Fobias alimentarias: pratos que poñen medo

Un trastorno baseado na asociación dun alimento ou dun prato concreto coa sensación de perigo, malestar profundo e cunha experiencia moi desagradable
1 Novembro de 2008
Img alimentacion listado 519

Fobias alimentarias: pratos que poñen medo

“Non me gusta a carne”. “Pero, probáchela”? “Non, e non o quero, que me dá noxo”. Este diálogo aliña as comidas de numerosos pais cos seus cativos. Non obstante, o rexeitamento irracional a determinados alimentos non é un comportamento exclusivo dos menores de idade. Son moitas as persoas adultas que senten un profundo rexeitamento a probar un alimento novo. Tanto nun caso coma noutro, a comunidade científica cataloga a repulsión a un alimento concreto ou a aversión a inxerir unha determinada comida como un tipo de fobia cara aos alimentos ou cara ao acto de comer. Descartadas todas as razóns de rexeitamento cara a determinados alimentos por gustos ou preferencias alimentarias, os nutricionistas detectan un caso de fobia cando a simple posibilidade de ter que probar un alimento ocasiona unha forte ansiedade nunha persoa acompañada dun medo intenso e irracional, amais dun rexeitamento compulsivo, profundo e inmediato cara ao alimento ou o prato.

Aínda que pouco explorada, a emocionalidade que un comensal experimenta ante a comida é determinante no diagnóstico e tratamento das fobias alimentarias. As persoas que as padecen asocian o alimento coa sensación de perigo, de malestar profundo ou cunha experiencia moi desagradable. Pesadelos infantís padecidos o mesmo día que en que se probou o alimento, experiencias de atragoamento, vivencia de malestar tras consumir o alimento (logo dunha forte e dolorosa gastroenterite, por exemplo), asociación do seu consumo cun mal recordo, sensación de acoso continuo por parte dalgún proxenitor ansioso por lle dar a probar o alimento, ou unha atención excesiva e persistente ante o acto de comer ou ante o contido da comida fan que, en maior medida durante a infancia, se desenvolva un trauma e se rexeite ese alimento ou prato. Se a fobia alimentaria é grave, interferirá de modo significativo nas actividades cotiás, no ámbito das relacións persoais ou no obxectivo de manter unha alimentación saudable.

Para este trastorno contémplanse diversos tratamentos. En principio, os psicólogos son os especialistas que deben tratar o afectado. Estes profesionais coinciden ao salientaren que canto máis se insista en que o neno supere estes medos, máis se agrava a fobia, co risco de transformala en crónica, sobre todo se esta presión se realiza baixo ameazas ou unha actitude coa que o neno poida asociar ese alimento a unha situación desagradable e tensa.

Tipos de fobias alimentarias

Neofobia: fobia a probar alimentos novos

“Non me gusta nada”. Esta é a resposta dalgúns nenos e adolescentes, aínda que tamén se dá algún caso en adultos, que manifestan unha grande aversión a determinados alimentos, aínda que nunca os probaran. Trátase de persoas que dende os seus primeiros anos de vida rexeitaron de xeito contundente a introdución de calquera novidade na súa dieta, converténdoa en monótona e desequilibrada polo reducido número de alimentos que consomen. A neofobia na infancia non é un trastorno alimentario illado, xa que a metade dos nenos de entre dous e dez anos se nega nun primeiro momento a degustar un alimento novo.

Este rexeitamento é intenso e frecuente entre os menores que teñen entre catro e sete anos. A partir desta idade a maioría das situacións de neofobia remiten. Os expertos neste campo subliñan a hipótese de que a neofobia xermola ao lles ofrecermos aos cativos unha alimentación monótona en variedade de alimentos, en sabores, na preparación dos pratos e mais a súa presentación, asociando, por exemplo, sempre os macarróns ao tomate, o peixe ao rebozado, etc.

Así e todo, novas investigacións revelan que o factor xenético pode influír tamén na neofobia alimentaria. Moitos nenos catalogados por pais e educadores como malos comedores sono porque algún dos seus proxenitores tamén o foi na súa infancia. Por outra banda, hai que considerar que a actitude de agrado ou desagrado que amosan os proxenitores cara aos alimentos inflúe de xeito determinante nas preferencias alimentarias dos pícaros, que tratan de imitar o comportamento dos pais.

