Deterxentes líquidos concentrados e convencionais

Mellor os concentrados: limpan igual, custan o mesmo e son máis cómodos

Ningún é totalmente eficaz contra as manchas difíciles, pero os máis deles son bos abondo para as coadas cotiás
1 Novembro de 2008

Mellor os concentrados: limpan igual, custan o mesmo e son máis cómodos

Nos últimos anos, os consumidores atopan nas tendas, a carón dos deterxentes téxtiles líquidos, outros moito máis pequenos, que con menos cantidade de produto prometen a mesma eficacia. De ser así, poucas razóns habería para cargar con produtos máis incómodos pero, realmente os deterxentes concentrados son polo menos tan bos como os seus equivalentes máis pesados?

Analizáronse no laboratorio catro deterxentes líquidos concentrados, que van dende os 0,23 euros por coada de Colón 101 Manchas ultraconcentrado aos 0,30 euros de Ariel Poder concentrado. Tamén se analizaron oito deterxentes líquidos convencionais, que custan dende os 0,17 euros por lavado de Flota aos 0,26 euros de Skip Active Clean. Os prezos calculáronse dividindo o prezo de cada envase polo número de doses declaradas polo fabricante, sen ter en conta as doses que se anuncian como “de regalo”. As versións concentradas de Ariel e Skip son un 10% máis caras por lavado ca as convencionais, pero en Colón e Wipp Express acontece o contrario: a versión convencional é un 4% máis cara.

Dixan Gel ofrece 58 ml máis de produto do que declara á súa etiqueta e Colón concentrado 15 ml máis. Flota é o único que non chega ao anunciado (ten un 1% menos). Os deterxentes concentrados son máis pequenos, lixeiros e cómodos de almacenar e o seu transporte provoca menos emisións de dióxido de carbono. En principio, a única diferenza na súa composición é a cantidade de auga, un ingrediente que non afecta ao lavado. A mellor relación calidade-prezo deste comparativo é Colón 101 Manchas ultraconcentrado: dos máis eficaces contra as manchas, co mellor poder branqueador, cun prezo intermedio e co envase máis lixeiro.

A dose recomendada por lavado varía moito dunhas marcas a outras. Dentro dos deterxentes convencionais, as doses máis pequenas foron as de Omino Bianco, Flota e Elena (90 ml) e entre os concentrados a maior foi a de Wipp Express (50 ml). Non todos os fabricantes concentran o produto na mesma medida: Colón é o máis concentrado (a dose convencional é 3,4 veces maior ca a concentrada). O menos concentrado é Wipp Express, que só “encolle” dúas veces.

No tocante á etiquetaxe, Wipp Express superconcentrado, Dixan e Omino Bianco tiñan letras algo máis pequenas do especificado pola norma á hora de indicaren o contido neto do envase. Non é o único incumprimento detectado: a lexislación europea obriga os fabricantes a publicar os seus ingredientes nas súas webs, pero cando se fixo este comparativo Ariel Poder concentrado e Elena 2 en 1 non cumprían con ese requisito legal.

Poder deterxente

As substancias propiamente deterxentes son os tensioactivos. Mediuse a súa presenza secando primeiro o produto para eliminar a auga e despois purificándoo con alcohol para eliminar os sales (que non afectan á capacidade limpadora). Os produtos con maior cantidade de substancias deterxentes foron Colón Convencional e Skip concentrado (17 g e 16 g, respectivamente). As mostras con menos substancias limpadoras foron tres convencionais: Flota (5,5 g), Dixan (5,8) e Elena (6 g). Esta proba demostrou que algúns fabricantes non só concentran, senón que melloran a súa fórmula na versión concentrada. Ariel mostrou un 83% de incremento de tensioactivos e Skip un 13% fronte ás súas versións convencionais. En Wipp Express e Colón acontece o contrario: a fórmula concentrada ten menos cantidade de materia activa (47% menos Wipp e 21% menos Skip).

