Os tropezos da idade
As caídas non saben de idades, pero a frecuencia e a gravidade dos seus efectos aumentan cando a persoa vai avellentando. Así, case a terceira parte das mulleres maiores de 65 caen cada ano, mentres que o 6% sofre fracturas como resultado da caída. A partir desta idade, o risco de caer, tanto en homes coma en mulleres, é maior, e máis aínda no propio fogar, onde o 30% dos maiores de 65 anos sofren unha caída anual, porcentaxe que ascende notablemente a medida que aumenta a idade, superando o 50% aos 80 anos.
Estas caídas teñen múltiples consecuencias nos anciáns: dende traumatismos leves a fracturas importantes e mesmo a morte. De entre todas elas, a fractura de cadeira é unha das consecuencias máis graves asociadas ás caídas. Cada ano rexístranse en España máis de 61.000 fracturas de cadeira, unha cifra entre un 25% e un 30% superior á de hai uns anos. A “Guía de boa práctica clínica en xeriatría. Ancián afecto de fractura de cadeira“, da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (SEXX) asegura, ademais, que o 33% dos pacientes fracturados xa sufriran con anterioridade unha rotura previa. E a tendencia é que esta cifra vaia á alza.
Máis caídas, máis fraxilidade
Por detrás da fractura de cadeira (50%) atópase a de cabeza e cara (24%), man (10%), ombreiro (9%) e nocello (9%). En conxunto, entre o 20% e o 30% das persoas afectadas sofren lesións que mingúan a súa mobilidade e independencia, cun risco de falecemento prematuro, segundo datos divulgados na “Segunda xornada de mobilidade, caídas e exercicio físico nas persoas maiores“, organizada polo Colexio de Fisioterapeutas de Cataluña, polo Instituto do Avellentamento e pola Escola Universitaria de Enfermería e Fisioterapia Blanquerna, que tivo lugar en Barcelona o pasado mes de febreiro.
O principal problema é que aínda que a maioría das fracturas non son graves e o paciente se recupera, estas persoas que xa aturaron unha caída tórnanse anciáns fráxiles con risco de caer en máis ocasións: se sofren máis de tres caídas ao ano, o seu prognóstico empeora, e os datos indican que a terceira parte precisa hospitalización, ingresa nunha residencia ou falece no ano seguinte. As consecuencias, non obstante, non se limitan ao plano físico, xa que tamén perden a confianza en si mesmos, restrinxen a súa actividade física para evitar caer de novo e tenden ao illamento social.
Por que caen os anciáns?
O estudo levado a cabo polo equipo da especialista Sonia De Santillana Hernández, cunha mostra de case 1.000 pacientes hospitalizados entre 2000-2001 por unha caída, detalla varios dos mecanismos que precipitan os anciáns ao chan.
O 39% caeron ao escorregaren por mor da humidade no chan da cociña ou do baño, por non repararen nun chanzo ou nunha rampla para baixar, ao pisaren unha pedra, pasto ou lama, ou ben a casca dun alimento ou xabón no patio, na cociña ou no baño, polo uso de zapatos de sola lisa ou por intentaren sentar na cama, nunha cadeira ou no sofá. Un 27% tropezaron con distintos mobles (sofá, cama, mesa ou cadeira), co bastón, co andador, cunha alfombra ou tapete, ou caeron ao enredar o pé cunha tea ou plástico ou ao metelo nun burato. O restante 23% sufriu perda do equilibrio por causas tan diversas como un empurrón, un vaído, perda de forza nas extremidades inferiores ou o consumo de bebidas alcohólicas.
Factores de risco habituais
Da mesma maneira que os mecanismos que conducen ás caídas son numerosos, tamén o son os factores de risco. As caídas, segundo a SEXX, están consideradas unha síndrome xeriátrica, é dicir, un problema multifactorial. De feito, poden ser o primeiro sinal dunha enfermidade que aínda non se detectara e, cando se producen repetidamente, conducen á deterioración funcional da persoa.
Factores intrínsecos
Estudos científicos atoparon factores de risco intrínsecos, é dicir, do propio paciente, que poden favorecer unha caída. Entre eles inclúense: caídas previas, sufrir máis dunha enfermidade crónica e precisar máis dun tratamento, tomar certos fármacos (antidepresivos), ter máis de 80 anos, hipertensión e hipotensión, osteoporose, ictus, minusvalidez para deambular (problemas de marcha e de equilibrio debidos, por exemplo, ao Párkinson) e minusvalidez visual.
De todos estes factores, cómpre salientar a osteoporose (perda de densidade mineral ósea), un problema que aumenta coa idade e, en especial, nas mulleres tras a menopausa. Por esta razón, é conveniente que as persoas con risco de sufrir osteoporose se sometan a unha densitometría ósea, exploración que serve para determinar o estado dos seus ósos, e, se é necesario, comecen un tratamento farmacolóxico para freala. Lembremos que en ocasións o ancián sofre primeiro a fractura osteoporótica e despois a caída e, outras, cae primeiro e despois fractúrase.