Tratamento

  • Deixar o alimento á vista do neno cada día, pero sen o máis mínimo convite a que o tome.
  • Consumir ese alimento en familia, con toda naturalidade, diante do neno, pero sen ofrecerllo para que o coma.
  • Incluír na súa dieta outros alimentos distintos pero que conteñan os nutrientes que non toma por mor da súa fobia.
  • Tratar de que participe na preparación da comida: convidar o rapaz a facer a compra, a cociñar, a presentar os pratos e a servilos.
  • Non lle ofrecer outro alimento que lle agrade, como unha sobremesa sabedora, a cambio de que coma o alimento rexeitado. Con este comportamento fortalécese o desexo de rexeitamento. Os comentarios negativos sobre o prato preparado e mesmo sobre o acto de comer -“nin te molestes en servilo, non o vai probar…”- acentúan tamén o rexeitamento.
  • Introducir o alimento decontino, sen présa pero sen pausa.
  • Ofrecer o alimento rexeitado no primeiro prato, cando máis fame ten o neno, acompañado da súa comida preferida, de maneira tranquila, cunha presentación coidada e atractiva. O aspecto da comida, o cheiro e o gusto, inflúen de xeito significativo na apetencia polos alimentos.
  • Non hai que ofrecerlle só os alimentos que sabemos que lle gustan porque é un xeito de predispor o rapaz para que desenvolva neofobia. O conveniente é convidalo dende pequeno a probar a maior variedade de alimentos e pratos.

Fagofobia: fobia a tragar

A razón que motiva o rexeitamento da comida é o terror a afogarse ou a asfixiarse cando tragan os alimentos, xa sexa líquidos ou sólidos. Adoita xurdir en nenos -aínda que tamén se comprobaron casos en maiores- logo dun episodio de atragoamento coa comida, dunha esofaxite ou farinxite moi dolorosa, ou tras unha experiencia de disfaxia (dificultade para tragar). Tamén hai nenos que sofren fobia a tragar e deixan de comer por medo a vomitar e a sentir dor, polo xeral despois de vomitar tras un empacho, unha forte gastroenterite ou mesmo por mor do malestar provocado polas sesións de quimioterapia, se estas se aplicaron próximas á hora da comida.

Sobre a fobia a tragar non se publicaron ensaios terapéuticos controlados na literatura científica, tan só informes de casos. Non obstante, a prevalencia é baixa se se ten en conta os poucos casos descritos, polo que se conclúe que é un proceso pasaxeiro que se resolve as máis das veces en menos de seis meses. O médico, antes do diagnóstico de fagofobia, descartará que se trata de calquera outra enfermidade que poida provocar os mesmos síntomas, como disfaxia (dor ou dificultade física para tragar), globus (sensación de nó na gorxa), anorexia nerviosa, trastorno obsesivo-compulsivo (temor a atragoarse con obxectos non comestibles, como un anaco de cristal) ou trastornos afectivos.

Con todo, nos afectados, aínda que o malestar desaparece, persiste a conduta alimentaria de evitar a comida por medo de tomar os alimentos cunha textura cambiada -líquidos, semilíquidos, cremas, purés ou iogures, polo que limitan de xeito considerable a variedade da dieta. Nalgúns casos esta conduta alimentaria tan restritiva pódese confundir co diagnóstico de anorexia nerviosa.

Tratamento:

  • Comezar por servirlle ao afectado purés líquidos ata chegar, de xeito gradual, a un puré espeso e máis adiante a alimentos sólidos.
  • Engadir nos purés algún anaquiño de carne, peixe ou ovo, primeiro triturado e logo en anacos miúdos.
  • Introducir na súa dieta os alimentos sólidos a partir de alimentos brandos como ovo pasado por auga, peixe fervido, despois frixido, verdura cocida, carne picada e, finalmente, carne boa de mastigar.

Este plan dietético irá acompañado dun plan condutual dirixido polo psicólogo e mais dun curso de educación nutricional elemental referida ao contido de nutrientes dos alimentos nunha dieta axeitada ás necesidades individuais.