Doazón de sangue: vida en glóbulos e plaquetas
O sangue é un tecido líquido que, polo momento, non se obtén artificialmente. Só os seres humanos poden subministralo para o beneficio dos seus semellantes. En España, a doazón de sangue está regulada polo Real Decreto 1088/2005. Entre outras cuestións, sinala que debe ser altruísta e realizarse baixo unha dobre garantía: non producir efectos negativos nos receptores e non prexudicar o doador. Todos os días do ano moitos pacientes son sometidos a operacións, outros precisan intervencións de urxencia por accidentes laborais ou de tráfico, e hainos que loitan contra o cancro. Todos dependen dunha transfusión, para a que a doazón é crucial.
Consentimento informado e cumprimento de requisitos básicos
Previamente á extracción, a persoa que se dispón a doar debe asinar un documento de consentimento. Nel déixase constancia de que foi informado sobre o proceso que vai emprender. Rubrica tamén que se considera alleo aos supostos excluíntes regulados por lei, polo que autoriza a doazón. Non obstante, antes de entrar na sala de extracción pícaselle o dedo para obter unhas pingas de sangue que, somerxidas nun líquido, revelan nun intre se o nivel de hemoglobina é satisfactorio. Se a pinga cae rapidamente supera o test e ao doador entréganlle unha tarxeta de adhesivos co código de barras asignado á súa doazón que protexe en todo momento o seu anonimato. Nunca é o seu nome o que acompaña as mostras ou as bolsas extraídas que forman un sistema pechado e estéril con materiais dun só uso.
Doazón ordinaria
Ao doador tómaselle a tensión para comprobar os seus límites idóneos e asegúrase que a frecuencia cardíaca regular marca entre as 50 e as 110 pulsacións. Se todo está conforme, procédese á extracción. Esta pode ser ordinaria ou por aférese. A primeira é aquela na que se lle extraen ao doador 450 mililitros de sangue con todos os seus compoñentes, é dicir, tal e como flúe polas veas. O proceso vén durar arredor de 10 minutos, aos que hai que engadir outros dez para que o doador comprima o apósito sobre a zona de punción, e un tempo igual dedicado a tomar un refrixerio. O día da doazón cómpre beber auga con regularidade.
Doazón por aférese
A aférese é un tipo especial de extracción que permite obter directamente a través dunha máquina centrífuga un ou varios compoñentes sanguíneos. A máquina separa os compoñentes necesarios e devólvelle o resto ao doador xunto cunha pequena cantidade de anticoagulante. A vantaxe deste método é que se diminúe o número de doadores necesarios para atender un paciente. Unha soa doazón de plaquetas de aférese equivale ás plaquetas que se obteñen tras fraccionar seis doazóns ordinarias. O proceso dura arredor dunha hora e ten a vantaxe de que se pode repetir, de ser preciso, cada 15 días, aínda que se aconsella unha demora dun mes.
Análise e tipo sanguíneo
Durante o proceso de extracción obtense unha pequena mostra adicional que está destinada á analítica. Complementan varios tubos aos que se lles coloca o adhesivo do código de doazón. O sangue sométese a un hemograma completo (reconto de hemacias, de leucocitos e de plaquetas) e, aínda que se trate dun doador habitual e con carné, sempre se determina o grupo sanguíneo. Tamén se realizan probas de detención de axentes infecciosos (seroloxía de sífilis, virus da Hepatite B, Hepatite C e SIDA) e un escrutinio de anticorpos irregulares para descartar problemas de incompatibilidade inmunolóxica. Se se detecta un problema importante para a saúde do doador é responsabilidade do Centro de Transfusión notificarllo. A analítica é específica e, polo tanto, non se analizan niveis de colesterol, glicosa ou outros parámetros bioquímicos que non interfiren nin crean problemas no proceso de doazón.
