 111 86 + 120 + 120
En conversa (min.) 615 345 375 375
Cobertura
En interior indicada (m) 50 Ni 30 50
En campo aberto (m) 272 196 296 346
Axenda, datos indicados
N º de teléfoNons 10 10 10 20
N º de caracteres 25 24 30 20
Métodos
de búsqueda
1 2 2 2
Durabilidade Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben
Nº de auriculares por base indicado 7 6 4 6
Prestacións indicadas 21 17 19 15
Accesorios Cable de rede
Enganche para o cinto
Cable de rede
Enganche para o cinto
Parafuso de parede
Cable de rede
Enganche para o cinto
Cable de rede
Carcasas recambiables
Proba de uso 1
Valoración global funcional / ergonomía (1 a 5) 3,8 4,3 3,0 3,4
Valoración de calidade do son (1 a 5) 2,3 3,7 3,5 3,1
Calidade global Ben Normal Ben Ben

(1) Proba de uso: valoracións medias realizadas por 3 xuíces expertos Os parámetros que non van acompañados da palabra indicado determináronse no laboratorio.

Un por un

Un por un, oito teléfonos sen fíos DECT

PHILIPS XALIO 200

  • 62,19 euros
  • Calidade global: moi ben.
  • A mellor relación calidade-prezo. O máis barato. Batería de níquel-cadmio: co indesexable “efecto memoria” e máis contaminante. Dos que menos prestacións adicionais ofrecen (10). O peor en valoración funcional e ergonómica (2,9 puntos sobre 5), pero o mellor en calidade de son (4,7 puntos sobre 5).

SIEMENS Gigaset A100

  • 69,56 euros
  • Calidade global: moi ben.
  • Outra opción interesante. Batería de níquel-cadmio: con “efecto memoria” e máis contaminante. O que menos prestacións adicionais ofrece (8). Valoración funcional e ergonómica: 3,2 puntos de 5. En calidade de son: 3,9 puntos sobre 5.

OVERTECH DECT B-060

  • 69,00 euros
  • Calidade global: ben.
  • O segundo máis barato. Non superou a proba de compatibilidade electromagnética, o que pode facer que se corten algunhas chamadas. Batería de níquel-metalhidruro, sen “efecto memoria”. Dos que contan con máis autonomía (máis de 120 h en espera e 585 min. en conversa). O que máis prestacións incorpora (22). En valoración funcional e ergonómica: 4,2 puntos de 5 e en calidade de son 4,5 puntos de 5; en ámbolos casos, o segundo mellor.

MX-ONDA MX-TF1925

  • 75,46 euros
  • Calidade global: normal.
  • Batería de níquel-metalhidruro, sen “efecto memoria”. A segunda peor autonomía en funcionamento (90,5 h en espera e 345 min. en conversa). A cobertura máis baixa en campo aberto (174 metros). A axenda con maior capacidade para memorizar números de teléfono (ata 50 números). En valoración funcional e ergonómica, o segundo mellor, 4,2 puntos de 5, e en calidade do son, o segundo peor, 3 puntos.

TELECOM DCT400

  • 76,2 euros
  • Calidade global: ben.
  • Non superou a proba de compatibilidade electromagnética, o que pode provocar que se corten algunhas chamadas. O teléfono máis lixeiro (95,3 gramos). Batería de níquel-metalhidruro, sen “efecto memoria”. Dos mellores en duración das baterías (111 h en espera e 615 minutos en conversa). O que máis terminais acepta nunha mesma base. En valoración global funcional e ergonómica: 3,8 puntos de 5. En calidade do son: 2,3 puntos sobre 5, a peor.

DAEWOO ADP-1000

  • 93,2 euros
  • Calidade global: normal.
  • A garantía máis longa (2 anos). Non superou a proba de compatibilidade electromagnética, o que pode facer que se corten algunhas chamadas. Batería de níquel-cadmio, con “efecto memoria” e máis contaminante. A de menor autonomía (86 horas en espera e 345 minutos en conversa). Na valoración subxectiva da calidade do son, 3,7 puntos de 5. En valoración global funcional e ergonómica, 4,3 puntos de 5.

BRIGMTON BDECT-2000

  • 95,56 euros
  • Calidade global: ben.
  • O segundo máis caro. Sen garantía. O auricular máis pesado (142,5 gramos). Batería de níquel-cadmio, con “efecto memoria” e máis contaminante. Acepta o maior número de letras por memoria (ata 30 caracteres). En valoración funcional e ergonómica, o segundo peor, 3 puntos de 5. En calidade do son: 3,5 puntos de 5.

SAGEM DCP 300

  • 108,51 euros
  • Calidade global: ben.
  • O máis caro. Sen garantía. Un dos auriculares máis lixeiros (95,5 gramos). Batería de níquel-metalhidruro, sen “efecto memoria”. Xunto co de Mx-Onda, o menor número de caracteres por memoria (ata 20). En valoración funcional e ergonómica, 3,4 puntos de 5. En calidade do son: 3,1 puntos de 5.