Menús escolares: analizados, durante dúas semanas consecutivas, os menús diarios de 211 colexios de 18 provincias españolas

Mellora a calidade dos menús escolares, aínda que un de cada tres non pasa do 'aceptable'

Un 17% dos centros visitados non inclúe verduras como mínimo un día á semana e os alumnos de unha de cada dez escolas non comen nin unha porción de peixe de luns a venres
1 Novembro de 2008
Img tema listado

Mellora a calidade dos menús escolares, aínda que un de cada tres non pasa do 'aceptable'

/imgs/20081101/tema1.jpgOs nenos non só alimentan o seu intelecto na escola. Para un millón e medio de menores o centro escolar tamén é o seu comedor diario de luns a venres. Por iso, é fundamental que o menú que consuman sexa equilibrado e saudable, co uso frecuente de peixe fresco, froita, verdura, hortalizas e o abandono de precociñados ou bolería. Non obstante, un de cada cinco non o fan. Así o constatou CONSUMER EROSKI logo da análise que realizou de 422 menús semanais de 211 escolas públicas, concertadas e privadas de 18 provincias españolas. Aínda que a calidade dos menús escolares rexistrou unha evolución positiva con respecto a un estudo semellante elaborado no 2004, aínda se arrastran carencias salientables. As principais: o 17% das escolas non ofrecen verduras e hortalizas como mínimo un día á semana e os alumnos dun 10% dos 211 colexios nin sequera toman un prato de peixe fresco á semana como mínimo. Non obstante, todos os colexios da mostra deste informe coinciden, positivamente, na contención da oferta na bolería e doces, que só se lles dispensan aos máis pequenos en ocasións moi especiais. A mellora na calidade nutricional veu acompañada por un incremento no prezo medio do menú: dos 3,8 euros diarios do 2004 pasouse aos 4,9 euros do 2008, o que representa un aumento do 22%, oito puntos por riba do IPC acumulado.

Solicitouse información de colexios de Madrid, Barcelona, Asturias, Cantabria, A Coruña, Alacante, Araba, Biscaia, Guipúscoa, Navarra, Zaragoza, Valencia, Valladolid, Murcia, Sevilla, Córdoba, Granada e Málaga. Solicitóuselles información a 1.100 centros. Deles, 211 remitiron os datos requiridos (o 71% son de titularidade pública, 27% concertados e un 2% privados, unha proporción similar á do sistema escolar). Os centros escolares que non colaboraron na elaboración deste informe apuntaron dende un primeiro momento falta de tempo, outros recoñeceron que non lles interesaba participar na mostra e mesmo algúns sinalaron que non facilitaban ese tipo de informacións.

Entre os que si se prestaron a participar, cada un deles proporcionou dous menús semanais (primeiro e segundo prato e sobremesa), co que se analizaron 422 menús que se someteron a unha análise na que se comprobou a frecuencia de consumo (recomendada por expertos) de alimentos básicos que non deben faltar nos menús: verduras, ensaladas, legumes, peixe e froita fresca. Tívose en conta tamén que non incluísen en exceso produtos precociñados (croquetas, empanadillas, salchichas…) nin sobremesas doces. Os requisitos mínimos que debían cumprir eran os seguintes: uso, como mínimo unha vez por semana, de verdura, legumes e peixe fresco ou conxelado non elaborado; limitar os precociñados e doces a un máximo de dúas veces nunha mesma semana e ofrecer froita fresca, como mínimo, en dous dos días da semana.

Por territorios, as mellores cualificacións obtivéronas os centros estudados en Araba, Madrid, Málaga, Sevilla e Valladolid (‘moi ben’); mentres que as peores recaeron nas escolas analizadas na Coruña, en Córdoba e en Asturias (entre un ‘mal’ e un ‘regular’). Barcelona, Guipúscoa, Navarra, Biscaia, Valencia e Zaragoza situáronse na media, non moi lonxe de Alacante, Cantabria, Murcia e Granada, que se movían entre o ‘ben’ e o ‘aceptable’.

Se se comparan estas cualificacións coas recollidas no 2004, pódese comprobar que a evolución positiva dos menús nestes catro anos foi xeneralizada. Dous datos avalan esta afirmación: hai catro anos, a proporción de menús cunha cualificación de ‘ben’ ou ‘moi ben’ quedaba nun 41% e a de suspensos alcanzaba o 24%, mentres que na actualidade o 68% dos centros analizados ofrecen un menú bo ou moi bo e só un 14% non superan a proba. A excepción: os centros estudados na Coruña, que, de novo, suspenden.