Fraccionamento
As bolsas con 450 milímetros de sangue que superan a analítica sométense a un proceso de fraccionamento, polo que se poden obter ata tres compoñentes sanguíneos que poden transfundirse ata a tres persoas diferentes. Polo xeral, o paciente ao que se lle realiza unha transfusión necesita ben hemacias, plasma ou plaquetas. Evítase trasfundir o sangue tal cal saíu das veas. A bolsa co sangue está ligada a outras tres a través de vasos comunicantes que, sometidos a un procedemento regulado, separa as plaquetas dos glóbulos vermellos e do plasma. Durante o proceso, as bolsas son hidratadas polo líquido nutritivo de glicosa e fosfatos que se atopa na cuarta bolsa.
Almacenamento
O paso previo ao almacenamento é a separación do plasma e dos glóbulos vermellos por outras máquinas centrifugadoras. Unha vez centrifugado, un profesional distribúe o líquido vermello (hemacias) e o amarelado (plasma) en dúas bolsas. A tecnoloxía permite preparar concentrados de glóbulos vermellos, que se conservan en cámaras frigoríficas ata 42 días, de plasma fresco, que se pode almacenar ata 3 anos a unha temperatura de menos 30 graos, e de concentrado de plaquetas, que dura ata 5 días, sempre e cando se someta a unha axitación continua en cámaras cunha temperatura constante de entre 20 e 24 graos. Do plasma pódense obter tamén medicamentos ad hoc para un enfermo que precisa unha determina proteína.
Preparación dos pedidos
O proceso da doazón remata cando se envían os pedidos catalogados aos centros hospitalarios. Unha poboación de arredor dos 300.000 habitantes precisa unhas 100 doazóns ordinarias diarias para atender a súa demanda sanitaria, aínda que, sen dúbida, canta máis sangre haxa nos depósitos, menores serán as listas de espera. A transfusión só se realiza cando a vida do enfermo depende diso. Os glóbulos vermellos empréganse cando un paciente ten anemia por perda de volume sanguíneo, sobre todo en grandes hemorraxias producidas en accidentes ou en partos difíciles. As plaquetas adoitan estar destinadas a persoas sometidas a tratamentos de cancro ou con enfermidades de medula ósea que ven diminuír o seu número perigosamente. E o plasma contrasta a diminución de factores de coagulación, axuda aos transplantes de órganos e á atención de queimados.
- Idade: Ser maior de 18 e menor de 65 anos. As persoas maiores de 65 anos poderán doar con permiso do médico responsable da extracción.
- Peso: Superior a 50 quilos.
- Tensión arterial e pulso:
- Dentro de límites axeitados para a extracción.
- Tensión diastólica (a baixa): Entre 50 mm Hg e 100 mm Hg.
- Tensión sistólica (a alta): Entre 90 mm Hg e 180 mm Hg.
- Pulso (Frecuencia cardíaca): Regular e entre 50 e 110 pulsacións.
- Valores de hemoglobina
- En homes: superior a 135 gramos por litro.
- En mulleres: superior a 125 gramos por litro.
- Frecuencia da doazón:
- En homes: máximo 4 doazóns ao ano.
- En mulleres: máximo 3 doazóns ao ano.
- Período mínimo entre dúas doazóns: 2 meses
- Non se debe doar en xaxúas
- Ter unha saúde normal: Así e todo, antes de cada doazón, o equipo sanitario realiza unha historia e unha exploración para valorar se está en condicións de doar.
- Conduta sexual: Non se deben aceptar persoas que teñan unha conduta ou actividade sexual que supoña un risco elevado de contraer enfermidades infecciosas que poidan ser despois transmitidas polo sangue: hepatite, sífilis ou SIDA.
- Viaxes: Non viaxar nos últimos 6 meses a zonas endémicas de paludismo ou de enfermidade de Chagas (algúns países de Suramérica, Centroamérica, África e Asia). Non viaxar nos últimos 28 días a países endémicos de infección polo Virus do Nilo Occidental.
- Enfermidade de Creutzfeldt-Jakob: Non ter antecedentes familiares da enfermidade das vacas tolas ou de Creutzfeldt-Jakob.
- Non residir máis de 12 meses (seguidos ou alternos) no Reino Unido entre 1980-1996.
- Probas: Someterse aos controis e analíticas estipulados pola lexislación vixente para determinar que a doazón non prexudica nin ao doador nin ao receptor.