Analizados 4 tampóns e 4 compresas

Compresas ou tampóns: cuestión de gustos, que non de eficacia

Exceptuando os 100% algodón, inferiores en calidade, tanto compresas como tampóns cumpren coa función que teñen asignada. Os tampóns prefírense compactos, pequenos e con aplicador de plástico
1 Novembro de 2009
Img analisis

Compresas ou tampóns: cuestión de gustos, que non de eficacia

Analizáronse catro compresas (Evax fina e segura, Evax, Ausonia e Silvercare) e outros tantos tampóns (Tampax Compak, Tampax, O.B. e Silvercare) para un fluxo “normal”, “moderado” ou “regular”. Nas compresas, só Evax fina e segura era “sen ás”, as outras tres eran “con ás”; por outro lado, tres envases contiñan 16 compresas e a restante, Silvercare, só 10 unidades. Entre os tampóns había diferenzas no formato (o seu envase tiña dende 16 ata 40 unidades) e no prezo, saían dende 12,3 céntimos de euro a unidade (Tampax) ata 19,8 céntimos (Tampax Compak). Os dous produtos Silvercare son distintos aos demais porque están compostos exclusivamente de algodón. O resto dos tampóns fabrícanse con fibras de viscosa ou con mestura de viscosa e algodón e, salvo Sivercare, as compresas empregan celulosa mesturada con SAP, un polímero superabsorbente. Esta diferenza non é banal, está detrás dos inferiores resultados de Silvercare. Os prezos das compresas diferiron moito, sobre todo polos 29,5 céntimos de cada Silvercare, xa que nas outras tres o prezo foi máis parecido, dende os 12,2 céntimos de Evax fina e segura ata os arredor de 15 céntimos por unidade de Evax e Ausonia. Os tampóns non son en xeral máis caros ca as compresas, pero tampouco ao revés. Polo tanto, o criterio para inclinarse por un ou outro tipo de produto non é o prezo. Pero tampouco o é a eficacia.

Así o demostra este comparativo, que permite concluír que o que fai que as usuarias se decanten por tampóns ou compresas (aínda que non poucas combinan o uso de ambos os dous produtos) pertence ao ámbito do subxectivo, ás preferencias persoais. Comprobouse que tanto as compresas coma os tampóns están ben fabricados e etiquetados, que resultan seguros e que o seu deseño, composición, absorción e, en xeral, a súa eficacia son satisfactorios. Cunha excepción: os dous produtos Silvercare (únicos 100% algodón), que ofreceron resultados inferiores, particularmente a compresa, que absorbe a terceira parte das outras. Silvercare declara “algodón ecolóxico certificado, sen perfumes, libre de cloro e dioxín, sen viscosa, biodegradable e hipoalerxénico”. Con estas alegacións parece indicar que os seus produtos son máis ecolóxicos, naturais ou saudables, pero CONSUMER EROSKI considera que non se pode asegurar que o algodón sexa máis compasivo ca a celulosa co medio nin coa pel. Os produtos Silvercare, iso si, poden ser útiles para as usuarias con intolerancia aos materiais que empregan as outras marcas.

A proba de uso revelou unha clara preferencia polos tampóns compactos, pequenos e con aplicador de plástico, como Tampax Compak. Na proba de compresas, as usuarias coincidiron na calidade inferior de Silvercare, mentres que as outras se valoraron de modo parecido. A análise confirmou que (en contra do que se especulou) os tampóns non conteñen dioxinas. Comprobouse que a calidade microbiolóxica de tres era correcta, pero a de Silvercare foi “mellorable”: aínda que os seus microorganismos non eran patóxenos, a súa cantidade era superior ao que esta revista entende admisible (non hai normativa). A mellor relación calidade-prezo dos tampóns é Tampax Compak aínda que sexan os máis caros; e entre as compresas, Evax fina e segura, as máis baratas e pequenas, e ben valoradas polas usuarias na proba práctica.

