A dor de costas non entende de idades: malos hábitos posturais na infancia
O sedentarismo, as malas posturas na cadeira e, sobre todo, o peso excesivo nas mochilas escolares -un de cada tres escolares de máis de seis anos leva unha mochila cun contido que supón un 35% do peso do propio neno- son os principais causantes de que en España case o 50% dos nenos e o 70% das nenas padezan dor de costas antes de cumpriren os 15 anos. Canto máis nova é unha persoa, máis maleable é o esqueleto, polo que unha carga excesiva nas costas e uns hábitos posturais incorrectos condicionan un crecemento marcado por determinados vicios posturais e dores de costas crónicas. Esta situación cómpre previla mediante a formación en hábitos posturais saudables dende a infancia. Con este fin, CONSUMER EROSKI elaborou a Escola de Costas: todo para evitar a dor, onde se ensina como practicar as posturas máis saudables e reforzar as costas.
Mochilas escolares, lixeiras e ben colocadas
- Se o seu fillo se queixa de dor no pescozo, nos ombreiros e nas costas durante o período escolar, vixíe o peso da súa mochila.
- O tamaño da mochila debe ser o axeitado á idade e ao tamaño do rapaz. Unha mochila moi grande fai que a carga prexudique a zona lumbar, moito máis sensible ca a zona dorsal. A mochila debe descansar e adaptarse á curva que forman as vértebras dorsais, coidando que a súa parte baixa quede uns cinco centímetros por riba da cintura.
- A armazón debe ser semibranda para que se axuste á anatomía do neno.
- Asegúrese de que inclúe tirantes de regulación acolchados, cun ancho mínimo de 4 cm., e cun sistema (cinto acolchado) que fixe a mochila á altura da cintura, impedindo así as oscilacións.
- Se o escolar realiza traxectos importantes a pé, as teas exteriores deben ser impermeables.
- O peso transportado non debe exceder o 10% do peso do neno. Se o seu fillo ten seis anos, e pesa uns 20 quilos, poderá levar como máximo unha mochila de ata un quilo e medio ou dous de peso.
- Organice a mochila de xeito que o material máis pesado e voluminoso se pegue ás costas, alixeirando o peso cara a fóra. Aproveite todos os compartimentos ou separadores para repartir o peso dos obxectos que vaia transportar.
- Lémbrelle ao seu fillo que leve sempre a mochila sobre os dous ombreiros, co peso repartido de xeito equitativo entre ambos os dous, para que poida adoptar unha posición ergueita.
Os costumes máis nocivos
- Explíquelle que se utiliza a mochila como unha carteira de man ou como unha bandoleira dunha soa asa, a asimetría na carga fai que se flexione lateralmente a columna, cos riscos que iso comporta.
- Oriente o seu fillo na técnica adecuada para erguer a mochila cando está moi cargada, que consiste en agarrala coas dúas man, dobrar os xeonllos e facer forza coas pernas para levantala.
- Coas mochilas de rodas, o máis importante é que a asa teña unha altura regulable á altura de neno que lle permita arrastrala dun modo cómodo e ergonómico.
A postura máis correcta para sentar na mesa de traballo
- A mesa non debe incluír caixoneiras nin balda inferior para que o neno poida introducir por completo as pernas. No caso de que se empregue unha mesa de ordenador como pupitre, a balda inferior deberíase poder retirar cando non se utilice o teclado.
- A altura da mesa de estudo ou de xogos débelle permitir apoiar os antebrazos nela, de xeito que o rapaz estea ergueito.
- A cadeira debe ser regulable en altura para que se poida ir axustando ao crecemento do neno e o respaldo alto para permitir que o pescozo tamén repouse. De non ser así, a columna vaise forzar ao termar “no aire” do pescozo e mais da cabeza. Ademais, cómpre colocala a unha altura que lle permita manter os pés ben pousados no chan.
- Deben sentar o máis atrás posible na cadeira. A postura é correcta se, apoiando os pés no chan, manteñen os xeonllos ao mesmo nivel ou por riba das cadeiras.
- Cómpre cambiar a miúdo de postura, e que o menor se levante e camiñe cada 45-60 minutos.
- Anímeo a informar o seu profesor se o mobiliario escolar lle impide sentar correctamente.
- As mellores posturas para xogar no chan, sobre todo no caso dos nenos máis pequenos, son ao “indio” ou coas pernas abertas e estendidas. Estas posicións brindan estabilidade e comodidade, sen forzar ou danar as articulacións de cadeiras e xeonllos, as que máis se resenten coas malas posturas.
Fronte ao ordenador
- A pantalla débese colocar a uns 45 centímetros de distancia, fronte aos ollos e á súa altura ou lixeiramente por baixo.
- A elevación do teclado sobre a mesa non debe superar os 25º. Nunca se debe traballar co teclado nos xeonllos.
- O pulsos e os antebrazos hai que os apoiar en liña recta e aliñada respecto ao teclado, co cóbado flexionado uns 90º.
- A cadeira débese situarse o máis preto posible ao teclado, de xeito que o neno non teña que se inclinar cara a adiante
- Non serve calquera rato. Hai que elixir un que responda ao tamaño adecuado das súas mans.
- Unha mala hixiene postural unida a unha falta de ton muscular, de xeito especial nas costas e na zona abdominal, pode dar lugar a desviacións da columna vertebral e a lesións musculares.
- Anime o seu fillo a realizar exercicio físico; a natación é moi recomendable, practicada de maneira regular e moderada, para favorecer un axeitado desenvolvemento muscular e articular. Os nenos con maior masa muscular resisten mellor o peso sobre as costas, xa que a tensión que se traslada á columna é menor.
- Procure que manteña unha boa postura cando durma. Non debe facelo boca abaixo, senón de lado ou boca arriba. Neste último caso, colocar unha almofada baixo os xeonllos libera de tensión as costas.
- Asegúrese de que o seu colchón sexa confortable, firme e suave. Proporciónelle unha almofada de acordo ás súas preferencias e características morfolóxicas.
- Se ao seu fillo lle doen as costas ou observa calquera tipo de anomalía, non dubide en consultar o médico. Canto antes se tomen as medidas necesarias, mellor.