Como aprenderlle ao meu fillo a comer ben?

/imgs/20081101/tema3.jpgA educación dos nenos para que coman ben é unha tarefa ardua que implica un proceso de aprendizaxe longa e aburrida. Nel, os comedores escolares poden axudar e marcar unha serie de pautas que o neno deberá aplicar no futuro. Non obstante, é na casa onde aprenden os hábitos alimenticios, de aí que o papel dos pais sexa fundamental para que o neno/a comprenda a importancia de manter unha alimentación sa e equilibrada. Estas son algunhas recomendacións en función da idade do pequeno da casa:

  1. De 3 a 6 anos
    • Procurar que proben e coman de todo.
    • Fomentar o almorzo e que este sexa completo, é dicir, variado e equilibrado (os expertos din que debe achegar unha cuarta parte da enerxía do día).
    • Este período de idade é moi importante para o desenvolvemento do neno/a e de grande actividade física, polo que as comidas deben atender as necesidades de enerxía.
    • Coidar a achega de proteínas (carnes, peixes, ovos, lácteos) porque as necesidades son maiores (proporcionalmente) ca as dun adulto.
    • Evitar o abuso de doces e refrescos.
    • Dedicar o tempo preciso para que o neno aprenda a gozar das comidas: non se poden percibir os alimentos como un premio ou un castigo.
  2. De 7 a 12 anos
    • A estas idades, os nenos manteñen un crecemento acelerado e, por iso, hai que coidar a achega enerxética da dieta, controlando o peso e o ritmo de desenvolvemento.
    • Comezan a consolidarse as súas preferencias alimentarias, polo que nese momento hai que procurar que sexan as axeitadas. Teñen tendencia a premer para comeren o que lles gusta e xa adquiren certa autonomía para mercar determinados alimentos e bebidas.
    • De novo, hai que procurar que moderen o consumo de doces, bolería, alimentos moi graxos ou moi salgados.
  3. De 13 a 16 anos
    • Nesta etapa, fórmase o corpo dos adolescentes e prodúcese o chamado ‘estirón puberal’ de crecemento moi rápido. Por este motivo, os mociños precisan unha gran cantidade de enerxía e débense achegar proteínas en cantidade abonda e de elevada calidade.
    • Neste período de idade hai un risco de que xurdan problemas de malnutrición: ben por exceso, con risco de exceso de peso e obesidade, ou ben por defecto, con risco de anorexia. É por iso que a familia debe controlar o tipo de dietas que seguen os seus fillos para evitaren que caian en enfermidades deste tipo.
    • Tamén hai que estimulalos para que leven unha vida activa e saudable, e que dediquen parte do seu lecer á práctica dalgún deporte.

Un de cada seis centros, sen verdura no prato

As verduras e as hortalizas son alimentos moi nutritivos e saudables que, así e todo, non atraen en exceso os cativos. CONSUMER EROSKI valorou os menús nos que aparecen verduras como mínimo unha vez por semana. Pola contra, penalizáronse os que non respectan esta frecuencia de consumo, algo que aconteceu no 17% das escolas que participaron na análise, unha porcentaxe en todo caso menor ca a rexistrada no 2004. A proporción daquela ascendía ao 36%.

A peor cualificación neste apartado recaeu en máis da metade dos centros analizados en Granada, Asturias e Córdoba, e en un de cada tres dos que participaron en Alacante, na Coruña e en Cantabria. Pola contra, todos os centros que se tiveron en conta en Araba, Barcelona, Madrid, Navarra, Sevilla, Valladolid, Biscaia e Zaragoza si ofrecían este alimento básico na dieta infantil polo menos unha vez por semana.

Os legumes si aparecen nos menús escolares

A achega de hidratos de carbono, proteínas, fibra, vitaminas, minerais e antioxidantes tornan os legumes noutro dos alimentos básicos nas dietas infantís. Os expertos recomendan consumir catro porcións semanais: dúas como ingrediente do primeiro prato e outras dúas como gornición ou ingrediente de ensaladas. Neste apartado, as escolas españolas evolucionaron moi positivamente en catro anos, xa que do 14% dos centros do informe do 2004 que non incluían legumes nos menús escolares polo menos unha vez por semana pasouse a un 6% que non o fan na actualidade.