Eficacia anti manchas

Para comprobar a eficacia dos deterxentes á hora de quitar as manchas laváronse con cada deterxente trece manchas distintas nunha lavadora con 3 kg de carga a 30 ºC e cunha auga de dureza media (25ºHT) e tras o lavado comprobáronse as cores cun espectrómetro. Escolléronse manchas graxas (maquillaxe, hamburguesa), oxidables (viño, café) e manchas proteínicas e amiláceas, como o sangue ou o chocolate, todas elas especialmente complicadas. En todos os tipos de manchas o mellor foi Ariel Convencional, cunha eficacia media do 38% ante estas manchas tan difíciles. As peores foron tamén deterxentes convencionais, Elena (25%) e Flota (24%). Este nivel de limpeza abonda para a sucidade habitual de moitas das coadas, pero dende logo non é adecuado cando a roupa está toda lixada. As manchas máis doadas de eliminar resultaron ser as graxas, mentres que as oxidables deron os resultados máis pobres. De feito, as manchas de café e de té escurecéronse na lavadora. Polo tanto, a pesar de reclamos como “limpeza total” ou “o campión contra as manchas” ningún deterxente é eficaz ao 100% e ante manchas difíciles segue cumprindo fregar, facer prelavado ou engadir lixivia. De feito, no caso das manchas oxidables é mellor utilizar deterxentes en po ou engadirlle produtos específicos á coada.

O feito de que un deterxente sexa concentrado ou convencional non indica a súa eficacia. Ariel e Colón convencionais eran máis eficaces ca os seus equivalentes concentrados, mentres que Skip e Wipp concentrados deron mellores resultados ca os convencionais das mesmas marcas.

Brancura total?

Amais da eficacia antimanchas, analizouse que deterxente lavaba máis branco. Para comprobalo laváronse seis veces tres mostras de tecidos diferentes (algodón, poliéster e mixto) con cada deterxente (en total 216 lavados) e mediuse a súa brancura Ganz (canto maior sexa este valor maior é a brancura percibida). Nos tres tecidos o branco máis brillante obtívoo Colón, tanto a versión convencional (140 ganz) como a concentrada (141 ganz). Os que menos branquexaban foron Flota (125 ganz) e Dixan (125 ganz).

Protección das cores

A un deterxente non só se lle pide que sexa eficaz e que deixe un branco brillante, tamén se espera que protexa as cores. Para valorar este aspecto efectuáronse vinte lavados con e sen deterxente. A continuación medíronse 14 tecidos de cores distintas cun colorímetro, puntuando os resultados tal e como indica a norma ISO 105 A05 do 1 ao 5 (no que 5 representa a ausencia de degradación). Lavados só con auga e sen deterxente as cores sufriron unha perda de 3,1 puntos. Wipp Express é o único que non protexe as cores: obtén 3 puntos, menos que só con auga. Os que máis protexen as cores son Ariel (3,4 puntos), Colón convencional (3,3), Elena (3,3) e Skip concentrado (3,3). Tampouco neste aspecto se pode concluír que todos os concentrados se comporten igual. Skip e Wipp protexían mellor as cores na súa versión concentrada, pero Ariel e Colón eran mellores na súa versión convencional.

Logo de avaliar todos estes aspectos, as dúas mostras de Colón, Ariel convencional e Skip concentrado obtiveron a mellor valoración (excelente). Elena é o único que queda no “ben” e os outros sete alcanzan o “moi ben”.

