Escasas e distintas segundo as comunidades autónomas
En España a familia é a institución mellor valorada polos cidadáns, que lle conceden unha puntuación de 9,37 sobre 10. Segundo o Eurobarómetro do ano 2000, para o 97% dos españois a familia ten un valor esencial. Sen embargo, este recoñecemento social tradúcese nun escaso apoio real por parte das diversas administracións públicas, que lle dedican escasos recursos económicos a este capítulo. Segundo un informe da Oficina Estatística Comunitaria (Eurostat), España é o país da UE que menos gasto social lle dedica á familia: no 2000 dedicoulle a este capítulo un 2,7% do seu Producto Interior Bruto (PIB), fronte ó 8,2% da media europea.
Dos dez países comunitarios dos que o Instituto de Política Familiar dispón de datos, España é o único no que a prestación por fillo a cargo depende do nivel de renda, mentres que nos outros nove esta prestación se lles concede, con carácter universal, a tódalas familias sen excepción, con independencia dos seus ingresos económicos.
Unha familia española precisaría ter 11 fillos e ingresos inferiores a 1,5 millón de pesetas para recibi-las mesmas axudas que obtén unha familia en Alemaña con 2 fillos sen que se teña en conta o seu nivel de renda. A repercusión que este escaso apoio económico ten sobre a natalidade parece evidente: o noso é o país da UE que menos axuda á familia e o que ten a taxa de natalidade máis baixa, un índice de 1,2 fillos, fronte ó 2,1 preciso para o relevo xeracional.
Polo menos, as familias numerosas vano ter un chisco máis doado, xa que o Goberno central prepara unha lei que aumentará as axudas para este colectivo. Coa nova lei, as familias con tres ou máis fillos accederán a beneficios no ámbito da educación e da vivenda. Ademais, minguarán as esixencias para acceder ás axudas e crearanse 400.000 novas prazas en garderías. O plan, que entrará en vigor o vindeiro ano, contempla tamén deduccións fiscais de ata un 27% por fillo, fronte ó 16% actual, e axudas mensuais para as nais traballadoras.
Por comunidades autónomas
En España, as axudas á familia percíbense de dúas maneiras: a través dunha axuda directa e de deduccións fiscais. As axudas directas consisten nun pagamento (fraccionado ou único) que lle aboa a Administración á unidade familiar, mentres que as deduccións fiscais son vantaxes que os cabeza de familia contabilizan á hora de face-la declaración da renda.
Só dez Comunidades autónomas teñen previstas axudas directas e, destas, só cinco as ofrecen sen teren en conta o nivel de renda da familia. En Andalucía, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia e Navarra hai axudas diferenciadas por fillos e axudas adicionais para os partos múltiples. Sen embargo, este concepto non queda claro xa que en Canarias, Aragón e Murcia só se interpreta parto múltiple a partir de trillizos. En calquera caso, os que máis facilidades teñen para estas axudas directas son os residentes en Navarra e Castela e León. En Navarra pódense solicitar axudas directas de 330 euros ó mes a partir do segundo fillo e percíbense durante un ano. Se a familia se incrementa, esa mesma contía percibirase durante tres anos. No caso de ter un terceiro fillo, a Comunidade Foral realiza un pagamento único de 1.985 euros. E en partos múltiples, as axudas oscilan entre os 72 euros ó mes durante un ano ata os 60 euros ó mes e por neno durante 10 anos para os casos de quintillizos ou máis. Pola súa banda, Castela e León págalles desde 601 euros ás familias con ingresos inferiores ós 21.035 euros anuais nun pagamento único, ata 1.803 euros polo nacemento do terceiro fillo, sempre que a unidade familiar non supere os 36.060 euros de renda anual
Tratamento no IRPF
Son 11 as Autonomías que teñen deduccións e aplícanas por conceptos moi diversos. Baleares é a única que non establece deduccións no IRPF por estudios fóra da comunidade autónoma, malia ó seu carácter insular e ó encarecemento do transporte para mozos que cursan estudios non incorporados ó seu distrito universitario.