Compresas e tampóns: os materiais

Pola súa estrutura e materiais, as compresas son similares aos cueiros para bebés, mentres que os tampóns teñen forma de cilindro e son de fibras prensadas de raión (viscosa) ou de algodón. As compresas máis vendidas teñen un núcleo de celulosa (airlaid) mesturada con SAP (polímero superabsorbente) que ao se mollar adopta a forma de xel e non deixa pasar o líquido aínda que se prema a compresa. A capa en contacto coa pel é dun tecido sintético que fai que o líquido pase cara ao núcleo. Así, non penetra nas fibras sintéticas, co que se logra que a pel da usuaria se manteña seca. Os tampóns son preferentemente de fibras como a viscosa. Os pequenos son máis preferidos polas usuarias e reducen custos de produción e impacto ambiental. A celulosa é, xunto co SAP, o absorbente máis usado nas compresas. O raión ou viscosa dos tampóns obtense da celulosa, pero tamén se pode utilizar só algodón nas compresas e mais nos tampóns, como fai Silvercare.

O SAP ou polímero superabsorbente é un dos materiais máis absorbentes que se coñece, retén 800 veces o seu peso en líquido, o que explica o seu uso en compresas; non se utiliza SAP en tampóns porque niveis de absorción tan elevados se vinculan (só en tampóns) á Síndrome do Shock Tóxico, enfermidade moi infrecuente que pode ser mortal. Os fabricantes, que deixaron de producilos con SAP, acordaron que os seus envases informarían sobre esta síndrome; as catro mostras, en efecto, incluían estas advertencias. O material de Tampax Compak e de O.B. é viscosa (raión), Tampax mestura viscosa e algodón; e Silvercare usa só algodón.

Tampóns

Se ben algunhas usuarias prefiren tampóns sen aplicador, son as menos. O máis común é que valoren que conte cun aplicador (pode ser de plástico e de cartón) que facilite a súa inserción. O de plástico non se estraga se se molla, polo que fai máis doada a introdución do tampón cando a usuaria está, por exemplo, na praia ou piscina. Os catro estudados son tampóns para fluxos intermedios, e cando o produto ofrecía dous niveis de absorción para fluxos moderados elixiuse o de capacidade inferior. Tres dos catro recomendan para fluxos moderados-lixeiros un nivel de absorción dúas pingas (6-9 gramos), sendo O.B. o único que suxire un tres pingas (9 a 12 gramos). Os catro absorben máis ca suficiente, polo que cumpren coa súa función principal. O de maior absorción era O.B, o que non constitúe unha virtude en si mesma, xa que o mellor tampón é o que coa menor capacidade de absorción satisfai as necesidades da súa usuaria. Destacou O.B., cun coeficiente de absorción de 4,9 gramos por cada gramo de tampón. Non obstante, o tampón máis pequeno é Tampax Compak, que mide 44 mm de longo cando os outros alcanzan 47, 48 e 50 mm, e só 10 mm de diámetro, cando os demais chegan aos 13 mm. O tampón ideal absorbería todo o fluxo sen se deformar practicamente, pero no mundo real todos aumentan de tamaño. Tampax Compak foi o tampón que máis aumentou o seu diámetro: medrou un 117%, mentres que Tampax, cun 28%, apenas o incrementou. En lonxitude, volveu ser Tampax Compak o que máis medraba (44%); e, no outro extremo, o de O.B. (3%) case non se alongou.

Outro elemento que se examinou foi o cordón, xa que a súa rotura pode converter en desagradable a experiencia de quitar o tampón. Comprobouse que os catro tiñan cordóns mesmo máis resistentes do necesario.

Tampóns con dioxinas, un conto

O dobre rumor, nacido hai anos, de que os tampóns poderían ter dioxinas (compostos tóxicos con posibles efectos nocivos, canceríxenos e sobre a reprodución) e de que os fabricantes poderían utilizar asbestos para promover o sangrado menstrual e aumentar así o seu negocio adquiriu certa relevancia en medios de comunicación dos EEUU. Tanta que a FDA (Food and Drug Administration) emitiu un documento no que aseguraba que na produción de tampóns non se utilizan asbestos e se advertía de que o seu emprego sería un delito. A FDA comunicou tamén que traballara cos produtores de celulosa para desenvolver métodos de branqueo que non xerasen dioxinas.

CONSUMER EROSKI, logo da análise, pode afirmar que a concentración de dioxinas nos catro tampóns é insignificante, e moi inferior ás 0,75 partes por trillón, o máximo máis esixente para produtos alimentarios.

