De evolución imprevisible
A cefalea ou dor de cabeza representa unha das dores máis comúns na raza humana. Afecta ó 93% dos homes e ó 99% das mulleres polo menos unha vez na vida e é motivo do 5% das consultas dos médicos de asistencia primaria e o máis frecuente entre as consultas dos neurólogos. Malia a ser un problema cotián, ás veces presenta problemas de diagnóstico e de tratamento, se ben as máis das cefaleas se poden detectar exclusivamente mediante un complexo historial clínico, é dicir, analizando os síntomas, cómo son, cándo se presentan, con qué frecuencia, qué factores a desencadean…
Síntomas moi variables
A cefalea non é unha enfermidade, é un síntoma que se caracteriza por dor ou sensación desagradable na rexión da bóveda cranial. A dor pode ser moi tolerable, tan leve que amole só lixeiramente, ou tan severa que incapacite temporalmente a unha persoa. Pode durar un anaco ou persistir durante horas ou días; aparecer cada certo tempo ou repetirse case a cotío. É, xa que logo, unha dor moi cambiante e, precisamente por esta variabilidade na súa presentación, localización, intensidade e nas causas que a producen, realizáronse tantas clasificacións sobre un síntoma tan aparentemente simple coma unha dor de cabeza.
A máis utilizada é a que en 1988 elaborou a Sociedade Internacional para o Estudio da cefalea, que, en liñas xerais, distingue catro grandes grupos: a xaqueca, a cefalea tensional, a cefalea en acios e outras asociadas a procesos diversos de índole inflamatoria, tóxica, medicamentosa, tumoral, vascular… Das cefaleas crónicas, persistentes ou repetitivas, as máis frecuentes son as xaquecas e as cefaleas de tensión, que representan aproximadamente o 90% de tódalas cefaleas crónicas.
A xaqueca
Descrita xa na antigüidade e mencionada nos anais sumerios 4.000 anos a.C., a xaqueca pódese definir como un trastorno con base hereditaria, que se caracteriza por episodios recorrentes de dor de cabeza. Aínda que se localiza inicialmente nun lado do cranio, xeneralízase posteriormente e vai asociado a miúdo con manifestacións dixestivas como náuseas e vómitos, e mais de sensación de abatemento e malestar xeral. A dor da xaqueca é xeralmente intensa e pulsátil (golpes que se perciben na fronte, tempas, mandíbulas, oídos e ó redor dos ollos). Nun 25% dos casos é típica, 10 ou 30 minutos antes da crise, a aparición de aura (alteracións visuais como lampos, manchas negras no campo visual, imaxes de liñas en zigzag, lampos luminosos, formigos na cara…). A dor de cabeza intensifícase cos movementos bruscos de cabeza, coa tose, cos espirros e cos esforzos físicos. A crise dura de 4 a 72 horas.
Máis frecuente en mulleres novas
Aínda que ámbolos sexos se ven afectados pola xaqueca, é máis frecuente en mulleres novas, e aínda que na infancia se poden presentar crises, o máis común é que o trastorno comece entre os 10 e os 35 anos. A relación é de 5 mulleres por 1 home. A xaqueca iníciase xeralmente na adolescencia ou na infancia. O neno migrañoso é moi propenso a marearse no coche e nalgúns casos describíronse crises de somnambulismo. A evolución da xaqueca tende adoito á cronicidade, se ben nalgúns casos as crises desaparecen ou se tornan moi esporádicas, mentres que noutros as crises se fan moi frecuentes e por tempadas poden ser diarias. Non hai nada que permita coñecer con seguridade cál vai se-la evolución. As crises preséntanse con frecuencia moi particular en cada persoa.
Tratamento das xaquecas
Aínda que todas teñen en común a dor, as xaquecas difiren notablemente dunha persoa a outra na súa intensidade, frecuencia e nos factores desencadeantes, polo que cómpre que o tratamento sexa personalizado. Así e todo, pódense facer unhas recomendacións comúns:
- Levar unha vida sa: amais do sono e repouso regular, o exercicio físico moderado é conveniente. Cómpre evita-lo estrés -ou combatelo con relaxación- e os xaxúns prolongados.