Difíciles de dosificar

Os doce indican con claridade nas súas etiquetaxes que dose cómpre usar en cada lavado e fano tendo en conta a sucidade da coada e mais a dureza da auga (branda, dura ou normal, dependendo do lugar de residencia). Non obstante, só catro (Flota, Skip Pequeno e Poderoso, Ariel Poder concentrado e Colón convencional) inclúen un tapón do tamaño adecuado (ou correctamente marcado) para calcular a dose e non desperdiciar produto. Skip e Ariel convencionais véndense sen dosificador, pero pódese solicitar gratuitamente por Internet ou por teléfono. Nos outros seis deterxentes, elixir a cantidade axeitada é unha misión imposible: Elena ofrece un tapón de 60 ml, pero as doses que recomenda son múltiplos de 45 ml. Algo parecido ao que acontece con Omino Bianco, que indica unha dose de 90 ml e ten un tapón de 50 ml sen ningunha marca. Colón ultraconcentrado recomenda verter 35 ml, cando o seu tapón é de 60 ml. En Wipp Expres, Wipp superconcentrado e Dixan inclúese un tapón de 80 ml cunha marca adicional de 75 ml, cando as doses recomendadas son de 100 ml e 50 ml.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse catro deterxentes líquidos concentrados (que custan dende os 0,23 euros por coada de Colón 101 Manchas ultraconcentrado aos 0,30 euros de Ariel Poder concentrado) e oito deterxentes líquidos convencionais, con prezos que oscilan entre os 0,17 euros por lavado de Flota e os 0,26 euros de Skip Active Clean.
  • Un deterxente concentrado é basicamente igual ca un convencional, pero ten menos auga. Algúns fabricantes non só concentran a súa fórmula con respecto á convencional, senón que a melloran. Ariel concentrado amosou un 83% máis dun tipo de substancias limpadoras ca a súa versión normal e Skip un 13% máis. No caso de Wipp Express e de Colón acontece o contrario: a fórmula concentrada ten menor cantidade de materia activa.
  • O máis eficaz contra as manchas é Ariel Convencional e os peores, Flota e Elena. Wipp e Skip deron mellor resultado na súa versión concentrada, mentres que Colón e Ariel o fixeron na súa versión convencional.
  • Ningún elimina todas as manchas, especialmente as oxidables, para as que se recomendan deterxentes en po, lixivia ou algúns produtos que melloran a capacidade limpadora dos deterxentes.
  • Despois de seis lavados, Colón, tanto na súa versión convencional, como na concentrada acada un branco máis brillante, mentres que Flota, Dixan e Omino Bianco branquexan menos.
  • Só Flota, Skip e Ariel concentrados e Colón convencional ofrecen un tapón do tamaño axeitado ou convenientemente marcado para dosificar ben o produto.
  • Amais de limparen, todos protexen as cores: tras vinte lavados con deterxente degrádanse menos que tras a mesma proba sen deterxente. A excepción é Wipp Express, o máis agresivo coas cores.
  • A mellor relación calidade-prezo é Colón 101 Manchas ultraconcentrado, dos máis eficaces contra as manchas, cun prezo intermedio, co mellor poder branquexante e co envase máis lixeiro.
Marca COLÓN SKIP WIPP EXPRESS ARIEL
Submarca 101 manchas Ultraconcentrado Pequeño y poderoso Superconcentrado Poder concentrado
Formato e prezo
Contido neto determinado (ml) 994 1002 1504 1421
Contido neto declarado (ml) 980 1000 1500 1421
Número de doses declaradas 22 + 6 gratis 21 + 7 gratis 27 + 3 gratis 32 + 6 gratis
Prezo (euros/lavado) 0,23 0,22 0,22 0,30
Peso do envase baleiro (g) 66,9 67,4 97,8 77,8
DOSIFICACIÓN
Volume por dose (ml) 35 35 50 37
Sistema de dosificación 1 Mellorable Axeitado Mellorable Axeitado
