Crise e aforro: un peto máis pequeno, pero con menos regañas
O mundo ideal no que se moveron os investidores nos últimos anos evaporouse. A bolsa cae, os prezos dos pisos derrúbanse, a maioría dos plans de pensións dan perdas… Lonxe quedan xa as subas do 30% anual que se anotaba a bolsa española ou a revalorización de ata un 20% que rexistraban as vivendas en só un exercicio. Ante este panorama tan pouco prometedor e coa sombra da crise económica e bancaria que arrasa en Estados Unidos e Europa, os investidores teñen claro que hai que reorientar as estratexias e enfocar todos os esforzos nun único obxectivo: preservar o aforro custe o que custe. Pero, como? Aínda que o número de malabarismos necesarios para lograr investimentos rendibles é maior ca nunca e se asumiu xa que non é posible gañar tanto como hai un ano, aínda hai activos que permiten protexer e rendibilizar os aforros que tanto custa acumular. Contémplanse, polo menos, tres tipo de investimentos seguros: a débeda pública, os depósitos bancarios e os fondos monetarios que invisten en renda fixa a moi curto prazo. Con todos eles os aforros están protexidos e, ademais, pódese gañar na actualidade máis dun 3% ao ano.
Débeda pública, máxima seguridade
A débeda pública é o activo seguro por excelencia, aquel no que investían os nosos avós con total tranquilidade porque sabían que poderían volver recuperar os seus aforros máis un xuro atraente ao cabo do tempo. Pódese adquirir en varias modalidades: Letras do Tesouro (a tres, catro, seis, doce e dezaoito meses), bonos (a tres e cinco anos) e obrigas (a dez, quince e trinta anos). O emisor destes activos é o Goberno español, garante da súa rendibilidade. A proba suprema de que se trata dun investimento seguro é que o pagamento de xuros e a súa amortización están asegurados pola Constitución española. Atraídos por estes argumentos, non sorprende que o número de investidores que apostan pola débeda pública cada vez sexa maior. Así, a finais do 2005 había máis de 4.275 millóns de euros en Letras do Tesouro en mans de aforradores particulares, e en xullo do 2008 este saldo era de 5.377 millóns de euros, é dicir, dun 26% máis.
Na actualidade, son moitos os investidores que recorren á débeda pública para reorganizaren as súas carteiras porque son activos seguros e con rendibilidade. En particular, o activo máis interesante é a Letra do Tesouro, xa que os seus prazos de emisión son máis curtos, co que o investidor pode recuperar antes o seu diñeiro. En xeral, como na bolsa, en débeda pública prémiase o investimento a longo prazo. De aí que bonos e obrigas ofrezan unha rendibilidade maior. Na última poxa, realizada o 22 de setembro, a Letra do Tesouro a un ano emitiuse a un tipo de xuro medio do 4,29%, un xuro nada desprezable fronte á caída que se anota a bolsa este ano, superior ao 30% (a peche de setembro). De feito, as Letras do Tesouro ofrecen a maior rendibilidade dos últimos oito anos. En concreto, os bonos a 3 e 5 anos emitíronse a un xuro do 4,34% e do 4,8% na última poxa. E as obrigas a 10 e 30 anos, ao 4,61% e ao 4,9%, respectivamente. En xeral, a diferenza de rendibilidade entre Letras, bonos e obrigas é pequena, polo que, na actualidade, compensa investir a máis curto prazo.
Sexa cal sexa o investimento elixido, o comprador pode vender estes activos en calquera momento. Non obstante, a rendibilidade dependerá do prezo das letras, bonos ou obrigas no mercado cando se vendan. Polo xeral, o movemento dos tipos de xuro no mercado é o que determina a rendibilidade destes activos. Cando os tipos de xuro soben tamén o fan as rendibilidades das novas emisións. Pola contra, os títulos xa emitidos perden valor. Polo tanto, para non perder cartos, se un investidor precisa vender antes de tempo, é aconsellable que o faga cando os tipos das novas emisións baixen.
Por que é interesante investir en débeda pública (letras, bonos ou obrigas)?
Como produto financeiro, as Letras do Tesouro, bonos e obrigas son unha opción moi atraente para os investidores por varios motivos:
- A súa rendibilidade: na última poxa as Letras a 12 meses emitíronse a unha rendibilidade do 4,29%, os bonos, ao 4,6%, de media, e as obrigas, ao 4,8%.
- A seguridade que proporciona o Tesouro Público: goza da máxima cualificación crediticia a nivel internacional.
- A súa sinxela fiscalidade: como todos os produtos de aforro, os seus rendementos tributan a un tipo fixo do 18%.
- Investimento mínimo alcanzable: É un produto que lle interesa a todos os investidores. Pódese investir en Letras dende só 1.000 euros e sen límite de cantidade.