- Identificados os factores desencadeantes, cómpre evitalos na medida do posible.
- No tocante ós desencadeantes dietéticos devanditos, non afectan a todos por igual e non o fan sempre, polo que non é preciso ser moi restrictivos nas dietas.
- Non automedicarse nas crises agudas nin tomar analxésicos en exceso pensando que nos van axudar.
Combate-la crise aguda
O mellor é retirarse a unha habitación pouco iluminada e silenciosa, e procurar concilia-lo sono. Ás veces isto abonda para que a crise desapareza, pero outras cómpre recorrer a tratamento medicamentoso: o tartarato de ergotamina combinado con paracetamol e codeína adoita ser moi eficaz (adminístrase a xeito de supositorios cando hai náuseas e vómitos). Tamén os triptáns son moi eficaces, xa que actúan sobre os receptores da serotonina. Pero tanto a ergotamina coma os triptáns son vasoconstrictores, polo que hipertensos e cardiópatas deben ser moi cautos coa súa administración, que sempre ha de ser baixo indicación e control médico. Canto máis precozmente se administre, máis efectivo é o medicamento, por iso nos casos de crise con aura se administrarán así que aparezan os primeiros síntomas. O seu efecto diminúe cando a crise está xa avanzada e os procesos arteriais e neuroquímicos en marcha. Se hai náuseas e vómitos, cómpre tomar tamén antieméticos para eliminalos.
Previ-los episodios de xaquecas
O tratamento preventivo de fondo utilízase para previ-las crises cando estas son moi frecuentes ou intensas. Hai moitas alternativas, pois ningunha delas é eficaz en tódolos casos. Probáronse betabloqueantes, antagonistas do calcio, antiserotonínicos, antidepresivos tricíclicos e inhibidores da recaptación da serotonina, antiinflamatorios non esteroideos (AINEs), algúns antiepilépticos… Actualmente utilízanse a flunarizina, a amitriptilina e o propanolol, cos que se acadaron bos resultados. Polo xeral, adminístranse en monoterapia durante un período de tres a seis meses. Pero se o tratamento farmacolóxico é importante, non hai dúbida de que o estilo de vida se torna fundamental. Deporte, relaxación, dieta sa e equilibrio emocional, son piares básicos para o control da xaqueca.
- A relación entre hormonas femininas e xaqueca non está clara, pero hai indicios que permiten sospeitala: moitas mulleres presentan crises coa menstruación e coa ovulación, mentres que desaparecen co embarazo. Algunhas sofren a primeira crise despois da menopausa; pola contra, outras, as que padeceran xaquecas antes da menopausa, deixan de telas. Tampouco están claros os efectos dos anticonceptivos orais na xaqueca e noutras cefaleas, aínda que hai moitas mulleres que cando os toman empeoran e as súas crises fanse máis intensas.
- O estrés e a ansiedade, ben sexa por problemas laborais, familiares ou doutra índole, tamén xeran xaquecas en moitas persoas.
- O exercicio físico pode desencadear xaquecas.
- A falta de sono ou o exceso de sono non son convenientes: durmir 7-8 horas e deitarse e erguerse á mesma hora axudan a previ-las crises. Algunhas persoas sofren xaquecas os días festivos, nos que é máis habitual permanecer máis horas na cama (xaqueca da fin de semana).
- A inxestión de alcohol, especialmente de viño tinto ou cavas, é nefasta para algúns xaquecosos.
- Algúns alimentos, como chocolate, ovos, iogur, noces, fabas, peixe afumado, froitas acedas e, especialmente, salsas que conteñen glutamato monosódico (salsa chinesa e outras), tiramina (presente en queixos fermentados e curados) e nitritos e nitratos (nas carnes en conserva, cachorros quentes…) poden ser desencadeantes de crises, así como tamén o xaxún prolongado e a conseguinte baixada da glicemia.
- A exposición prolongada ó sol.
- O exceso de tabaco.
- O ruído, ambientes cargados, luces, lampos de focos e carteis luminosos, tamén poden desencadear unha crise.