As compresas

Considérase que unha compresa ideal será pequena e fina, pero na proba de uso non se anotaron preferencias por Evax Fina e Segura, a máis curta e estreita das catro comparadas. Se ben a maioría son xa bastante finas: as novas fibras e materiais superabsorbentes fixeron que as grosas compresas de celulosa pasasen á historia. Silvercare, a máis grosa (2,8 mm), foi a única criticada polo seu grosor na proba de uso.

Por outra banda, canto maior sexa a súa superficie adhesiva, con maior firmeza unirase a compresa á braga impedindo que se mova. En tres das catro esta superficie foi de 64 a 79 cm2, mentres que en Silvercare era só de 27 cm2. Esta compresa foi a única mal cualificada en “suxeición á braga”. Tamén valoran as usuarias que a capa superficial, que entra en contacto coa pel, sexa suave. En todas menos Silvercare esta capa era de plástico. Na proba de uso Silvercare foi a única con mala nota en “suavidade de superficie”.

A eficacia dunha compresa mídese atendendo ao seu comportamento en tres frontes: escapes, retorno e retención. Utilizáronse manequíns aos que se lles colocou en posición sentada e de pé, para deseguido liberar 12 gramos dunha solución que simula o fluxo menstrual e determinar o grao de eficacia da absorción. Evax, Evax Fina e Segura e Ausonia absorberon os 12 gramos de fluxo sen que escapase nada en ningunha posición, pero con Silvercare filtráronse 1,6 gramos en posición de pé e 1,5 gramos en sentada.

Unha compresa eficiente deberá, tamén unha vez absorbido o fluxo, retelo no seu interior impedindo a súa saída e mantendo seca a pel que permanece en contacto coa compresa. En Evax, Evax Fina e Segura e Ausonia, o retorno de fluxo cara á superficie apenas supuña un deses 12 gramos (resultado satisfactorio), pero en Silvercare representaba 7,5 gramos, o que revela que non pode reter o líquido no interior da compresa. Este retorno era superior cando a compresa se utilizaba en posición sentada.

Para rematar, canto maior sexa o fluxo retido, máis segura será a compresa e haberá menos risco de saída do fluxo, por exemplo, cando se dobra para desbotala. Evax, Evax fina e segura e Ausonia retiñan 6-7 gramos, mentres que Silvercare só podía con 2,3 gramos. Na proba de uso, Silvercare foi a única deficiente en “protección durante o uso”. //

O que dixeron as usuarias e táboa comparativa

O que dixeron as usuarias

Un panel de 30 consumidoras probaron os oito tampóns e compresas. O tampón mellor valorado foi, con diferenza, Tampax Compak (7,3 puntos) e os peores, O.B. e Silvercare, con pouco máis de 5 puntos, mentres que Tampax acadou 5,9 puntos. Tampax Compak e Tampax foron destacados como os máis cómodos de usar e resultaron máis cómodos de quitar ca os de O.B.

Na proba de uso de compresas, destacaron Evax (7,8 puntos) e Ausonia (7,6 puntos); Silvercare (4,6 puntos) foi a peor, con resultados inferiores en case todos os parámetros. Evax fina e segura quedou en posición intermedia e logrou 6,9 puntos.

Tampóns
Marca TAMPAX TAMPAX COMPAK O.B. SILVERCARE
Formato e prezo
Unidades 40 20 32 16
Prezo (céntimos de euro/unidade) 12,3 19,8 16,2 18,4
Deseño do produto
Lonxitude (mm) 48 44 50 47
Diámetro (mm) 13 10 13 13
Lonxitude do cordón (mm) 131 110 135 122
Aplicador De cartón De plástico Non ten aplicador De cartón
Composición da fibra Algodón + Viscosa Viscosa Viscosa Algodón
Eficacia medida en laboratorio
Nivel de absorción declarado Regular Dúas gotas 6-9 g Regular Dúas gotas 6-9 g Normal Tres gotas 9-12 g Regular 6-9 g
Absorción real (g) 6,7 6,9 11,2 7,4
Coeficiente de absorción (g/g) 2,9 3,3 4,9 2,9
Deformación do tampón en diámetro (%) 28 117 59 62
Deformación do tampón en lonxitude (%) 31 44 3 24
Resistencia á rotura do cordón (en Newtons) 52 59 70 78
Estado microbiolóxico 1 Correcto Correcto Correcto Mellorable
Dioxinas 2 Insignificante Insignificante Insignificante Insignificante
Calidade global, medida en laboratorio Ben Moi ben Ben Regular
Proba práctica con usuarias 5,9 7,3 5,1 5,3

1. Estado microbiolóxico: Non hai normativa que especifique límite máximo de microorganismos para este tipo de produtos, pero a cantidade de microorganismos atopada en Silvercare era superior á que CONSUMER EROSKI entende admisible, se ben os microorganismo atopados non causan enfermidades, non son patóxenos.