1 de cada 10 escolas, sen peixe fresco

O peixe é, ao igual ca as verduras e ca as froitas, un alimento básico pero de escasa aceptación entre nenos e mozos. Debido á súa composición (rico en proteínas e graxas saudables para os vasos sanguíneos e para o corazón (insaturadas) e mais pola súa achega de vitaminas e de minerais como o ferro, tórnase fundamental fomentar o seu consumo, tanto do peixe branco como do azul. Así, os expertos en nutrición aconsellan incluír o peixe polo menos 4 veces por semana, entre xantares e ceas. Non obstante, un de cada dez colexios analizados non inclúen o peixe entre os seus menús escolares nunha das 2 semanas analizadas (situación que, con todo, mellorou con respecto ao 2004, cando un de cada catro colexios analizados non o facían).

Pautas para converter a comida nunha cita agradable para o neno e para os pais

O almorzo, a parva, o xantar, a merenda e a cea son cinco momentos do día que o neno debe dedicar a alimentarse e a saciar as súas necesidades caloríficas para un desenvolvemento óptimo do seu corpo. Unha comida é unha interacción social planificada e é o momento de comer alimentos saudables e de desenvolver hábitos alimenticios que duren para toda a vida. Un neno mal alimentado corre o risco de sufrir unha diminución do seu rendemento escolar e os pais xogan un papel fundamental nesta materia. Por iso, é aconsellable que tomen as seguintes medidas:

  1. Crear unha atmosfera agradable. Un tempo relaxado para compartir alimentos e para conversar. É moi positivo estimular o neno a que fale máis ca os adultos.
  2. Fomentar que os nenos teñan unha conduta apropiada na comida: É fundamental que os pais lles ensinen a comportarse de xeito educado na mesa e a ter uns hábitos de hixiene correctos.
  3. Axudalos a que desenvolvan bos hábitos dietéticos na mesa: Os pais débenlles prestar especial atención ás necesidades nutritivas dos nenos, á cor e á textura dos alimentos, ás consideracións étnicas e a ofrecer unha variedade de alimentos ‘que gusten’ e alimentos ‘novos’.
  4. Fixar horas regulares para as comidas e as merendas. Os nenos necesitan comer con frecuencia, pero só cando teñan fame. Coñecer os horarios aos que se deben axustar forma parte da aprendizaxe á que hai que someter o neno en materia de alimentación.
  5. Non comer de máis. Hai que lle pór atención á cantidade de graxa inxerida acotío e aplicar o sentido común. A obesidade infantil está á orde do día, xa que segundo un estudo do 2002 (Estudo Enkid), en España case o 14% dos menores de 13 anos era obeso.

A froita fresca ofrécese polo menos dous días á semana

O máis correcto nun menú san e equilibrado para os máis pequenos é que a sobremesa de máis da metade dos días da semana estea composta por froita fresca, mentres que o resto das xornadas lectivas se pode optar por lácteos sinxelos como iogures, calladas ou queixiños. O 97% dos centros estudados serven froita fresca un mínimo de dous días á semana (no 2004 a proporción ascendía ao 92%).

Pouco abuso de precociñados e derivados cárnicos graxos

Unha práctica dos comedores escolares é recorrer aos produtos precociñados e derivados cárnicos graxos (san xacobes, croquetas, empanadillas, hamburguesas, salchichas Frankfurt, varas de peixe e similares, aros de lura…), por seren baratos, bos de cociñar e de boa aceptación entre os cativos. Aínda que a súa achega de graxas, sodio e calorías desaconsella a súa inclusión na alimentación coitá dos nenos, comprobouse que no 5% dos 211 colexios estudados se recorre a estes produtos máis de dúas veces por semana (hai catro anos, a proporción ascendía ao 15%).

Doces, só en contadas ocasións

É habitual que en días festivos ou especiais aparezan no menú os pratos preferidos polos rapaces, como pasteis ou bolería. En liñas xerais, constatouse unha redución no recurso a estes produtos nos últimos catro anos. De feito, ningún dos 211 centros analizados os inclúe máis de dúas veces á semana. Os xaropes de froita e as sobremesas lácteas como cremas e flans son os alimentos que foron substituíndo os pasteliños que se ofrecían como sobremesa para finalizar a comida nalgunhas escolas incluídas no informe do 2004. Naquel estudo, un 3% dos centros foi penalizado por servir máis de dúas veces por semana estas pequenas tentacións.

