Utilizan Internet como principal canle para transmiti-la información que xeran. A inmediatez e interactividade que ofrece a Rede é incuestionable, pero ¿como chegan a un paciente que non ten ó seu alcance un ordenador conectado a Internet ou que descoñece cómo usalo?
A familia, como sempre na saúde, é o centro de recolleita e de transmisión de datos. Neste caso, os menores de 35 ou 40 anos fan de conexión cos pais. Pero, independentemente de Internet, distingamos dous tipos de pacientes: os pasivos, que acoden ó médico case dun xeito paternal e que lle trasladan case por completo a responsabilidade de sandaren; e outros máis activos, que buscan segundas opinións médicas ou mesmo realizan reclamacións. Este segundo tipo de paciente, que entende que en boa parte a súa saúde depende da súa propia implicación, é cada día máis común e non se asemella en nada a aqueloutro que non interiorizou os seus dereitos como paciente.
As súas teses apostan pola medicina da evidencia, un concepto escasamente coñecido.
Trátase de entender que os profesionais da saúde teñen que tomar decisións médicas fundamentadas en investigacións científicas e procurar que estes estudios sexan de gran calidade. Se repasámo-la bibliografía que existe en tódalas áreas da saúde, decatámonos de que quedan aínda apartados da medicina carentes de estudios, mentres que noutros hai sobreabundancia, que non sempre é sinónimo de calidade. O que perseguimos na Fundación Josep Laporte e nos ámbitos ós que nos achegamos é mellora-la metodoloxía de selección e aplicación da práctica clínica nas investigacións científicas de relevancia e calidade. Deste xeito lógrase que a evidencia fundamentada, analizada, contrastada e conceptualizada axude a determina-lo tratamento das enfermidades.
Se cadra cun exemplo entendémolo mellor.
Vexamos: se témo-la evidencia de que o tratamento con trombolíticos salva vidas nos pacientes con infarto agudo de miocardio, desde o momento en que sospeitamos que unha persoa sofre un infarto, administrarllos pode salvarlle a vida. Outro exemplo: desde que sabemos que a úlcera duodenal é unha enfermidade derivada dun axente infeccioso, subministramos antibióticos inhibidores. A evidencia de que era un axente infeccioso conduciunos, neste caso, a cambia-lo tratamento.
¿A medicina da evidencia serve tamén para abordar patoloxías psiquiátricas?
No caso da depresión distínguense basicamente dous niveis: a endóxena, que ten compoñentes inherentes ó individuo, mesmo xenéticas; e a esóxena, provocada por factores externos. Temos, por exemplo, a evidencia, por estudios realizados en España, de que os inmigrantes sofren maiores cadros de enfermidades mentais esóxenas. A situación de desesperación pola falta de papeis, por exerce-lo traballo para o que están preparados, a separación familiar e carecer de elementos de cohesión social motivan a aparición de patoloxías mentais. No momento do tratamento, coñece-lo resultado destas investigacións tórnase fundamental.
¿Por que nas últimas décadas se están realizando de xeito tan específico investigacións ou programas para a saúde da muller?
Historicamente, a muller estudiouse moito menos có home, se exceptuámo-la xinecoloxía. A medicina xeral, e mesmo a especializada, tomou o modelo do home para realiza-las súas investigacións, co que sempre se manexaban cadros clínicos de varóns. Ademais, os nosos estudios revelan que a muller é o axente de saúde nuclear porque é ela quen se preocupa da saúde do seu compañeiro, dos fillos e dos pais. Ligado a isto, cómpre engadir que os datos aseguran categoricamente que os coidadores son mulleres; e se o enfermo é unha muller, é outra quen a atende. Xa que logo, a muller é o xestor da saúde da familia e iso supón que, en certa maneira, tamén o é da sociedade no seu conxunto.
Na medicina convencional, algúns enfermos din se sentiren como un número máis dunha lista case anónima. ¿Ata que punto é importante o diálogo entre médico e paciente?
Tódolos pacientes, amais de sufriren unha enfermidade que se pode diagnosticar e detectar, sofren unha enfermidade psicolóxica consecuencia do impacto que produce a patoloxía concreta na súa vida cotiá, no seu modo de olla-lo futuro e mesmo nas súas relacións persoais. Ademais, cando se trata dunha enfermidade grave, non só condiciona a vida do paciente, senón que afecta a toda a familia e o seu contorno. A medicina convencional atende ó diagnóstico, pero case sempre esquece a parte humana do tratamento, que tamén é importante, porque en boa medida a saúde do paciente depende de que se preocupe activamente por ela, e non o pode facer se non hai un encontro entre o facultativo e o enfermo.
Pode acontecer que un cidadán ben informado coñeza suficientemente a patoloxía que sofre e, sen embargo, vese obrigado a visitar primeiro a un facultativo de Medicina Primaria que, á súa vez, o conducirá ó médico especialista. ¿Por que está deseñado así o protocolo sanitario?
A medicina primaria ten moita importancia. Esta rede de médicos, en moitas ocasións, diagnostica antes có especialista. Precisamente ese médico de primeira instancia atendeu innumerables casos clínicos e o seu coñecemento en medicina da evidencia é fundamental para atender a un enfermo.
Os medios de comunicación difunden información moi detallada da pneumonía atípica asiática ou de enfermidades que afectan a unha moi exigua parte da poboación. ¿É ese labor de divulgación realmente necesario desde unha perspectiva de saúde pública?
A percepción do risco é algo subxectivo. É moito máis probable morrer de cancro ca dun accidente de avión, pero séguese fumando malia a que se sabe que é un factor de risco clave para esta enfermidade. E un fumador compulsivo pode terlle medo a voar. En España, o risco de padecer pneumonía atípica ou, por exemplo, o mal das vacas tolas, é moi pequeno, pero hai xente sensible a este tipo de información e que a demanda aínda que non sexa moi determinante para a súa saúde.
¿Por que a grafía médica é tan difícil de ler e os diagnósticos seguen resultando incomprensibles para o cidadán medio?
É un síntoma de que falta moderniza-los protocolos sanitarios, aínda que se está traballando nese sentido. E cumprirá seguir mellorando, máis aínda se, como todo fai prever, nun futuro non moi afastado as novas tecnoloxías, como Internet ou o correo electrónico, van servir de canle de comunicación entre médico e paciente.
Internet provoca aínda desconfianza nalgúns usuarios, pola posible vulneración do dereito ós datos persoais. ¿Como se pode protexe-la confidencialidade dunha información tan sensible como un historial médico?
A protección dos datos hai que tomala con máis calma. Aínda que cómpre garda-las lóxicas precaucións, penso que non é unha cuestión de tecnoloxía ou de técnica, senón de cultura. Se hai unha cultura de confidencialidade, gardarase a discreción esixible nestas cuestións. O problema está en saber qué se pode contar e qué non, para evitar facer dano con manexo de informacións privadas.