2. Dioxinas: As dioxinas son un conxunto de compostos químicos tóxicos, completamente indesexables neste produto, e relacionados co cancro e con outras enfermidades. As cantidades atopadas son ínfimas e irrelevantes. Circulan por Internet informacións non contrastadas cientificamente que aseguran que os tampóns poderían conter dioxinas que porían en risco a saúde das usuarias. Esta análise desmente ese suposto contido de dioxinas.

Compresas
Marca EVAX FINA Y SEGURA EVAX AUSONIA SILVERCARE
Formato e prezo Sen ás Con ás Con ás Con ás
Unidades 16 16 16 10
Prezo (céntimos de euro/unidade) 12,2 15 15,3 29,5
Deseño do produto
Lonxitude (mm) 219 238 239 237
Anchura (mm) 95 101 101 100
Espesor (mm) 2,4 2,4 2,3 2,8
Superficie adhesiva (cm2) 64 79 71 27
Composición de la capa superficial Plástico Plástico Plástico Algodón
Composición do tecido interno Airlaid Polímero super-absorbente Airlaid Polímero super-absorbente Airlaid Polímero super-absorbente Algodón
Eficacia 1
Nivel de absorción declarado Normal Normal Normal Ultra día
Escapes (g) 2 0 0 0 1,6
Retorno (g) 3 0,60 0,90 0,76 7,56
Retención (g) 4 6,0 6,5 6,8 2,3
Calidade global, medida en laboratorio Moi ben Moi ben Moi ben Regular
Proba práctica con usuarias 6,9 7,8 7,6 4,6

1. Eficacia: Realizáronse probas de absorción con manequíns en posición sentada e en posición de pé. O volume que tiñan que absorber foi 12 gramos de líquido.

2. Escapes: A cantidade de fluxo que non se absorbe. Indícase o valor medio das perdas en posición sentada e de pé. Agás Silvercare, absorberon os 12 gramos de líquido en ambas as dúas posicións.

3. Retorno: Valor medio da cantidade de fluxo que pode volver espontaneamente á superficie da compresa ao pór esta en contacto con papel secante. Indícase o valor medio do retorno en posición sentada e de pé.

4. Retención: Cantidade de fluxo que queda atrapado dentro da compresa e non sae nin sequera cando esta se centrifuga. Indícase o valor medio da retención en posición sentada e de pé.

Un a un

Un a un, 8 compresas e tampóns

Tampax Compak

  • Tampón con aplicador de plástico
  • 20 unidades, a 19,8 céntimos cada unha: os máis caros. Pero tamén mellor relación calidade-prezo dos catro tampóns.
  • Modelo analizado: Regular, para días de fluxo escaso-moderado.
  • Calidade medida en laboratorio: Moi ben. Os de menor tamaño, e tamén os de cordón máis pequeno. Os que máis aumentan o seu diámetro (117%) e a súa lonxitude (44%) co uso.
  • Proba de uso: 7,3 puntos. O máis preferido. Boa valoración á forma na que están envolvidos, ao seu tamaño, ao aplicador, á absorción, á súa comodidade de uso e ao sinxelo que é quitar o tampón así que se acaba de usar.

Tampax

  • Tampón con aplicador de cartón
  • 40 unidades, a 12,3 céntimos cada unha, os máis baratos.
  • Modelo analizado: Regular, para días de fluxo escaso-moderado.
  • Calidade medida en laboratorio: Ben. Fabricados cunha mestura de algodón e viscosa (os demais son de viscosa ou de algodón, sen mestura). O seu cordón foi o que rompía con maior facilidade, aínda que a súa resistencia se considerou abonda. O que menos aumenta o seu diámetro (28%) co uso.
  • Proba de uso: 5,9 puntos. Cualificacións intermedias en todos os parámetros.