Menús para todos

A preocupación dun centro escolar pola alimentación dos seus alumnos tamén se reflicte nas facilidades para aqueles nenos que precisan atencións especiais por circunstancias médicas ou por conviccións relixiosas. En nove de cada dez centros estudados, amais da comida convencional ofrécese a posibilidade de preparar pratos alternativos para aqueles menores con problemas de diabete, sobrepeso, alerxias ou que non consomen certos produtos por motivos relixiosos ou culturais. 17 escolas analizadas non dispuñan desas alternativas e mesmo unha delas, localizada en Araba, se negou a facilitar esta información por considerala confidencial.

Sen diferenzas entre escola privada, concertada ou pública

En liñas xerais, a calidade dietética dos menús escolares non rexistra variacións significativas en función da titularidade pública, privada ou concertada do centro. Nos concertados e privados, o 87% dos menús analizados supera o exame de CONSUMER EROSKI, aínda que case o 11% o fai cun mediocre ‘aceptable’ como nota media. Entre os públicos, aproban o 86%, aínda que deles o 21% se conforma cun ‘aceptable’. A proporción de suspensos tamén é moi similar (arredor dun 13%).

Os resultados si varían en función de quen elabora o menú (o propio centro, unha empresa externa ou ambos os dous). A teor dos datos, a mellor fórmula é a que inclúe o traballo conxunto dos cociñeiros do propio colexio xunto coa empresa externa (con notas de entre ‘ben’ e ‘moi ben’ no 77% dos casos que se decantan por este modelo), seguido dos menús preparados por un servizo de cátering, a opción escollida por máis da metade dos centros estudados (o 53% deles obtén un ‘moi ben’). Para rematar, as carencias máis evidentes detectáronse naqueles menús deseñados en exclusiva polo persoal do centro escolar (case a metade non logran superar o ‘aceptable’).

Erros comúns na alimentación infantil

O estilo de vida actual implica ter demasiadas obrigas diarias que rouban tempo, en ocasións, para o esencial. É o que acontece cos nenos. As angustias dos pais redundan en que os fillos cada vez estean máis sós e asuman eles a toma de decisións sobre o tempo de estudo, o tempo de lecer, etc. No caso da alimentación, o seu poder de decisión sobre o menú de cada día aumenta e, con el, o risco de se tornaren ‘malcomedores’. Tamén hai que ter en conta as modas alimentarias, porque contribúen a que se cometan algúns erros que cómpre emendar polo ben dos máis pequenos. Estes son algúns dos máis habituais:

Tomar máis de 3 produtos ou porcións de lácteos ao día:

Aínda que o leite se cataloga como un alimento fundamental e imprescindible durante a infancia porque se considera que é a única fonte de calcio, non é raro atopar nenos que toman cantidades excesivas de leite ou dos seus derivados (iogures, cremas, petit suisse ou queixiños). O abuso dos lácteos pode dar lugar a estrinximento e dor abdominal.

Tomar zumes envasados:

Os zumes puxéronse de moda e algunhas persoas cren que poden substituír a froita natural. Non obstante, no zume desaparece a fibra, os minerais e as vitaminas da froita, e só quedan os azucres. En realidade, conteñen só entre un 5 e un 8% de froita e o resto é auga. En proporción, achegan cantidades moi altas de enerxía e carecen doutros nutrientes esenciais. O seu consumo excesivo parece estar relacionado con algúns problemas de saúde como dor abdominal, caries dentais, inapetencia ou obesidade.

Substituír a froita por un zume natural:

A fibra dos alimentos vexetais é importante para que o intestino funcione mellor. O zume natural contén todos os ingredientes menos a fibra. Aínda que se pode tomar, é preferible que os nenos coman a froita ao natural, que mastiguen e saboreen distintas variedades.


Abusar de cereais azucrados e/ou chocolatados para o almorzo:

Nas últimas décadas, proliferaron os cereais (de trigo, arroz ou millo). Para os faceren máis apetecibles, van cubertos de azucre, mel ou chocolate. Isto aumenta considerablemente a cantidade de calorías sen achegar nutrientes esenciais. Os que levan chocolate tampouco son recomendables, xa que aumentan máis do debido a graxa. O máis saudable é tomar cereais sen aditivos.