INFORMACIÓN AO CONSUMIDOR
Etiquetaxe 2 Correcto Correcto Incorrecto Correcto
Folla de ingredientes 3 Correcto Correcto Correcto Incorrecto
Composición
Extracto seco (g/dose) 20,2 19,3 22,2 25,7
Materia activa (extracto soluble en alcohol purificado) (g/dose) 13,3 15,5 6,9 14,6
Aniónicos (meq/dose) 36,5 29,9 39,6 55,6
Branquexantes ópticos
Fósforo como DTPMP (g/dose) 0,27 0,16 0,41 0,43
Poder quelante (mmoles/dose) 8,9 5,4 15,2 13,7
Proteasa (U/dose) 4 177 396 433 224
Amilasa (U/dose)4 628 935 428 309
EFICACIA
Eliminación de manchas (%) 5 30,4 34,9 33,6 35
Manchas graxas (%) 41,1 49,1 35 59,7
Manchas proteicas e amiláceas (%) 33,1 37,6 38 36,6
Manchas oxidables (%) 25,3 30 31,4 27,6
Poder branquexante (%) 6 141 134,6 135,2 137,8
Mantemento das cores (Do 1 ao 5)7 3,2 3,3 3,1 3,1
Calidade global Excelente Excelente Moi ben Moi ben
Marca ARIEL COLÓN SKIP WIPP EXPRESS
Submarca 101 manchas Active clean
Formato e prezo
Contido neto determinado (ml) 3966 3721 4001 3758
Contido neto declarado (ml) 3960 3720 4000 3750
Número de doses declaradas 36 31 36 37
Prezo (euros/lavado) 0,28 0,24 0,26 0,23
Peso do envase baleiro (g) 162,3 160,8 160 165,1
DOSIFICACIÓN
Volume por dose (ml) 110 120 110 100
Sistema de dosificación 1 Ausente Axeitado Ausente Mellorable
INFORMACIÓN AO CONSUMIDOR
Etiquetaxe 2 Correcto Correcto Correcto Correcto
Folla de ingredientes 3 Correcto Correcto Correcto Correcto
Composición
Extracto seco (g/dose) 27,9 31,1 21,2 28,3
Materia activa (extracto soluble en alcohol purificado) (g/dose) 8,0 16,8 13,8 13,2
Aniónicos (meq/dose) 46,2 76,6 22,9 34,6
Branquexantes ópticos
Fósforo como DTPMP (g/dose) 0,23 0,51 0,92 0,16
Poder quelante (mmoles/dose) 16,8 9,7 6,2 13,5
Proteasa (U/dose) 4 609 Non declara 1318 716
Amilasa (U/dose)4 Non detectado Non declara 1577 Non detectado
EFICACIA
Eliminación de manchas (%) 5 38,1 34,8 32,1 32,4
Manchas graxas (%) 53,3 59,2 41,7 36,8
Manchas proteicas e amiláceas (%) 39,3 29,6 34,4 36,4
Manchas oxidables (%) 32,9 28 27,3 29,1
Poder branquexante (%) 6 137,4 140,4 131,2 136,8
Mantemento das cores (Do 1 ao 5)7 3,4 3,3 3,2 3,0
Calidade global Excelente Excelente Moi ben Moi ben
Marca FLOTA OMINO BIANCO DIXAN ELENA
Submarca 2 en 1
Formato e prezo
Contido neto determinado (ml) 3968 4089 2358 3548
Contido neto declarado (ml) 4000 4070 2300 3560
Número de doses declaradas 33 + 11 gratis 34 + 11 gratis 23 33 + 6,6 gratis
Prezo (euros/lavado) 0,17 0,26 0,22 0,18
Peso do envase baleiro (g) 159,8 149,9 127,2 160,6
DOSIFICACIÓN
Volume por dose (ml) 90 90 100 90
Sistema de dosificación 1 Axeitado Mellorable Mellorable Mellorable
INFORMACIÓN AO CONSUMIDOR
Etiquetaxe 2 Correcto Incorrecto Incorrecto Correcto
Folla de ingredientes 3 Correcto Correcto Correcto Incorrecto
Composición
Extracto seco (g/dose) 15,0 17,6 19,5 14,7
Materia activa (extracto soluble en alcohol purificado) (g/dose) 5,5 7,4 5,8 6,0
Aniónicos (meq/dose) 31,3 46,8 25,1 56,0
Branquexantes ópticos No No
Fósforo como DTPMP (g/dose) Non detectado 0,29 0,34 0,29
Poder quelante (mmoles/dose) 14,9 11,7 8,6 14,1
Proteasa (U/dose) 4 Non declara Non declara 392 Non declara
Amilasa (U/dose)4 Non declara Non declara 826 Non declara
EFICACIA
Eliminación de manchas (%) 5 24,0 29,6 31,6 25,1
Manchas graxas (%) 32,8 48,8 35,9 31,8
Manchas proteicas e amiláceas (%) 24,8 26,5 33,2 24,2
Manchas oxidables (%) 18,8 24 27,8 20,8
Poder branquexante (%) 6 125,3 129 127,1 136,2
Mantemento das cores (Do 1 ao 5)7 3,1 3,2 3,1 3,3
Calidade global Moi ben Moi ben Moi ben Ben