- Diversidade de modalidades de investimento: pódese investir mediante a apertura dunha conta no Banco de España, a través do Tesouro Público en Internet ou a través de determinados intermediarios financeiros (algunhas caixas de aforros e bancos ofrecen estes investimentos).
Depósitos bancarios, xuros do 6% a un ano
Máis demandados ca a débeda pública e case igual de seguros son os depósitos bancarios. Ao aforrador español gústanlle estes produtos e proba diso é que, na actualidade, máis dun 50% do seu patrimonio financeiro está colocado neles. A peche do primeiro semestre contabilizábanse máis de 700.000 millóns de euros investidos en depósitos bancarios. O seu funcionamento é sinxelo: bancos e caixas de aforros garántenlle un tipo de xuro prefixado de antemán aos aforradores que lles confían os seus cartos durante un tempo determinado.
Nestes momentos, a necesidade das entidades financeiras de captar capital xustifica as agresivas ofertas de depósitos que hai no mercado. A un ano, pódense contratar imposicións a prazo fixo con xuros de ata o 7% TAE (sempre que o cliente subscriba outra serie de produtos coa entidade). A nove e seis meses, pódese acadar un xuro TAE do 6%. A tres meses, un 7%. A un mes, un 11%…
No ámbito actual, o máis axeitado é apostar por un depósito sen letra pequena, é dicir, por un produto clásico, que ofreza un tipo de xuro sen máis requisitos. Son moitas as entidades que traballan enleadas nunha nova guerra comercial por captar clientes, polo que ofrecen tipos moi atraentes, pero sempre que o cliente contrate outros produtos como plans de pensións ou tarxetas.
Por que interesan os depósitos?
- Proporcionan unha rendibilidade fixa coñecida de antemán. Na actualidade, hai ofertas ao 6% TAE a un ano que non lle esixen máis vinculación ao cliente.
- Protexen o capital investido. Aínda que o cliente desexe rescatar antes os cartos, o aforro investido nun primeiro momento está garantido. Chegado o caso, a entidade pode impor unha penalización que fará que a rendibilidade sexa menor, pero o usuario nunca perderá diñeiro cunha imposición a prazo fixo clásica.
- Os investimentos mínimos son baixos. No mercado, pódense contratar depósitos de alta rendibilidade dende 600 euros.
- Actúa contra a inflación. Son un dos poucos instrumentos financeiros que permiten bater a inflación, situada no 4,6% a peche de setembro.
Fondos monetarios, xestión en mans de profesionais
Os investidores máis dinámicos, os que seguen máis de preto o mercado e están máis dispostos a moveren os seus cartos de produto en produto na procura das mellores oportunidades, poden apostar agora polos fondos monetarios. O ámbito do investimento colectivo é moi amplo: conta con máis de 6.000 produtos en España, coa gran vantaxe de que se pode ir trasladando o aforro dun fondo a outro sen a necesidade de “pasar” por Facenda. Nestes momentos, a situación máis propicia é investir o aforro en fondos monetarios, é dicir, nos que invisten en activos de renda fixa a moi curto prazo.
Nos últimos doce meses, os monetarios son a categoría de fondos de investimento que máis gañan, un 2,66%, cifra que contrasta coas perdas superiores ao 30% que acumulan os fondos de renda variable internacional, do 25% que perde a renda variable nacional ou do 5% que se deixa a renda fixa mixta. Aínda que a rendibilidade non é moi alta e non está garantida, polo xeral, ao se tratar de produtos que invisten en débeda pública e en repos (activos emitidos polo Tesouro Público ou polas comunidades autónomas con pacto de recompra) dan xuros positivos.
Nestes produtos, é o xestor o que fai alternar os investimentos da carteira en función das condicións do mercado, polo que, ao se tratar dun profesional cualificado, acada sempre rendibilidades positivas. Polo tanto, os fondos máis seguros son os monetarios que invisten na débeda pública dos gobernos europeos, emitida en euros. Pero, onde se poden subscribir estes produtos? Calquera entidade financeira ou xestora de fondos de investimento conta con algún produto desta categoría. Así e todo, os mellores son os que nas súas carteiras apostan pola débeda pública europea, sobre todo, os que invisten en débeda alemá, que, nestes momentos, é moi atraente.
Por que interesan os monetarios?
- Invisten en activos seguros, como son os repos e a débeda pública gobernamental: son un bo xeito de beneficiarse da atractiva rendibilidade das emisións de renda fixa de gobernos europeos como o alemán.
- Son máis económicos: é máis barato investir en fondos monetarios ca en activos de débeda doutros países europeos, que tamén teñen unha perspectiva atraente.
- Rendibilidade: representan a categoría de fondos que ofrece máis rendibilidade este ano (un 2,66% a peche de setembro).
- Libre de custos fiscais: o investidor pode trasladar o seu aforro a outro fondo cando queira ou cando melloren os mercados sen ningún custo fiscal.
- Son totalmente líquidos: pódense rescatar os cartos cando se desexe.