Merendas brandas a base de pan de molde e bolería:

Os alimentos de consistencia algo dura favorecen o desenvolvemento dos músculos da cara e da mastigación, e ao mesmo tempo fortalecen dentes e enxivas. Pola contra, os alimentos demasiado brandos evitan ese pequeno esforzo e, como están compostos de azucres, adhírense aos dentes e contribúen a que aparezan caries. Ademais os produtos de bolería e os pans de molde inclúen graxa engadida, que non ten o pan do día. É máis aconsellable que os nenos merenden alimentos de máis consistencia, como os bocadillos de pan normal e froita.

Dar sempre sobremesa láctea no canto de froita:

Moitas familias ofrecen lácteos de sobremesa aos seus fillos porque coidan que así a alimentación é máis completa. Tamén o fan por comodidade, xa que os pícaros adoitan preferir os iogures, flans e cremas á froita, xa que os toman máis lixeiros e non hai que estonar a froita. Agora ben, a froita contén moitas vitaminas e por iso é conveniente que se afagan dende o primeiro ano a tomar a froita.

Preguntarlles aos menores que queren tomar:

A responsabilidade de elixir o menú, de mercar os alimentos e de deseñar unha dieta completa non lles corresponde aos nenos, senón ás persoas que os coidan, que teñen os coñecementos necesarios para planificaren unha alimentación variada e equilibrada. Os menores adoitan elixir alimentos demasiado doces ou demasiado salgados.

Información completa para os pais e táboa comparativa

A información que se lles proporciona aos pais sobre a alimentación dos fillos mellorou de xeito considerable nestes catro anos. Todos as escolas analizadas manteñen os pais informados sobre os menús dos seus fillos. O medio máis utilizado é o escrito, no 87% dos casos, ou a publicación na páxina web da escola (no 13%). Esta información facíase chegar cada mes aos pais no 77% dos colexios incluídos neste informe, nun 17% esa frecuencia era trimestral, nun 3% dos casos era bimestral e anual noutro 3%. Con independencia da calidade da información proporcionada, correspóndelles aos pais e ás nais realizar unha visita ao comedor dos seus fillos para comprobaren se o que figura nas follas informativas que se facilitan dende os centros se axusta á realidade.

O prezo medio anda arredor dos cinco eurosa

O prezo diario dun menú escolar anda arredor dos 5 euros de media (4,9 euros). O incremento con respecto ao prezo medio rexistrado no 2004 (3,8 euros) foi dun 22%, case oito puntos por riba do IPC acumulado neste período (un 14,6%).

Constatáronse importantes diferenzas de prezo entre as escolas estudadas en función da súa titularidade. Así, os menús dos colexios privados son os máis caros. O prezo medio ascende a 7,8 euros por día, moi por riba dos 4,5 euros dos centros públicos analizados e tamén superior aos 5,7 euros dos concertados. Non obstante, o prezo máis oneroso atopouse nun colexio público de Navarra: 9,5 euros diarios. Tamén se atopou nun centro público, neste caso da Coruña, o máis barato (1,9 euros).

Para un número crecente de pais, o pagamento mensual do comedor escolar dos seus fillos supón un desembolso ao que non lle poden facer fronte, por iso recorren ás bolsas e subvencións que se conceden. Tres de cada catro centros educativos do informe da revista dispoñen desta axuda.

O prezo tórnase, en moitas ocasións, nun indicador da calidade do produto, aínda que non sempre é fiable de todo. A principal conclusión que se pode tirar cando se analizan os prezos diarios dos menús escolares nas 20 escolas máis caras e nas 20 máis baratas é que pagar máis pode asegurar un menú de maior calidade dietética.

19 dos 20 centros con menús máis caros (con prezos superiores aos 6,85 euros) supera o exame de CONSUMER EROSKI (aínda que tres o fan cun mediocre ‘aceptable’). Da vintena de centros con menús máis económicos (con prezos inferiores aos 3,45 euros), son 14 os que aproban a análise nutricional. No conxunto do estudo, 32 das 211 escolas analizadas suspenden a avaliación dietética (un 14%) e 143 (un 68%) acadan unha cualificación de ‘ben’ ou ‘moi ben’. O resto, 36 (un 17%) queda nun ‘aceptable’.