O.B

  • 32 unidades, a 16,2 céntimos cada unha.
  • Modelo analizado: Normal, para días de fluxo lixeiro-moderado.
  • Calidade media en laboratorio: Ben. Os de maior lonxitude (50 mm; os outros tres, entre 48 e 44 mm). Os de maior absorción; o fabricante deseña o seu produto para “fluxo lixeiro a moderado” cunha absorción superior (4,9 gramos por cada gramo de produto) á dos outros tres tampóns (entre 2,9 g/g e 3,3 g/g de absorción real). O que menos aumenta a súa lonxitude (3%) co uso.
  • Proba de uso: 5,1 puntos. Criticouse que carecese de aplicador e que resultase incómodo para pólo e quitalo.

Silvercare

  • Tampón con aplicador de cartón
  • 16 unidades, a 18,4 céntimos cada unha.
  • Modelo analizado: Regular, para días de fluxo moderado.
  • Etiquetaxe mellorable: non utilizan as iconas de pingas para indicar o nivel de absorción, modo consensuado pola industria para comunicar esta información.
  • Calidade medida en laboratorio: Regular. A calidade microbiolóxica foi mellorable (microorganismos non patóxenos en cantidade -180 uds/g- superior á que se entende admisible -100 uds/gramo-; non hai norma, é o máximo para cosméticos usados no contorno de ollos e en produtos para bebés). O cordón máis resistente á rotura, se ben os dos outros tampóns amosaron unha resistencia abonda.
  • Os únicos 100% algodón, nos outros tres é raión (viscosa) ou algodón, ou ambos os dous.
  • Proba de uso: 5,3 puntos. O peor tampón dos examinados. Recibiu malas cualificacións pola forma en que vén envolvido, tamaño, capacidade de absorción e por menos cómodo ca outros ao usar e retirar.

Evax Fina e Segura

  • Compresa sen ás
  • 16 unidades, a 12,2 céntimos cada unha, as máis baratas. A compresa de mellor relación calidade-prezo.
  • Modelo analizado: absorción Normal.
  • Calidade medida en laboratorio: Moi ben. A máis pequena, a máis curta e a máis estreita. Ademais, a que menos fluxo fixo retornar á superficie (0,60 gramos, cando dúas das outras tres -Silvercare foi moito peor- tiveron retornos de 0,76 e de 0,90 gramos).
  • Proba de uso: 6,9 puntos. Cualificacións intermedias en todos os parámetros.

Evax

  • Compresa con ás
  • 16 unidades, a 15 céntimos cada unha.
  • Modelo analizado: absorción Normal.
  • Calidade medida en laboratorio: Moi ben. A de maior superficie adhesiva.
  • Proba de uso: 7,8 puntos. A mellor valorada. Destacou na suavidade da superficie de contacto, na protección durante o uso e pola súa comodidade.

Ausonia

  • Compresa con ás
  • 16 unidades, a 15,3 céntimos cada unha.
  • Modelo analizado: absorción Normal.
  • Calidade medida en laboratorio: Moi ben. A máis grande, pero tamén a máis fina. E a que máis fluxo era capaz de reter (6,8 gramos, cando nas outras dúas equiparables -o caso de Silvercare é distinto- foron 6,5 e 6 gramos).
  • Proba de uso: 7,6 puntos. A segunda mellor valorada. Eloxiouse a súa envoltura e a suxeición da compresa, así como a neutralización de cheiros.

Silvercare

  • Compresa con ás
  • 10 unidades, a 29,5 céntimos cada unha; as máis caras, con diferenza.
  • Modelo analizado: absorción Ultra día.
  • Calidade medida en laboratorio: Regular. A máis grosa e a de menor superficie adhesiva. A única de algodón; o material das outras tres é airlaid (derivado da celulosa) e SAP, un polímero super absorbente. A menos eficaz: sufriu escapes -as outras absorbérono todo-, foi a que menos retiña (2,3 gramos, fronte aos 6 ou máis gramos das demais) e a de maior retorno de fluxo á superficie.
  • Proba de uso: 4,6 puntos. A peor, con moita diferenza. Criticáronse a súa envoltura, superficie (de algodón, en lugar do plástico das outras compresas), protección durante o uso, comodidade, neutralización de cheiros e suxeición da compresa.