A deducción que as familias poden reflectir na súa declaración da renda por fillos ó seu cargo oscila moito: desde os 36 euros polo primeiro fillo das Canarias, ata os 1.502 euros de Navarra. Na Comunidade Valenciana cómpre agardar ata o nacemento do terceiro fillo para acceder a unha deducción de 150 euros. Neste apartado das deduccións, tamén as familias numerosas teñen un capítulo especial, pero non por iso máis cuantioso. Só nas Canarias, en Castela e León e en Galicia se contemplan deduccións para este grupo de familias, que oscilan entre os 120 euros de Galicia e os 210 de Castela e León. En Galicia, unha familia cunha empregada que se encargue do coidado dos nenos pode deducir 180 euros ó ano.
Tendo en conta tanto prestacións coma deduccións, e a maior importancia relativa das primeiras, Navarra, Castela e León, Cataluña e o País Vasco poden considerarse as comunidades máis xenerosas coas familias.
Segundo datos do Instituto de Política Familiar, que recentemente celebrou unhas xornadas en Valencia, un matrimonio cun fillo, que gañe (entre os dous) 9.000 euros ó ano, só recibirá algunha axuda en Castela e León (un pagamento único de 600 euros) e en Cataluña (unha axuda anual durante tres anos de 481 euros). Coa chegada do segundo fillo as axudas pódenas percibi-los matrimonios que residan no País Vasco, en Navarra, en Cataluña e en Castela e León.
Sen embargo, as administracións anuncian cambios. A Xunta de Castela-A Mancha anunciou que lles concederá unha axuda de 900 euros ós pais que pidan unha excedencia para o coidado dos seus fillos; o Goberno de Cantabria aprobou unha paga mensual de 100 euros para as nais de nenos menores de 3 anos; o de Castela e León anunciou novas deduccións fiscais e subvencións para as familias, así como axudas para excedencias; a Generalitat Valenciana aprobou o anteproxecto de lei de Acompañamento dos orzamentos para o 2003, con deduccións de 150 euros por nacemento ou adopción do segundo fillo.
Á cola de Europa
España segue á cola da UE en axudas familiares por fillos. Os 100 euros mensuais que o Goberno lles paga desde xaneiro ás nais traballadoras con fillos menores de tres anos non sacan o noso país dos últimos postos en prestacións por maternidade. En Francia as mulleres reciben 158 euros mensuais desde o cuarto mes de embarazo ata que o neno cumpre tres anos, e tanto se son asalariadas coma se son amas de casa. Ademais, se teñen dous fillos ó seu cargo, cobran 110 euros ó mes ata que teñan 20 anos, e 250 euros se teñen tres fillos. A protección á familia inclúe tamén unha axuda de 487 euros mensuais se o pai ou a nai deixan o seu traballo, e se o neno acude á gardería a axuda pode ascender ata 1.524 euros trimestrais. Volvendo ó noso país, e segundo o Instituto de Política Familiar, a axuda de 100 euros só chega ó 6% das familias españolas, xa que unicamente se benefician dela as mulleres que traballan máis de 15 días ó mes en xeira completa ou máis de 20 días ó mes en media xeira. As mulleres que traballan para elas mesmas e as que están en paro non a poden solicitar.
Axudas moi dispares
En xeral, as axudas á familia resérvanse ós primeiros anos de vida dos nenos e ós partos múltiples, e ademais dependen do nivel de renda, cando no resto dos países europeos as axudas se conceden por fillo nacido e non dependen dos ingresos dos seus proxenitores.
En Alemaña, a familia recibe unha axuda económica por fillo. Os pais alemáns reciben do Estado 132 euros mensuais polo primeiro e polo segundo fillo, 150 euros polo terceiro e case 180 euros a partir do cuarto. Estas axudas recíbense independentemente dos ingresos e prolónganse ata que o fillo cumpre 18 anos, aínda que nalgúns casos se estendan ata os 27 anos. O subsidio familiar por educación elévase a un máximo de 300 euros ó mes por fillo sempre que os ingresos dos pais non superen os 59.000 euros de ingresos ó ano. O Goberno italiano aumentou as deduccións fiscais por fillo ata igualalas ás do cónxuxe, 542 euros ó ano. Tamén simplificou as leis de adopción e promoveu as garderías. O permiso paterno, en caso de responsabilidade exclusiva, esténdese a tres meses e as nais solteiras reciben axudas. Os países nórdicos son o paraíso fiscal para as familias, con axudas para o primeiro, segundo e terceiro fillo que oscilan entre 10.200 e 48.000 euros, en función do número de fillos. Tamén contemplan axudas extraordinarias ós pais que quedan coidando os fillos.