1. Sistema de dosificación. Ariel líquido convencional e Skip Active Clean non proporcionaron vaso dosificador do deterxente; así e todo, en ambos os dous casos recibiuse unha unidade logo de a solicitar na páxina web do fabricante. Os sistemas de dosificación de Colón ultraconcentrado, Elena, Wipp Express superconcentrado, Wipp Express, Dixan e Omino Bianco considéranse inadecuados, dado que non permiten dosificar un lavado estándar mediante tapóns completos.

2. Etiquetaxe. No caso de Wipp Express superconcentrado, Dixan e Omino Bianco, o tamaño de letra utilizado para indicar o contido neto era inferior ao que indica a norma.

3. Folla de ingredientes. A norma obriga os fabricantes a colgaren en internet unha folla na que se indiquen todos os ingredientes do produto. Ariel poder concentrado e Elena non o fixeron.

4. Actividade encimática proteasa e amilasa. Determinouse unicamente naqueles deterxentes que o declaran na súa etiquetaxe. Exprésase como unidades de actividade encimática por dose. A actividade amilasa en Ariel convencional e en Wipp Express convencional atopábase por baixo do límite de cuantificación da técnica empregada.

5. Eliminación de manchas. Porcentaxe de eliminación de manchas.

6. Poder branquexante. Valor medio da brancura Ganz despois de seis lavados a 3 tipos de tecidos: algodón, mestura de algodón e poliéster e poliéster.

7. Mantemento das cores. Escala de gris de 1 a 5 segundo norma EN ISO 105 A05 logo de 20 lavados. Canto maior é o valor mellor é a protección das cores. O lavado das cores sen deterxente deu unha nota de 3,1. Notas por riba de 3,1 indican protección da cor. Notas por baixo de 3,1 indican agresividade coa cor.

Un a un

Un a un, 4 deterxentes líquidos concentrados e 8 deterxentes líquidos convencionais

Colón 101 manchas ultraconcentrado

  • Mellor relación calidade-prezo.
  • Prezo: 0,23 euros/lavado.
  • Contén 15 ml máis ca o peso que declara a etiqueta.
  • Unha das doses máis pequenas por lavado (35 ml).
  • Xunto con Skip, o que máis concentra o seu produto (3,4 veces).
  • Sistema de dosificación inadecuado: o tapón é de 52 ml e non ten marcas.
  • O mellor poder branquexante.

Skip, pequeno e poderoso

  • Prezo: 0,22 euros/lavado, dos concentrados máis baratos.
  • Sistema de dosificación axeitado (un tapón corresponde a un lavado normal e para un lavado difícil dóbrase a dose).
  • O envase máis lixeiro.
  • Xunto con Colón, o que máis concentra o seu produto (3 veces).
  • O concentrado con menor poder branquexante, pero dos que mellor mantén as cores.