Outro factor de gran relevancia é o número de caídas previas. No estudo LASA, realizado en Ámsterdam durante dez anos, cunha submostra de 1.374 participantes de 75 anos de media, viuse que un 33% sufrira polo menos unha caída, o 22% unha soa caída e o 11%, varias. As fracturas foron máis frecuentes nos que sufriran varias caídas ca nos que tiveran unha ou ningunha. E as caídas repetitivas foron máis frecuentes nos homes ca nas mulleres.
Factores extrínsecos
Unha iluminación deficiente, cadeiras demasiado baixas, alfombras soltas ou a presenza de barreiras arquitectónicas e obstáculos no domicilio ou na vía pública son algúns dos factores externos que máis inflúen no risco de caídas. Cando se unen aos intrínsecos, as probabilidades de que se produza unha caída accidental multiplícanse. Hai que identificalos ben para podelos contrarrestar de modo adecuado.
Factores protectores e medidas preventivas
- Vivir acompañado: Aínda que a incidencia das caídas é similar en persoas maiores que viven soas e nas que viven acompañadas, as investigacións amosan unha menor proporción de caídas entre os anciáns que tiñan algún acompañante. Vivir acompañado sería, polo tanto, un factor protector.
- Levar lentes: Trátase dun factor que mellora a agudeza visual e que permite ver ben os obstáculos e o mobiliario.
- Alimentación sa: Reforzada con calcio e vitamina D, cando o médico o considere necesario, unha alimentación sa é crucial para manter os ósos en bo estado e protexelos da osteoporose, sobre todo nas mulleres. A guía da SEXX recomenda a achega de 800 unidades de vitamina D ao día e de 1.500 miligramos de calcio diarios, que supón engadir 1 gramo de suplementos á dieta diaria.
- Exercicio físico regular: Este aspecto mellora a flexibilidade, a capacidade de reacción e o equilibrio.
- Fisioterapia: En numerosas ocasións, e aínda que se manteñan hábitos saudables como a práctica de exercicio físico e unha alimentación sa, evitar totalmente o risco de caídas é moi difícil, aínda que é posible palialo. A fisioterapia podería diminuír o impacto e as secuelas das caídas que se produciran. As técnicas de fisioterapia poden mellorar tanto a marcha das persoas afectadas como o equilibrio e a súa capacidade de manterse en bipedestación.
Aínda que a eficacia da fisioterapia aínda non está validada ao 100%, algúns estudos empezan a sinalala como vantaxosa nestas situacións. Así o demostra unha investigación realizada con 105 residentes da residencia Claror, de Barcelona. Os participantes sometéronse a unha intervención de fisioterapia durante seis meses, tras os cales foron avaliados co Test de Tinetti, que comproba o equilibrio estático (cando unha persoa está de pé e queda) e dinámico (ao andar).
Logo dese semestre, constatouse que o 51% dos residentes melloraron, o 23% mantivéronse e o 27% empeoraron. Mellorar o Test de Tinetti significa mellorar a marcha e o equilibrio e, xa que logo, diminuír o risco de caídas. E o empeoramento de parte dos residentes é normal e atribuíble ao inevitable proceso de avellentamento, pero non á intervención de fisioterapia.
- Eliminar obstáculos como alfombras.
- Non deambular polo domicilio cando o chan estea mollado.
- Utilizar un calzado cómodo e axeitado e evitar os zapatos con solas escorregadizas.
- Revisar ben a vista -polo menos unha vez ao ano- e levar lentes en caso de necesitalas.
- Practicar exercicio regularmente para manter a ton a musculatura e preservar un bo equilibrio.
- Tomar unha alimentación rica en calcio e vitamina D para previr a osteoporose e fortalecer os ósos.
- Logo de varias caídas ou de se padeceren problemas motores, é aconsellable levar a canda un o móbil e o número de teléfono de emerxencias.
- Evitar as bebidas alcohólicas, pola perda de reflexos que producen.
- En caso de convivir con algún animal hai que vixiar a súa posición ao desprazarse pola casa e, ante problemas motores, cuestionarse se chegou a hora de lle buscar outro dono.
- Se xorden problemas de equilibrio, convén cuestionarse o uso de axudas como contencións, varandas nas camas e asas no lavabo, e utilizar bastón ou un andador.
- Acudir ao médico se se toman antidepresivos ou outros fármacos para axustar as doses ou cambiar as pautas.
- Iluminar ben os cuartos do domicilio para evitar tropezos na escuridade.
Fonte: Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (SEXX), Belén Requena (fisioterapeuta da Residencia Claror) e elaboración propia.