Empresa Familiarmente Responsable
Un dos principais problemas ós que se enfrontan hoxe en día as parellas á hora de ser pais é a dificultade para compaxinar horarios e tarefas laborais coas necesidades dos fillos. Segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), as dificultades para conciliar traballo e vida familiar son o terceiro motivo esgrimido para non ter fillos. España é o país co índice de natalidade máis baixo do mundo, 1,2 fillos por muller fronte ó 2,1 necesario para a reposición xeracional. No 2001 creouse un Plan Integral de Apoio á Familia que a día de hoxe segue sen se desenvolver. A Federación Nacional de Familias Numerosas creou, xunto a outras entidades, un Certificado de Empresa Familiarmente Responsable que identificará e premiará as empresas que redacten e desenvolvan unha política que permita harmoniza-los intereses familiares e laborais. A colaboración que se solicita é: maior flexibilidade horaria e espacial das empresas, seguros de vida, plans de xubilación, seguros médicos para cónxuxes e fillos, e gardería na empresa.
A falta de investimento na familia débese, segundo Mª Carme Mateu, directora das Xornadas sobre Familia, á falta dunha auténtica política familiar. Na súa opinión, a política familiar é a “que lle permite á familia afronta-lo día a día, axuda-los pais a te-los fillos que desexen, integrar de xeito verdadeiramente humano e constructivo os seus distintos ámbitos de desenvolvemento laboral, familiar e persoal; axudar a supera-las crises familiares, recoñece-lo dereito dos pais a educa-los seus fillos, promove-la participación activa de pais e asociacións, e ter en conta, con medidas específicas, ás familias con determinadas necesidades”.
Outras axudas da Administración ás familias con fillos
O novo IRPF, que entrou en vigor este ano, contempla tres tipos de axuda que non son excluíntes, xa que se poden acumular.
- Deduccións a familias con fillos: A deducción será maior a partir do segundo fillo e non desde o terceiro, como ata agora.
- Por un fillo: 1.400 euros
- Por dous fillos: 2.900 euros
- Por tres fillos: 5.100 euros
- Por catro fillos: 7.400 euros
- Por cada fillo máis súmanse outros 2.300 euros de reducción.
- Nais con fillos menores de 3 anos: O novo IRPF introduce unha deducción de 1.300 euros polo coidado de cada fillo menor de tres anos, que se engade á reducción xeral. Ó face-la declaración non cómpre xustifica-los gastos polo coidado do neno. A esta medida pódense acoller tódalas nais, traballen ou non fóra da casa.
- Traballadoras con nenos menores de 3 anos: As nais que traballen fóra da casa e que teñan fillos menores de 3 anos poden recibir unha paga de 100 euros ó mes por cada fillo menor desa idade. A paga pódese solicitar por teléfono, Internet, na Axencia Tributaria e no Rexistro Civil, cando se inscriba o neno acabado de nacer. Non hai límite de renda, e tamén a poden solicita-las nais que polos seus ingresos non teñen a obriga de face-la declaración da renda. Só é preciso traballar e estar dada de alta na Seguridade Social.
- Familias con persoas maiores de 65 anos: Auméntase a deducción, que pasa de 600 a 800 euros.
O novo IRPF tamén crea unha nova deducción adicional por asistencia (sen necesidade de xustificante) ós maiores de 75 anos ou ós familiares con quen conviven.
- Por fillos menores de 18 anos a cargo da familia: 291 euros anuais que poden solicita-las familias e os pais ou nais separados que teñan a custodia asignada deses fillos. Os ingresos non poden supera-los 7.954 euros anuais.
- Por fillos minusválidos: 582 euros ó ano para a familia con fillos minusválidos, cun grao de minusvalía de grao igual ou superior ó 33% para menores de 18 anos. O importe é de 3.012 euros cando a minusvalía é do 65% e se é maior de idade.
- Prestación por desemprego de nivel asistencial: Ofréceselles ós traballadores que, ó se produci-la situación legal de desemprego, non teñen cotizado o período mínimo para teren dereito a unha pensión contributiva e que teñen persoas que dependen economicamente deles:
- o cónxuxe que dependa del ou dela
- fillos menores de 26 anos
- maiores de idade incapacitados
- menores de 18 anos acollidos
Para acceder a esta prestación, o conxunto das rendas da unidade familiar dividida polo número de membros que a compoñen non debe supera-lo 75% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).
A contía do subsidio é do 75% do SMI e solicítase na oficina do INEM da localidade.