Wipp express, superconcentrado

  • Prezo: 0,22 euros/lavado, dos concentrados máis baratos.
  • Sistema de dosificación inadecuado: o tapón ten 80 ml e unha marca de 75 ml, pero a dose recomendada é de 50 ml.
  • Eficacia antimanchas intermedia (33,6%), pero é o que mellor se comporta con manchas oxidables (31,4%).
  • Protexe mellor as cores que lavando a roupa só con auga fría e dá o mesmo resultado ca Ariel concentrado, Flota e Dixan (3,1).

Ariel, poder concentrado

  • Prezo: 0,30 euros/lavado, o máis caro.
  • Sistema de dosificación axeitado; o tapón ten marcas para as dúas doses recomendadas.
  • O concentrado con maior eficacia antimanchas, pero peor ca a súa versión convencional.
  • Dos máis branquexantes.
  • Non informa na súa web da listaxe de ingredientes tal e como esixe a lexislación europea.

Deterxentes líquidos convencionais
Ariel

  • Prezo: 0,28 euros/lavado, o deterxente convencional máis caro.
  • Sen tapón dosificador, que hai que pedir por Internet.
  • O máis caro.
  • O máis eficaz contra todo tipo de manchas, cun 38,1% eficacia media e o que mellor protexe as cores (3,4 puntos).
  • As referencias de Ariel son as máis branquexantes despois de Colón.

Colón, 101 manchas

  • Prezo: 0,24 euros/lavado.
  • Sistema de dosificación axeitado.
  • Entre os que mellor eliminan as manchas e o mellor contra as manchas de graxa.
  • O mellor poder branquexante e protección das cores, xunto con Elena e Skip, Pequeno e Poderoso.

Skip, active clean

  • Prezo: 0,26 euros/lavado.
  • Sen tapón dosificador, que hai que pedir por teléfono.
  • Valores intermedios en eficacia antimanchas (32,1%), poder branquexante (131,2) e protección das cores (3,2).

Wipp express

  • Prezo: 0,23 euros/lavado.
  • Sistema de dosificación inadecuado: o seu tapón é de 80 ml, cunha marca a 75 ml, pero a dose recomendada é de 100 ml.
  • O que menos protexe as cores (3 puntos) e o único máis agresivo cos tecidos ca un lavado sen deterxente.

Flota

  • Prezo: 0,17 euros/lavado, o máis barato.
  • Sistema de dosificación axeitado.
  • O menos eficaz contra as manchas, xunto con Elena e Omino Bianco.
  • O menor poder branquexante (125,3 ganz), xunto con Dixan e Omino Bianco.

Omino bianco

  • Prezo: 0,26 euros/lavado.
  • Sistema de dosificación inadecuado: o seu tapón é de 50 ml, sen marcas e recomenda unha dose de 90 ml.
  • Un dos menos eficaces contra as manchas (29,6%), xunto con Elena e Flota.
  • O menor poder branquexante (129), xunto con Dixan e Flota.

Dixan

  • Prezo: 0,22 euros/lavado.
  • Sistema de dosificación inadecuado: o seu tapón é de 80 ml, cunha marca a 75 ml, pero a dose recomendada é de 100 ml.
  • O de menor poder branquexante (127,1 ganz), xunto con Flota e Omino Bianco.

Elena, 2 en 1

  • Prezo: 0,18 euros/lavado.
  • Sistema de dosificación mellorable: o seu tapón é de 60 ml e as doses recomendadas son múltiplos de 45 ml.
  • O menos eficaz contra as manchas (25,1%), xunto con Flota e Omino Bianco.
  • Non incluía en Internet a súa listaxe de ingredientes, tal e como esixe a lexislación europea, pero cando se lle avisou emendou este fallo.
  • O que mellor protexe as cores, xunto con Colón Convencional e Skip concentrado.